Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

1Nov 2022

Elisa de Soto impartirá un coloquio-café sobre a lei da liberdade sexual en Buño

A avogada e coach persoal e laboral abordará o vindeiro 5 de novembro pola mañá no salón de actos do Antigo Centro Comarcal de Buño os cambios e melloras desta norma.

O Concello de Malpica, en colaboración co Ministerio de Igualdade e da Secretaría Xeral de Igualdade organiza este sábado ás 11:30h un coloquio-café para explicarlle á cidadanía os cambios e melloras que se introduciron na Lei Orgánica 10/2022 de Garantía da Liberdade Sexual. Elisa de Soto, avogada e coach persoal e laboral será a encargada de dirixir este coloquio no salón de actos do Antigo Centro Comarcal de Buño. Será unha xornada dinámica na que predominará un clima de confianza e confidencialidade que lle permitirá aos asistentes participar de maneira máis fácil, sen medo nin vergoña.

O obxectivo principal da xuntanza é involucrar máis aos veciños e veciñas no mundo das leis e xerar conciencia a través dunha linguaxe comprensible para que todo o mundo saiba que as leis non só son fontes de obrigación senón tamén de dereitos e de protección.

1Nov 2022

Malpica mellora os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

O Concello de Malpica licita a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2028. Unha parte das obras faranse desde o Camiño de Pontella ata o Oratorio de Mens e, a outra parte, desde o camiño do Oratorio ata o río de Vaa.

A empresa encargada de realizar as melloras será Mantemento Forestal MG, S.L. e o prezo da licitación da obra ascende a un total de 64.358,69€

1Nov 2022

Malpica celebra este sábado a Cea das Letras 2022

No evento darase a coñecer o gañador ou gañadora do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Este sábado 5 de novembro terá lugar na Casa do Pescador, en Malpica de Bergantiños, a Cea das Letras 2022. O evento comezará ás 21:00h e nel darase a coñecer o gañador ou gañadora do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Ademais, tamén se vai presentar o libro “Persistencia da música en novembro”, da Editorial Xanela. O prólogo da obra está escrito por Juan Durán, compositor e Premio Reina Sofia de Composición 2018 e membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Para poder asistir é necesario inscribirse chamando ao 649 507 285 ou ao 981 707 104.

15Out 2022

Malpica celebra o 89 aniversario das Misións Pedagóxicas cunha mostra fotográfica e unha representación da obra “Os tres porquiños”

Cada 20 de outubro, a vila recorda a primeira representación de monicreques que houbo en Malpica no ano 1933

Con motivo do 89 aniversario das Misións Pedagóxicas, o Concello de Malpica exporá no Fondo Lugrís (aula circular) do Centro Cívico a mostra fotográfica “As Misións Pedgóxicas en Malpica”. Esta exposición, organizada polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, amosa imaxes das diferentes representacións de monicreques levadas a cabo na vila entre 1933 e 2022.

José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís impulsaron xunto a Rafael Dieste o inicio dos espectáculos de monicreques en Malpica de Bergantiños. Estas obras eran interpretadas polas Misións Pedagóxicas por toda España. Así, o 20 de outubro de 1933 estreouse en Malpica “O Retablo de Fantoches”. Para recordar ese momento cultural tan importante, arredor do 20 de outubro, o Concello de Malpica leva ao mesmo espazo que se usara en 1933 unha representación de monicreques.

Este ano o espectáculo será o domingo 23 de outubro. Migallas Teatro representará “Os tres porquiños”, unha obra teatral para os máis pequenos que mestura monicreques, teatro, xogos tradicionais e música en directo. O evento será ás 18:00h na na praza Anselmo Villar Amigo, pero no caso de que faga mal tempo, trasladarase ao auditorio do Centro Cívico de Malpica.

14Out 2022

Xosé Iglesias presenta o seu terceiro poemario, en Malpica

Hoxe, venres 14 de outubro ás 20 horas, o Cornecho de Tano acolle unha cita literaria que non te podes perder.

O escritor e mariñeiro Xosé Iglesias presenta o seu terceiro poemario “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”.

O evento, organizado pola asociación Caldeirón, conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Malpica.

11Out 2022

Malpica encherá o ceo de papaventos para visibilizar a saúde mental.

O Concello porá papaventos á disposición de todo aquel que queira participar

Co gallo do Día da Saúde Mental, o Concello de Malpica e a Fundación Salma organizan esta fin de semana unha exhibición de papaventos.
Baixo o lema “non lle deas as costas á túa saúde mental”, o domingo día 16 de outubro, ás 12:00h da mañá o paseo marítimo da Praia de Malpica reunirá a todos aqueles que queiran participar nesta iniciativa para visibilizar a importancia que ten coidar a saúde mental.
O ceo encherase de papaventos por unha boa causa e, se algunha persoa quere unirse ao acto e non ten papaventos, que non se preocupe porque o concello porá un á súa disposición para que ninguén quede fóra desta actividade.
Cabe destacar que o Concello de Malpica estivo traballando no Acordo pola mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Galicia, que ten como obxectivo ofrecer propostas que axuden a mellorar os servizos socio-sanitarios e educativos que participen no coidado da saúde mental dende unha visión integral da mesma. O documento, que recolle as principais medidas expostas entre abril e setembro de 2022, divide as propostas en catro bloques: máis recursos, máis coordinación, mellor prevención e máis previsión.

5Out 2022

O Concello de Malpica visibiliza nunha exposición o traballo das mulleres na pesca

A mostra inaugúrase mañá e poderase visitar ata o 20 de outubro

A exposición “As mulleres na pesca: traballo invisible pero esencial” poderase visitar no Centro Cívico Cultural de Malpica a partir de mañá. Trátase dunha mostra impulsada pola Xunta de Galicia e a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) dentro do marco do ano Xacobeo 21-22. Un dos obxectivos desta iniciativa é darlle visibilidade ás mulleres que traballan no mar e amosar o importante papel que desempeñan neste mundo no que ás veces parece que non existen.
A inauguración da exposición terá lugar mañá ás 19:30h no Centro Cívico Cultural de Malpica e estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de outubro.

5Out 2022

O V Torneo Concello Malpica e IV Memorial Ángel Rubio repartirá 800 euros en premios

O prazo para inscribirse nesta competición de xadrez permanecerá aberto ata o venres.

Os amantes do xadrez teñen unha cita en Malpica o próximo sábado 8 de outubro. O Pavillón Municipal da vila acollerá ás 16.00h o V Torneo Concello Malpica (IV Memorial Ángel rubio) organizado polo Club Xadrez Arteixo en colaboración coa Deputación da Coruña, a Olería de Buño e Frutas Fondo S.L.

O Concello de Malpica patrocina este evento deportivo que será válido para o IV Circuíto Intercomarcal de xadrez rápido Deputación da Coruña e tamén para o ELO FIDE de xadrez rápido.

Segundo o número de xogadores que participen haberá entre 7 e 8 rondas de 10 minutos cada unha e un incremento de 3” por cada xogada. En total repartiranse uns 800€ en premios. Poden obter máis información sobre as bases do torneo na web pokeryajedrez.com.

Aquelas persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 617 23 43 93 ou enviando un correo electrónico a pokeryajedrez@gmail.com. O prazo para solicitar praza remata o venres 7 de outubro.

Página 16 de 149« Primera...10...1415161718...304050...Última »