Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

13Nov 2021

Malpica é a capital do surf nacional e galego esta fin de semana

O Concello de Malpica convértese esta fin de semana na capital do surf. A praia de Area Maior acolle estes días as probas da Liga Galega e o Campionato Nacional de Longboard.

A praia malpicá foi o escenario escollido para levar a cabo este sábado e domingo, 13 e 14 de novembro, a 4ª Proba do Circuíto Nacional de Longboard e a 2ª Proba Liga Galega Open, Máster e Sub 18 Longboard.

O evento está organizado pola Federación Galega de Surf, Federación Española de Surf e a escola local One Surf Academy, e colaboran o Concello de Malpica , Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Esta gran cita co surf estaba programada inicialmente para celebrarse a finais do pasado mes de outubro, pero debido ás condicións climatolóxicas e do mar tivo que ser aprazada ata o día de hoxe. Desta volta o tempo si acompañou ás e aos participantes das probas e permitiu que moitos espectadores se achegase ata a praia de Area Maior para presenciar o espectáculo.

12Nov 2021

A obra “Os Nenos da Variola” marcaron a terceira xornada da Mostra de Teatro en Malpica

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu na tarde deste venres 12 de novembro a terceira xornada da XVII Mostra de Teatro.

O público malpicán puido gozar da representación desta obra de teatro da compañía Pérez & Fernández. Trátase dunha adaptación á escena da novela de María Solar, “​Os Nenos da Variola​”, na que as e os asistentes, puideron

achegarse un pouco á vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que se converteron en heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Unha expedición que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

A seguinte cita desta edición da Mostra de Teatro, organizada polo Concello de Malpica coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña, será o vindeiro venres 19 de novembro coa representación de “Liberto”, da compañía Rebordelos S.L. Coñeceremos a través desta función a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.´

Ao igual que en todas as funcións da Mostra de Teatro, a de “Liberto” dará comezo ás 20:30 horas e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas en asistir, poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva. 

9Nov 2021

O Concello de Malpica tamén vai “DE FRONTE á violencia de xénero”

De novo e un ano máis, o Concello de Malpica adhírese á campaña impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña: “DE FRONTE á violencia de xénero” con motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

No marco desta campaña ofértanse diversas actividades e talleres virtuais nos que se abordan cuestións de gran interese tanto para os profesionais que traballan no seu día a día con mulleres, como para toda a cidadanía. Dende o Concello de Malpica queremos animar a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades programadas e ir De Fronte á violencia de xénero.

Amais, dende a Área de Igualdade do concello están a ultimarse os detalles para celebrar outro acto realizado por expertos e especialistas que traballan a diario con mulleres que sufriron violencia de xénero. Nos próximos días agardamos poder presentalo e convidar a toda a veciñanza a participar.

9Nov 2021

Este sábado celébrase unha nova edición da Cea das Letras

A xa consolidada Cea das Letras, organizada pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica celebrarase este vindeiro sábado 13 de novembro ás 20:30 horas.

Nesta cita gastronómica-cultural, que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, darase a coñecer o fallo do xurado do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

No acto, que que terá lugar na Casa da Cultura de Seaia, tamén se fará a presentación do libro “Na república da intimidade” de Ricardo Seixo. A Cea das Letras 2021 contará amais coas actuacións musicais das Cantareiras de A.C. Raigañas e Farrapos.

Todas as persoas interesadas en asistir á Cea das Letras, que ten un prezo de 20 euros, poden reservar praza chamando á Asociación Cultural Caldeirón no teléfono 649 507 285 ou ao Concello de Malpica no 981707104.

7Nov 2021

Inaugúrase a exposición “Trece luces na nosa costa” de Antonio Fernández

A exposición “Trece luces na nosa costa” de Antonio Fernández xa se pode visitar no Centro Cívico de Malpica logo de que esta tarde quedase inaugurada.

No acto estivo presente Xosé Regueira vicepresidente da Deputación de A Coruña, o Alcalde Malpica, Eduardo Parga Veiga e o artista Antonio Fernández. Eduardo Parga agradeceu a xentileza do autor “por ofrecernos esta exposición fotográfica dos faros da nosa costa, empregando unha técnica singular: o destello” así como tamén, por deixar que “a nosa localidade acolla a mostra para deleitarnos con parte do noso patrimonio” como son os faros. O Alcalde de Malpica tamén eloxiou a figura de Antonio Fernández e destacou o seu vencello con Malpica.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación de A Coruña destacou que grazas ás fotografías de Antonio Fernández “sempre se descobre unha cousa nova e sempre se acaba vendo algo máis” pois “Antonio ten a capacidade de mostrarnos realidades que están ocultas”.

No acto de inauguración de “Trece luces na nosa costa” tamén estiveron presentes alcaldes da zona como Evencio Ferrero do Concello de Carballo e José Manuel López do Concello de Laracha, e pechou a presentación a música de Miguel Anxo Calvo, O´Mighelo co seu acordeón.

“Trece luces na nosa costa”

A exposición fotográfica de Antonio Fernández permite descubrir dun xeito diferente todos os segredos e historias que agochan os faros da nosa costa como parte importante do noso patrimonio.

Fernández é un mestre xubilado que conta no seu haber con seis premios de diferentes certames, malia que se iniciou neste mundo da fotografía de xeito tardío. 

No acto de inauguración desta tarde, Antonio Fernández ensinoulles aos presentes a técnica que emprega para realizar as fotos que se recollen na exposición.

A mostra fotográfica poderase visitar ata o vindeiro 10 de decembro no Centro Cívico de Malpica de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 15.30 a 20.00 horas.

30Out 2021

O Centro Cívico acollerá a exposición fotográfica ‘Trece luces na nosa costa’ a partir do 6 de novembro

A Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do Concello de Malpica, en colaboración coa Deputación da Coruña, acaba de anunciar a exposición fotográfica ‘Trece luces na nosa costa’, de Antonio Fernández.

O acto de inauguración da mostra realizarase o sábado 6 de novembro ás 19:00 horas no Centro Cívico. As pezas permanecerán expostas desde ese mesmo día ata o 10 de decembro. O horario de visitas será de luns a venres de 10.00 a 13:30 e de 15:30 a 20:00 horas.

A través desta serie de imaxes, Antonio Fernández, mestre xubilado, trata de contar a historia dos faros da Costa da Morte e a evolución da súa función ao longo do anos. O autor conta con seis premios en diferentes certames que poñen de manifesto a calidade do seu traballo.

A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, anima a toda a veciñanza “a coñecer a historia do noso patrimonio a través dunha colección fotográfica que recolle esa aura especial que rodea os faros da nosa comarca”.

28Out 2021

O Concello de Malpica destina 20.000 euros para axudas a entidades sen ánimo de lucro do municipio

O Concello de Malpica destina unha partida de 20.000 euros en axudas para entidades sen ánimo de lucro do municipio co obxectivo de dinamizar o asociacionismo e a cultura entre a veciñanza.

As bases reguladoras xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do martes 26 de outubro. A convocatoria abrirase nos vindeiros días e deberá tramitarse a través do Rexistro Electrónico na seguinte ligazón: https://sede.malpicadebergantinos.es/opencms/gl/.

Deste xeito, subvencionaranse todo tipo de actividades culturais que se realicen no ámbito xeográfico do municipio, así como gastos de funcionamento de entidades culturais con sede no Concello. “Trátase dunha convocatoria dunha enorme importancia para o tecido asociativo do municipio e, por extensión, para as opcións de ocio e cultura da nosa veciñanza”, explicou a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro. Neste sentido, asegurou que “un dos principais obxectivos do goberno local é potenciar o sector cultural do noso municipio xa existente e seguir ampliando a base para acoller ao maior número de persoas posible”, engadiu.

Os anexos necesarios para tramitar a solicitude pódense descargar a través destas ligazóns:

Anexo I: https://bit.ly/3CjPqLf

Anexo II: https://bit.ly/3bn60hv

Modelo Orzamentos: https://bit.ly/3pHKBrH

Modelo Memoria Actividades: https://bit.ly/3Gw8BE8

Bases dispoñibles en https://bit.ly/3pHKXyx.

26Out 2021

O Concello de Malpica e a Asociación Salitre recadan máis de 2.000 euros para a illa de La Palma co concerto benéfico ‘Isla Bonita’

O Concello de Malpica a e Asociación Cultural e Deportiva Salitre lograron recadar un total de 2.075 euros a través da celebración do concerto benéfico ‘Isla Bonita’ o pasado 23 de outubro. A axuda destínase a asociacións animalistas da illa de La Palma, que segue a estar afectada pola erupción do volcán de Cumbre Vieja.

O evento, que tivo lugar en Canido, contou coa participación dunha ducia de bandas de Malpica e doutras zonas da provincia da Coruña. Entre os grupos e artistas convidados estiveron o Mago Carlangas, Meigallo da ACD Carcaxía, Gaiteiros da AC Malante, Salitre no Pupitre, Xurxo Souto, O Pau Ke Vira, Juampiños, Improvisóns, Cantareiras da AC Raigañas, Las Antonias, Amenaza de Muerte e DJ SIL.

Tanto o Concello como a Asociación Salitre queren trasladar o seu agradecemento ás máis de vinte entidades e empresas colaboradoras na causa, entre as que se atopan Super MM, Aliprox, Tenda da Tía Carmen, Librería Miguens, Cartafol, Comestibles Varela, Carnicería Lola, Carnicería Moncho, Panadería La Trigalia, Panadería Forno Novo, Adozarte, Restaurante Casa Antonio, Submarino, Bar Santiago Apóstol, A Taberna do Lesto, Bar Humboldt, Cafetería Don Paco, Bar Larada, Bar Dársena, Club Patín Velúa, ACD San Xulián e UD Cerqueda. Tamén a F3 Vídeo e Damián Varela, encargados de cámara e fotografía, así como a Rakelua Coiro e Fátima Bermúdez, do apartado de decoración.

Neste sentido a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, estendeu “a gratitude de todo o goberno local a todas as veciñas, veciños e visitantes que se achegaron a Canido nunha xornada coa que se pretendeu aportar un pequeno grao de area co que facilitar a recuperación económica nunha situación dramática para centenares de familias”.

“Malpica acaba de demostrar unha vez máis a súa profunda solidariedade e implicación cunha causa que non obedece a factores xeográficos, senón que se corresponde cun xesto de apoio humanitario”, destacou.

(Imaxes cedidas por Damián Varela)

26Out 2021

O Concello de Malpica, a través da Deputación, destinou máis de 17.000 euros para a contratación da brigada de limpeza de praias no 2021

O Concello de Malpica, a través da Deputación da Coruña, destinou 17.297 euros para a contratación da brigada de limpeza de praias durante a tempada estival do ano 2021

A brigada de limpeza de praias estivo composta por 8 peóns e estivo operativa do 23 de xuño ata o 6 de setembro de 2021.

Esta actuou en tódalas praias do Concello de Malpica: Area Maior, Canido, Seaia, Beo, Seiruga, Barizo, Riás, San Miro e As Torradas.

Malpica é un dos principais destinos turísticos da Costa da Morte sendo beneficiarios desta brigada de limpeza de praias todos os veciños e veciñas do Concello, os visitantes e turistas que nos honraron coa súa presenza durante a tempada estival e que puideron contemplar a excelencia das nosas praias e a súa protección medioambiental.

Página 35 de 148« Primera...102030...3334353637...405060...Última »