Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 12°
Luns 15°
10°
Martes 16°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

8Xuñ 2022

A auga das praias de Area Maior e Seiruga, un ano máis con calidade “excelente” para o baño

Praia Area Maior

A Consellería de Sanidade, encargada da análise das augas, notificou ao Concello a máxima cualificación para as dúas zonas de baño

As zonas de baño das praias de Area Maior e Seiruga reciben, un máis, a máxima cualificación sanitaria a partir das análises que realiza a Consellería de Sanidade. A calidade das augas dos dous areais vixente para a tempada de verán de 2022 será de novo “excelente” de acordo aos criterios microbiolóxicos destes estudos.
Co obxectivo de detectar de forma anticipada a presenza de vertidos ou microorganismos que poden ser nocivos para a saúde humana, como as bacterias E. coli ou enterococo intestinal, persoal da Administración autonómica toma mostraxes nestas áreas. Os niveis mínimos
destes microorganismos mantéñense nos últimos anos, o que sitúa a Area Maior e Seiruga coa mellor cualificación segundo estes criterios, que clasifican a auga en “excelente”, “boa”, “suficiente” ou “insuficiente” (neste último caso desaconséllase o baño)”.
As zonas de baño incluídas no censo autonómico defínense como calquera elemento de augas superficiais onde está previsto que poidan bañarse un número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño.

31Mai 2022

Manifesto de condena contra a violencia de xénero. Malpica, 31 de maio de 2022

En primeiro lugar, quero agradecer a vosa presenza nesta concentración en repulsa da violencia de xénero. Unha lacra contra a que levamos anos loitando para erradicala. Pero, moi ao noso pesar, cada día está máis presente na nosa sociedade.

Ao falar de violencia de xénero, o primeiro que vén á mente son os empurróns, os golpes ou as agresións físicas. Pero estamos equivocados, o agresor comeza sometendo a vítima aos poucos, apartándoa das súas amizades, da súa familia, controlando os seus  movementos, a súa roupa, o seu peiteado, a súa maquillaxe, as súas chamadas… Todo.

Nos primeiros seis meses do ano 2022, 17 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou ex-parella; 1144 dende o 2003, ano no que se comezaron a recompilar estes datos. Aínda que tamén deberiamos de contabilizar as vítimas de agresións, como a acontecida na madrugada do luns en Carballo, a cal lle desexamos que se recupere pronto das graves lesións que sofre. E oxalá que pronto poida abrazar aos seus pequenos, a súa familia e amizades e comece con fortaleza unha nova vida coas súas crianzas.  Porque, cantas mulleres son vítimas de violencia de xénero realmente? Cantas mulleres permanecen caladas no anonimato por medo?   

Por iso, desde aquí pedímoslles que venzan os seus medos e se atrevan a pedir axuda  para saír do pesadelo ao que están sometidas. Lembrámoslle que poden atopar apoio profesional gratuíto no teléfono 016, enviando unha mensaxe de Whatsapp no 600 000 016 ou a través da dirección de correo 016-online@igualdad.gob.es. Aí atoparan axuda para elas e as súas crianzas, protección, e o asesoramento xurídico e psicolóxico que precisen.

Xa para rematar, queremos dicir que todos e todas os que estamos aquí presentes damos un paso adiante para condenar calquera tipo de violencia física ou psíquica e brindarlle a axuda que necesiten ás vítimas.

Moitas grazas

María Soledad Blanco Gorín

Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade

31Mai 2022

A veciñanza de Malpica manifesta a súa repulsa á violencia machista

A praza Anselmo Villar Amigo acolleu unha concentración en repulsa á agresión que se produciu este luns en Carballo

Representantes da corporación local e a veciñanza de Malpica concentráronse na mañá do martes na praza Anselmo Villar Amigo para expresar o seu rexeitamento e condena á agresión machista acontecida na madrugada do luns na veciña localidade de Carballo.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María Soledad Blanco Gorín, fixo lectura dun manifesto contra a violencia machista, lembrando ás 17 mulleres asasinadas no que vai de 2022 e ás máis de 1.100 desde o ano 2003. O acto concluíu cun minuto de silencio na memoria de todas estas vítimas.

Do mesmo xeito, o Concello de Malpica reitera o seu apoio e solidariedade á muller agredida en Carballo, e á súa familia e amigos, desexando a súa pronta recuperación.

As vítimas de violencia de xénero poden acceder a atención inmediata de persoal especializado no teléfono 016 (600 000 016 a través de Whatsapp) e o enderezo de correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es.

30Mai 2022

A Carreira Pedestre de Malpica regresa o 10 de setembro despois de dous anos de pandemia

A proba, á que xa é posible inscribirse desde este luns, está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo 

Despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia de coronavirus, regresan a Malpica as probas populares de atletismo coa celebración da V Carreira Pedestre. A cita percorrerá o sábado 10 de setembro as rúas da localidade, co obxectivo de fomentar a práctica da actividade física para acadar unha vida máis saudable.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro, presentaron esta mañá a proba na Casa do Concello. Entre as novidades deste ano, Noelia Freijeiro destacou que o percorrido terá menos dureza ca outros anos, ao evitar o paso polos chanzos da praia de Seaia. Ademais, inclúense dúas actividades paralelas: a celebración dun concurso de fotografía sobre a carreira pedestre e unha actuación musical na rúa principal, co obxectivo de animar aos e as atletas a desfrutar da localidade unha vez finalizada a proba.

Pola súa banda, o alcalde celebrou a volta á normalidade nas actividades deportivas do concello despois de dous anos complicados. “Queremos que esta proba siga medrando e sexa un reclamo para que se practique deporte, que é o obxectivo fundamental que queremos fomentar”, destacou Eduardo Parga.

A carreira celebrarase en catro distancias distintas: a proba absoluta, de 10.000 metros de percorrido; as sub-12, sub-14 e sub-16, de 2.100 metros; a sub-10, de 740 metros; e a categoría biberón, de 100 metros.

As inscricións poden realizarse desde este mesmo luns nesta ligazón, a través da web championchipnorte.com. Por cada persoa inscrita, a organización doará 1 euro á Asociación Española Contra o Cancro. Os trofeos que se entregarán aos e as deportistas serán pezas de Olería de Buño.

27Mai 2022

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lanza a convocatoria para a recepción de obras na súa 17ª edición

O Concello de Malpica acolleu a presentación dunha cita que xa é unha referencia do xénero nas letras galegas

O XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas púxose en marcha coa presentación da cita nun acto que tivo lugar na mañá deste venres na Casa do Concello de Malpica. O concurso literario, nacido no ano 2005, converteuse neste tempo nunha referencia deste xénero literario nas letras galegas, atraendo cada ano a un maior número de participantes.

No acto desta mañá participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, a concelleira de Cultura , Noelia Freijeiro, e o presidente da asociación cultural Caldeirón (entidade que convoca o certame), Paco de Tano.

Eduardo Parga destacou que é “unha honra” presentar un ano máis a cita, que comezou en 2005 cando, segundo lembrou, el era concelleiro de Cultura. “Despois de 17 anos vense claramente os logros acadados, cunha participación cada vez maior, obras moi interesantes e de gran calidade”.

Pola súa banda, Paco de Tano lembrou, do mesmo xeito que o alcalde, a figura de Paco Souto, falecido en 2017, como un dos impulsores deste premio. “Paco e mais eu cumprimos un soño cando o premio se fixo realidade. Agora sabemos que isto non terá fin, e mesmo seguirá despois de nós. Queremos dicirlle a Paco Souto que, alá onde estea, isto segue adiante”.

Bases

Ao premio poderán optar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro inédito de temática erótica non premiado con anterioridade e escrito en lingua galega, en calquera das súas normativas recoñecidas. O prazo de admisión finaliza o 18 de setembro. As obras deberán enviarse ao enderezo premio@caldeiron.org.


Establécese un premio único de 1.500 € (suxeitos ás retencións correspondentes) e a publicación da 1ª edición da obra, con 400 exemplares, na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón.


O resto das bases pode consultarse nesta ligazón:

26Mai 2022

A sala “Non canto por cantar” do Centro de Artesanía e Tradición recibiu máis de 300 visitas en menos de quince días

O espazo acolle a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán

A inauguración, a mediados do mes de maio, da sala “Non canto por cantar”, está a xerar un novo atractivo para o Centro de Artesanía e Tradición (CAT) de Buño. Neste tempo, en menos de 15 días, xa son máis de 300 as persoas que pasaron polo espazo, mentres continúan as visitas de centros escolares e público xeral.

A sala “Non canto por cantar” ofrece unha ampla mostra do patrimonio inmaterial da terra malpicá, compilado e documentado por numerosas persoas ao longo de décadas, a partir do coñecemento popular e tradicional de decenas de informantes. Cancións e bailes recollidos na zona, que describen uns ritmos e pasos únicos na tradición galega.

O Centro de Artesanía e Tradición, situado na Camposa (Buño), conta tamén con outras dúas exposicións: “As Redeiras e o Mar” e “Olería”. Pode visitarse de luns a venres de 10.00 a 15.00 horas.

26Mai 2022

Homenaxe aos traballadores xubilados do Concello de Malpica de Bergantiños

O evento celebrouse no restaurante O Esqueiro, con motivo da festividade de Santa Rita de Casia, patroa dos funcionarios da Administración Local

O Concello de Malpica de Bergantiños quixo render o pasado venres 20 de maio unha homenaxe aos traballadores municipais xubilados. O evento celebrouse no restaurante O Esqueiro, con motivo da festividade de Santa Rita de Casia, patroa dos funcionarios da Administración Local.

Ao acto asistiron os homenaxeados Asunción Loureiro Garrido, Ernesto E. Mancebo Martínez, Carlos Otero Arévalo, Antonio Ures, Carmen Otero Pereira, Jesús A. Fernández Rama, Amado Segade Santos e José Ramón Baldomir. Tamén participaron os funcionarios e membros da corporación municipal.

Ligazón para descargar as imaxes da homenaxe.

25Mai 2022

Convocatoria para o outorgamento de casetas no peirao sur de Malpica (depuradora). Prazo aberto ata o 5 de xuño

Portos de Galicia mantén aberta ata o vindeiro 5 de xuño a convocatoria para a presentación de solicitudes de utilización de varios departamentos para armadores no porto de Malpica de Bergantiños (peirao sur-depuradora).

Pode consultarse máis información sobre a documentación necesaria para presentar as solicitudes, orde de prioridade, tipos de actividade e outros requisitos, neste documento:

25Mai 2022

Coloquio sobre sexualidade na infancia e adolescencia no CEIP Joaquín Rodríguez Otero, en Buño

O encontro estará conducido pola educadora social Malaika Cousillas e terá lugar o luns 6 de xuño ás 16.15 horas

A biblioteca do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño acollerá o luns 6 de xuño ás 16.15 horas un coloquio sobre sexualidade na infancia e a adolescencia. A actividade será conducida pola educadora social Malaika Cousillas, con máis de 10 anos de experiencia en infancia, mocidade e familias.

No encontro abordaranse algunhas claves para superar os obstáculos que xorden no ámbito familiar e/ou escolar á hora de falar de sexualidade, unha cuestión que en ocasións aínda esperta moita preocupación e vergoña.

Así, o obradoiro intentará achegar algunhas respostas a preguntas complexas de resolver: como falar deste asunto para que nenos/as e adolescentes nos escoiten? E como conseguir que nos conten as dificultades e medos aos que se van enfrontando?

Deste xeito, no coloquio explicarase en profundidade onde aprenden nenos/as e adolescentes sobre sexualidade, como conseguir que se desenvolvan relacións afectivo-sexuais saudables e positivas, e como desterrar os mitos que persisten arredor da sexualidade.

A actividade está dirixida a familias e persoal educativo da comarca, e a entrada é de balde ata completar aforo.

24Mai 2022

As Escolas Municipais de Patinaxe de Malpica celebran unha exhibición este venres 27 en Buño

A actividade comezará ás 16 horas no pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero

O pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño acollerá este venres 27 de maio unha exhibición das Escolas Municipais de Patinaxe do Concello de Malpica de Bergantiños.

Os e as deportistas demostrarán as súas habilidades na pista a partir das 16 horas. A entrada á actividade será libre.

Página 30 de 157« Primera...1020...2829303132...405060...Última »