As Torradas
Praia das Torradas
A uns 14 quilómetros de Malpica, case no límite co veciño municipio de Carballo atópase a praia das Torradas.
Areal protexido e moi pouco concorrido, é unha praia idílica de forte ondada, rodeada dunha paisaxe agreste. Moi solitaria, tranquila e con auga cristalina. Desde 2010 conta con escaleiras de acceso e, se esperas a que baixe a marea, verás como medra e conforma unha mesma praia coa veciña do Riás.
Preto de aquí atópase a enseada da Herbosa, o illote do Aguieiro, o coído das Ermidas e a carballeira de San Bartolomeu, tamén coñecida como Devesa dos Conventos, un souto que chega case a rentes do mar. Ademais, ao lonxe podes ver as illas Sisargas e a península de Malpica.
Por este punto pasa a Ruta dos pinos no mar, un fermoso percorrido sinalizado para ciclistas e sendeiristas que parte da vila de Malpica. A ruta enmárcase na Rede Natura 2000 – LIC Costa da Morte, igual que os case 50 km de litoral malpicán.
- Servizos: Senda peonil
- Acceso: En coche, pola estrada Buño – Razo e Buño – Malpica (AC-414)