Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

8Mar 2022

O Concello de Malpica súmase á convocatoria silenciosa de mañá como acto de solidariedade co pobo ucraíno

O acto, ao que esta convocado toda a veciñanza, será ás 12:00 horas na praza da fonte Anselmo Villar Amigo

O Concello de Malpica únese mañá á convocatoria silenciosa de cinco minutos en solidariedade co pobo ucraíno. Un encontro, ao que o equipo de goberno convida a toda a veciñanza a unirse, será ás 12:00 horas na praza da fonte Anselmo Villar Amigo.

Malpica súmase así á iniciativa da Femp ao igual que a FEGAMP, un acto no que tanto os gobernó local como toda a poboación quere trasladar o seu apoio e afecto a todas as persoas que están sufrindo nestes momentos as consecuencias do conflicto bélico desencadeado pola Federación Rusa contra Ucraína.

8Mar 2022

O Concello de Malpica reivindica o 8M a importancia da igualdade no deporte onde “Xuntas Gañamos”

A concelleira de Servizos Socias da lectura a un manifesto institucional e a deportista María Varela destaca a importancia de profesionalizar o deporte

Ao longo da xornada mostrouse a presenza da muller nos máis diversos ámbitos da sociedade malpicá

O Concello de Malpica celebrou hoxe o 8M, Día Internacional da Muller, cunha serie de actos desenvolvidos no Centro Cívico, e que xiraron en torno á importancia das mulleres no deportes baixo o lema “Xuntas Gañamos”. Ademais deuse conta da presenza femenina nos máis diversos ámbitos da sociedade malpicá.

A xornada comezou coa lectura dun manifesto institucional por parte da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco. Un texto que destacou a importancia de traballar diariamente por un futuro mellor para todas e que lembrou que este é o 47 ano que se celebra este día e aínda queda moito por facer.

Posteriormente a ex xogadora de fútbol sala, e adestradora do Viaxes Amarelle feminino, María Varela Bardanca, deu unha charla para o estudantado do Concello na que falou do papel da muller no deporte.

Un relatorio no que Varela Bardanca deu a coñecer a súa traxectoria e experiencia nun deporte maioritariamente masculino. Asemade dixo que, en moitos casos, as mulleres atopan unha dobre barreira, por unha banda a desigualdade polo sexo e por outra porque participan en deportes na que a súa presenza é minoritaria.

Durante a charla, a antiga adestradora da selección galega feminina de fútbol sala, deu a coñecer o nome de diversas deportistas da comunidade, repasando nomes como os de Ana Peleteriro, en atletismo, ou Teresa Portela, en piragüismo. No caso destas dúas fixo referencia a que é posible que a primeria fose máis coñecida por saír nun programa de televisión que polos seus triunfos. E, no caso da segunda dixo que Portela é a deportista galega con máis medallas e lamentou que posiblemente sexa menos coñecida que Saúl Craviotto.

Ambas deportistas forón algúns dos exemplos escollidos para dar conta de como os méritos profesionais as veces non son recoñecidos igual para os homes que para as mulleres.

Asemade repasou os nomes de outras atletas, piragüistas, xogadoras de balonmán e fútbol sala e expertas en skate galegas que destacan no panorama nacional e internacional. Ao mesmo tempo destacou a importancia de profesionalizar a presenza da muller no deporte, de traballar día a día pola igualdade e de que: “Vivades o voso soño disfrutando cos demáis”.

O acto no Centro Cívico rematou coa presenza do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que entregou a Maria Varela unha peza de olería de Buño.

As mulleres en todos os ámbitos

Ademais ao longo da xornada o Concello deu conta da presenza das mulleres en diferentes ámbitos como na olería, onde María Canedo Pena conta dende Buño a innovación que está facendo xunto co seu home, Eloi, ó mesturar olaría e deseño de moda, gráficos e a música entre outras.

Pola súa banda Icía Varela, de Cerqueda, que leva a música e a filoloxía no ADN destaca, o valor de ensinarlles ós máis novos e novas o canto e o manexo da pandeireta. Varela transmite todos os seus coñecementos como profesora de música tradicional na asociación cultural Ragiñas de Cerqueda.

Tamén destaca a interpretación realizada pola pandereteira malpicá, Elena Verdes, a música tradicional é o motivo que a fai achegarse á súa terra cada fin de semana. Verdes tamén é a presidenta da asociación cultural Carcaxía, de Seaia, e lembrou que os inicios non foron doados polo escaso liderado das mulleres naqueles tempos debido ás desigualdades de xénero existentes.

Asemade lembrouse a traxectoria do equipo senior femenino da UD Cerqueda como símbolo de valentía e heroicidade, un conxunto de xogadoras que ao longo dos anos viron como evolucionou este ámbito de “o non vaías, que os nenos vancha dar patadas” a “se empezas agora, pódelo tomar como algo máis profesional”.

Unha completa xornada na que o Concello de Malpica reivindicou a importancia das mulleres e o seu papel en todo os ámbitos, así como a necesidade de seguir traballando diariamente para avanzar cara á igualdade.

8Mar 2022

Detectados vinte casos de covid no O Concello de Malpica a 8 de marzo

Son oito contaxiados menos que a semana pasada

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 20 casos de covid-19 a día de hoxe, 8 de marzo. Isto supón un novo descenso no presente mes, sendo 8 menos ao pasado martes, día 1.

Dende o consistorio pedimos prudencia a todos os veciños e veciñas para que os datos continúen a tendencia descendente xeneralizada.

7Mar 2022

O Concello de Malpica celebra o 8 de marzo reivindicando o papel das mulleres no deporte onde “Xuntas gañamos”

Mañá o Centro Cívico acollerá a lectura do manifesto institucional e María Varela Bardanca dará unha charla sobre a presenza femenina no deporte

O Concello de Malpica celebra mañá o 8M, Día Internacional da Muller, destacando a importancia da presenza femininia no deporte. Ao mesmo tempo, anima a reivindicar o papel das mulleres nesta área onde “Xuntas Gañamos”.

O goberno local convida maña as 11.00 horas a toda a veciñanza a asistir á lectura do manifesto institucional que realizará a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, no Centro Cívico de Malpica. Posteriormente, e no mesmo local, María Varela Bardanca dará unha charla en torno o papel da muller no deporte. Cómpre destacar que foi recoñecida como a mellor xogadora de fútbol sala da nosa terra.

Un encontro con dúas convocatorias, a primeira destinada ao estudantado. E, a segunda, de 12 a 13 horas, estará aberta a toda a veciñanza que desexe asistir.

Experiencia en primeira persoa

Tratáse dunha oportunidade para escoitar, en primera persoa, a experiencia da deportista que comezou a carreira profesional ós 13 anos no Colexio Karbo, e logo militou no Sal Lence. Durante a súa etapa en activo no campo tamén xogou nas seleccións galega e nacional. Ademais, foi responsable do combinado galego absoluto de fútbol sala.

Actualmente é animadora deportiva do Concello de Malpica e entrena o equipo femenino de fútbol sala do Viaxes Amarelle. Unha profesional que traballa por un futuro en igualdade, e que isto tamén se vexa reflexado no deporte feminino.

O Concello de Malpica organiza esta charla para que toda a poboación poida escoitar ás vivenzas de María Varela, de cómo cambiaron as cousas e o que aínda queda por facer para que no deporte. Unha área que, ao igual que acontece con todos os aspectos da vida, non debe estas marcada polo sexo senón polas cualidades e capacidades das persoas.

1Mar 2022

Actualización de datos covid: 28 en Malpica, a 1 de marzo

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 28 casos de covid-19 a 1 de marzo. Isto supón un descenso de 8 casos respecto ao pasado martes, día 22 de febreiro.

O consistorio lembra a todos os vecinos e veciñas a importancia de respectar a normativa vixente e manter a prudencia para que continúe a tendencia descendente das últimas semanas.

28Feb 2022

Catro premios e moitos máis agasallos no concurso de disfraces e comparsas do Concello de Malpica

As rúas da vila foron escenario dunha gran tarde de entroido

O concurso de disfraces e comparsas do Concello de Malpica repartiu este domingo á tarde catro premios e moitos máis agasallos na Praza Anselmo Villar Amigo, que se detallan a continuación:


– Mellor disfrace infantil: artistas de Malante. Levaron un recoñecemento especial e todos os participantes recibiron un agasallo.

– Entre os adultos triunfaron Pijas de Malpica e Mordomo, no primeiro posto (200 euros); Tito de Antaño María Castaña, na segunda posición (120 euros), e pechou o certame Sheriff Bill, co terceiro premio (80 euros). Todos os obsequios son vales para mercar nos establecementos da localidade.


Dende a Concellaría de Cultura dámoslle os parabéns a todos e a todas @s que se animaron a facernos vivir un fantástico domingo de entroido. A festa continúa con máis actividades.

22Feb 2022

O Concello de Malpica retoma os obradoiros para as persoas da terceira idade e con diversidade funcional

O Concello de Malpica retoma o vindeiro 3 de marzo os obradoiros de actividades para as persoas da terceira idade e con diversidade funcional.

Os talleres de manualidades impartiranse os martes e xoves na Casa do Oleiro de Buño de 15.45 a 17.45 horas. Ademais, tamén se realizará, os mesmos días serán no Centro Cívico de Malpica de 18 a 20 horas. Durante a realización da actividade todos os participantes deben facer uso da máscara e cumprirase coas medidas sanitarias vixentes.

Estas actividades, destinadas a ser punto de encontro e aprendizaxe, tiveron que ser suspendidas o pasado mes de xaneiro debido á incidencia covid no municipio. Nestes momentos, en que os datos melloran semana a semana, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica recupera a convocatoria.

21Feb 2022

A hostalaría do Concello de Malpica celebra o Día de Rosalía rememorando a súa receita do Caldo de Gloria

A hostalaría do Concello de Malpica súmase, un ano máis, á celebración do Día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro, servindo cuncas de Caldo de Gloria nos establecementos anotados para participar nesta actividade. Con motivo do aniversario do nacemento da escritora galega esta tapa será o acompañamento das consumicións que se realicen desde o mediodía ata a noite.

Nesta edición os locais de hostalaría nos que poderás degustar o Caldo de Gloria son os seguintes:

  • Bar Arcos Malpica

R/ Ramona Criado, s/n

  • Bar Ibarra

R/ Emilio González López, 8

  • Casa Vítaro

As Rabuceiras, 15 (Leiloio)

  • Cornecho de Tano

R/ Eduardo Pondal, 1

  • Restaurante San Francisco

R/ Eduardo Pondal, 5-7

Receita de Rosalía

Esta homenaxe, a través da cociña, realízase seguindo a receita que a escritora describe no poema “Miña terra, me lar”, de Follas Novas. Neste texto descríbese como unha muller pobre consegue, fronte ás adversidades que a rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Así logra alimentarse e sobrevivir, ao tempo que da conta da súa felicidade ao pé do lume da lareira.

Na actividade, que se desenvolve a través da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, os locais participantes tamén recibirán carteis e manteis de papel conmemorativos co poema da receita así como outras para poder elaborar o Caldo de Gloria.

18Feb 2022

O luns 21 de febreiro realizaranse as obras de mellora entre a rúa Eduardo Vila Fano e o cruceiro

O Concello de Malpica de Bergantiños comunica que o vindeiro luns, 21 de febreiro, o tráfico rodado entre a rúa Eduardo Vila Fano e o cruceiro quedará cortado co obxecto de efectuar obras de mellora correspondentes á vía de circulación.

A empresa López Cao será a responsable de corrixir a actual instalación das tapas dos sumidoiros e dos bloques que separan a propia rúa, xa que na actual situación provocan constantes ruídos cada vez que circula un vehículo.

O Concello encargou esta obra de mellora, respondendo así as necesidades dos veciños que se vían afectados polas incomodidades sonoras derivadas das actuais deficiencias.

Percorrido alternativo
A Concellería de Servizos e Tráfico do Concello de Malpica recomenda que, durante a execución da obra, os condutores empreguen como roteiro alternativo a rúa que circunda a dársena de Malpica e subir ata o cruceiro.

17Feb 2022

O Concello de Malpica presenta o cartel do Entroido 2022 con actividades para todas as idades

Dende o 25 de febreiro ata o 6 de marzo haberá festas de disfraces, campamentos, música e obradoiros

O Concello de Malpica de Bergantiños presenta un completo programa de actividades para o Entroido 2022. Pensado para todas as idades, comezará o venres 25 de febreiro e durará ata o 6 de marzo. Levarase a cabo na parroquia de Malpica e en Cerqueda, Leiloio e Seaia. Entre as propostas haberá festas de disfraces, charangas, obradoiros de cociña, campamentos e, por suposto, o clásico cocido. Colaboran na organización da programación distintas entidades locais e a Deputación da Coruña.

Deporte e xantar

As actividades comezarán o venres de Entroido, 25 de febreiro, na parroquia de Malpica, cunha xornada de portas abertas no pavillón polideportivo. Será ás 20:00 horas. Organiza o club Patín Velúa.

O sábado, día 26, dende as 15:00 horas, haberá un percorrido musical polas rúas de Malpica, e na explanada do Travelfit poderá degustarse o cocido de Entroido. Organizan a comisión de festas de Malpica e a asociación cultural Malante. O xantar custará 25 euros para os adultos e 15 para os cativos e as cativas. Asemade, os asistentes participarán no sorteo de varias cestas de Entroido.

Festas de disfraces

Ese mesmo sábado está prevista a celebración de sendas festas de disfraces infantís en Cerqueda e Leiloio. Na primeira parroquia o encontro será no centro sociocultural das Pozacas de 11:30 a 14:00. Organiza a asociación cultural Raigañas. De outro lado, na casa dos veciños de Leiloio terá lugar dende as 17:00 ás 20:00, e haberá inchables, chocolatada con doces de Entroido e un desfile infantil de disfraces. Colabora nesta última iniciativa a asociación de veciños da Pedrosa, Brión e A Raxeira.

Xa para o domingo de Entroido, as veciñas e os veciños máis pequenos de Malpica poderán participar no desfile de disfraces, que partirá ás 17:30 do centro cívico e percorrerá as rúas da vila ata a Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza a asociación cultural Malante.

Desfile infantil e xuntanza de comparsas

Á mesma hora a charanga Santa Compaña amenizará a vila e, ás 18:00, comezará polo centro do pobo a xuntanza de comparsas. Haberá dúas categorías cos seus correspondentes premios:

  • Xeral (maiores de 13 anos). Galardóns de 200, 120 e 80 euros para os primeiros, os segundos e os terceiros clasificados, respectivamente, sendo todos eles para gastar en vales nos establecementos locais.
  • Infantil (de 0 a 12). Todos recibirán un agasallo e haberá un detalle especial para o gañador.

A entrega será ás 19:00 na Praza Anselmo Villar Amigo.

Os pavillóns deportivos como escenario

Xa o luns, día 28 de febreiro, o pavillón deportivo de Malpica acollerá un de fútbol sala para todas e todos os maiores de 7 anos. Os interesados poden inscribirse ata o día 24 deste mes no Concello ou chamando ó 981 720 001.

Ese mesmo día, o salón de actos da casa da cultura de Seaia acollerá un campamento infantil destinado a nenas e nenos a partir de 4 anos. A actividade será de 9:00 a 14:00, e os interesados en optar a unha das 16 prazas deberán inscribirse no teléfono 657 919 272. Organiza a asociación cultural e deportiva Carcaxía.

En Buño, tamén o 28, actuará o mago Charlangas, nun espectáculo que se desenvolverá ás 17:00 no pavillón deportivo do colexio Joaquín Rodríguez Otero. Colabora a anpa deste CEIP.

Nen@s e adolescentes

Os días 1 e 2 de marzo, a casa cultural de Seaia continuará ofertando o campamento infantil no mesmo horario.

Asemade, para o 1, no polideportivo de Malpica, está prevista unha festa de disfraces con inchables, destinada á rapazada de ata 14 anos, de 17.30 a 19:30. Colabora a anpa Ventorrillo.

Obradoiro de cociña

Xa vai quedando menos. O día 5, sábado de piñata, a vila de Malpica oferta ás nenas e ós nenos de entre 7 e 12 anos, a posibilidade de achegarse á gastronomía de Entroido a través dun obradoiro de cociña no mercado municipal. Será das 17:00 ás 18:30, e os interesados en ocupar unha das 25 prazas posibles deberán apuntarse media hora antes do comezo da actividade no propio lugar.

Domingo de piñata

Para despedir estas datas, chega o domingo 6 de marzo repleto de propostas.

Dende as 16:00, as rúas de Cerqueda contarán coa presenza dos Madamitos e Ghuardineros. Organiza a asociación cultural Raigañas.

En Seaia, a charanga Santa Compaña actuará polas rúas ás 16:30 e, a esa mesma hora, partirá o Farruco, dende o restaurante O Esqueiro, cun percorrido organizado pola asociación cultural e deportiva San Xulián, para posteriormente ser enterrado.

En Malpica, as últimas actividades do Entroido comezarán ese domingo ás 17:30 co percorrido pola vila da charanga Santa Compaña. Á mesma hora, desenvolverase o enterro do Faustino, que partirá do Centro Cívico para chegar ó corazón do pobo.

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes organiza este completo cartel no que colabora, asemade, a entidade Atadoras Mar da Illa.

Página 29 de 149« Primera...1020...2728293031...405060...Última »