Faro de Punta Nariga
Faro de punta Nariga
En punta Nariga (Barizo) levántase o faro máis moderno de Galicia, construído en 1995 e deseñado por César Portela. Con 50 metros de altura e 22 millas de alcance lumínico, é todo un referente na integración da arquitectura coa paisaxe natural.
A contorna está chea de maxia neste acantilado golpeado polo mar e con curiosas formacións rochosas (que incluso che recordarán a animais!). A visita é obrigada, tanto en días de sol como de tormenta. Nos primeiros gozarás coa calma do mar e o faro estático; nos segundos, sorprenderate o dinamismo das nubes e os cambios de luz.
A construción do faro recorda á proa dun barco, coroada por unha escultura de bronce denominada Atlante. Esta estatua, obra do artista Manolo Coia, é unha figura con forma entre un humano e unha gaivota a piques de voar. Sen dúbida, unha silueta perfecta para as marabillosas postas de sol de Nariga. Para rematar a visita, podes subir ata a cuberta do faro, que se converte nun perfecto miradoiro ao Atlántico.