Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Malpica, en colaboración coas entidades culturais e deportivas e cos centros educativos da localidade, avanza unha parte do programa de actividades que ten preparado para este Nadal

20Nov 2021

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Malpica, en colaboración coas entidades culturais e deportivas e cos centros educativos da localidade, avanza unha parte do programa de actividades que ten preparado para este Nadal

Polo momento xa hai definidos un concurso de debuxo e pintura e un mercado de artesanía

A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes e as asociacións malpicanas comezan a concretar as actividades para o Nadal. O pasado sábado, día 13 de novembro, a concelleira deste departamento, Noelia Freijeiro, mantivo unha xuntanza coas entidades culturais e deportivas do municipio para preparar as actividades de cara a estas datas sinaladas na localidade. Froito desta reunión, tanto o Concello como as asociacións xa se puxeron en marcha para concretar diferentes iniciativas.    

A primeira delas será o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal que se realizará coa colaboración dos centros de ensino de infantil e primaria do Concello de Malpica, que son o CEIP Milladoiro, o CEIP Joaquín Rodríguez Otero e o CRA A Nosa Señora do Faro. Desta maneira, o alumnado dos tres colexios elaborará, entre o próximo luns, 22 de novembro, e o martes 30 deste mesmo mes, os traballos para este concurso. Este último día ás 13.00 horas xuntarase o xurado composto pola concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes e unha representación de cada centro para escoller as obras gañadoras. Haberá tres premios, que son os seguintes:       

• Premio ao cartel, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora no cartel e nos folletos de Nadal.           

• Premio ao Saúda de Prensa de Nadal, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora no Saúda de prensa (nos distintos medios de comunicación).      

• Premio Saúda Dixital, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora nos saúdas das redes sociais.           

A segunda proposta que está definida é o Mercado de Artesanía de Nadal, que se celebrará o sábado 18 e o domingo 19 de decembro no Mercado Municipal, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas. Durante a celebración do mesmo, está previsto que se superen os vinte postos e, así mesmo, haberá diferentes actuacións musicais. Ce Orquestra, os Cabezudos dos Viqueiras de Ordes e diversos grupos de música tradicional serán só algúns dos protagonistas. Pero aínda haberá tempo para máis actividades, entre as cales non faltará a visita do apalpador e numerosos obradoiros como macramé para adultos e cestería para nenos, entre outros moitos.        

Ademais, durante o Nadal, o Concello de Malpica e as asociacións organizarán moitas máis accións nas que xa están a traballar. É o caso das tradicionais visitas do Carteiro Real e de Papá Noel, dunha Foliada de Cantos de Nadal, festas infantís, Cabalgata de Reis e actividades deportivas, entre outras propostas.