Tras os pasos de Lugrís
Tras os pasos de Lugrís
Queres seguirlle os pasos ao pintor do mar? Esta ruta do proxecto “Malpica O mar das Sisargas” guiarate a través dos códigos QR que atoparás en diversos puntos da vila. Só precisas un smartphone para poder acceder a todos os contidos mentres camiñas.
Urbano Lugrís (A Coruña 1908- Vigo 1973) foi un pintor surrealista que traballou diferentes técnicas: murais, serigrafía, colaxes, óleo… obras con claras referencias ao mundo mariño. Aínda que da Coruña, Lugrís estableceu unha especial relación con Malpica, na que deixou unha pegada persoal e pictórica inesquecible.
A ruta que recorda a súa presenza e legado deste “pintor do mar” comeza na praza de Anselmo Villar Amigo. Moi preto de aquí atópase o Bar Novo, onde en 1956 Urbano Lugrís se hospedou durante o tempo en que realizou a decoración da Casa do Pescador, e que o vincularía á vila malpicá, á súa cultura, á súa xente e ao seu mar para sempre.
Na rúa Emilio González, indo cara á praia de Area Maior, sitúase o seguinte punto de información, na antiga casa de comidas Cadeiro. Aquí coñecerás máis sobre os faladoiros mariñeiros.
O último punto da ruta conducirate ata a sede da Confraría, pois Lugrís tiña alma de pescador. Nela consérvanse algunhas das súas obras.