HISTORIA
HISTORIA
Malpica de Bergantiños é un dos portos baleeiros que houbo na costa de Galicia no século XVII. A historia sinala que foron os mariñeiros vascos os que fundaron esta poboación concibida como unha base de operacións para a flota que capturaba cetáceos neste recuncho atlántico. Malpica era un miradoiro privilexiado para vixiar o paso das baleas, coas illas Sisargas como promontorio internado no mar.
Din os escritos que a captura e posterior comercialización estivo orixinariamente en mans dos mariñeiros cántabros e vascos, pasando logo a ser unha tarefa e un negocio controlado polo clero, concretamente polo bispado de Mondoñedo, quen atopou unha forte oposición por parte dos mariñeiros locais. Da captura da balea obtíñanse graxas, aceite, carne e ósos. Algúns destes ósos chegaron a ser empregados coma vigas dos teitos de pequenas construcións.
A vila malpicá aparece documentada no século XIII, en textos que falan da pertenza do territorio ao arcebispado de Compostela, pasando logo a ser dominio do conde de Monterrei dous séculos máis tarde.
Na actualidade, Malpica de Bergantiños é un dos portos máis importantes da pesca artesanal de Galicia. Conta cunhas instalacións nas que se encontran un servizo de Travel Lift para facilitar os servizos de reparación de barcos, dúas grúas, unha lonxa na que se poxa o peixe e unha fábrica de xeo, a máis grande da Costa da Morte. A pesca é a súa actividade máis salientable, pero tamén o turismo e os seus servizos auxiliares. O principal núcleo de poboación é a capital municipal, que dá nome ao municipio, aínda que tamén temos localidades coma Buño, Seaia ou Cerqueda nos que se agrupan a maior parte dos veciños do territorio.
No medio rural atopamos varias instalacións gandeiras, principalmente dedicadas á produción de leite, así como produtores de cultivos hortícolas de alta calidade.