Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

11Mai 2022

O Ecomuseo Forno do Forte acollerá un Laboratorio Artístico do que sairá unha nova peza representativa da Costa da Morte

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse nesta actividade impulsada pola asociación Costa da Morte- Terra Atlántica que se desenvolverá o 5 de xuño

O Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, acollerá en xuño unha iniciativa do Laboratorio Artístico para a creación dunha nova peza representativa dos valores da Costa da Morte. O día 5, ás 12.00 horas, dará comezo a proposta da Terra Atlántica que fundaméntase en conseguir crear unha obra que represente a Costa da Morte dende unha perspectiva artística.

Os interesados teñen de prazo para inscribirse ata ás 23.59 horas do 22 de maio a través da ligazón: LABORATORIO ARTÍSTICO.

Poderán participar todas aquelas persoas e colectivos artísticos ou artesáns maiores de idade. A participación no laboratorio farase por orde de inscrición e tendo en conta os criterios de selección. O número de participantes está limitado a 15 intervencións.

As persoas participantes farán unha intervención, en directo, da obra creada ou comisariada para este proxecto, tendo cabida propostas de artesanía e distintas disciplinas artísticas (encaixe, olería, pintura, escultura, etc). As/os artistas deberán crear a obra durante o tempo estipulado do Laboratorio formando parte dun evento da Marca, co estilo, técnica e dimensións de libre elección.

Desde o Concello de Malpica apoiase esta iniciativa que ten como obxectivo apoiar a cultura e a artesanía da nosa terra a través da creatividade e innovación artística.

10Mai 2022

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Malpica recibiu hoxe nove Condecoracións na cerimonia da Academia Galega de Seguridade Pública

Foron recoñecidos coa medallas de Mérito e Recoñecemento á Antigüidade e a Constancia nas categorías de Bronce, Prata e Ouro

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Malpica recibiu hoxe nove Condecoracións na cerimonia da Academia Galega de Seguridade Pública. Foron recoñecidos coa medallas de Mérito e Recoñecemento á Antigüidade e a Constancia nas categorías de Bronce, Prata e Ouro.O acto, que se cebebrou na Estrada, tamén asistiu o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de obras, Miguel Ángel Fernández.

Foron recoñecidos coa medallas de Mérito e Recoñecemento á Antigüidade e a Constancia nas categorías de Bronce, Prata e Ouro. Na categoría de Bronce con distintivo branco foi recoñecido David Varela Abelenda; e con distintivo laranxa Carlos Antonio Formoso Canto e Marco Antonio Ures García.

Na categoría de Prata con distintivo vermello a medalla foi entregada a Eduardo Rubén Díaz García e Iván Lema Botana.Na categoría de Ouro recibiron medallas distintivas Emilio Sayans Bonachera, Daniel Vázquez Añón, José Antonio Alfeirán Regueira e Adrián Verdes Suárez.

Moitos parabéns e grazas polo voso traballo, esforzo e compromiso a prol da seguridade e a asistencia en urxencias na nosa vila.

10Mai 2022

A obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas” será presentada este venres en Malpica

O acto, englobado no programa de “Malpica nun mar de letras” estará protagonizado pola autora da obra premiada “Edénica”, Andrea Fernández

Este venres Andrea Fernández, autora da obra “Edénicas” gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas” estará na Casa do Pescador, presentando o seu libro.

Esta acción cultural, englobada na programación de “Malpica nun mar de letras” está organizada pola A. C. Caldeirón e se desenvolverá ás 19.00 horas.

Fernández acadou o recoñecemento na 16 edición deste premio literario convocado pola asociación Caldeirón e o Concello de Malpica. Recibiu o premio nun acto celebrado o pasado mes de novembro, no que o xurado escolleuna por unanimidade “polo seu sutil erotismo e pola súa luz poética” entre outros.

9Mai 2022

O Concello celebra as Letras galegas con actividades de “Malpica nun mar de letras 2022”

Ao longo do mes de maio os espazos públicos acolleran actividades literarias, exposicións, concertos e espectáculos

O Concello de Malpica celebrará o Día das Letras Galegas 2022 cunha serie de actividades que se desenvolverán en diferentes espazos baixo o lema “Malpica nun mar de letras 2022”. Nesta edición a figura homenaxeada é o autor en lingua galega Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987).

Desde o 2 ao 31 de maio a Biblioteca Municipal acollerá a exposición en torno á obra do poeta nacido na aldea Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. O autor destacou como poeta, pero tamén exerceu de articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector… Tras o golpe de estado de 1936 exiliouse a México.

Concerto didáctico

Este mércores Lidia Botana chegará co espectáculo De aquí para alá, que se representará no Auditorio do Centro Cívico. Un concerto didáctico que escoitan desde as 10.30 horas o alumnado do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e das escolas unitarias de Mens e Barizo, do CRA A Nosa Señora do Faro. Posteriormente, ás 12.15, as nenas e os nenos do CEIP Milladoiro pasaran a gozar desta representación.

O autor na biblioteca

O vindeiro mércores as bibliotecas, tanto a Municipal de Malpica como as dos centros de ensino do Concello, recibirán exemplares de Os Bolechas. As miñas primeiras Letras e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, asinado por Héctor Cajaraville.

O venres, 13 de maio, presentarase a obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”: Edénicas de Andrea Fernández. Será ás 19.00 horas, na Casa do Pescador, nun acto organizado pola A.C. Caldeirón.

As actividades de “Malpica nun mar de letras 2022” inclúen eventos lúdicos no espazo natural do río Vaa. Así o sábado, 14 de maio, a compañía Galeatro representará Muiñada e ao remate os asistentes terán a posibilidade de realizar unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa de Río de Vaa. Para os interesados a entrada será de balde, sendo unicamente preciso inscribirse antes do comezo da actividades, ás 17.30 horas.

17 de maio

O día das Letras Galegas as celebracións comezarán ás 12.00 horas no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) onde se inaugurará a sala Non canto por cantar.

Posteriormente, ás 17.00 horas o Ecomuseo acollerá a representación de Rosalía, de Culturactiva.

Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.

As actividades da tarde están destinadas a un público familiar, terán a entrada de balde e o único requisito de formalizar a inscrición ao comezo.

Pintura e poesía

Desde o 20 de maio ao 30 de xuño o Espazo Expositivo do Centro Cívico de Malpica acolle a mostra de pintura Carrexadoras, asinada por Viki Rivadulla. A exposición poderá ser visitada de luns a venres de 8.30 horas a 15.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas. Os sábados as portas estarán abertas de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas.

As actividades rematarán o 27 de maio coa presentación das bases e da convocatoria do XVII Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Un acto organizado pola A.C. Caldeirón, que se desenvolverá ás 12.00 h. no Salón de plenos da Casa do Concello.

Un mes cheo de actividades organizadas desde a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deporte, coa colaboración da Deputación a Través da Rede Cultural 2022 e coa participación do Ecomuseo do Forno do Forte; o Centro Artesanía e Tradición (CAT); a AC Caldeirón; a Confraría de Pescadores e o Fogar dos Pensionistas San Adrián do Mar.

.

9Mai 2022

O Concello colabora no V Campionato de pesca submarina zona norte 2022 celebrada en Malpica

O peixe recollido ao longo da xornada foi doado a Cáritas Interparroquial de Bergatiños

O Concello colaborou a xornada do V Campionato clasificatoria Zona Norte de Pesca Submarina celebrado este domingo en Malpica. Unha actividade que tamén contou coa colaboración da Confraría de Pescadores, Protección Civil e Buceo Malpica.

Toda a pesca recollida ao longo da xornada foi doada para Cáritas Interparroquial de Bergantiños.

Nesta xornada participaron deportista federados de todos os clubs pertencentes á zona que abarca desde Fisterra ata Ribadeo, que se clasificaron os 14 participantes que mellor puntuación obtiveron. O porto base foi o de Malpica, desde onde saíron todas as embarcacións cos respectivos pescadores e lancheros. A xornada tivo lugar entre punta Muxeiros, en Malpica, ata punta de Chan de Razo, en Razo.

Os tres primeiros clasificados foron: Adrián del Río García, do Club de Remo San Felipe; Antonio Ramón Lata Lafuente, do Club do Mar Ferrol, e en terceiro lugar Luis Miguel Pan Tajes, do Club del Mar de San Amaro.

4Mai 2022

O Concello de Malpica une arte e natureza coa representación do espectáculo “Muiñada”

A actividade será o sábado, 14 de maio no río de Vaa

O Concello de Malpica organiza para a representación do espectáculo “Muiñada”. Unha actividade na que se une arte e natureza, o 14 de abril, no río de Vaa. O acto que estaba previsto, inicialmente, para o pasado mes de abril tivo que ser aprazada por mor da climatoloxía ata o vindeiro sábado.

Unha obra de teatro para toda a familia na que o xogo, lendas, tradición e música son o fío condutor para mostrar as raíces.

Ás 17.30 horas comezará a representación de “Muiñada”, a cargo da compañía Galeteatro. Unha hora máis tarde haberá unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa do Río de Vaa.

Os interesados deberán inscribirse antes do inicio da actividade, que é de carácter gratuíto.

Con “Muiñada” pónse en valor o patrimonio de Malpica a través dunha actividade lúdica organizada pola Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de A Coruña.

3Mai 2022

A VI edición de “Malpica sabe a mar” celebrase os días 13, 14 e 15 de maio

A convocatoria, da ruta de tapas, conta coa participación de 14 locais nos que se servirán tapas por 2 euros

A Concellaría de Promoción Económica de Malpica organiza a VI edición de “Malpica sabe a mar” os días 13, 14 5 15 de maio. 

O encontro volve cun record de participación nunha iniciativa conxunta que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalaría e a olaría. Unha acción na que os locais participantes trataran de sorprender á clientela a través exquisitas elaboración cun custe de 2 euros cada tapa. Ademais esta prevista a realización de sorteos e animación para que toda a clientela goce destas xornadas.

Así o vindeiro 13 de maio, de 20.00 horas a 23.00 horas; o sábado 14 de 12.00 horas a 14.00 horas e de 20.00 horas a 23.00 horas. E o domingo, 15 de maio, de 12.00 horas a 14.00 horas. Os asistentes poderán transitar entre os seguintes establecementos para degustar o mellor de “Malpica sabe a mar” na A Taberna do Lesto, Bar Arcos, Bar Dársena, Bar O Pescador, Café Bar Humbolt, Café Bar Ibarra, Café Bar Pepucho, Café del Mar, Cafetería JB, Cafetería Santiago Apóstol, Larada Bar, O cornecho de Tano, Restaurante O Burato e o Restaurante San Francisco.

Esta nova edición, impulsada desde o Concello de Malpica, ten como obxectivo a promoción económica e gastronómica e debido a gran acollida destas actividades xa se está traballando nunha nova convocatoria para o mes de outubro. Por outra banda, a concellaría de Promoción Económica tamén traballa nunha nova campaña co sector da alimentación, para o impulso do comercio en todas as súas vertentes.

3Mai 2022

O Concello de Malpica realiza obras de mellora no firme de Leiloio

A intervención será sobre a vía que une Raxeira ata preto da Pedrosa

O Concello de Malpica comeza hoxe as obras de mellora no firma da Raxeira, en Leiloio.

Os traballos, que afectarán á vía que transcorre entre a Raxeira ata preto da Pedrosa, dan resposta ás demandas da veciñanza. Unha obra, solicitada ó mesmo tempo que as melloras do firme da AC-419 que une Malpica e Ponteceso, que mellorará a circulación e a seguridade dos usuarios da vía. Con esta intervención o ancho, pasará a ser de 6 metros fronte aos 4 actuais.

Eduardo Parga, alcalde de Malpica, manifestou que xa se veñen arranxando as vías dende as lexislaturas anteriores e que se continuará con este tipo de actuacións na vila. Pola súa parte, Miguel Ángel Fernández Mirás, concelleiro de obras, mostrouse satisfeito co feito de que se execute a obra.

ACTUALIZACIÓN❗️| Por un erro na redacción desta nova, aclaramos que a actuación na vía da Raxeira, en Leiloio, está financiada pola Deputación. Desculpen as molestias.

29Abr 2022

Malpica acolle a dúas familias refuxiadas de Ucraína

Unha familia cedeu unha vivenda para as cinco persoas chegadas de Kiev

Malpica recibiu hoxe na Casa do Concello a dúas familias refuxiadas procedentes de Ucraína. Unha nai coa súa filla e o seu fillo e outra cunha nena vivirán nunha vivenda unifamiliar cedida por unha familia de Malpica que foi acondicionada para eles grazas á xenerosidade de colaboradores altruístas malpicáns, que achegaron melloras na casa en termos de equipamento e melloras e recursos para que comecen unha nova etapa na comarca.

Trátase de dúas familias, procedentes de Kiev onde aínda están os maridos e pais dos refuxiados loitando contra a invasión de Rusia en Ucraína. Os cinco novos veciños foron recibidos no Concello con mostra de recepción por parte de toda a veciñanza.

Desde o Concello aseguran que todos os departamentos están a traballar para que a integración de todos eles sexa o mais áxil posible e que xa se está a traballar na escolarización dos menores. “Loxicamente veñen dunha situación complicada na que ademais o idioma e un hándicap pero sabemos que todo saíra o mellor posible sen perder de vista a situación que están a vivir e o peso que traen con eles. Hoxe o Concello representa a toda a sociedade malpicán disposta a axudar nestes momentos tan complicados”, sinalou o tenente alcalde, Alfredo Cañizo, presente no encontro coas familias desenvolvido no Concello.

28Abr 2022

O Departamento de Servizos Sociais de Malpica organiza unha viaxe a Asturias para o mes de xuño

Os interesados visitarán Oviedo, Avilés e Xixón, xunto con guias locais que darán a coñecer o máis destacado de cada cidade e ademais percorreran o Museo da Minería

A Concellaría de Servizos Sociais de Malpica organiza unha viaxe a Asturias o vindeiro mes de xuño, para toda a veciñanza interesada en visitar as cidades máis importantes do Principado e os seus monumentos.

Sería desde o 3 ata o 5 de xuño, con saída o venres cara Noreña, na zona central de Asturias. Ese día os participantes, acompañados de guía local, poderán visitar Oviedo, e posteriormente terán tempo libra para gozar da cidade.

Xa o sábado pola mañá realizarase unha visita a Avilés, xunto cun guía local co que se percorrerá o casco histórico, considerado a Vila Medieval de Asturias. Pola tarde a comitiva irá á cunca do Río Nalón, onde, en El Entrego, realizará unha visita o Museo da Minería de Asturias (MUMI), onde se poderá ver unha ampla mostra de maquinaria e aparellos empregados na industria mineira. A xornada completarase cunha visita guiada a unha galería.

O domingo a excursión continuará en Xixón, onde xunto cun guía local os participantes visitarán a antiga Universidade Laboral, hoxe empregada como espazo multicultural.

Antes de volver cara a Malpica esta prevista a visita ao casco antigo e ao “Elogio del Horizonte”, de Eduardo Chillida, situado no Cerro de Santa Catalina. A xornada rematará cunha parada na Praia de San Lorenzo.

O custe total da excusión de 3 días e 2 noites, en réxime de aloxamento completo será de 180 euros por persoa en habitación dobre. No caso de que sexa individual terá un suplemento de 50 euros.

Os interesados poden inscribirse a partir do luns, 2 de maio, ata cubrir as prazas. Para recibir máis información ou anotarse poden facelo a través do Departamento de Servizos Sociais ou chamando ao teléfono: 981 720 280.

Página 24 de 149« Primera...10...2223242526...304050...Última »