O Auditorio do Centro Cívico de Malpica acollerá este venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, a actuación “Os sons da Misela”, unha proposta musical enmarcada na programación cultural Xira. O acceso ao concerto será gratuíto ata completar aforo.
As actividades desenvolveranse do 30 de marzo ao 4 de abril con propostas formativas, deportivas e de lecer para todas as idades
O Concello de Malpica de Bergantiños organiza do 30 de marzo ao 4 de abril a Semana Santa Cultural e Deportiva 2026, cun programa de actividades en distintos espazos do municipio dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, con inscrición previa en determinadas propostas e outras de carácter aberto e gratuíto.
O luns 30 de marzo desenvolveranse actividades de pickleball e bádminton no Pavillón Polideportivo Municipal, en horario de 10:30 a 12:30, dirixidas a persoas a partir de 8 anos. Ese mesmo día terá lugar un obradoiro familiar de papel maché, que será de balde, na aula de lecer do Centro Cívico, de 17:00 a 19:00, para idades de 7 a 99 anos, con menores acompañados, un máximo de 20 prazas e inscrición no Rexistro Xeral do Concello. A información está dispoñible no Departamento de Educación e Cultura, de 9:00 a 14:00, no teléfono 981 707 104. Tamén o luns comezan as Xornadas de Pascua na Casa da Cultura de Seaia, organizadas pola ACD Carcaxía, en horario de 9:00 a 14:00 ata o 2 de abril, con tarifas de 40 euros para socios e 50 euros para non socios, e contacto en acdcarcaxia@gmail.com e no teléfono 611 747 756.
O martes 31 de marzo celebrarase unha xornada de parkour e danzas urbanas no Pavillón Polideportivo Municipal, de 10:30 a 12:30, para persoas a partir de 8 anos. Ademais, entre o 31 de marzo e o 4 de abril desenvolverase un obradoiro de barro no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, en horario de 16:30 a 18:30, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos, cun máximo de 15 persoas e sen inscrición previa, por orde de chegada. Esta actividade é de balde.
O mércores 1 de abril terá lugar unha actividade de fútbol 3×3 no Pavillón Polideportivo Municipal, de 10:30 a 12:30, tamén para participantes desde 8 anos.
O xoves 2 de abril celebrarase o Sisargas Fest no travelift do Porto de Malpica, organizado pola Asociación Mar de Fondo, con actuacións de DJs e grupos en dous escenarios a cargo de Son e Festa Disco Móbil. O evento incluirá sesión vermú a partir das 13:00, tardeo desde as 17:00 e programación nocturna desde as 22:00, así como sorteo de packs e información nas redes sociais @ac_mardefondo.
O venres 3 de abril terá lugar a procesión de Semana Santa na Igrexa de San Xulián de Malpica, a partir das 17:45, con actos litúrxicos e acompañamento da Banda de Gaitas da AC Malante.
O sábado 4 de abril desenvolveranse xogos populares na Área Recreativa Río de Vaa, organizados pola AC Xogos Tradicionais, a partir das 17:00. A continuación, desde as 18:30, realizarase un percorrido guiado polo Río de Vaa con visita ao muíño.
As actividades deportivas do pavillón desenvolveranse en horario de 10:30 a 12:30 para persoas a partir de 8 anos. As inscricións deben formalizarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 26 de marzo. As actividades sinaladas como (2) no programa son de balde.
Augas de Galicia financiará o 80 % do proxecto e o Concello asumirá o 20 % restante
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, acordaron destinar 1,25 millóns de euros á mellora do saneamento do municipio coa construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no lugar de Beo, na parroquia de Vilanova de Santiso. A reunión celebrouse esta mañá e permitiu fixar as bases de colaboración entre ambas administracións. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, financiará o 80 % da actuación, mentres que o 20 % restante corresponderá á Administración local. O proxecto contará ademais con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2021-2027. A previsión é que ambas administracións asinen nas próximas semanas o correspondente convenio de colaboración para que a actuación poida saír a licitación no primeiro semestre de 2026. Durante o encontro tamén analizaron a situación da EDAR situada no lugar da Balsa, en Buño, co obxectivo de avaliar posibles actuacións no futuro e explorar vías de colaboración para levalas a cabo.
A conselleira reiterou que, aínda que as competencias en materia de saneamento e depuración corresponden aos concellos, a Xunta mantén o seu compromiso de prestar apoio técnico e financeiro ás entidades locais para garantir un servizo de calidade. Este apoio reflíctese tamén nos orzamentos de 2026. Augas de Galicia contará cun orzamento global de 151,7 millóns de euros, un 5,5 % máis que en 2025. Deles, 108,7 millóns —sete de cada dez euros— destinaranse a abastecemento e saneamento, e 73,6 millóns investiranse especificamente na mellora ou construción de infraestruturas hidráulicas.
A concelleira Noelia Freijeiro, representará ao Concello de Malpica no II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Eleitas”, que terá lugar os días 12 e 13 de marzo na cidade de Praia (Cabo Verde).
Nesta iniciativa daranse cita máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Galicia, Cabo Verde e Mozambique, nun espazo de intercambio de experiencias orientado a reforzar o papel das mulleres na vida pública e nos procesos de toma de decisións a nivel municipal.
A participación neste encontro permitirá coñecer iniciativas desenvolvidas noutros territorios e compartir boas prácticas que contribúan a seguir avanzando cara a unha maior igualdade na política local.
O encontro está impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, e conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidaridade.
O Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade durante a lectura do manifesto do Día Internacional da Muller
Malpica conmemorou este domingo, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional celebrado na Praza Villar Amigo. No encontro participaron integrantes da corporación municipal e veciñanza. Durante o acto, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, deu lectura ao manifesto institucional aprobado polo Concello.
Deixamos aquí o manifesto:
8 MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLERHoxe, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller, unha data para reflexionar, recoñecer e reivindicar o camiño recorrido polas mulleres na súa loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Tamén é un día para recordar que, a pesar dos avances acadados, aínda quedan retos importantes por superar.Durante décadas, moitas mulleres abriron camiño con esforzo, valentía e compromiso. Gracias a esa loita colectiva, hoxe contamos con máis dereitos, máis oportunidades e unha maior presenza das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Porén, a igualdade plena aínda non é unha realidade.Un dos exemplos máis claros desta desigualdade segue a ser a BRECHA SALARIAL, que fai que as mulleres continúen cobrando de media menos ca os homes por traballos de igual categoría. A isto súmanse outras realidades como a maior carga nos coidados no entorno familiar, as dificultades para acceder a determinados postos de responsabilidade ou as violencias que moitas mulleres seguen sufrindo polo simple feito de selo.Desde o Concello de Malpica reafirmamos o nosocompromiso firme coa igualdade entre mulleres e homes.Sabemos que avanzar cara a unha sociedade máis xusta require do traballo constante das institucións, pero tamén da implicación de toda a veciñanza.Recentemente, o noso concello foi recoñecido co distintivo SG CITY 50-50, un galardón que pon en valor o traballo realizado e o compromiso coas políticas de igualdade. Este recoñecemento anímanos a seguir traballando con máis forza, impulsando iniciativas que favorezan a igualdade de oportunidades e que contribúan a construír un municipio máis xusto e igualitario.Neste 8 de marzo queremos tamén agradecer e recoñecer o papel de todas as mulleres de Malpica, a esas mulleres que abriron o camiño antes ca nós, ás que continúan loitando hoxe e ás xeracións máis novas que seguirán avanzando cara a un futuro mellor.Porque a igualdade non é só unha meta, senón un camiño que debemos percorrer xuntas e xuntos cada día.Dende o Concello de Malpica seguimos traballando para que a igualdade sexa unha realidade plena no noso municipio, e neste 8M, renovamos o noso compromiso para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre para todas aspersoas.
O Concello repartirá trampas entre a veciñanza para reducir a presenza desta especie invasora e protexer a biodiversidade local.
O Concello de Malpica de Bergantiños puxo en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina co obxectivo de reducir a súa presenza no municipio e protexer tanto á poboación como á biodiversidade local. A iniciativa desenvolverase durante as próximas semanas e busca implicar á veciñanza no control desta especie invasora.
As persoas interesadas en participar poderán solicitar unha trampa anotándose nas oficinas xerais do Concello, onde recibirán o material necesario para colaborar na campaña.
O Concello anima á cidadanía a sumarse a esta iniciativa colectiva, considerada unha medida clave para limitar a expansión da velutina e reducir o seu impacto no medio natural e na actividade apícola. Con esta campaña, o Concello reforza as accións de prevención e control fronte a unha especie que nos últimos anos incrementou a súa presenza en Galicia. A colaboración veciñal resulta fundamental para mellorar a eficacia do trampeo e protexer o equilibrio ambiental do municipio.
O recoñecemento destaca a integración da perspectiva de xénero nas políticas municipais
O luns 2 de marzo, o alcalde Eduardo Parga e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco, recibiron a José Manuel Pérez, quen fixo entrega ao Concello do distintivo SG CITY 50-50, un recoñecemento enmarcado no proxecto DIGECP que destaca o compromiso municipal coa igualdade de xénero. O distintivo acredita o traballo desenvolvido desde o ámbito local para integrar a perspectiva de xénero nas políticas públicas e promover a igualdade entre mulleres e homes. A concelleira de Igualdade, Marisol Blanco, sinalou que «é un orgullo contar cun distintivo coma este, xa que supón un recoñecemento ao traballo constante que se está a desenvolver no noso concello en prol da igualdade real entre mulleres e homes e da integración da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais». Pola súa parte, o alcalde Eduardo Parga afirmou que este recoñecemento confirma que as políticas de igualdade impulsadas polo Concello están a recibir valoración positiva e subliñou que «anima a seguir traballando con maior compromiso e dedicación nesta liña». Ambos coincidiron en que o distintivo reforza a aposta municipal pola igualdade de oportunidades, a inclusión e a construción dunha sociedade máis xusta para toda a veciñanza.
O Concello organiza do 4 ao 31 de marzo obradoiros, teatro e a lectura do manifesto institucional polo Día Internacional da Muller
O Concello de Malpica de Bergantiños desenvolverá do 4 ao 31 de marzo un programa de actividades con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A iniciativa inclúe obradoiros en centros educativos, a lectura do manifesto institucional e unha representación teatral, co obxectivo de promover a igualdade e fomentar a sensibilización social. A programación comezará o mércores 4 de marzo no IES Urbano Lugrís co obradoiro “Querernos ben”, dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO e impartido pola psicóloga Adriana Rodríguez, da Asociación Visibles. Ese mesmo día celebrarase tamén o obradoiro “Sexualidade con sentido”, destinado ao alumnado de 3º e 4º da ESO e conducido pola educadora social especializada en igualdade de xénero Malaika Cousillas, tamén da Asociación Visibles.
O venres 6 de marzo, o CEIP Joaquín Rodríguez Otero acollerá o obradoiro “Mariquiñas de papel”, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. A nutricionista Candela Martínez, da Asociación Visibles, guiará esta actividade centrada na expresión, na creatividade e na reflexión sobre os estereotipos. O acto central terá lugar o domingo 8 de marzo ás 12.00 horas na Praza Villar Amigo, onde se realizará a lectura do manifesto institucional. O programa continuará o sábado 14 de marzo ás 20.00 horas no auditorio do Centro Cívico coa representación da obra “Mulleres que viven soas”. A peza está protagonizada por Paula Carballeira, María da Pontraga e Vero Rilo, baixo a dirección de Nuria Sanz e Chiqui Pereira, e propón unha reflexión escénica sobre a mirada social e a experiencia das mulleres. Ademais, do 1 ao 31 de marzo, a Biblioteca Municipal Eduardo Blanco Amor habilitará un recuncho de lectura temático no que a muller e a igualdade serán as protagonistas.
O Concello de Malpica de Bergantiños presenta unha nova edición do Entroido, que se celebrará entre o 7 eo 22 de febreiro cunha ampla programación dirixida a todos os públicos e repartida por distintos puntos do municipio. Serán dez días de actividade nos que a música, os disfraces, a gastronomía e as tradicións máis arraigadas volverán ser protagonistas, grazas ao traballo conxunto do Concello e do tecido asociativo local.
PROGRAMA DO ENTROIDO DE MALPICA 2026
Sábado, 7 de febreiro Buño. IV Cocido Campal no restaurante Canta la Rana. Concurso dos mellores disfraces e actuación de DJ Txino Rock e DJ Anthony desde as 14.00 h. Prezos: adultos 40,00 €, infantil 20,00 € e bus 6,00 €. Reservas: 658 118 871 / 679 290 135. Organiza: AC Campal.
Venres, 13 de febreiro – Venres de Entroido Malpica. Pasarrúas de Entroido do CEIP Milladoiro desde as 10.45 h. Percorrido: CEIP Milladoiro, rúa Canido, Paseo da Praia, queima fronte ao JB, Paseo Marítimo, rúa Eduardo Pondal, rúa Ramón Criado, praza do Cruceiro, rúa Eduardo Vila Fano e praza Anselmo Villar Amigo. Organiza: CEIP Milladoiro. Pasarrúas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero desde as 11.00 h. Percorrido: CEIP J.R.O., rúa Xaviña, rúa Santa Filomena, rúa Santa Catalina, igrexa e regreso polo mesmo itinerario. Organiza: CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
Sábado, 14 de febreiro – Sábado de Entroido Cerqueda. Festa de disfraces infantil de 11.00 a 13.30 h no Centro Sociocultural das Pozacas, con xogos, música, baile e premios aos mellores disfraces. Organiza: AC Raigañas. Malpica, na rúa. Desde as 13.30 h sesión vermú con Judith Cundíns. Ás 15.00 h cocido de Entroido. Prezo: 35,00 € adultos e 15,00 € crianzas. Venda de entradas no Estanco de Vanessa, Libraría Migúens e Perruquería de Belén. De 18.00 a 24.00 h desfile con música polas rúas da vila con DJ Anthony, DJ Ariax e DJ DVF. Organiza: AC Malante. Pubs da vila. Noite do Concurso de Comparsas e Disfraces. Cestas de Entroido para os mellores disfraces e comparsas. Organizan: Fío Negro, Leño, Prisma, Submarino e Varadero.
Domingo, 15 de febreiro – Domingo de Entroido Malpica. Actuación da Charanga ACDC polas rúas da vila desde as 17.00 h. Desfile de disfraces infantil con saída do Centro Cívico ás 17.00 h e remate na rúa Eduardo Vila Fano. Organiza: AC Malante. Encontro de comparsas e disfraces de Entroido desde as 17.30 h polas principais rúas da vila. Entrega de premios desde as 19.00 h na rúa Eduardo Vila Fano. Categoría xeral desde 13 anos: 1º premio 200 €, 2º premio 100 € e 3º premio 50 €. Categoría infantil de 0 a 12 anos con agasallo para todas e todos os participantes e premio ao mellor disfrace. Concurso de piñatas do Entroido desde as 17.30 h na rúa Eduardo Vila Fano. Entrega de premios ás 19.00 h. Premios: 1º 80 €, 2º 45 € e 3º 25 €. Organizan: AC Malante e AC Campal.
Luns, 16 de febreiro – Luns de Entroido Malpica. Tómbola infantil de 11.00 a 14.00 h no Pavillón Polideportivo. Organiza: AC Malante. Seaia. Xornadas de Entroido 2026 para rapazada de 4 a 12 anos. Do 16 ao 18 de febreiro, de 9.00 a 14.00 h, na Casa da Cultura. Inscricións no 611 747 756, só por WhatsApp. Organiza: ACD Carcaxía.
Martes, 17 de febreiro – Martes de Entroido Malpica. Festa de disfraces infantil con inchables de 17.00 a 20.00 h no Pavillón Polideportivo. Actividade dirixida á rapazada ata 14 anos. Colabora: ANPA Ventorrillo.
Mércores, 18 de febreiro – Mércores de Cinza Buño. Contos para Caghar Patatillas de Brais das Hortas desde as 17.00 h. Ás 18.30 h merenda de Entroido. Actividades no Pavillón Polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Colabora: ANPA Xaviña do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
Sábado, 21 de febreiro – Sábado de Piñata Buño. Desde as 13.00 h sesión vermú na praza de Santa Xusta. Ás 16.00 h saída da Mikaela desde o restaurante Canta la Rana. Parada de 16.15 a 18.30 h no Cruce de Xornes. Parada ás 18.35 h na Prazoletta. Ás 19.30 h misa cantada por Lito da Panorama e o Padre Roy no parque Luciano García Alén. Ás 20.00 h queima da Mikaela no aparcadoiro da Casa Elías. Desde as 21.00 h ata as 5.30 h festa con DJs Dani Moreno, Dany BPM, DJ Charlie, DJ Roy, DJ Jossi, Drew Korme, Dani Villa, David Correa e Brais Pazo. Organiza: Asociación de Amigos da Mikaela.
Domingo, 22 de febreiro – Domingo de Piñata Cerqueda. Percorrido dos Madamitos e Ghardiñeiros pola parroquia desde as 11.00 h, con remate cun cocido para a comitiva. Organiza: AC Raigañas. Vilanova. Festa de disfraces infantil e degustación de doces de Entroido desde as 16.30 h na Escola de Pontella. Colabora: AVCS O Brizo. Malpica. Actuación da Charanga DGT polas rúas da vila desde as 17.30 h. Enterro do Faustino, con saída do Centro Cívico ás 17.30 h e percorrido polas rúas da vila ata o porto. Organiza: A Tropa dos Pardo.
O Concello de Malpica ven de finalizar as obras de reforma realizadas nas Escolas Vellas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, Buño, cun investimento total de 12.600 euros.Os traballos executados consistiron na reforma integral dos baños da planta baixa, así como no cambio das ventás do corredor e na substitución da porta do comedor, actuacións que permitirán mellorar as condicións das instalacións e o seu uso diario pola comunidade educativa.A concelleira de Educación, Noelia Freijeiro, destacou que “esta actuación responde á necesidade de manter en bo estado os centros educativos do municipio, garantindo espazos máis cómodos, accesibles e adecuados para o alumnado e o persoal docente”.Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, subliñou que “desde o goberno municipal seguimos apostando pola mellora das infraestruturas educativas, porque investir nos colexios é investir no benestar das familias e no futuro do noso concello”.Desde o Concello lembran que este tipo de intervencións forman parte do compromiso municipal coa conservación e modernización dos edificios públicos, atendendo ás necesidades das distintas parroquias.
Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario - Ocultar detalles
• Social media Facebook, Twitter e outras Redes Sociais precisan utilizar cookies para recoñecerte.
• Analytics Os datos recollidos polas cookies de Google Analytics son anónimos e só se usan para valorar a experiencia do usuario no nosa web.
• Anuncios Este sitio pode albergar publicidade propia, de afiliados, ou de redes publicitarias.
• Cookies propias Este sitio utiliza cookies propias para facilitar o acceso e mellorar a navegación e experiencia ao usuario Aviso Legal ACEPTOLeer más