Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello celebra as Letras galegas con actividades de “Malpica nun mar de letras 2022”

9Mai 2022

O Concello celebra as Letras galegas con actividades de “Malpica nun mar de letras 2022”

Ao longo do mes de maio os espazos públicos acolleran actividades literarias, exposicións, concertos e espectáculos

O Concello de Malpica celebrará o Día das Letras Galegas 2022 cunha serie de actividades que se desenvolverán en diferentes espazos baixo o lema “Malpica nun mar de letras 2022”. Nesta edición a figura homenaxeada é o autor en lingua galega Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987).

Desde o 2 ao 31 de maio a Biblioteca Municipal acollerá a exposición en torno á obra do poeta nacido na aldea Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. O autor destacou como poeta, pero tamén exerceu de articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector… Tras o golpe de estado de 1936 exiliouse a México.

Concerto didáctico

Este mércores Lidia Botana chegará co espectáculo De aquí para alá, que se representará no Auditorio do Centro Cívico. Un concerto didáctico que escoitan desde as 10.30 horas o alumnado do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e das escolas unitarias de Mens e Barizo, do CRA A Nosa Señora do Faro. Posteriormente, ás 12.15, as nenas e os nenos do CEIP Milladoiro pasaran a gozar desta representación.

O autor na biblioteca

O vindeiro mércores as bibliotecas, tanto a Municipal de Malpica como as dos centros de ensino do Concello, recibirán exemplares de Os Bolechas. As miñas primeiras Letras e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, asinado por Héctor Cajaraville.

O venres, 13 de maio, presentarase a obra gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”: Edénicas de Andrea Fernández. Será ás 19.00 horas, na Casa do Pescador, nun acto organizado pola A.C. Caldeirón.

As actividades de “Malpica nun mar de letras 2022” inclúen eventos lúdicos no espazo natural do río Vaa. Así o sábado, 14 de maio, a compañía Galeatro representará Muiñada e ao remate os asistentes terán a posibilidade de realizar unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa de Río de Vaa. Para os interesados a entrada será de balde, sendo unicamente preciso inscribirse antes do comezo da actividades, ás 17.30 horas.

17 de maio

O día das Letras Galegas as celebracións comezarán ás 12.00 horas no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) onde se inaugurará a sala Non canto por cantar.

Posteriormente, ás 17.00 horas o Ecomuseo acollerá a representación de Rosalía, de Culturactiva.

Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.

As actividades da tarde están destinadas a un público familiar, terán a entrada de balde e o único requisito de formalizar a inscrición ao comezo.

Pintura e poesía

Desde o 20 de maio ao 30 de xuño o Espazo Expositivo do Centro Cívico de Malpica acolle a mostra de pintura Carrexadoras, asinada por Viki Rivadulla. A exposición poderá ser visitada de luns a venres de 8.30 horas a 15.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas. Os sábados as portas estarán abertas de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas.

As actividades rematarán o 27 de maio coa presentación das bases e da convocatoria do XVII Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Un acto organizado pola A.C. Caldeirón, que se desenvolverá ás 12.00 h. no Salón de plenos da Casa do Concello.

Un mes cheo de actividades organizadas desde a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deporte, coa colaboración da Deputación a Través da Rede Cultural 2022 e coa participación do Ecomuseo do Forno do Forte; o Centro Artesanía e Tradición (CAT); a AC Caldeirón; a Confraría de Pescadores e o Fogar dos Pensionistas San Adrián do Mar.

.