Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica presenta o cartel do Entroido 2022 con actividades para todas as idades

17Feb 2022

O Concello de Malpica presenta o cartel do Entroido 2022 con actividades para todas as idades

Dende o 25 de febreiro ata o 6 de marzo haberá festas de disfraces, campamentos, música e obradoiros

O Concello de Malpica de Bergantiños presenta un completo programa de actividades para o Entroido 2022. Pensado para todas as idades, comezará o venres 25 de febreiro e durará ata o 6 de marzo. Levarase a cabo na parroquia de Malpica e en Cerqueda, Leiloio e Seaia. Entre as propostas haberá festas de disfraces, charangas, obradoiros de cociña, campamentos e, por suposto, o clásico cocido. Colaboran na organización da programación distintas entidades locais e a Deputación da Coruña.

Deporte e xantar

As actividades comezarán o venres de Entroido, 25 de febreiro, na parroquia de Malpica, cunha xornada de portas abertas no pavillón polideportivo. Será ás 20:00 horas. Organiza o club Patín Velúa.

O sábado, día 26, dende as 15:00 horas, haberá un percorrido musical polas rúas de Malpica, e na explanada do Travelfit poderá degustarse o cocido de Entroido. Organizan a comisión de festas de Malpica e a asociación cultural Malante. O xantar custará 25 euros para os adultos e 15 para os cativos e as cativas. Asemade, os asistentes participarán no sorteo de varias cestas de Entroido.

Festas de disfraces

Ese mesmo sábado está prevista a celebración de sendas festas de disfraces infantís en Cerqueda e Leiloio. Na primeira parroquia o encontro será no centro sociocultural das Pozacas de 11:30 a 14:00. Organiza a asociación cultural Raigañas. De outro lado, na casa dos veciños de Leiloio terá lugar dende as 17:00 ás 20:00, e haberá inchables, chocolatada con doces de Entroido e un desfile infantil de disfraces. Colabora nesta última iniciativa a asociación de veciños da Pedrosa, Brión e A Raxeira.

Xa para o domingo de Entroido, as veciñas e os veciños máis pequenos de Malpica poderán participar no desfile de disfraces, que partirá ás 17:30 do centro cívico e percorrerá as rúas da vila ata a Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza a asociación cultural Malante.

Desfile infantil e xuntanza de comparsas

Á mesma hora a charanga Santa Compaña amenizará a vila e, ás 18:00, comezará polo centro do pobo a xuntanza de comparsas. Haberá dúas categorías cos seus correspondentes premios:

  • Xeral (maiores de 13 anos). Galardóns de 200, 120 e 80 euros para os primeiros, os segundos e os terceiros clasificados, respectivamente, sendo todos eles para gastar en vales nos establecementos locais.
  • Infantil (de 0 a 12). Todos recibirán un agasallo e haberá un detalle especial para o gañador.

A entrega será ás 19:00 na Praza Anselmo Villar Amigo.

Os pavillóns deportivos como escenario

Xa o luns, día 28 de febreiro, o pavillón deportivo de Malpica acollerá un de fútbol sala para todas e todos os maiores de 7 anos. Os interesados poden inscribirse ata o día 24 deste mes no Concello ou chamando ó 981 720 001.

Ese mesmo día, o salón de actos da casa da cultura de Seaia acollerá un campamento infantil destinado a nenas e nenos a partir de 4 anos. A actividade será de 9:00 a 14:00, e os interesados en optar a unha das 16 prazas deberán inscribirse no teléfono 657 919 272. Organiza a asociación cultural e deportiva Carcaxía.

En Buño, tamén o 28, actuará o mago Charlangas, nun espectáculo que se desenvolverá ás 17:00 no pavillón deportivo do colexio Joaquín Rodríguez Otero. Colabora a anpa deste CEIP.

Nen@s e adolescentes

Os días 1 e 2 de marzo, a casa cultural de Seaia continuará ofertando o campamento infantil no mesmo horario.

Asemade, para o 1, no polideportivo de Malpica, está prevista unha festa de disfraces con inchables, destinada á rapazada de ata 14 anos, de 17.30 a 19:30. Colabora a anpa Ventorrillo.

Obradoiro de cociña

Xa vai quedando menos. O día 5, sábado de piñata, a vila de Malpica oferta ás nenas e ós nenos de entre 7 e 12 anos, a posibilidade de achegarse á gastronomía de Entroido a través dun obradoiro de cociña no mercado municipal. Será das 17:00 ás 18:30, e os interesados en ocupar unha das 25 prazas posibles deberán apuntarse media hora antes do comezo da actividade no propio lugar.

Domingo de piñata

Para despedir estas datas, chega o domingo 6 de marzo repleto de propostas.

Dende as 16:00, as rúas de Cerqueda contarán coa presenza dos Madamitos e Ghuardineros. Organiza a asociación cultural Raigañas.

En Seaia, a charanga Santa Compaña actuará polas rúas ás 16:30 e, a esa mesma hora, partirá o Farruco, dende o restaurante O Esqueiro, cun percorrido organizado pola asociación cultural e deportiva San Xulián, para posteriormente ser enterrado.

En Malpica, as últimas actividades do Entroido comezarán ese domingo ás 17:30 co percorrido pola vila da charanga Santa Compaña. Á mesma hora, desenvolverase o enterro do Faustino, que partirá do Centro Cívico para chegar ó corazón do pobo.

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes organiza este completo cartel no que colabora, asemade, a entidade Atadoras Mar da Illa.