Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 15°
12°
Mércores 19°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

11Out 2016

Período medio de pago a provedores no 3º trimestre do 2016

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao período medio de pagamento desta entidade  correspondente ao  3º trimestre do exercicio 2016, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do período medio de pago a provedores.

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio: 2016

Período: terceiro trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS 39,46 días
IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PAGADAS   1.161.649,06 €
RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO -7,55 días
IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO 290.975,87 €
PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO DA ENTIDADE 30,04 días

Malpica de Bergantiños, 10 de outubro de 2016

O ALCALDE

5Out 2016

O Centro Cívico de Malpica acolle a exposición “Asunción, María e José”, do fotógrafo Marcos Rodríguez

Marcos Rodríguez leva nove anos retratando a mulleres e homes como “Asunción, María e José”, tres dos protagonistas da exposición que pode verse durante todo este mes no Centro Cívico de Malpica. Unha exposición na que cada foto conta unha historia vital, permítenos viaxar no tempo, sentir o calor da lareira, o peso das zocas nas lameiras, o suor tras unha dura xornada de traballo na leira… Cada foto conta a historia de cada un e cada unha de nós, dos nosos maiores, espellos nos que debemos mirarnos cada día para aprender do pasado para poder encarar o futuro.

Asunción, María e José

Algo así só pode conseguilo unha persoa que entende a fotografía non só como unha profesión, senón como unha forma de vida. Para Marcos Rodríguez é así. No camiño entre Carballo, onde se criou, e Cee, onde está afincado, Marcos ten atopado moitos motivos de inspiración, moitos momentos irrepetibles para amosar ao futuro e para a eternidade, como el di. A fotografía artística non é, nin moito menos, o groso do seu traballo. Foi xefe de fotografía no semanario O Acontecer, traballou para El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, DxT Campeón e colaborou con Que pasa na costa e La Voz de Galicia.

No seu currículum figuran numerosos premios: Concurso Internacional Vagamundos na categoría de paisaxe, premio á mellor fotografía sobre violencia de xénero en Camariñas, no certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, mencións da federación de fotógrafos españois… en fin. O ano pasado chegoulle un dos seus maiores recoñecementos coa medalla de prata na categoría de reportaxe da World Photographic Cup e este ano xa leva todos estes:

-Representante do equipo español nas categorías de paisaxe e reportaxe na Copa do Mundo de Fotografía.
-Nominado aos “Quijotes 2015” Premio Nacional de Fotografía na categoría de “retrato” con 2 obras
-Nominado aos XII Premi Comunitat Valenciana de Fotogafía Professional con 4 obras
-Finalista nos European Photographer of the Year Awards nas categorías de Reportaxe Gráfica e Paisaxe.
-Finalista nos “Premios Andalucía de la Imagen” nas categorías “Libre creación” e “Retrato Infantil”.

26Ago 2016

Oito locais de hostalería participarán a vindeira fin de semana na 1ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

Actuacións musicais, premios directos e unha variada oferta de tapas elaboradas con produtos do mar, ingredientes principais da iniciativa

Malpica sabe a mar - cartel NOVO

As concellerías de Promoción Económica e Turismo e o sector hostaleiro de Malpica unen as súas forzas para poñer en marcha unha iniciativa conxunta que unirá tres sectores fundamentais na economía local: a pesca, a hostalería e a olería. A 1ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar, que se celebrará a vindeira fin de semana, do 2 ao 4 de setembro, nace coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico coincidindo co remate da temporada de verán e de poñer en valor a tradición pesqueira da vila malpicá.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraríanse pratos artesanais que se repartirían entre os 8 establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Area Chill Out e Larada Bar.

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar arrancará o venres ás 19.30 horas co acto inaugural na praza de Anselmo Villar Amigo, onde actuarán os gaiteiros da Asociación Cultural Malante, que posteriormente farán un percorrido polos oito locais participantes e rematarán no Paseo da Praia. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. O domingo pola mañá tamén haberá unha sesión vermú moi especial, amenizada polo Coro Toxos e Froles de Ferrol.

As tapas custarán 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un rasca que lle permitirá obter premios directos, entre eles tapas e camisetas coa imaxe da ruta, que dende as concellerías de Promoción Económica e Turismo, que dirixen Pilar Doldán e Noelia Freijeiro, preténdese que teña continuidade en anos vindeiros e que cada vez aglutine a un número maior de establecementos hostaleiros.

25Ago 2016

Adxudicadas obras de mellora da rede viaria en varias parroquias por máis de 65.000 euros

 

O POS 2016 permitirá mellorar a rede viaria en varias parroquias do concello de Malpica grazas a un investimento que supera os 65.000 euros. Segundo informou o alcalde, Eduardo Parga, xa están adxudicados o proxecto de pavimentacións nas Pozacas, Filgueira, Castro, Leiloio e Pedrairiña e o de conservación e mantemento do firme en Escras e Mens, Oratorio, Badarra. O primeiro será executado pola empresa Excavaciones Cernadas Valiña por 25.928,35 euros, mentres que o segundo correrá a cargo de Construcciones López Cao por 38.998,30.

Dentro do POS 2016 tamén está incluída a mellora das infraestruturas na travesía da Camuza.

23Ago 2016

60 participantes nos cursos de surf organizados polo club Silfo coa colaboración do Concello de Malpica

surf-3-web

Sesenta nenos e nenas de 8 a 16 anos participan ao longo desta semana nos cursos de surf organizados polo club Silfo coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. O alcalde, Eduardo Parga; o 1º tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, acudiron hoxe á presentación da iniciativa xunto co presidente do Silfo, Juan José Rodríguez. As sesións desenvolveranse ata o xoves.

Así mesmo, do 29 ao 31 realizaranse os cursos de kayak do Club Náutico de Malpica para pequenos/as de 9 anos en diante.

19Ago 2016

O “Pobo medieval de Malpica” gaña o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”

A elaboración das 17 figuras participantes encheu de animación o areal

Gañador do primeiro premio

Gañador do primeiro premio

Un impresionante “Pobo medieval de Malpica” acadou o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, un clásico que marca o comezo das Festas do Mar. A figura de area destacou non só polas súas dimensións, senón polo detalle da recreación, un aspecto que destacou tamén o xurado á hora de outorgar o segundo premio a “A serea”. O terceiro foi para “A balea de Lugrís”. Pola súa banda, o público apoiou maioritariamente o castelo titulado “A barca dos soños”, obra dun numeroso grupo infantil. O premio á mellor barcana foi para unha barcana pirata, e o premio infantil, para “Cabaliño de mar”. O xurado tívoo moi complicado, xa que a calidade e a orixinalidade das obras vai en aumento cada ano.

FOTO-DE-GRUPO-web

Foto de grupo con todos os participantes no concurso

Despois dunha noite de choiva, a elaboración das 17 figuras participantes encheu de animación durante toda a mañá a praia de Area Maior. Ás 13 horas rematou o tempo outorgado para a realización das obras e comezou a deliberación do xurado, integrado pola presidenta da Asociación de Amas de Casa, María Luz Pardo, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín. Todos eles acompañaron ao alcalde, Eduardo Parga, na entrega de premios. Todos os galardoados recibiron unha peza de Olería de Buño e os tres primeiros, ademais, premios en metálico. Ademais, para todos os nenos e nenas participantes houbo doces.

GAÑADORES-1-PREMIO-web

Os gañadores recibindo o seu premio da man do alcalde

18Ago 2016

Nenos e nenas do campamento urbano infantil participan nun obradoiro de lingua creativa

IMG-20160818-WA0003-web

Os nenos e nenas do grupo de maiores que participan no campamento urbano infantil organizado polo Concello de Malpica asistiron hoxe á primeira xornada dun obradoiro de lingua creativa impartido por Xosé Manuel Varela, co que traballaron sobre as lendas de Malpica de Bergantiños.

O taller desenvolveu habilidades orais e escritas dos rapaces tomando como base a lenda do trigal maldito, e ao remate os participantes elaboraron ilustracións baseadas na lenda. As imaxes do conde das Torres, o espírito encerrado na igrexa de Santiago de Mens e a moza raptada foron as máis repetidas polos nenos e nenas.

O luns, martes e xoves da vindeira semana continuará o obradoiro con novas actividades.

 

17Ago 2016

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area abre as Festas do Mar

CASTELOS-WEB1

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, que chega este ano á súa 16ª edición, abrirá as Festas do Mar. Todas as persoas interesadas en participar teñen unha cita este venres, día 19, a partir das 10.30 horas. Ata ese momento poderán realizarse as inscricións, tanto a pé de praia coma os días anteriores no Departamento de Educación e Cultura (Centro Cívico).

Segundo consta nas bases, cada participante individual ou grupo poderá presentar unha única obra. Haberá tres categorías: infantil (ata os 10 anos), amateur (de 11 anos en diante) e barcanas. Haberá seis premios: 1º (130 euros e trofeo), 2º (70 euros e trofeo) e 3º (40 euros e trofeo) na categoría amateur, premio á mellor barcana, premio especial do público e premio infantil, que serán galardoados con cadanseu trofeo. Para optar ao premio infantil todos os autores da obra deberán ter como máximo 10 anos cumpridos.

O Concello de Malpica delimitará a zona do certame. As obras realizaranse entre as 11.00 e as 13.00 horas, e só se poderán utilizar area e materiais que e atopen depositados na praia, así como ferramentas e difusores e auga. O xurado valorará a calidade artística e a orixinalidade dos castelos e barcanas segundo unha serie de criterios: calidade técnica, complexidade da obra realizada, deseño, dimensións, vinculación da obra co Concello de Malpica e orixinalidade. Para a elección do premio especial do público instalarase unha urna, entre as 13.00 h. e as 13.30 h. na Praia de Area Maior, na que todos os espectadores/as do concurso poderán depositar o seu voto. Será premiada a obra con maior número de votos, agás que xa obtivera outro premio por parte do xurado, nese caso outorgaríase á seguinte obra máis votada.

O xurado estará composto por 2 representantes do Concello de Malpica nomeados polo Alcalde (que determinará quen dos dous actuará como Presidente e como vogal) e 2 das entidades colaboradoras (Asociación de Amas de Casa de Malpica e/ou Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa).

17Ago 2016

A Área de Igualdade do Concello de Malpica retoma o programa Conectad@s con dous novos cursos

CARTEL CURSOS CONECTAD@S

A Área de Igualdade do Concello de Malpica de Bergantiños, que dirixe Marisol Blanco Gorín, retomará en setembro o programa Conectad@s, que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero. A oferta inclúe un curso de alfabetización dixital para mulleres e outro de novas tecnoloxías para persoas maiores de 55 anos, que se celebrarán na Casa do Oleiro de Buño dende o 12 de setembro ata o 11 de novembro. Os horarios determinaranse segundo as persoas inscritas.

As persoas interesadas deben presentar a solicitude de participación antes do 7 de setembro. Os grupos serán de seis persoas como máximo. Para máis información ou para inscribirse, as mulleres interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou contactar coa técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, no 981 720 280.

16Ago 2016

A Mostra da Olería mantén o tirón con preto de 15.000 visitas entre o Parque Luciano García Alén e o Forno do Forte

IMG_4433-web

Con 5.500 visitas ao Ecomuseo do Forno do Forte e entre 8.000 e 9.000 ao Parque Luciano García Alén, o balance da Mostra da Olería de Buño “só pode ser positivo”, tal como manifestou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, no acto de clausura da 33ª edición. “Entendemos que a Mostra da Olería mantense, e anímanos a seguir traballando para que medre”, engadiu o rexedor.

Como é habitual, o groso das visitas concentráronse durante as dúas fins de semana, e especialmente nesta última, na que houbo momentos de auténtica avalancha. A presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador, considerou que as cifras son especialmente boas tendo en conta o tempo de praia e a amplísima oferta festiva e cultural en toda a contorna. En canto ás vendas, a presidenta dos oleiros sinalou que tamén se mantiveron nas cifras do ano pasado.

Tanto a Asociación Oleira de Buño coma o Concello de Malpica, que comparten as tarefas organizativas, expresaron a intención de empezar a preparar canto antes a vindeira edición. “Hai que ter en conta que a Mostra da Olería é un referente a nivel autonómico, por calidade e porque estamos a falar dunha parte moi importante do noso patrimonio artístico e cultural. Por iso dende o goberno municipal apoiarémola en todo o que faga falla”, asegurou Eduardo Parga.

O alcalde agradeceu o apoio económico da Deputación da Coruña para poder organizar unha das mostras máis completas da historia, non só pola oferta de artesanía, que incluíu cestería e soprado de vidro ademais de olería, senón tamén polo amplísimo programa de actividades paralelas, coa Cocedura Tradicional ou os obradoiro no Ecomuseo do Forno do Forte, a multitudinaria visita dos Bolechas, o tren turístico ou o variado cartel musical, que concluíu hoxe coa actuación das gaiteiras Habelas Hainas.

Página 86 de 149« Primera...102030...8485868788...100110120...Última »