Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 18°
14°
Martes 21°
14°
Mércores 20°
17°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Cultura

Cultura

29Mai 2023

María Rei Vilas visitará a Biblioteca Municipal de Malpica

Mañá, martes 30 de maio ás 18.00 horas temos un encontro coa escritora María Rei Vilas, gañadora do premio Manuel Barros de narrativa 2020 e premio literario San Clemente Rosalía-Abanca, na Biblioteca Municipal de Malpica.

O evento, englobado dentro da programación “Malpica nun Mar de Letras”, é de entrada libre e invitamos é veciñanza a gozar desta actividade organizada pola Biblioteca Manuel María – IES Urbano Lugrís Anpa Orxeira en colaboración coa Concellería de Cultura da nosa vila

14Out 2022

Xosé Iglesias presenta o seu terceiro poemario, en Malpica

Hoxe, venres 14 de outubro ás 20 horas, o Cornecho de Tano acolle unha cita literaria que non te podes perder.

O escritor e mariñeiro Xosé Iglesias presenta o seu terceiro poemario “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”.

O evento, organizado pola asociación Caldeirón, conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Malpica.

21Set 2022

Chega a Malpica, Tardes na Biblioteca, que introducirá aos máis pequenos no mundo dos libros.

Ata o 14 de outubro, todos os venres haberá unha sesión relacionada coa lectura

A Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Malpica en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Ler Conta Moito, organizan a iniciativa “Tardes na Biblioteca 2022” que ten como obxectivo que os máis pequenos se familiaricen coa lectura e as bibliotecas.

A Biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no segundo andar do Centro Cívico de Malpica acollerá os próximos catro venres (23 e 30 de setembro e 7 e 14 de outubro) unhas sesións moi variadas relacionadas co mundo das bibliotecas e os libros.

–           Este venres 23 de setembro será a quenda de Fantoches Baj, que trae a Malpica a obra “O Tranvía de Leonardo”. Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas acompañadas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes: Moncho o maquinista e Ramón o do fogón, entre outros. Esta actividade, que dura uns 50 minutos, está pensada para nenos e nenas a partir de 3 anos.

–           O venres 30 de setembro haberá un obradoiro creativo. “A biblioteca ideal”, de Náufragos teatro. Neste obradoiro de dúas horas pensado para cativos a partir de 3 anos, os rapaces terán que crear entre todos un libro no que expliquen como sería a súa biblioteca ideal.

–           O venres 7 de outubro, chega “Contos coas mans na masa” dirixido a nenos e nenas de 4 anos ou máis. O gran Chef Caxoto proporá nunha hora un menú elaborado con ingredientes de igualdade para demostrar que a cociña non é cousa de mulleres, que nela poden estar tanto os homes como as mulleres, desmontando así os estereotipos de xénero cociñados a lume lento ao longo da historia.

13Set 2022

A concellería de Cultura lanza unha nova programación de actividades culturais para todos os públicos.

Xa está aberto o prazo de inscrición para apuntarse ás Escolas Culturais dispoñibles para este curso.

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Cultura a cargo da concelleira Noelia Freijeiro, lanza unha ampla programación de actividades culturais para o curso 2022/2023 que inclúe un total de catro cursos: animación teatral, arte, obradoiro de barro e obradoiro de coiro.

A animación teatral e arte levarase a cabo dende outubro a maio. O obradoiro de barro desenrolarase de outubro a decembro e o obradoiro de coiro de xaneiro a marzo.

As actividades son en horario de tarde e impartiranse tanto en Malpica coma en Buño (agás o obradoiro de barro que só terá lugar en Buño).

Podes solicitar praza no Departamento de Cultura de Malpica ou chamando ao 981 707 104, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Descarga aquí as fichas para a inscribirte:

18Mai 2022

Viki Rivadulla inaugurará en Malpica a mostra “Carrexadoras”

A artista plástica presenta a súa obra no Centro Cívico este venres

O Centro Cívico do Concello de Malpica acolle a obra “Carrexadoras” asinada por Viki Rivadulla. O venres, 20 de maio, inaugurase a mostra ás 19.00 horas con Emma Abella e Miguel Mato.

A exposición, asinada pola artista plástica de Muxía, mestura acrílico con canvas nunha serie de cadros que mostran ás mulleres da terra e que poderá visitarse ata o 30 de maio. Rivadulla é pintora e escultora autodidacta, e con obras asinadas sobre porcelanas e artesanía xeral, conta ademais con experiencia docente, podes consultar toda a súa traxectoria aquí.

Unha acción cultural promovida polo Concello, a través do departamento de Educación, Cultura, Patrimonio e Deporte, dentro do programa “Malpica nun mar de letras 2022”.

17Mai 2022

Malpica inaugura a sala expositiva “Non canto por cantar” cunha mostra da tradición inmaterial da terra

Ao comezo do acto o alcalde lembrou a figura do primeiro rexedor do Concello, Luis Cancela Vecino

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, inaugurou hoxe o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños).

Pola mañá abriu as portas cunha intervención do rexedor que lembrou a importancia de ter presente a historia, ao tempo que transmitiu o seu pesar polo falecemento do primeiro alcalde, en democracia, de Malpica, Luis Cancela Vecino “un home que fixo moito polo Concello, aínda lembro que foi o responsable de instalar o primeiro alumeado público de Malpica”.

No acto tamén interveu a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, cuxo departamento é responsable da organización da mostra. Unha exposición que reúne imaxes gráficas e documentación que percorren a historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. Asemade fixo entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra. Na súa intervención a concelleira destacou que: “Para rematar quero dar as grazas a todos/as os/as colaboradores que me axudaron a facer realidade  este proxecto, aos que aportaron documentación ( Rosario das Marías, Xosé Manuel Varela, Elena Verdes,  Fransy González, Xabier Díaz, Luis Prego, Beatriz Busto, AC O Fiadeiro, Asoc de Coros e Danzas EIDOS, Chisco Feijoo e Quique Peón), ás asociación locais por participar na grabación, a Marco e a Mara por aportarnos a visión máis pura de todo esto, a Sandra e  Guille de “Monnom” por conseguir plasmar ao detalle o que había na miña cabeza, a Selina Otero, polas suas verbas e , sobre todo, ás familias das persoas ás que hoxe homenaxeamos. Deixei para o final á persoa que me acompañou dende que isto eran só ideas na miña mente, Mar Suarez ou máis coñecida como Mar da Bouzas, grazas por adicarlle tanto tempo, por axudarme a darlle forma ao que hoxe presentamos, non hai maneira de agradecer o teu traballo. Por favor, acompáñame un pouco máis, que teño algo para ti”.

O acto contou coa participación e actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretaron pezas do Concello de Malpica.

“Non canto por cantar” é a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán. Cunha exhaustiva compilación de cancións e bailes recollidos aquí, esta mostra quere describir o xeito de bailar propio desta zona, con ritmos e pasos únicos na tradición galega. A pandeireta era o instrumento por excelencia. Había tamén gaiteiros que formaban parte das murgas ou charangas que tocaban nas festas. E regueifeiros. No pasado facíanse foliadas nos sobrados, fiadas, ruadas, bailes nas tabernas… Cada semana xuntábanse mozos e mozas do lugar para tocar, bailar e cantar. Era a forma de divertirse nos tempos de antes.

Os e as protagonistas desta exposición son os informantes, os maiores, dos que herdamos as pezas que hoxe tocan e bailan os mozos e mozas non só do concello senón de toda Galicia. Persoas que cederon a súa sabedoría en recollidas e foron fonte de información para asociacións folclóricas de distintos puntos da xeografía. Xente de Mens, Barizo, Santiso, Vigo dos Toxos, Beo, Seaia, Cerqueda, Cambre e Leiloio, principalmente, que nos deixan o seu legado. En “Non canto por cantar” poderán ver fotos de moitos deles e delas, dos que queda documentación gráfica, co seu nome, alcume, a casa á que pertencían e o lugar de onde son. Para esta exposición contamos con 44 pero segundo aseguran as fontes orais puido haber máis de 200 en todo o concello.

Dende maneos, muiñeira, punteada, ‘jotas’, agharrados, muiñeira corrida, valses ata a Ribeirana, un baile típico desta zona. Un baile moi especial que se bailaba nas foliadas, fiadas e tamén cando se facía o percorrido dos ‘Madamitos e Ghuardineros’ de Cerqueda no Entroido. Máis que un baile parece unha danza, difire de calquera outro baile solto da zona (punteadas, jotas e maneos). No vídeo desta exposición, que se proxecta na sala audiovisual contigua, obsérvanse estes bailes, intepretados por bailadores de antes (a primeira recollida foi no ano 1971 en Mens) e da actualidade, a través das tres asociacións de música e baile tradicional do concello malpicán: Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación Cultural Malante de Malpica e Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía de Seaia. Ademais de bailes e cancións, as palabras dos mestres/as, músicos/as e bailadores/as malpicáns que manteñen viva a nosa cultura axudan a interpretar en “Non canto por cantar” a historia e o significado da música tradicional do Concello de Malpica.

12Mai 2022

O Concello de Malpica acolle a teatralización da vida de Rosalía de Castro

A obra “Rosalía” chega o 17 de maio ao Ecomuseo Forno do Forte, en Buño

O Concello de Malpica traerá, o vindeiro 17 de maio, a vida de Rosalía de Castro a través dunha obra de teatro homónima, representada pola compañía Culturactiva Producións. Será, ás 17.00 horas, no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño.

Unha oferta familiar, con entrada de balde, que recreará a vida da escritora achegando a Rosalía nena que cantaba, bailaba, lía e comía chocolate. A que vive no lugar onde medran as poetas entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as canción con rimas e sen autor. Toda unha recreación cos valores sociais en escena dirixida por Fina Calleja e representada por Rocío González e Cristina Collazo.

Esta obra xa leva mais de 70 funcións realizadas desde a súa estrea ata ser un título imprescindible do teatro familiar galego.

Con esta programación o Concello continúa coa programación de “Malpica nun mar de letras” co que celebra o Día das Letras Galegas ao longo do mes de maio.  A programación do día 17 complétase coa inauguración da sala Non canto por cantar, ás 12.00 horas, no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) unha homenaxe ao canto e baile tradicional e o patrimonio inmaterial da terra.

Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.

11Mai 2022

As letras de Florencio Delgado Gurriarán chegan ás bibliotecas de Malpica

Os centros educativos e a municipal reciben exemplares dedicados ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022

Os centros educativos e a Biblioteca Municipal de Malpica recibiron na xornada de hoxe novos libros relativos ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.

A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, foi a encargada de facer a entrega de novos títulos para a lectura e o préstamo nos colexios do Concello.

Así, os estantes dos centros teñen, dende hoxe, exemplares de “Os Bolechas. As miñas primeiras Letras” e “Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade”, asinado por Héctor Cajaraville.

Esta entrega de libros está incluída dentro da programación do Concello de Malpica para celebrar o Día das Letras Galegas, que continuará ao longo de todo o mes de maio. As publicacións entregadas na Biblioteca Municipal compartirán estes días, ata o 31 de maio, espazo coa exposición en torno á obra do poeta nacido na aldea Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. O autor destacou como poeta, pero tamén exerceu de articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector…, que, tras o golpe de estado de 1936, exiliouse a México.

Ademais este venres, 13 de maio, presentarase a obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”: Edénicas de Andrea Fernández. Será ás 19.00 horas, na Casa do Pescador, nun acto organizado pola A.C. Caldeirón.

E o sábado está programado un evento lúdico coa representación de Muiñada, a cargo da compañía Galeatro. Ao remate os asistentes terán a posibilidade de realizar unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa de Río de Vaa. Para os interesados a entrada será de balde, sendo unicamente preciso inscribirse antes do comezo da actividade, ás 17.30 horas.

11Mai 2022

O Ecomuseo Forno do Forte acollerá un Laboratorio Artístico do que sairá unha nova peza representativa da Costa da Morte

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse nesta actividade impulsada pola asociación Costa da Morte- Terra Atlántica que se desenvolverá o 5 de xuño

O Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, acollerá en xuño unha iniciativa do Laboratorio Artístico para a creación dunha nova peza representativa dos valores da Costa da Morte. O día 5, ás 12.00 horas, dará comezo a proposta da Terra Atlántica que fundaméntase en conseguir crear unha obra que represente a Costa da Morte dende unha perspectiva artística.

Os interesados teñen de prazo para inscribirse ata ás 23.59 horas do 22 de maio a través da ligazón: LABORATORIO ARTÍSTICO.

Poderán participar todas aquelas persoas e colectivos artísticos ou artesáns maiores de idade. A participación no laboratorio farase por orde de inscrición e tendo en conta os criterios de selección. O número de participantes está limitado a 15 intervencións.

As persoas participantes farán unha intervención, en directo, da obra creada ou comisariada para este proxecto, tendo cabida propostas de artesanía e distintas disciplinas artísticas (encaixe, olería, pintura, escultura, etc). As/os artistas deberán crear a obra durante o tempo estipulado do Laboratorio formando parte dun evento da Marca, co estilo, técnica e dimensións de libre elección.

Desde o Concello de Malpica apoiase esta iniciativa que ten como obxectivo apoiar a cultura e a artesanía da nosa terra a través da creatividade e innovación artística.

Página 1 de 1312345...10...Última »