Cheo en Malpica coa cuarta representación da Mostra de Teatro do Concello
“Liberto” atrapou aos asistentes coa súa valente historia
A XVII Mostra de Teatro do Concello de Malpica está a resultar todo un éxito. A cuarta entrega, coa representación de “Liberto”, rexistrou un cheo absoluto no auditorio do Centro Cívico.
Celebrouse, como é habitual, a última hora deste venres, 19 de novembro. A historia representada, sobre o difícil nacemento dun fillo experimentado por unha das protagonistas, Ada, atrapou aos asistentes de principio a fin.
A cargo da compañía Rebordelos S. L., Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao trasladaron, con música en directo, que o amor pode manifestarse de múltiples formas, pero sempre esixe valentía.
Próxima cita
A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, que conta coa colaboración da área de cultura da Deputación da Coruña para levar a cabo esta programación (contas sociais @DACCultura, en Twitter, e facebook.com/Culturadac), xa avanza a que será a quinta cita, o próximo venres, ás 20.30 horas, no auditorio do Centro Cívico. “A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns, versará sobre liberdade e igualdade a partir de textos da célebre Rosalía de Castro. Está baseada nun feito real de censura á obra da escritora galega.
Dende o Concello recordamos que o aforo é limitado, polo que as persoas interesadas en acudir poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com. Deberán indicar o nome e os apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.