Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica
O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente

Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica. O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente.
Dende o próximo luns, 29 de novembro, ata o venres, 3 de decembro, recolleranse porta a porta este tipo de residuos, que inclúen ata oito tipoloxías:
- Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
- Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
- Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…
- Bombillas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
- Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, tostadores, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
- Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
- Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
- Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…
Son residuos que, debido ás súas características ou perigosidade, necesitan dunha recollida especial. “Todo xunto é lixo. Por separado, son recursos. Aproveitemos os nosos bens”, trasladan dende o consistorio malpicán.
A continuación, relátanse as rutas que se farán cada un dos días:
- Luns 29 de novembro: Aviño, Cambre, Pedrosa-A Tremoa e Rabuceiras.
- Martes 30 de novembro: A Raxeira, Brión, O Castro, Feira Nova, Vilar, O Empalme e A Camposa.
- Mércores 1 de decembro: O Piñeiro, Rúa Costa, Rúa Santa Catalina (vivendas con números pares), Rúa Forno Novo, Rúa Santa Filomena (vivendas con números pares) e Rúa Xaviña.
- Xoves 2 de decembro: Rúa Nova, Rúa Santa Filomena (vivendas con números impares), Rúa Gaio, Praza Cruceiro, Rúa Costa, Rúa Boavista, Rúa Santa Catalina (vivendas con números impares), Rúa Piñeiro, Buño, Aldeola, O Ceán, A Lagoa e Loroxo.
- Venres 3 de decembro: Pozacas-Leduzo, Taraio, Cerqueda e Pasacondía-Aldeola.
A empresa Collecting Oil será a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Podes contactar coa empresa a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com. O Concello de Malpica anima ós veciños e ás veciñas a participar nesta iniciativa.