Ruta dos Pinos no Mar
Ruta dos Pinos no Mar
Cara á dereita do porto sitúase o monte da Plancha. Case no seu cumio está a capela das Neves ou de Santo Antón, punto de partida da Ruta dos pinos no mar, un sendeiro acondicionado sobre todo para bicicletas e moi coñecido entre os afeccionados polas súas características e beleza.
O sendeiro percorre ao longo duns 30 quilómetros a costa oeste de Malpica ata a praia das Torradas pasando polos pintorescos Muíños da Ribeira, que están situados xusto a carón do mar (na parroquia de Ardeleiro). Moi preto dos muíños atoparás unha cruz de pedra que recorda o tráxico naufraxio do barco de cerco malpicán “Os Tonechos” en 1991 no que morreron os seus 9 tripulantes, varios dos cales pertencían á mesma familia.
A partir dese punto pasarás polas aldeas de Loroxo e O Ceán, antes de chegar ás Torradas, o punto final dentro dos límites do municipio de Malpica. Podes continuar a ruta ata Santa Mariña (xa no concello de Carballo), preto da fermosa praia de Razo.