Malpica celebra o 89 aniversario das Misións Pedagóxicas cunha mostra fotográfica e unha representación da obra “Os tres porquiños”
Cada 20 de outubro, a vila recorda a primeira representación de monicreques que houbo en Malpica no ano 1933

Con motivo do 89 aniversario das Misións Pedagóxicas, o Concello de Malpica exporá no Fondo Lugrís (aula circular) do Centro Cívico a mostra fotográfica “As Misións Pedgóxicas en Malpica”. Esta exposición, organizada polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, amosa imaxes das diferentes representacións de monicreques levadas a cabo na vila entre 1933 e 2022.
José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís impulsaron xunto a Rafael Dieste o inicio dos espectáculos de monicreques en Malpica de Bergantiños. Estas obras eran interpretadas polas Misións Pedagóxicas por toda España. Así, o 20 de outubro de 1933 estreouse en Malpica “O Retablo de Fantoches”. Para recordar ese momento cultural tan importante, arredor do 20 de outubro, o Concello de Malpica leva ao mesmo espazo que se usara en 1933 unha representación de monicreques.
Este ano o espectáculo será o domingo 23 de outubro. Migallas Teatro representará “Os tres porquiños”, unha obra teatral para os máis pequenos que mestura monicreques, teatro, xogos tradicionais e música en directo. O evento será ás 18:00h na na praza Anselmo Villar Amigo, pero no caso de que faga mal tempo, trasladarase ao auditorio do Centro Cívico de Malpica.