Ruta dos Faros
Ruta dos Faros
O Camiño dos Faros percorre a Costa da Morte á beira do mar desde Malpica ata Fisterra. A paisaxe é espectacular entre dunas, praias, acantilados e, por suposto, faros. Esta ruta de sendeirismo comeza en Malpica e faise en 8 etapas ata chegar ao faro de Cabo Fisterra.
A primeira etapa da Ruta dos Faros percorre parte do litoral malpicán, desde o pequeno faro do porto ata a praia de Niñóns (xa no concello de Ponteceso). O camiño atravesa as estreitas rúas e o paseo marítimo ata Santo Hadrián, cunha boa panorámica da vila que deixas atrás e das illas Sisargas. Desde aquí, os sendeiristas pasarán polas praias de Seaia, Beo, Seiruga e Barizo antes de comezar o tramo máis difícil, que os levará ata o faro de punta Nariga, construído en perfecta harmonía coa paisaxe. A contorna de Nariga é máxica, con formacións rochosas que deixan paso á imaxinación.
O final da etapa discorre por un tramo complicado, que guía aos camiñantes ata a praia de Niñóns, pasando pola enseada do Lago.