gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. FESTAS
  3. Romaría de Santo Hadrián

Romaría de Santo Hadrián

Romaría de Santo Hadrián

 
 
Ultimate Responsive Image Slider Plugin Powered By Weblizar

A cabalo entre a primavera e o verán Malpica de Bergantiños acolle unha das romarías máis concorridas de toda a Costa da Morte coa que honra a Santo Hadrián, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Aló polo 16 de xuño ou o domingo máis próximo a esa data, milleiros de persoas acoden á peregrinaxe que os leva á fermosa ermida do século XVI ubicada no cabo de Santo Hadrián. Ata alí chega a imaxe do santo desde a igrexa parroquial de Malpica de Bergantiños a ombros dos romeiros e romeiras que cobren a pé o traxecto que hai desde o centro da vila ata a branca ermida de Santo Hadrián onde, desde primeira hora, se celebran oficios relixiosos. Este percorrido discorre polas praias de Area Maior e Seaia, así como por camiños peonís coas illas Sisargas e o Atlántico como compañeiros de peregrinación.

No cabo, a carón da ermida, está o campo da festa. Aquí ten lugar unha romaría galega con todos os ingredientes necesarios: banda de música, gaiteiros, fogueteiro, comida campestre –coas primeiras sardiñas da tempada-, ofrecemento e exvotos dos romeiros e romeiras e, sobre todo, moita ledicia nunha festa na que Malpica de Bergantiños recibe a xente chegada de diferentes puntos da xeografía galega. Tamén se celebra a chamada “poxa dos galos”, onde se poxan publicamente varios galos doados por algún devoto de Santo Hadrián e cuxa recadación serve para contribuír a sufragar os ritos na honra do Santo. Non deixes de achegarte á fonte de Santo Hadrián, de limpas augas e, segundo a tradición, milagreiras, xa que ten poderes curativos para limpar a pel de verrugas de aqueles romeiros e romeiras que, ademais de fe no Santo, deixen a secar na fonte o pano branco co que enxugaron as súas verrugas e feridas.

Unha festa con lenda
Di a lenda que Santo Hadrián chegou a Malpica para loitar contra unha praga de serpes que padecía boa parte da bisbarra. Ao chegar ao cabo matou a serpe pisándoa co seu pe facendo que todas as serpes desapareceran. Coa marea baixa, na ribeira aos pes da ermida, pódese ver gravada na pedra o que di a lenda que é a serpe coa pegada de Santo Hadrián. Esta lenda mitolóxica pode estar relacionada coa cristianización de lugares de culto pagáns, materializando nunha serpe as crenzas pagáns e personificando no santo o poder da cristianización.

Á tardiña, os romeiros inician o camiño de volta cara á vila, acompañando a imaxe do Santo ata a igrexa parroquial, onde permanecerá ata o ano seguinte. Á súa chegada a Malpica, a través da praia ou do paseo marítimo, centos de persoas reciben aos romeiros e romeiras nun emocionante encontro e coa esperanza de que os bos desexos presentados ante o santo sexan cumpridos.