Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 18°
15°
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

20Xul 2018

A Cocedura Tradicional no Forno do Forte cumpre 20 anos coa intención de obter a súa propia declaración de Festa de Interese Turístico

IMG-20170805-WA0046

No Forno do Forte de Buño xa está todo preparado para a Cocedura Tradicional, un proceso centenario de elaboración das pezas de barro recuperado fai agora vinte anos. Con motivo desta efeméride, desde a dirección do conxunto etnográfico e desde o Concello de Malpica estase a traballar para intentar conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico, que se sumaría á que xa ten a Mostra da Olería.

A Cocedura Tradicional celebrarase hoxe sábado. Comezará ás 11.00 horas, coa carga do forno, que se prolongará durante toda a mañá. O prendido do forno será sobre as 17.00 horas, e xa a última hora da tarde, aproveitando a calor, celebrarase a Festa da Carroa, outra tradición que vai unida á cocedura tradicional e que introduce un elemento gastronómico na celebración. A descarga do forno será o domingo 22, a partir das 11.00 horas.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará, un ano máis, na carga do forno, destaca a importancia de reproducir unha parte tan importante do proceso de elaboración da olería como é a cocción tal e como se facía en Buño polo menos dende o século XVII. E como xa vén sendo habitual nestes vinte anos, o oleiro Antonio Manuel Pereira Rodríguez “O Rulo” será o encargado de dirixir ao equipo de traballo que durante estas dúas xornadas dará vida a unha das tradicións máis arraigadas da localidade.

Olas, canecos, pucheiros ou petos, porróns ou os ouriñais recuperados o ano pasado… Arredor de 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 17.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A a calor acumulada aproveitarase para asar o churrasco, que se servirá acompañado con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.30 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa.

As pezas que se descarguen o domingo do Forno do Forte serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.

18Xul 2018

A Mostra da Olería de Buño instálase este ano na rúa Santa Catalina

instalacion casetas

Desde hoxe pola mañá está pechado ao tráfico un carril da rúa Santa Catalina de Buño, que se suma este ano aos escenarios da Mostra da Olería. A comisión organizadora, integrada por representantes do Concello de Malpica e da Asociación Oleira de Buño, optou polo cambio de situación dos stands co obxectivo de gañar en vistosidade e de integralos na actividade comercial da vila, de maneira que a feira repercuta positivamente tanto no resto do comercio coma no sector da hostalaría.

As casetas ocuparán un carril, e o outro quedará dispoñible durante toda a Mostra para garantir o acceso de vehículos tanto de servizos e subministracións coma de emerxencias. A regulación do tráfico rodado realizarase mediante rede semafórica, e tamén se habilitarán as medidas precisas para garantir a seguridade dos viandantes. Os condutores que se dirixan tanto en dirección a Malpica coma a Ponteceso ou Carballo poderán utilizar a circunvalación como alternativa.

O carril permanecerá pechado desde hoxe ata o 1 de agosto. Desde o Concello de Malpica pedimos desculpas polas molestias que esta medida poida ocasionar, agradecemos a colaboración da veciñanza e dos condutores e agardamos que contribúa, como é o obxectivo, á posta en valor da nosa olería e do patrimonio artístico, hostaleiro e comercial da vila de Buño.

 

10Xul 2018

As nenas e os nenos de Malpica volven a “Pintar na rúa” para seguir enchendo de cor a nosa vila

pintar na rua 2018Ao longo do mes de agosto desenvolverase a quinta edición de Pintar na rúa, un proxecto de rexeneración urbana que ten a particularidade de que son os nenos e as nenas os que traballan, dirixidos por profesionais das artes plásticas. Este ano a monitora do obradoiro será a carballesa Emi de las Heras, que ten participado en proxectos coma Derrubando Muros con Pintura.

Malpica, que foi décadas atrás un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, leva impulsando este tipo de obradoiros artísticos desde o verán do 2014, transformando diferentes espazos urbanos nun enorme lenzo no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade.

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila divididos en dous grupos en función das súas idades. Os nenos e nenas de 6 10 anos pintarán de luns a venres de 11.00 a 12.15 horas, e os de 11 a 14 anos, de 12.30 a 13.45 horas. Ademais, e dado o éxito das anteriores convocatorias, para que poida participar o maior número de artistas posible, este ano haberá dúas quendas de Pintar na rúa, unha do 1 ao 14 de agosto e outra do 16 ao 29. O prazo de inscrición está aberto ata o día 30 deste mes. As familias que queiran máis información ou anotar aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104, en horario de 09.30 a 13.00.

29Xuñ 2018

A Oficina de Turismo de Malpica estrea o horario de verán

OFICINA TURISMO (18)

A Oficina de Turismo de Malpica volveu a abrir as súas portas días para prestar un servizo que o ano pasado gozou de moi boa acollida e foi utilizado por preto de 4.000 persoas. Os/as primeiros/as visitantes comezaron a chegar nestes últimos días de xuño, pero hoxe estreamos oficialmente a tempada alta cunha ampliación do horario.

Deste xeito, a oficina, situada na planta baixa da Casa do Concello, con entrada independente desde a Praza da Fonte, estará aberta de martes a sábado de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.

Xunto coa apertura da oficina, desde a área de Turismo do Concello de Malpica estase a enviar información aos establecementos de hostalaría para que tamén poidan utilizar este novo servizo municipal.

26Xuñ 2018

O alcalde de Malpica asinou o novo contrato do servizo de conserxería do CEIP Milladoiro e do pavillón polideportivo

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou co Grupo Eulen Centro Especial de Emprego o contrato correspondente ao servizo de conserxería do CEIP Milladoiro e de conserxería e limpeza do pavillón polideportivo municipal. O contrato, ao cal o Concello de Malpica destina 36.067,22 euros ao ano, terá unha duración de 1 ano, prorrogable ata un máximo de dous.

25Xuñ 2018

Clausurado con moi boa valoración dos participantes o programa de envellecemento activo do Concello de Malpica

IMG_6765

Coa entrega de diplomas, unha merenda e baile con música en directo rematou o novo programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais e impartido pola empresa Máis Porvir. Un total de 50 persoas, repartidas entre Malpica e Buño, participaron nunha iniciativa que goza de gran aceptación e que volveu a acadar nas enquisas finais moi boa valoración.

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, foron os encargados de entregar os diplomas que acreditan a participación e o aproveitamento das distintas actividades.

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica seguirá apostando por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social. Nesta ocasión, no programa que se veu desenvolvendo durante un mes, traballouse a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación.

25Xuñ 2018

As Noites na Vila arrancarán o 13 de xullo para ofrecernos un verán repleto de música e teatro

O verán de Malpica chega cargado de propostas culturais. O 13 de xullo arrancarán as Noites na Vila para achegar a música e o teatro a todos os públicos e a diferentes recunchos. O paseo marítimo, a praza Anselmo Villar Amigo e o parque infantil serán os escenarios (en caso de choiva sumaráselles o Centro Cívico) dos espectáculos escénicos que nos propón a Concellería de Educación, Cultura e Turismo.

Dentro das Noites na Vila contaremos este ano cun novo ciclo musical Vai no mar, que se estenderá do 13 de xullo ao 10 de agosto cun total de 5 actuacións de grupos de Malpica e da zona. E o 28 de xullo comezará tamén unha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste para conmemorar a estrea da obra La doncella guerrera, de Rafael Dieste, na nosa vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas que levaron a cultura por todo o territorio español.
Aquí tes a programación ao detalle:

VAI NO MAR

  • Venres 13 de xullo – 22:30 -Praza Anselmo Villar Amigo: Traskiband.
  • Venres 20 de xullo – 22:30 h. – Paseo marítimo: Killer Cats.
  • Venres 27 de xullo – 22:30 h. – Paseo marítimo: The Cerne.
  • Venres 3 de agosto – 22:30 h. – Paseo marítimo: Versión Imposible
  • Venres 10 de agosto – 22:30 h. – Paseo marítimo: Strobos.

RETABLO DE FANTOCHES RAFAEL DIESTE

  • Sábado 28 de xullo – 19:30 h. – Parque infantil: O Paporubio. Urdime S.C.G. Público Preferente: Familiar. Duración: 150 minutos.
  • Sábado 4 de agosto – 20:30 h. – Paseo marítimo: Ghop de Teatro O Cubo. Público Preferente: Familiar. Duración: 50 minutos.
  • Sábado 11 de agosto – 20.30 h – Paseo marítimo: Bon appetit de Ghazafelhos Público Preferente: Familiar. Duración: 50 minutos.

CARTEIS NOITES NA VILA 2018

20Xuñ 2018

O Concello de Malpica destinará nos vindeiros dous anos un total de 70.134 euros ao mantemento do alumeado público

IMG_5750

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou o novo contrato do servizo de conservación e mantemento das instalacións de alumeado público, do que se encargará a empresa Instelec, Instalaciones Eléctricas Coruñesas S.L. durante un período de dous anos, con posibilidade dun máis de prórroga, e por un prezo de 70.134,55 euros.

A empresa coruñesa, que xestiona servizos similares noutros concellos da provincia, presentou a oferta máis vantaxosa. Segundo o contrato asinado, Instelec designará un representante que deberá estar localizable en horario laboral, que actuará como interlocutor co Concello de Malpica e que velará pola correcta execución do contrato. O concelleiro de Obras, Miguel Fernández, será o responsable do contrato.

Página 69 de 154« Primera...102030...6768697071...8090100...Última »