Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

7Mar 2022

O Concello de Malpica celebra o 8 de marzo reivindicando o papel das mulleres no deporte onde “Xuntas gañamos”

Mañá o Centro Cívico acollerá a lectura do manifesto institucional e María Varela Bardanca dará unha charla sobre a presenza femenina no deporte

O Concello de Malpica celebra mañá o 8M, Día Internacional da Muller, destacando a importancia da presenza femininia no deporte. Ao mesmo tempo, anima a reivindicar o papel das mulleres nesta área onde “Xuntas Gañamos”.

O goberno local convida maña as 11.00 horas a toda a veciñanza a asistir á lectura do manifesto institucional que realizará a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, no Centro Cívico de Malpica. Posteriormente, e no mesmo local, María Varela Bardanca dará unha charla en torno o papel da muller no deporte. Cómpre destacar que foi recoñecida como a mellor xogadora de fútbol sala da nosa terra.

Un encontro con dúas convocatorias, a primeira destinada ao estudantado. E, a segunda, de 12 a 13 horas, estará aberta a toda a veciñanza que desexe asistir.

Experiencia en primeira persoa

Tratáse dunha oportunidade para escoitar, en primera persoa, a experiencia da deportista que comezou a carreira profesional ós 13 anos no Colexio Karbo, e logo militou no Sal Lence. Durante a súa etapa en activo no campo tamén xogou nas seleccións galega e nacional. Ademais, foi responsable do combinado galego absoluto de fútbol sala.

Actualmente é animadora deportiva do Concello de Malpica e entrena o equipo femenino de fútbol sala do Viaxes Amarelle. Unha profesional que traballa por un futuro en igualdade, e que isto tamén se vexa reflexado no deporte feminino.

O Concello de Malpica organiza esta charla para que toda a poboación poida escoitar ás vivenzas de María Varela, de cómo cambiaron as cousas e o que aínda queda por facer para que no deporte. Unha área que, ao igual que acontece con todos os aspectos da vida, non debe estas marcada polo sexo senón polas cualidades e capacidades das persoas.

1Mar 2022

Actualización de datos covid: 28 en Malpica, a 1 de marzo

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 28 casos de covid-19 a 1 de marzo. Isto supón un descenso de 8 casos respecto ao pasado martes, día 22 de febreiro.

O consistorio lembra a todos os vecinos e veciñas a importancia de respectar a normativa vixente e manter a prudencia para que continúe a tendencia descendente das últimas semanas.

28Feb 2022

Catro premios e moitos máis agasallos no concurso de disfraces e comparsas do Concello de Malpica

As rúas da vila foron escenario dunha gran tarde de entroido

O concurso de disfraces e comparsas do Concello de Malpica repartiu este domingo á tarde catro premios e moitos máis agasallos na Praza Anselmo Villar Amigo, que se detallan a continuación:


– Mellor disfrace infantil: artistas de Malante. Levaron un recoñecemento especial e todos os participantes recibiron un agasallo.

– Entre os adultos triunfaron Pijas de Malpica e Mordomo, no primeiro posto (200 euros); Tito de Antaño María Castaña, na segunda posición (120 euros), e pechou o certame Sheriff Bill, co terceiro premio (80 euros). Todos os obsequios son vales para mercar nos establecementos da localidade.


Dende a Concellaría de Cultura dámoslle os parabéns a todos e a todas @s que se animaron a facernos vivir un fantástico domingo de entroido. A festa continúa con máis actividades.

22Feb 2022

O Concello de Malpica retoma os obradoiros para as persoas da terceira idade e con diversidade funcional

O Concello de Malpica retoma o vindeiro 3 de marzo os obradoiros de actividades para as persoas da terceira idade e con diversidade funcional.

Os talleres de manualidades impartiranse os martes e xoves na Casa do Oleiro de Buño de 15.45 a 17.45 horas. Ademais, tamén se realizará, os mesmos días serán no Centro Cívico de Malpica de 18 a 20 horas. Durante a realización da actividade todos os participantes deben facer uso da máscara e cumprirase coas medidas sanitarias vixentes.

Estas actividades, destinadas a ser punto de encontro e aprendizaxe, tiveron que ser suspendidas o pasado mes de xaneiro debido á incidencia covid no municipio. Nestes momentos, en que os datos melloran semana a semana, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica recupera a convocatoria.

21Feb 2022

A hostalaría do Concello de Malpica celebra o Día de Rosalía rememorando a súa receita do Caldo de Gloria

A hostalaría do Concello de Malpica súmase, un ano máis, á celebración do Día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro, servindo cuncas de Caldo de Gloria nos establecementos anotados para participar nesta actividade. Con motivo do aniversario do nacemento da escritora galega esta tapa será o acompañamento das consumicións que se realicen desde o mediodía ata a noite.

Nesta edición os locais de hostalaría nos que poderás degustar o Caldo de Gloria son os seguintes:

  • Bar Arcos Malpica

R/ Ramona Criado, s/n

  • Bar Ibarra

R/ Emilio González López, 8

  • Casa Vítaro

As Rabuceiras, 15 (Leiloio)

  • Cornecho de Tano

R/ Eduardo Pondal, 1

  • Restaurante San Francisco

R/ Eduardo Pondal, 5-7

Receita de Rosalía

Esta homenaxe, a través da cociña, realízase seguindo a receita que a escritora describe no poema “Miña terra, me lar”, de Follas Novas. Neste texto descríbese como unha muller pobre consegue, fronte ás adversidades que a rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Así logra alimentarse e sobrevivir, ao tempo que da conta da súa felicidade ao pé do lume da lareira.

Na actividade, que se desenvolve a través da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, os locais participantes tamén recibirán carteis e manteis de papel conmemorativos co poema da receita así como outras para poder elaborar o Caldo de Gloria.

18Feb 2022

O luns 21 de febreiro realizaranse as obras de mellora entre a rúa Eduardo Vila Fano e o cruceiro

O Concello de Malpica de Bergantiños comunica que o vindeiro luns, 21 de febreiro, o tráfico rodado entre a rúa Eduardo Vila Fano e o cruceiro quedará cortado co obxecto de efectuar obras de mellora correspondentes á vía de circulación.

A empresa López Cao será a responsable de corrixir a actual instalación das tapas dos sumidoiros e dos bloques que separan a propia rúa, xa que na actual situación provocan constantes ruídos cada vez que circula un vehículo.

O Concello encargou esta obra de mellora, respondendo así as necesidades dos veciños que se vían afectados polas incomodidades sonoras derivadas das actuais deficiencias.

Percorrido alternativo
A Concellería de Servizos e Tráfico do Concello de Malpica recomenda que, durante a execución da obra, os condutores empreguen como roteiro alternativo a rúa que circunda a dársena de Malpica e subir ata o cruceiro.

17Feb 2022

O Concello de Malpica presenta o cartel do Entroido 2022 con actividades para todas as idades

Dende o 25 de febreiro ata o 6 de marzo haberá festas de disfraces, campamentos, música e obradoiros

O Concello de Malpica de Bergantiños presenta un completo programa de actividades para o Entroido 2022. Pensado para todas as idades, comezará o venres 25 de febreiro e durará ata o 6 de marzo. Levarase a cabo na parroquia de Malpica e en Cerqueda, Leiloio e Seaia. Entre as propostas haberá festas de disfraces, charangas, obradoiros de cociña, campamentos e, por suposto, o clásico cocido. Colaboran na organización da programación distintas entidades locais e a Deputación da Coruña.

Deporte e xantar

As actividades comezarán o venres de Entroido, 25 de febreiro, na parroquia de Malpica, cunha xornada de portas abertas no pavillón polideportivo. Será ás 20:00 horas. Organiza o club Patín Velúa.

O sábado, día 26, dende as 15:00 horas, haberá un percorrido musical polas rúas de Malpica, e na explanada do Travelfit poderá degustarse o cocido de Entroido. Organizan a comisión de festas de Malpica e a asociación cultural Malante. O xantar custará 25 euros para os adultos e 15 para os cativos e as cativas. Asemade, os asistentes participarán no sorteo de varias cestas de Entroido.

Festas de disfraces

Ese mesmo sábado está prevista a celebración de sendas festas de disfraces infantís en Cerqueda e Leiloio. Na primeira parroquia o encontro será no centro sociocultural das Pozacas de 11:30 a 14:00. Organiza a asociación cultural Raigañas. De outro lado, na casa dos veciños de Leiloio terá lugar dende as 17:00 ás 20:00, e haberá inchables, chocolatada con doces de Entroido e un desfile infantil de disfraces. Colabora nesta última iniciativa a asociación de veciños da Pedrosa, Brión e A Raxeira.

Xa para o domingo de Entroido, as veciñas e os veciños máis pequenos de Malpica poderán participar no desfile de disfraces, que partirá ás 17:30 do centro cívico e percorrerá as rúas da vila ata a Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza a asociación cultural Malante.

Desfile infantil e xuntanza de comparsas

Á mesma hora a charanga Santa Compaña amenizará a vila e, ás 18:00, comezará polo centro do pobo a xuntanza de comparsas. Haberá dúas categorías cos seus correspondentes premios:

  • Xeral (maiores de 13 anos). Galardóns de 200, 120 e 80 euros para os primeiros, os segundos e os terceiros clasificados, respectivamente, sendo todos eles para gastar en vales nos establecementos locais.
  • Infantil (de 0 a 12). Todos recibirán un agasallo e haberá un detalle especial para o gañador.

A entrega será ás 19:00 na Praza Anselmo Villar Amigo.

Os pavillóns deportivos como escenario

Xa o luns, día 28 de febreiro, o pavillón deportivo de Malpica acollerá un de fútbol sala para todas e todos os maiores de 7 anos. Os interesados poden inscribirse ata o día 24 deste mes no Concello ou chamando ó 981 720 001.

Ese mesmo día, o salón de actos da casa da cultura de Seaia acollerá un campamento infantil destinado a nenas e nenos a partir de 4 anos. A actividade será de 9:00 a 14:00, e os interesados en optar a unha das 16 prazas deberán inscribirse no teléfono 657 919 272. Organiza a asociación cultural e deportiva Carcaxía.

En Buño, tamén o 28, actuará o mago Charlangas, nun espectáculo que se desenvolverá ás 17:00 no pavillón deportivo do colexio Joaquín Rodríguez Otero. Colabora a anpa deste CEIP.

Nen@s e adolescentes

Os días 1 e 2 de marzo, a casa cultural de Seaia continuará ofertando o campamento infantil no mesmo horario.

Asemade, para o 1, no polideportivo de Malpica, está prevista unha festa de disfraces con inchables, destinada á rapazada de ata 14 anos, de 17.30 a 19:30. Colabora a anpa Ventorrillo.

Obradoiro de cociña

Xa vai quedando menos. O día 5, sábado de piñata, a vila de Malpica oferta ás nenas e ós nenos de entre 7 e 12 anos, a posibilidade de achegarse á gastronomía de Entroido a través dun obradoiro de cociña no mercado municipal. Será das 17:00 ás 18:30, e os interesados en ocupar unha das 25 prazas posibles deberán apuntarse media hora antes do comezo da actividade no propio lugar.

Domingo de piñata

Para despedir estas datas, chega o domingo 6 de marzo repleto de propostas.

Dende as 16:00, as rúas de Cerqueda contarán coa presenza dos Madamitos e Ghuardineros. Organiza a asociación cultural Raigañas.

En Seaia, a charanga Santa Compaña actuará polas rúas ás 16:30 e, a esa mesma hora, partirá o Farruco, dende o restaurante O Esqueiro, cun percorrido organizado pola asociación cultural e deportiva San Xulián, para posteriormente ser enterrado.

En Malpica, as últimas actividades do Entroido comezarán ese domingo ás 17:30 co percorrido pola vila da charanga Santa Compaña. Á mesma hora, desenvolverase o enterro do Faustino, que partirá do Centro Cívico para chegar ó corazón do pobo.

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes organiza este completo cartel no que colabora, asemade, a entidade Atadoras Mar da Illa.

16Feb 2022

O Concello de Malpica garda un minuto de silencio polas vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo

Membros da corporación do Concello de Malpica, funcionarios e distintas asociacións gardaron hoxe un minuto de silencio en homenaxe ós mariñeiros vítimas do naufraxio Villa de Pitanxo.

O concello únese o loito oficial decretado e transmite ás súas condolencias a todas as familias e amigos afectados por esta traxedia no mar.

O buque pesqueiro con sede en Marín, con 24 tripulantes, afundiuse na madrugada do martes nas augas canadienses de Terranova. Os equipos de rescate continúan traballando na zona con obxectivo de localizar a todos os integrantes da tripulación.

15Feb 2022

O Concello de Malpica de Bergantiños a través da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes súmase á convocatoria da Fundación Rosalía de Castro para celebrar o día dedicado á poeta, a través de dúas iniciativas

Caldo de Gloria

Convidamos a todos os establecementos de hostalería de Malpica a celebrar o Día de Rosalía de Castro servindo de pincho,  nos viños do mediodía e da noite un Caldo de Gloria (segundo da receita que a poeta describe no poema “Miña terra, me lar).

Hai uns días se enviou unha comunicación a todos os locais de hostalería indicando os teléfonos e/ou mail para anotarse. Se algún local mais, desexa inscribirse nesta actividade, aínda pode facelo, ata o mércores día 16 de febreiro ás 14.00 horas no mail auditoriodemalpica@gmail.com ou no teléfono 981 707 104 (9.00 a 14.00).

A Fundación Rosalía de Castro, en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños, distribuirá a todos os locais participantes, carteis,  manteis de papel conmemorativos co poema Miña casiña, meu lar e varias receitas para elaborar o Caldo de Gloria.

Alborada para Rosalía

Tamén queremos sumarnos á Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiter@s Galeg@s a todas e todos as/os gaiteiras/os e músicos do noso concello para dar unha alborada de gloria na honra da poeta, a partir do 19 de febreiro, polas rúas, camiños, prazas e lugares do Concello, interpretando Alborada para Rosalía e/ou outras pezas e compartilas nas redes sociais.

A Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes está a traballar para que o día 23 de febreiro, no Concello de Malpica, tamén poidamos desfrutar dunha Alborada de Gloria, entre outras, coa peza Alborada para Rosalía.

15Feb 2022

O concello de Malpica prepara un obradoiro de cociña infantil para o Entroido 2022

A actividade será o vindeiro sábado de piñata, 5 de marzo, no mercado municipal

Ponteceso, a 15 de febreiro do 2022 

O concello de Malpica de Bergantiños presenta un obradoiro infantil para celebrar o Entroido 2022. O vindeiro sábado, 5 de marzo, os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos poderán inscribirse nesta actividade. Unha proposta culinaria que achega os segredos dos doces máis típicos destas datas aos máis cativos e cativas da casa. 

A partir das 16,30 horas todas as persoas interesadas poderán inscribirse neste obradoiro que se celebrará no mercado municipal. Ás cinco da tarde dará comezo a actividade, que conta con 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. 

Este Obradoiro coincide coa celebración do denominado sábado de piñata, o primeiro tras o mércores de Cinza.

Con esta nova actividade, desenvolvida a través da Concellaría de Educación, Cultura Patrimonio e Deportes, o Concello continúa traballando en achegar o Entroido a toda a poboación, dando a coñecer todos as características da mesma, nesta ocasión destacando o aspecto culinario. 

Página 29 de 149« Primera...1020...2728293031...405060...Última »