Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

6Dec 2021

O rock regresou a Malpica por todo o alto

Agrupacións locais e internacionais actuaron no festival organizado pola Concellaría de Turismo e Festexos, coa colaboración do veciño Manu Ferreiro

O rock regresou a Malpica tempo despois da man da Concellaría de Turismo e Festexos e coa colaboración do veciño Manu Ferreiro. Organizou o festival Malpica Rock no que actuaron agrupacións locais e internacionais.

A cita celebrouse este sábado á noite na rúa principal do centro urbano, a Vila Fano. Foron moitos os veciños que, pese ó mal tempo característico destas datas, se animaron a gozar da boa música. Unha carpa colocada polo Concello serviu de moita axuda neste sentido.

Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho deleitaron ós asistentes coas súas interpretacións. Esta música xa ten o seu percorrido na localidade, con eventos consolidados como referentes a nivel galego.

Seguimos traballando para dinamizar a vila da vida na Costa da Morte! Foi a antesala do Nadal, datas para as que xa hai programadas numerosas actividades.

2Dec 2021

O Festival Malpica Rock encherá de música o centro neurálxico do pobo este sábado

Actuarán na cita organizada polo Concello grupos locais e internacionais

Malpica, a 2 de decembro do 2021

A Concellaría de Turismo e Festexos de Malpica ten preparado para este sábado o festival Malpica Rock. Haberá representación de grupos locais pero, tamén, internacionais. A iniciativa arrancará a partir das 21:30 horas na Rúa Vila Fano, centro neurálxico da vila.

Forman o cartel as agrupacións Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho. O mal tempo, en caso de habelo, non será un inconveniente, recordan dende o Concello, pois haberá unha carpa preparada. O ambiente está asegurado e axudará a dinamizar distintos negocios do núcleo.

O pobo malpicán segue, así, sendo fiel a esta música que tantas boas celebracións trouxo á vila. “Non hai escusas para faltar!”, animan dende o departamento encargado da organización da cita.

30Nov 2021

O Concello de Malpica dispón de cinco prazas para a Campaña de neve da Deputación da Coruña

A actividade de esquí está dirixida a participantes de 12 a 15 anos e realizarase en xaneiro en Asturias

Ó Concello de Malpica de Bergantiños correspóndenlle cinco prazas (con preferencia para os empadroados) para a primeira quenda da Campaña de neve da Deputación da Coruña, que transcorrerá dende o día 14 ao 17 do próximo mes de xaneiro. A actividade celebrarase na estación de Valgrande-Pajares (Asturias).

O prazo de inscrición remata o 14 de decembro. As idades dos participantes serán de 12 a 15 anos inclusive, cumpridos a 31 de decembro do 2021. A cota de participación é de 85 euros. Os interesados poden consultar máis información en www.dicoruna.es/deportes/actividades ou no Departamento de Deportes do Concello de Malpica de Bergantiños.

27Nov 2021

Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica

O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente

Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica. O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente.

Dende o próximo luns, 29 de novembro, ata o venres, 3 de decembro, recolleranse porta a porta este tipo de residuos, que inclúen ata oito tipoloxías:

  • Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
  • Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
  • Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…
  • Bombillas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
  • Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, tostadores, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
  • Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
  • Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
  • Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

Son residuos que, debido ás súas características ou perigosidade, necesitan dunha recollida especial. “Todo xunto é lixo. Por separado, son recursos. Aproveitemos os nosos bens”, trasladan dende o consistorio malpicán.

A continuación, relátanse as rutas que se farán cada un dos días:

  • Luns 29 de novembro: Aviño, Cambre, Pedrosa-A Tremoa e Rabuceiras.
  • Martes 30 de novembro: A Raxeira, Brión, O Castro, Feira Nova, Vilar, O Empalme e A Camposa.
  • Mércores 1 de decembro: O Piñeiro, Rúa Costa, Rúa Santa Catalina (vivendas con números pares), Rúa Forno Novo, Rúa Santa Filomena (vivendas con números pares) e Rúa Xaviña.
  • Xoves 2 de decembro: Rúa Nova, Rúa Santa Filomena (vivendas con números impares), Rúa Gaio, Praza Cruceiro, Rúa Costa, Rúa Boavista, Rúa Santa Catalina (vivendas con números impares), Rúa Piñeiro, Buño, Aldeola, O Ceán, A Lagoa e Loroxo.
  • Venres 3 de decembro: Pozacas-Leduzo, Taraio, Cerqueda e Pasacondía-Aldeola.

A empresa Collecting Oil será a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Podes contactar coa empresa a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com. O Concello de Malpica anima ós veciños e ás veciñas a participar nesta iniciativa.

27Nov 2021

Os Quinquilláns achegaron a Rosalía de Castro ao Centro Cívico de Malpica

Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu a última hora da tarde deste venres a representación “A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns. Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello.

O espectáculo versou sobre liberdade e igualdade a partir de textos da célebre Rosalía de Castro. Está baseado nun feito real de censura á obra da escritora galega.

Próxima cita

A programación continuará o sábado, no espazo e horario habituais (Centro Cívico, 20.30 horas), con “Bravas”, de Isabel Risco. Trátase dunha produción que xira sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valoroso clan, o clan que elas mesmas paren, aleitan, manteñen, constrúen cos piares da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.

Dende o consistorio recordamos que, debido á pandemia, o aforo é limitado, polo cal os interesados en asistir deberán reservar a entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto. Colabora nesta iniciativa a Deputación da Coruña: @DACCultura, en Twitter, e facebook.com/Culturadac

23Nov 2021

O Concello de Malpica rexistra 9 casos de covid-19 a 23 de novembro

Hai un positivo máis respecto ao pasado martes, día 16

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 9 casos de covid-19 a día de hoxe, 23 de novembro. Hai un positivo máis respecto ao pasado martes, día 16.

Dende o consistorio pedimos prudencia a todos os veciños e veciñas para deter a pandemia. Do mesmo xeito, recordamos que, se estás contaxiado e precisas axuda, non dubides en poñerte en contacto coa área de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 720 280 ou con Protección Civil de Malpica a través dos números 661 626 166 e 693 400 673. Recorda que no Concello malpicán temos concellaría de Sanidade!

21Nov 2021

Actos en Malpica polo 25N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Lerase un manifesto e levarase a cabo un coloquio con dous invitados de altura

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia cara a Muller, a Concellaría de Igualdade de Malpica ten preparada unha campaña de sensibilización que anima á cidadanía a intervir contra a violencia de xénero e a reflexionar sobre esta lacra social.

Celebraranse dúas actividades ao longo do 25 de novembro:

  • Lectura do manifesto ás doce da  mañá na praza Anselmo Villar Amigo.
  • Coloquio con dous invitados de altura, David Kaplún e Ana Saavedra, ás seis da tarde no Centro Comarcal de Buño.

O 25N céntrase na homenaxe a todas as mulleres asasinadas e en solidariedade con aquelas que sofren a violencia machista, reivindicando o dereito de mulleres e nenas a unha vida libre de violencia e en igualdade. Durante o coloquio, profundarase nunha análise da sociedade e do proceso de socialización para comprender por que se perpetúan estereotipos e roles e por que se lexitima a discriminación cara as mulleres.  Con esta charla queremos “invitar ás mulleres e homes do municipio a acudir ao centro comarcal para charlar de xeito ameno e reflexionar sobre a necesidade de visibilizar e erradicar dunha vez os comportamentos machistas e patriarcais”.

O acto contará coa participación de dous referentes a nivel estatal en materia de xénero e igualdade:

  • Ana Saavedra, sobrevivinte de violencia de xénero e presidenta da Asociación Mirabal, recentemente galardoada ca Medalla Emilia Pardo Bazán.
  • David Kaplún, membro da Asociación de Homes pola Igualdade de Xénero, antropólogo, documentalista, investigador e experto en xénero, diversidade cultural e violencia, tanto en España como na América Latina.

A entrada será libre ata completar o aforo. A ambos actos asistirán o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Igualdade, María Soledad Blanco.

20Nov 2021

Cheo en Malpica coa cuarta representación da Mostra de Teatro do Concello

“Liberto” atrapou aos asistentes coa súa valente historia

A XVII Mostra de Teatro do Concello de Malpica está a resultar todo un éxito. A cuarta entrega, coa representación de “Liberto”, rexistrou un cheo absoluto no auditorio do Centro Cívico.

Celebrouse, como é habitual, a última hora deste venres, 19 de novembro. A historia representada, sobre o difícil nacemento dun fillo experimentado por unha das protagonistas, Ada, atrapou aos asistentes de principio a fin.

A cargo da compañía Rebordelos S. L., Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao trasladaron, con música en directo, que o amor pode manifestarse de múltiples formas, pero sempre esixe valentía.

Próxima cita

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, que conta coa colaboración da área de cultura da Deputación da Coruña para levar a cabo esta programación (contas sociais @DACCultura, en Twitter, e facebook.com/Culturadac), xa avanza a que será a quinta cita, o próximo venres, ás 20.30 horas, no auditorio do Centro Cívico. “A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns, versará sobre liberdade e igualdade a partir de textos da célebre Rosalía de Castro. Está baseada nun feito real de censura á obra da escritora galega.

Dende o Concello recordamos que o aforo é limitado, polo que as persoas interesadas en acudir poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com. Deberán indicar o nome e os apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.

20Nov 2021

Malpica explorou sobre a zamborca e a saboga

A confraría de pescadores, co apoio da concellaría de Cultura, organizou unha xornada divulgativa sobre estas especies mariñas

A confraría de pescadores de Malpica acolleu onte, venres 19 de novembro, á tarde unha xornada divulgativa sobre a zamborca e a saboga, dúas especies mariñas coñecidas máis tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Alí expúxose o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago e en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño.

O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón, ambos da USC, afondaron no tema ante os asistentes, entre os que destacou o patrón maior de Malpica, Pedro Pérez.

Organizou a confraría de pescadores co apoio da concellaría de Cultura co obxectivo de visibilizar a función social, educativa, histórica e científica que desenvolve o sector. Este estudo está financiado polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.

20Nov 2021

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Malpica, en colaboración coas entidades culturais e deportivas e cos centros educativos da localidade, avanza unha parte do programa de actividades que ten preparado para este Nadal

Polo momento xa hai definidos un concurso de debuxo e pintura e un mercado de artesanía

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes e as asociacións malpicanas comezan a concretar as actividades para o Nadal. O pasado sábado, día 13 de novembro, a concelleira deste departamento, Noelia Freijeiro, mantivo unha xuntanza coas entidades culturais e deportivas do municipio para preparar as actividades de cara a estas datas sinaladas na localidade. Froito desta reunión, tanto o Concello como as asociacións xa se puxeron en marcha para concretar diferentes iniciativas.    

A primeira delas será o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal que se realizará coa colaboración dos centros de ensino de infantil e primaria do Concello de Malpica, que son o CEIP Milladoiro, o CEIP Joaquín Rodríguez Otero e o CRA A Nosa Señora do Faro. Desta maneira, o alumnado dos tres colexios elaborará, entre o próximo luns, 22 de novembro, e o martes 30 deste mesmo mes, os traballos para este concurso. Este último día ás 13.00 horas xuntarase o xurado composto pola concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes e unha representación de cada centro para escoller as obras gañadoras. Haberá tres premios, que son os seguintes:       

• Premio ao cartel, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora no cartel e nos folletos de Nadal.           

• Premio ao Saúda de Prensa de Nadal, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora no Saúda de prensa (nos distintos medios de comunicación).      

• Premio Saúda Dixital, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora nos saúdas das redes sociais.           

A segunda proposta que está definida é o Mercado de Artesanía de Nadal, que se celebrará o sábado 18 e o domingo 19 de decembro no Mercado Municipal, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas. Durante a celebración do mesmo, está previsto que se superen os vinte postos e, así mesmo, haberá diferentes actuacións musicais. Ce Orquestra, os Cabezudos dos Viqueiras de Ordes e diversos grupos de música tradicional serán só algúns dos protagonistas. Pero aínda haberá tempo para máis actividades, entre as cales non faltará a visita do apalpador e numerosos obradoiros como macramé para adultos e cestería para nenos, entre outros moitos.        

Ademais, durante o Nadal, o Concello de Malpica e as asociacións organizarán moitas máis accións nas que xa están a traballar. É o caso das tradicionais visitas do Carteiro Real e de Papá Noel, dunha Foliada de Cantos de Nadal, festas infantís, Cabalgata de Reis e actividades deportivas, entre outras propostas.

Página 34 de 149« Primera...1020...3233343536...405060...Última »