Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

18Set 2015

Sesenta persoas iniciaron hoxe os cursos de manualidades organizados pola Concellería de Servizos Sociais

As actividades funcionarán durante todo o curso na capital municipal e Buño
540-f-foto

Un total de 60 veciñas e veciños do municipio de Malpica participan nos talleres de manualidades para maiores e/ou persoas con diversidade funcional organizados pola Concellería de Servizos Sociais e que se prolongarán durante todo o curso.

Hoxe foi o primeiro día dos obradoiros, que arrancaron pola mañá no Centro Cívico para un grupo de oito persoas con diversidade funcional. Pola tarde empezaron as maiores de Buño, un total de vinte, e as de Malpica, onde a actividade bate un récord con 32 participantes. Debido a este éxito, este ano será preciso facer dous grupos. Na inauguración participaron o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que estiveron acompañados polos concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín e polas monitoras dos cursos, Lucía Villanueva e Chelo García.

 

Ao mesmo tempo lembramos que segue aberto o prazo de matrícula nos obradoiros de animación teatral e manualidades organizados pola Concellería de Educación e Cultura para nen@s e adult@s.

 

17Set 2015

A Asociación Caldeirón pechará o día 30 o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O premio, dotado con 1.000 euros e a publicación da obra, cumpre 10 anos
540-f-foto

O vindeiro 30 de setembro remata o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica. As bases do premio, que acada a súa décima edición, son as seguintes:

 

PRIMEIRA.

 

Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.

 

SEGUNDA.

 

Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ó/á gañador/a  trinta exemplares.

 

TERCEIRA.

 

As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.

 

As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.

 

CUARTA.

 

O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de 2015, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños Avda. Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “X Certame de poesía erótica Illas Sisargas”.

 

QUINTA.

 

O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que, non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.

 

SEXTA.

 

Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.

 

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous terzos dos seus membros.

 

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

 

O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios autores/as se o xurado o estima conveniente.

 

A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2015 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.

 

SÉTIMA.

 

Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte serán destruídas.

 

OITAVA.

 

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

 

16Set 2015

A Concellería de Deportes amplía a súa oferta de actividades coa posta en marcha da Escola Municipal de Tenis

Este curso tamén haberá ximnasia terapéutica e zumba, que tivo moi boa acollida e unha elevada participación na pasada edición
540-f-foto

A Concellería de Deportes de Malpica amplía a súa oferta de actividades para este curso coa posta en marcha da Escola Municipal de Tenis tanto para nen@s coma para adult@s, aínda que se requirirá un mínimo de 10 participantes no primeiro caso e de seis no segundo para garantir a viabilidade do proxecto. As sesións de adestramento, dirixidas polo Club de Tenis Punta Salera, da Pobra do Caramiñal, desenvolveranse os domingos no polideportivo. A cota será de 10 euros para os nenos e nenas de cinco a dezaseis anos e de 15 euros para os maiores desa idade. Os interesados poden informarse e inscribirse no Departamento de Deportes (981 720 001). O vindeiro sábado 27, ás 12 horas, celebrarase unha xuntanza con tod@s no salón de plenos do Concello.

 

O departamento que dirixe Iago Espasandín está traballando en novas actividades para dar resposta á demanda deportiva tanto de nen@s coma de maiores. Para estes últimos, a Concellería de Deportes mantén dúas propostas que acadaron gran éxito e moita participación o ano pasado. O 13 de outubro comezará o curso de ximnasia terapéutica tanto no pavillón de Malpica coma na Casa do Oleiro de Buño. As sesións serán os martes e os xoves, en Buño de 10.15 a 11 horas e en Malpica, de 11.15 a 12 horas. A cota é de 10,85 euros ao mes. As persoas interesadas poden informarse e anotarse no Departamento de Deportes ou na Casa do Oleiro.

 

Este curso, así mesmo, volverá a haber clases de zumba os martes e os xoves, de 15.20 a 16.10 horas, no Centro Cívico de Malpica sempre que haxa un mínimo de 18 inscrit@s. A presentación do curso, que vai dirixido a maiores de 16 anos e que o ano pasado acadou unha altísima participación, con máis de cincuenta alumnas, será o 14 de outubro ás 15.30 horas. A cota tamén é de 10,85 euros/mes. Información e inscricións no Departamento de Deportes ou no 981 720 001.

 

15Set 2015

A escola infantil inicia a súa actividade cunha concorrida e animada xornada de portas abertas

Mañá mércores comezará o período de adaptación para os 27 nenos e nenas matriculados
540-f-foto

Decenas de persoas aproveitaron a xornada de portas abertas de hoxe para coñecer as instalacións da escola infantil de Malpica. As familias dos 27 nenos e nenas matriculados, veciños da contorna e membros do goberno municipal visitaron o edificio nun día moi especial, no que o equipo docente da escola, que está integrada na rede A Galiña Azul, organizou todo tipo de xogos e actividades para os pequenos e as súas familias. Ao igual que o propio edificio, no que predomina a ambientación mariñeira, boa parte das actividades, e mesmo as sesións de contacontos que se levaron a cabo, estiveron inspiradas na tradición pesqueira malpicá. O Concello de Malpica estivo representado polo alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, de cuxo departamento depende o centro, e os seus compañeiros de goberno Miguel Fernández e Pili Doldán, que realizaron unha completa visita ás instalacións, recolleron as impresións das familias e incluso compartiron xogos cos nenos e nenas.

 

Despois da concorrida e animada xornada de portas abertas, mañá comezará o período de adaptación para os 27 bebés de cero a tres anos matriculados na escola infantil, que ten capacidade para 41 usuarios. O proceso de incorporación será gradual. O horario de funcionamento do centro será de 07.30 a 15.30, dado que as necesidades das familias concéntranse nesa franxa horaria. Sen embargo, a dirección apuntou que, en función da evolución da demanda, no futuro o centro podería abrir polas tardes.

 

14Set 2015

Xornada de portas abertas na nova escola infantil de Aldeola

As familias poderán visitar as instalacións mañá martes de 10.30 a 13.00 e de 16.30 a 17.30 horas
540-f-foto

O equipo docente da nova escola infantil de Malpica estivo a traballar nas últimas semanas nos detalles finais, ademais de realizar as entrevistas individuais coas familias que se anotaron no segundo prazo. Pero xa está todo listo para que o edificio construído en Aldeola grazas á colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e o Concello de Malpica de Bergantiños empece a funcionar. Mañá martes haberá unha xornada de portas abertas para que tanto as familias como o resto da veciñanza poidan coñecer as flamantes instalacións. O horario de visitas será de 10.30 a 13.00 e de 16.30 a 17.30.

 

Máis de vinte familias do municipio disporán este curso dun novo servizo que contribuirá á conciliación da vida laboral e familiar. A escola infantil foi construída pola empresa Atlántica de Construcción y Medio Ambiente cun orzamento de 354.175 euros e está integrada na rede autonómica Galiña Azul. O servizo conta con tres unidades, que poden dar cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio ten dúas plantas. Na baixa están as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

12Set 2015

O Concello de Malpica recomenda que non se consuma auga da traída ata completar a limpeza da rede municipal

Unha empresa especializada analizará as mostras recollidas para intentar determinar as causas da turbidez e o mal olor detectados o venres
540-f-foto

O Concello de Malpica agarda aos resultados das análises da auga para coñecer as causas dos problemas detectados o venres na traída municipal. As anomalías detectáronse a media mañá, cando a auga empezou a saír turbia polas billas e a desprender mal olor.

 

Os técnicos do Servizo Municipal de Augas realizaron unha primeira inspección no río por se o problema estivese na captación, pero non se detectou rastro algún de contaminación. Despois comprobouse que o fallo se producira nos filtros do depósito da Pedra Queimada, que é o principal e dende o cal se abastece a outros, polo cal os técnicos optaron por proceder ao seu baleirado para limpalo e renovar a auga por completo. Esa parte do proceso quedou rematada na tarde-noite do venres, e comezouse co purgado das tuberías. De todos os xeitos, a auga aínda pode tardar un ou dous días en saír limpa, xa que na hipotética situación de que se cortase o subministro por calquera motivo, a auga almacenada nas tuberias daría para abastecer a vila durante un dia.

 

Aínda que a auga está tratada, o Concello de Malpica recomenda que non se utilice para o consumo humano ata que a rede estea completamente limpa, o cal agárdase que ocorra nas vindeiras horas. O luns deberían ter desaparecido os problemas de turbidez e mal olor da auga. Ese mesmo día, así mesmo, realizaranse novas analíticas que o goberno municipal agarda que permitan determinar as causas da contaminación e, no seu caso, esixir responsabilidades.

 

11Set 2015

A piques de comezar as obras para completar a rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros

O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato coa empresa adxudicataria do proxecto, Construcciones López Cao SL
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Construcciones López Cao SL o contrato correspondente á obra de instalación da rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros, que empezará a executarse en breve cun orzamento de 98.339,37 euros. Esta actuación, que permitirá completar o saneamento do lugar de Piñeiros, está incluída no Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015, aprobado pola corporación municipal no pasado mes de febreiro.

 

O PAI é un préstamo da Deputación da Coruña aos concellos sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas e que, na opinión do alcalde, Eduardo Parga, “sería unha mágoa non ter aproveitado”. Nas bases reguladoras do PAI establecíase que os concellos podían destinar a citada cantidade á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles. A proposta do goberno municipal de Malpica consistiu en destinar 33.065,59 euros á redución da débeda e o resto a dúas obras: o saneamento de Piñeiros e a renovación das instalacións de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, na parroquia de Mens, que ten un orzamento de 61.641,45 euros.

 

Eduardo Parga destacou que o Concello de Malpica pode destinar a maior parte do PAI a investimentos grazas á boa xestión económica dos últimos anos. 

 

10Set 2015

Nomeados os representantes das asociacións no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo

A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, presidiu a reunión, que destacou pola cordialidade e a unanimidade da elección
540-f-foto

O movemento asociativo do municipio de Malpica de Bergantiños elixiu aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo (Toledo). Son Walter Pardo, da Asociación Cultural Malante; Begoña Gómez, da Asociación Cultural Raigañas, e Eloi Mancebo, da Asociación Oleira de Buño. A elección realizouse por unanimidade, e do mesmo xeito foron nomeados como suplentes Manuel Chouciño e Jesús Villar, das asociacións de veciños Monte d’Arxa de Cerqueda e Santiago Apóstol de Mens, respectivamente.

 

Na reunión, celebrada o mércores pola noite, participaron dez das oitenta entidades que están inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións: Asociación Cultural Malante de Malpica, Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación de Amas de Casa de Malpica, Asociación de Veciños Monte dArxa de Cerqueda, Asociación Cultural e Deportiva San Xulián de Seaia, ANPA de Buño, Asociación Oleira de Buño, Sociedad Cultural Deportiva Buño, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Mens e Asociación Profesional de Redeiras Mar da Illa.

 

A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, presidiu o encontro, que se caracterizou pola cordialidade, e o técnico do departamento, Antón Noceda, explicou aos asistentes distintos aspectos do proceso do irmandamento. As entidades presentes no acto amosaron gran interese polos intercambios que poidan realizarse no futuro entre as dúas Malpica e empezaron a barallar xa as primeiras iniciativas que poderían promover ou nas que poderían colaborar.

 

Segundo o acordo plenario adoptado o pasado 26 de marzo, o Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo estará integrado, ademais, por catro membros da corporación municipal (un por cada grupo político) e un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo.

 

Página 100 de 149« Primera...102030...9899100101102...110120130...Última »