Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 13°
Domingo 13°
Luns 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

21Mai 2022

O Concello de Malpica inaugura a exposición artística “Carrexadoras” no centro cívico de Malpica

As obras asinadas por Viki Rivadulla, de gran tamaño e dunha beleza extraordinaria, marabillaron a todos os asistentes

Na inauguración estivo presente a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, que agradeceu á artista muxiá a súa dispoñibilidade e o cariño co que acolleu o convite do concello de Malpica para traer una mostra do seu traballo ós espazos expositivos do centro cívico.

Tamén asistiu ó evento Miguel Mato, a quen lle encanta o traballo de Viki. “A min gústame moito temáticamente, no fondo, no concepto. Os críticos literarios que din cal é o estilo dun autor ou autora, a resposta é: a autora é o estilo. E podo aplicar isto a Viki ,e dicir, que Viki é a súa obra e a súa obra é Viky”.

As Carrexadoras é unha exposición cunha temática que acompaña a autora sempre. É algo icónico na súa pintura. “As carrexadoras levaban o mundo de un lado para o outro e facían medrar esa tribu do mar. Nesta serie quixen pintar o corpo enteiro e a min interésame moitísimo a forza da anatomía. Eses corpos que son como piares que están aguantando do mundo”, manifestou a artista. A mostra está dedicada a Victorina, irmá da bisavoa da autora, María do Casino, e a nai de Carmen a Muxiana, ademais dos seus irmáns e irmás. Viki tamén quixo dedicarlla a Paco Souto, que sempre agardaba por ela cando entraba en Malpica.

20Mai 2022

O alcalde de Malpica asina a oferta de emprego de 6 socorristas para Area Maior e Canido

Darán servizo desde o mes de xuño ata setembro

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, ven de asinar a oferta de emprego de seis postos de socorristas, incluído un coordinador-socorrista, para a Unidade de Socorrismo Acuático nas praias de Area Maior e Canido. Os interesados teñen 8 días naturais, para presentar a súa solicitude desde o a publicación da oferta. A información completa pode consultarse na páxina web do Concello de Malpica, e a solicitude debe realizarse a través da sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas administrativas de luns a venres en de horario de 09:00 horas a 14:00 horas.

A contratación realizarase para que o servizo de inicio o 17 de xuño ata o 11 de setembro. Estarán a xornada completa, cunha retribución bruta mensual de 1.516,85 € e para a categoría de socorrista-coordinador de 1.727,84 €, en ambos casos coas pagas extras incluídas. O persoal seleccionado terá entre as súas función: Prever accidentes ou situacións de emerxencia nas praias indicadas na base primeira, realizando a través, tarefas de vixilancia e información. Rescatar persoas en casos de accidente ou situación de emerxencia. Asistir como primeiro interveniente no caso de accidente ou situación de emerxencia. Velar pola seguridade dos usuarios das praias indicadas do Concello de Malpica de Bergantiños previndo situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

20Mai 2022

Suso Lista dará un relatorio sobre “Nerigha, onde ceo, terra e mar se xuntan”

Será este venres, ás 20.30 horas, no Cornecho

A Concellería de Educación, Cultural, Patrimonio e Deportes de Malpica colabora no relatorio que mañá dará Suso Lista sobre o artigo asinado por el mesmo: “Nerigha, onde ceo, terra e mar se xuntan”. O acto, no que tamén colabora a Asociación Caldeirón, será no Cornecho ás 20.30.

Un encontro no que o actor e escritor falará sobre o estudo realizado en torno á situación do Promontorium Nerium. Un punto sobre o que Lista disertará sobre a localización do mesmo, do que indica que diversos autores o situaban no Cabo Fisterra, Touriñán ou Vilán. Sobre este enclave discrepan tres autores: Adolf Schulten, Kornad Haebler e Emil Braun, xa que para eles, baseándose soamente na toponimia, ese promontorio non pode ser outro que Punta Nerigha.

Suso Lista sinalou no seu artigo que: “Os autores clásicos antigos son claros con respecto do Promontorium Nerium e todos eles afirman que é o último de Occidente e que é o primeiro do Septentriom. Non din que sexa o que está máis a Occidente. O último da parte occidental é Punta Nerigha porque o Sol desde aquí até San Vicente (Promontorium Sacrum) sempre se pon polo mar”.

Un relatorio para coñecer mais sobre a xeografía da comarca e as diferentes teorías en torno ao seu orixe.

18Mai 2022

Viki Rivadulla inaugurará en Malpica a mostra “Carrexadoras”

A artista plástica presenta a súa obra no Centro Cívico este venres

O Centro Cívico do Concello de Malpica acolle a obra “Carrexadoras” asinada por Viki Rivadulla. O venres, 20 de maio, inaugurase a mostra ás 19.00 horas con Emma Abella e Miguel Mato.

A exposición, asinada pola artista plástica de Muxía, mestura acrílico con canvas nunha serie de cadros que mostran ás mulleres da terra e que poderá visitarse ata o 30 de maio. Rivadulla é pintora e escultora autodidacta, e con obras asinadas sobre porcelanas e artesanía xeral, conta ademais con experiencia docente, podes consultar toda a súa traxectoria aquí.

Unha acción cultural promovida polo Concello, a través do departamento de Educación, Cultura, Patrimonio e Deporte, dentro do programa “Malpica nun mar de letras 2022”.

17Mai 2022

Malpica inaugura a sala expositiva “Non canto por cantar” cunha mostra da tradición inmaterial da terra

Ao comezo do acto o alcalde lembrou a figura do primeiro rexedor do Concello, Luis Cancela Vecino

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, inaugurou hoxe o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños).

Pola mañá abriu as portas cunha intervención do rexedor que lembrou a importancia de ter presente a historia, ao tempo que transmitiu o seu pesar polo falecemento do primeiro alcalde, en democracia, de Malpica, Luis Cancela Vecino “un home que fixo moito polo Concello, aínda lembro que foi o responsable de instalar o primeiro alumeado público de Malpica”.

No acto tamén interveu a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, cuxo departamento é responsable da organización da mostra. Unha exposición que reúne imaxes gráficas e documentación que percorren a historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. Asemade fixo entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra. Na súa intervención a concelleira destacou que: “Para rematar quero dar as grazas a todos/as os/as colaboradores que me axudaron a facer realidade  este proxecto, aos que aportaron documentación ( Rosario das Marías, Xosé Manuel Varela, Elena Verdes,  Fransy González, Xabier Díaz, Luis Prego, Beatriz Busto, AC O Fiadeiro, Asoc de Coros e Danzas EIDOS, Chisco Feijoo e Quique Peón), ás asociación locais por participar na grabación, a Marco e a Mara por aportarnos a visión máis pura de todo esto, a Sandra e  Guille de “Monnom” por conseguir plasmar ao detalle o que había na miña cabeza, a Selina Otero, polas suas verbas e , sobre todo, ás familias das persoas ás que hoxe homenaxeamos. Deixei para o final á persoa que me acompañou dende que isto eran só ideas na miña mente, Mar Suarez ou máis coñecida como Mar da Bouzas, grazas por adicarlle tanto tempo, por axudarme a darlle forma ao que hoxe presentamos, non hai maneira de agradecer o teu traballo. Por favor, acompáñame un pouco máis, que teño algo para ti”.

O acto contou coa participación e actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretaron pezas do Concello de Malpica.

“Non canto por cantar” é a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán. Cunha exhaustiva compilación de cancións e bailes recollidos aquí, esta mostra quere describir o xeito de bailar propio desta zona, con ritmos e pasos únicos na tradición galega. A pandeireta era o instrumento por excelencia. Había tamén gaiteiros que formaban parte das murgas ou charangas que tocaban nas festas. E regueifeiros. No pasado facíanse foliadas nos sobrados, fiadas, ruadas, bailes nas tabernas… Cada semana xuntábanse mozos e mozas do lugar para tocar, bailar e cantar. Era a forma de divertirse nos tempos de antes.

Os e as protagonistas desta exposición son os informantes, os maiores, dos que herdamos as pezas que hoxe tocan e bailan os mozos e mozas non só do concello senón de toda Galicia. Persoas que cederon a súa sabedoría en recollidas e foron fonte de información para asociacións folclóricas de distintos puntos da xeografía. Xente de Mens, Barizo, Santiso, Vigo dos Toxos, Beo, Seaia, Cerqueda, Cambre e Leiloio, principalmente, que nos deixan o seu legado. En “Non canto por cantar” poderán ver fotos de moitos deles e delas, dos que queda documentación gráfica, co seu nome, alcume, a casa á que pertencían e o lugar de onde son. Para esta exposición contamos con 44 pero segundo aseguran as fontes orais puido haber máis de 200 en todo o concello.

Dende maneos, muiñeira, punteada, ‘jotas’, agharrados, muiñeira corrida, valses ata a Ribeirana, un baile típico desta zona. Un baile moi especial que se bailaba nas foliadas, fiadas e tamén cando se facía o percorrido dos ‘Madamitos e Ghuardineros’ de Cerqueda no Entroido. Máis que un baile parece unha danza, difire de calquera outro baile solto da zona (punteadas, jotas e maneos). No vídeo desta exposición, que se proxecta na sala audiovisual contigua, obsérvanse estes bailes, intepretados por bailadores de antes (a primeira recollida foi no ano 1971 en Mens) e da actualidade, a través das tres asociacións de música e baile tradicional do concello malpicán: Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación Cultural Malante de Malpica e Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía de Seaia. Ademais de bailes e cancións, as palabras dos mestres/as, músicos/as e bailadores/as malpicáns que manteñen viva a nosa cultura axudan a interpretar en “Non canto por cantar” a historia e o significado da música tradicional do Concello de Malpica.

13Mai 2022

Malpica aproba o orzamento centrado nas necesidades sociais e na mellora das infraestruturas do municipio

Os orzamentos crecen no seu conxunto un 9,02% con respecto aos de 2020,
cun aumento de 436.604 euros ata alcanzar os 5.277.221 euros

A Corporación aprobou hoxe, cos votos do grupo de goberno, o Orzamento Xeral de 2022 e o cadro de persoal. Un orzamento que crece no seu conxunto un 9,02% con respecto ao do ano 2020, cun aumento de 436.604 euros ata alcanzar os 5.277.221 euros.

O alcalde, Eduardo Parga, destacou os investimentos previstos para este ano que ascenden a 468.652, e que serán incrementados xa que o Concello está á espera de coñecer a concesión de axudas dos plans adicionais da Deputación Provincial e outras aportacións que poidan chegar da Xunta.

O alcalde asegurou durante a sesión que este orzamento axústase á realidade do concello e están centrados en cubrir as necesidades de primeiro orde dos veciños e veciñas de Malpica, de xeito especial, nos servizos sociais, debido ás consecuencias económicas e sociais da pandemia da Covid-19, pero tamén canto ao mantemento, conservación e construción de novas infraestruturas.

As contas, dixo, tamén apostan pola potenciación das actividades culturais, o e o turismo. “Nun momento como o que atravesamos, cunha forte demanda nos servizos sociais e de atención as necesidades das persoas máis vulnerables centramos os nosos esforzos en aumentar estas partidas. Do mesmo, xeito co fin de reactivar a economía e de mellorar os servizos, os orzamentos contemplan diversas actuacións de mellora e de construción de
novas infraestruturas”, apuntou Parga.

En canto o cadro de persoal o Concello está inmerso nun proceso de consolidación de postos de traballo e o alcalde anunciou que se fará pública a oferta de emprego público o vindeiro 1 de xuño. Precisamente, no capítulo de persoal o orzamento sofre un aumento do 2,39%.

Tamén destaca o aumento dun 19,62% no capítulo de gasto en bens correntes e servizos, ata chegar aos 2.852.376 euros. Destaca, neste punto, a dotación para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar derivado do aumento de horas concedidas pola Xunta de Galicia para a dependencia. Tamén incrementase a dotación para o subministro enerxía eléctrica derivada do aumento de prezos en todo o Estado.

En canto a tranferencias correntes, o goberno local incrementará as axudas a entidades culturais tamén poñerá ao día o gasto con asocxiacións deportivas. O alcalde destacou o papel que xogan estos colectivos na dinamización cultural e deportiva do concello e, polo tanto, “dende á administración temos que facer os esforzos necesarios para que se sigan
mantendo as actividades e apoiar cos recursos que poidamos a estes colectivos”. Tamén se incluén neste capítulo as achegas para convenios con outros concellos para reforzar os servizos de Policía Local.

13Mai 2022

Doce patinadoras de Malpica competirán mañá na I fase de niveis 1-3 Coruña Norte

O encontro deportivo organizado polo Club Patín Velúa será en As Pontes

O Concello de Malpica estará representado na competición da I fase de niveis 1- 3 Coruña Norte que se disputará mañá no pavillón do CEIP A Magdalena, en As Pontes.

Unha actividade deportiva organizada polo Club Patín Velúa que levará polo Nivel 1 ás pantinadoras malpicáns Candela Chouciño, Xiana García, Dania Blanco, Paula Agrelo, Martina Chouciño, Antía Castro, Clara Villaverde, Valentina Súarez.

E no nivel 2 Pau Casal, Paula Vidal, Ana Pérez, Antía Pérez serán as representantes do Concello de Malpica.

12Mai 2022

O Concello de Malpica acolle a teatralización da vida de Rosalía de Castro

A obra “Rosalía” chega o 17 de maio ao Ecomuseo Forno do Forte, en Buño

O Concello de Malpica traerá, o vindeiro 17 de maio, a vida de Rosalía de Castro a través dunha obra de teatro homónima, representada pola compañía Culturactiva Producións. Será, ás 17.00 horas, no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño.

Unha oferta familiar, con entrada de balde, que recreará a vida da escritora achegando a Rosalía nena que cantaba, bailaba, lía e comía chocolate. A que vive no lugar onde medran as poetas entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as canción con rimas e sen autor. Toda unha recreación cos valores sociais en escena dirixida por Fina Calleja e representada por Rocío González e Cristina Collazo.

Esta obra xa leva mais de 70 funcións realizadas desde a súa estrea ata ser un título imprescindible do teatro familiar galego.

Con esta programación o Concello continúa coa programación de “Malpica nun mar de letras” co que celebra o Día das Letras Galegas ao longo do mes de maio.  A programación do día 17 complétase coa inauguración da sala Non canto por cantar, ás 12.00 horas, no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) unha homenaxe ao canto e baile tradicional e o patrimonio inmaterial da terra.

Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.

11Mai 2022

As letras de Florencio Delgado Gurriarán chegan ás bibliotecas de Malpica

Os centros educativos e a municipal reciben exemplares dedicados ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022

Os centros educativos e a Biblioteca Municipal de Malpica recibiron na xornada de hoxe novos libros relativos ao escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.

A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, foi a encargada de facer a entrega de novos títulos para a lectura e o préstamo nos colexios do Concello.

Así, os estantes dos centros teñen, dende hoxe, exemplares de “Os Bolechas. As miñas primeiras Letras” e “Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade”, asinado por Héctor Cajaraville.

Esta entrega de libros está incluída dentro da programación do Concello de Malpica para celebrar o Día das Letras Galegas, que continuará ao longo de todo o mes de maio. As publicacións entregadas na Biblioteca Municipal compartirán estes días, ata o 31 de maio, espazo coa exposición en torno á obra do poeta nacido na aldea Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. O autor destacou como poeta, pero tamén exerceu de articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector…, que, tras o golpe de estado de 1936, exiliouse a México.

Ademais este venres, 13 de maio, presentarase a obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”: Edénicas de Andrea Fernández. Será ás 19.00 horas, na Casa do Pescador, nun acto organizado pola A.C. Caldeirón.

E o sábado está programado un evento lúdico coa representación de Muiñada, a cargo da compañía Galeatro. Ao remate os asistentes terán a posibilidade de realizar unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa de Río de Vaa. Para os interesados a entrada será de balde, sendo unicamente preciso inscribirse antes do comezo da actividade, ás 17.30 horas.

Página 23 de 149« Primera...10...2122232425...304050...Última »