Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

8Dec 2021

Malpica acende a iluminación de Nadal

Esta semana acabarán de instalarse as luces nas parroquias


O Concello de Malpica acendeu hoxe a iluminación de Nadal. Esta semana acabarán de instalarse as luces nas parroquias. Son moi variadas e mesmo 3D moitas delas.


Dende o consistorio malpicán, e concretamente dende a Concellaría de Servizos, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Rural, Mar, Turismo e Festexos con Alfredo Cañizo á fronte, somos conscientes de que estas datas serán máis especiais, se cabe, logo dun ano que esta festividade estivo moi condicionada pola chegada do coronavirus. Por iso queremos contribuír a dinamizar o pobo para apoiar aos distintos sectores económicos nestas festas de importante actividade.

Bo Nadal a todos, con sentidiño!

7Dec 2021

Continúa a campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica”

Hai vinte e cinco negocios adheridos e sortéanse cinco vales de 100 euros cada un deles

Segue en marcha a campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica” da man da Concellaría de Promoción Económica, Emprego e Comercio, dirixida por Pilar Doldán. O funcionamento é o seguinte: hai vinte e cinco negocios adheridos, nos cales por cada 20 euros de compra, poderás optar a un vale de 100 euros para gastar nos mesmos. Sortéanse cinco tarxetas en total e remata o 6 de xaneiro. Aproveita para mercar no pobo!

Toma nota dos establecementos nos que poderás aspirar a facerte con ese gran agasallo económico: Administración de Loterías Pedra Douro, Almacenes Armas, Alverixa, Asfeco Asesores, A Tenda de Vera,  A Tenda de Carmen, Calzados LC, Elemoba, Estanco Vanessa Varela Morales, Estanco Visi, Farmacia Ana Fernández Viñas, Farmacia Atlántico, Floristería Lolita, Gemma Chouciño Estética, Joyería Pallas, Librería Casa Pardo, Librería Miguens, Lolas, Peluquería Ana Ures, Peluquería Cristal, Peluquería Isabel, Peluquería Marta, Peluqueria Spellos, Teresiña de Facal e Torrado Anido SL.

7Dec 2021

Dezanove casos de covid en Malpica a día 7 de decembro

Os veciños e as veciñas afectad@s poden solicitar axuda a través de varios teléfonos

Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, o noso municipio rexistra 19 casos activos de covid-19 a día de hoxe, 7 de decembro.

Dende o Concello de Malpica pedimos prudencia a todos os veciños e as veciñas para deter a pandemia.

Do mesmo xeito, recordamos que, se estás contaxiado e precisas axuda, non dubides en poñerte en contacto coa área de Servizos Sociais no teléfono 981 720 280 ou con Protección Civil a través dos números 661 626 166 e 693 400 673.

Recorda que temos Concellaría de Sanidade.

6Dec 2021

Nova recollida de residuos urbanos especiais esta semana

Comeza mañá, martes 7 de decembro, e haberá dous días máis de percorrido polas casas

A empresa Collecting Oil levará a cabo unha nova recollida de residuos urbanos especiais no Concello de Malpica esta semana. O percorrido polas casas comeza mañá, martes 7 de decembro. Estes son os lugares que inclúe o primeiro traxecto: Porto do Fondo, As Casas Novas, Mens, O Miñón, Asalo, Bocelo e Badarra.

O xoves continuarán por Filgueira, A Fonte dos Bois, Seixas, Vilarnovo, Piñeiros, Rúa Ventorrillo, Pedra Queimada, As Neves, A Camuza, Travesía I A Camuza A. A última xornada será o venres nas rúas Ventorrillo, Escorial e Emilio González López.

Promove esta iniciativa a Concellaría de Turismo, Festexos, Policía e Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Medio Rural, Mar e servizos, con tenente alcalde Alfredo Cañizo á fronte.

Esta recollida inclúe ata oito tipoloxías de residuos:

  • Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
  • Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
  • Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…
  • Bombillas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
  • Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, tostadores, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
  • Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
  • Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
  • Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

O día da ruta, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Pódese contactar coa empresa responsable a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com.

6Dec 2021

Malpica vibrou con “Pinocchio” e “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”

A 17ª Mostra de Teatro do Concello chegará o próximo venres ó seu fin

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu durante esta fin de semana dúas obras incluídas na 17ª Mostra de Teatro do Concello.

O venres foi a quenda de “Pinocchio”, da compañía Teatro Ghazafelhos. Foi unha representación musical na que o monicreque universal encheu ó público de risa e emoción. Da man de Pepablo Patinho, Montse Piñón, Jorge Casas, Paty Lesta e Cristian Leggiero viviuse unha tarde-noite de aventura que marabillou ás familias malpicás.

“Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas, en coprodución co Centro Dramático Galego, chegou o sábado. Este espectáculo, dirixido e interpretado por Mª Ángeles Iglesias, abordou temas como a sexualidade, a parella, os soños, as frustracións, os desexos e as fantasías da muller. Convidou, así, ás espectadoras a reflexionar sobre normas ou parámetros establecidos que se fan propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con cada persoa.

Esta última obra está subvencionada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña-Teatro en Igualdade. A concelleira de Igualdade en Malpica, Marisol Blanco, non a quixo perder. Mesmo conversou coa directora e protagonista e mercou o libro que recolle o guión da obra.

Próxima cita

A próxima e última cita será o vindeiro venres con “Vida de cans”, de Talía Teatro (auditorio do Centro Cívico a partir das 20:30 horas). Esta iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, conta cun aforo limitado debido á pandemia, polo que é necesario reservar as entradas (gratuítas) en auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto.

6Dec 2021

O rock regresou a Malpica por todo o alto

Agrupacións locais e internacionais actuaron no festival organizado pola Concellaría de Turismo e Festexos, coa colaboración do veciño Manu Ferreiro

O rock regresou a Malpica tempo despois da man da Concellaría de Turismo e Festexos e coa colaboración do veciño Manu Ferreiro. Organizou o festival Malpica Rock no que actuaron agrupacións locais e internacionais.

A cita celebrouse este sábado á noite na rúa principal do centro urbano, a Vila Fano. Foron moitos os veciños que, pese ó mal tempo característico destas datas, se animaron a gozar da boa música. Unha carpa colocada polo Concello serviu de moita axuda neste sentido.

Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho deleitaron ós asistentes coas súas interpretacións. Esta música xa ten o seu percorrido na localidade, con eventos consolidados como referentes a nivel galego.

Seguimos traballando para dinamizar a vila da vida na Costa da Morte! Foi a antesala do Nadal, datas para as que xa hai programadas numerosas actividades.

2Dec 2021

O Festival Malpica Rock encherá de música o centro neurálxico do pobo este sábado

Actuarán na cita organizada polo Concello grupos locais e internacionais

Malpica, a 2 de decembro do 2021

A Concellaría de Turismo e Festexos de Malpica ten preparado para este sábado o festival Malpica Rock. Haberá representación de grupos locais pero, tamén, internacionais. A iniciativa arrancará a partir das 21:30 horas na Rúa Vila Fano, centro neurálxico da vila.

Forman o cartel as agrupacións Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho. O mal tempo, en caso de habelo, non será un inconveniente, recordan dende o Concello, pois haberá unha carpa preparada. O ambiente está asegurado e axudará a dinamizar distintos negocios do núcleo.

O pobo malpicán segue, así, sendo fiel a esta música que tantas boas celebracións trouxo á vila. “Non hai escusas para faltar!”, animan dende o departamento encargado da organización da cita.

30Nov 2021

O Concello de Malpica dispón de cinco prazas para a Campaña de neve da Deputación da Coruña

A actividade de esquí está dirixida a participantes de 12 a 15 anos e realizarase en xaneiro en Asturias

Ó Concello de Malpica de Bergantiños correspóndenlle cinco prazas (con preferencia para os empadroados) para a primeira quenda da Campaña de neve da Deputación da Coruña, que transcorrerá dende o día 14 ao 17 do próximo mes de xaneiro. A actividade celebrarase na estación de Valgrande-Pajares (Asturias).

O prazo de inscrición remata o 14 de decembro. As idades dos participantes serán de 12 a 15 anos inclusive, cumpridos a 31 de decembro do 2021. A cota de participación é de 85 euros. Os interesados poden consultar máis información en www.dicoruna.es/deportes/actividades ou no Departamento de Deportes do Concello de Malpica de Bergantiños.

27Nov 2021

Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica

O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente

Unha nova recollida de residuos urbanos especiais levarase a cabo a próxima semana en Malpica. O Concello segue a fomentar boas prácticas co medio ambiente.

Dende o próximo luns, 29 de novembro, ata o venres, 3 de decembro, recolleranse porta a porta este tipo de residuos, que inclúen ata oito tipoloxías:

  • Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
  • Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
  • Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a motor…
  • Bombillas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
  • Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, tostadores, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
  • Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
  • Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
  • Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

Son residuos que, debido ás súas características ou perigosidade, necesitan dunha recollida especial. “Todo xunto é lixo. Por separado, son recursos. Aproveitemos os nosos bens”, trasladan dende o consistorio malpicán.

A continuación, relátanse as rutas que se farán cada un dos días:

  • Luns 29 de novembro: Aviño, Cambre, Pedrosa-A Tremoa e Rabuceiras.
  • Martes 30 de novembro: A Raxeira, Brión, O Castro, Feira Nova, Vilar, O Empalme e A Camposa.
  • Mércores 1 de decembro: O Piñeiro, Rúa Costa, Rúa Santa Catalina (vivendas con números pares), Rúa Forno Novo, Rúa Santa Filomena (vivendas con números pares) e Rúa Xaviña.
  • Xoves 2 de decembro: Rúa Nova, Rúa Santa Filomena (vivendas con números impares), Rúa Gaio, Praza Cruceiro, Rúa Costa, Rúa Boavista, Rúa Santa Catalina (vivendas con números impares), Rúa Piñeiro, Buño, Aldeola, O Ceán, A Lagoa e Loroxo.
  • Venres 3 de decembro: Pozacas-Leduzo, Taraio, Cerqueda e Pasacondía-Aldeola.

A empresa Collecting Oil será a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Podes contactar coa empresa a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com. O Concello de Malpica anima ós veciños e ás veciñas a participar nesta iniciativa.

27Nov 2021

Os Quinquilláns achegaron a Rosalía de Castro ao Centro Cívico de Malpica

Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu a última hora da tarde deste venres a representación “A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns. Foi a quinta cita da 17ª Mostra de Teatro do Concello.

O espectáculo versou sobre liberdade e igualdade a partir de textos da célebre Rosalía de Castro. Está baseado nun feito real de censura á obra da escritora galega.

Próxima cita

A programación continuará o sábado, no espazo e horario habituais (Centro Cívico, 20.30 horas), con “Bravas”, de Isabel Risco. Trátase dunha produción que xira sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valoroso clan, o clan que elas mesmas paren, aleitan, manteñen, constrúen cos piares da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.

Dende o consistorio recordamos que, debido á pandemia, o aforo é limitado, polo cal os interesados en asistir deberán reservar a entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto. Colabora nesta iniciativa a Deputación da Coruña: @DACCultura, en Twitter, e facebook.com/Culturadac

Página 33 de 148« Primera...1020...3132333435...405060...Última »