Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 17°
11°
Sábado 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

21Xuñ 2022

O Concello de Malpica recibe o verán cun feixe de actividades para gozar do deporte e da cultura

Este verán, o Concello de Malpica ofrece un amplo programa de actividades para pasalo en grande. As actividades están organizadas polas concellerías de Deportes e Cultura e Servizos Sociais en colaboración coa Deputación da Coruña e entidades e empresas e levaranse a cabo ao longo dos meses de xullo e agosto.

O prazo de inscrición abre o 23 de xuño ata esgotar prazas. De non encher todos os ocos, o peche do prazo para apuntarse depende da actividade: para as actividades da primeira quincena de xullo, o prazo remata o 30 de xuño; para as da segunda quincena de xullo, pechará o 14 de xullo; poderanse apuntar nas actividades de agosto ata o 22 de xullo e no XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area ata o 26 de agosto ás 10.00h.

Os interesados poden anotarse no departamento de Deportes na Casa do Concello ou nos departamentos de Educación e Cultura e no de Servizos Sociais no Centro Cívico en horario de 09.00h a 14.00h. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

1ª Quincena de Xullo
Do 1 ao 15 de xullo ofértanse estas actividades:

  • Semana de Xogos Xigantes: Esta actividade está recomendada para a rapazada de 6 a 14 anos. No Paseo da Praia os días 4 e 6 de xullo (luns e mércores) de 11.00h a 13.00h faranse diferentes xogos: twister, parchís, dominó, 3 en raia, memory, xogo dos patiños, mikado e quen é quen. O venres 8, no mesmo lugar e de 10.00h a 14.00h faranse torneos de futbolín e de xadrez.
  • Campamento de Patinaxe: Está dirixido a rapaces dende 3 anos. Terá lugar no Pavillón Polideportivo de Malpica do 4 ao 15 de xullo (de luns a venres) en horario de 09.30h a 13.30h. Poden inscribirse do 23 ao 29 de xuño no teléfono 630 367 783. As prazas son limitadas.
  • Campamento de Verán Carcaxía: Está pensado para nenos e nenas de 4 a 10 anos. Será na Casa da Cultura de Seaia do 4 ao 29 de xullo en horario de 09.00h a 14.00h. Para anotarse poden facelo no teléfono 657 919 272.
  • III Campus de Verán UD Cerqueda: Dirixido a rapaces de 4 a 17 anos. Celebrarase do 4 ao 29 do xuño no Campo de Xaviña (Buño) de 09.30h a 13.30h con posibilidade de entrar xa ás 08.30h. Para máis información ou para inscribirse deben poñerse en contacto con Dani no teléfono 663 904 461 ou no enderezo electrónico campusudcerqueda@gmail.com.
  • Vive o verán: Unha actividade dirixida a rapaces nados do 2004 ao 2015 na que durante oito días farán sendeirismo, surf, paddle surf, snorkel e unha visita ás Sisargas. Aqueles empadroados no Concello de Malpica terán un desconto do 10%.
  • Talleres de actividades Multideportivas: Faranse o 5, 7, 11 e 13 de xullo na praia de Area Maior de 11.00h a 13.00h. Poden apuntarse nenos e nenas de 6 a 12 anos a un prezo de 21,71€. As prazas son limitadas.
  • Área Infantil: Actividade pensada para a rapazada de 3 a 6 anos. Terá lugar no paseo da Praia do 11 ao 15 de xullo. Haberá dúas quendas dispoñibles; unha de 11.00h a 12.00h e outra de 12.00h a 13.00h. Para cada unha, hai 10 prazas.
  • Obradoiro de Danzas Urbanas con Dj: É de balde e está dirixido a maiores de 12 anos e levarase a cabo o día 15 de xullo no paseo da Praia de 10.30h a 13.30h.
  • Geocaching iniciación: unha actividade gratuíta que se fará o 12 e o 14 de xullo na praia de Area Maior de 10.00h a 13.30h. Poden inscribirse os nenos e nenas de 7 a 12 anos. Hai 20 prazas dispoñibles.

2ª Quincena de Xullo

  • Zumba na praia: Unha actividade pensada para todos os públicos que se vai facer de maneira gratuíta o luns 18 de xullo no paseo da Praia en horario de 11.30h a 13.30h.
  • 1º Campamento deportivo: para rapaces e rapazas de 7 a 12 anos. Celebrarase do 19 ao 22 de xullo no Pavillón Polideportivo de Malpica de 10.00h a 13.00h. As prazas son limitadas e ten un custo de 21,71€.
  • Torneo de fút-tenis e basquet 3×3: 19 e 21 de xullo no Parque infantil do Mercado en horario de 10.00h a 13.30h. É de balde e esta dirixido a nenos e nenas de 10 ou máis anos.
  • 2º Campamento deportivo: Actividade dirixida a rapaces de 7 a 12 anos. Desenvolverase do 26 ao 29 de xullo, no Pavillón Polideportivo de Malpica de 10.00h a 13.00h. Ten un custo de 21,71€ e as prazas son limitadas.
  • Torneo de Fútbol Praia Sub 15-18: o xoves 28 e o venres 29 haberá un torneo na praia de Area Maior no que poden participar rapaces de 15 a 18 anos. É gratis e non hai límite de prazas.

Agosto

  • Fútbol praia: durante os días laborais do 1 ao 31 de agosto organizaranse actividades de fútbol praia no areal de Area Maior dirixidas a nenos de 6 a 14 anos. O calendario e o horario van depender das mareas e ten un custo de 21,71€.
  • Pintar na rúa: Os días laborais do 1 ao 12 de agosto na Praza Anselmo Villar Amigo. Para os nenos de 11 a 14 anos será de 10.00h a 12.00h. Para os pequenos de 6 a 10 anos, de 12.00h a 14.00h. Ten un prezo de 11€ e haberá 15 prazas por quenda.
  • Obradoiro de Danzas con Dj: Será o 16 de agosto no paseo da Praia de 10.30h a 13.30h. Será de balde e está dirixido a maiores de 12 anos.
  • XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area: O 26 de agosto, na praia de Area Maior faranse esculturas de 10.30h a 13.00h. O público votará a partir das 13.00h e ás 13.30h darase a coñecer o fallo do xurado e farase a entrega de premios. Hai dúas categorías: a infantil (ata 10 anos) e a amateur (a partir de 11 anos). Participar é gratis e non hai límite de prazas.
  • Campamento Conciliación Malpica 2022: Do 16 de agosto ao 6 de setembro no Centro Cívico de Malpica, de 09.00h a 14.00h e para nenos de 3 a 12 anos. As prazas son limitadas.

En caso de mal tempo, os Xogos Xigantes, Área Infantil, Geocaching e Pintar na Rúa levaranse a cabo no Auditorio do Centro Cívico e faranse actividades alternativas de interior.

OBRADOIRO DE BARRO
Ademais desta gran oferta de actividades, no Ecomuseo Forno do Forte de Buño farase un obradoiro de barro gratuíto durante os meses de xullo e agosto. Será de martes a venres en horario de 16.30h a 18.30h e está dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. Os nenos e nenas deben acudir acompañados. As prazas son limitadas e non fai falta inscrición previa.

21Xuñ 2022

NORMAS PARA A REALIZACIÓN DA CACHARELA “ SAN XOÁN”:

NORMAS REALIZACIÓN CACHARELA “ SAN XOÁN”:

Na zona urbana, o volume de combustible do lume no sobre pasará os 3 mts de perímetros nin o metro ( 1 metro) de altura. No rural non poderá exceder os 6 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.

A separación entre as cacharelas e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbán serán como mínimo 12 metros, agás no casco urbano.

Pórase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacén de produtos inflamables

Queda prohibida a queima de rodas, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, de xeito

xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

 O material de combustión serán: leña, polas, toro de árbores e madeiras vellas etc.

En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión ( areosois) aínda que estean baleiros.

As persoas interesadas na celebración da cacharela de San Xoán, deberán presentar a correspondentecomunicación no Concello por rexistro de entrada ou Sede Electrónica comunicando a celebración damesma e lugar. Debendo en todo momento vixiar o lume ata que estea totalmente apagado. Para asegurarse de que quede totalmente apagado deberán empapar a cinza con auga.

As persoas interesadas en montar unha cacharela deberán coidar os arredores e coñecer o número de Emerxencias (112) e o de incendios (085). Ademais terán preto do lume unha mangueira ou auga suficiente en recipientes para apagar o mesmo en caso de que se extenda co fin de evitar un incendio ou a súa propagación .

 A presentación da solicitude de comunicación de celebración da caharela non exime das responsabilidade por danos ou perdas que procedan no caso de incendio cando concorra neglixencia, imprudencia ou incumprimentos das normas ditadas.

18Xuñ 2022

Malpica inaugura a escultura “Nai Carrexeira” como homenaxe ás mulleres traballadoras do mar.

O tenente alcalde de Malpica, Alfredo Cañizo, asistiu este venres xunto coa concelleira Noelia Freijeiro e o concelleiro Miguel Ángel Fernández á inauguración de “ Nai Carrexeira”, monumento realizado por Ánxel Cao. “Estou moi orgulloso e agradecido de que Eliseo Villar Loureiro e a súa familia doasen esta bonita escultura que homenaxea moi ben o traballo das mulleres de Malpica que carrexaban o peixe para a súa venda e á súa vez coidaban aos seus fillos. A escultura está instalada nun lugar fantástico e vai ser un referente turístico por estar situada no paseo marítimo de Malpica coas Illas Sisargas e a capela de San Adrián como fondo” explicou Cañizo.

Ao acto tamén asistiu parte da corporación, o exalcalde José Ramón Varela Rey, o patrón maior Pedro Pérez Martelo e o alcalde de Malpica do Tajo, Santiago Hortas Bautista. “É un pracer a vosa invitación a asistir aos actos deste concello ó que estamos “hermanados” e máis neste acto que homenaxea á muller traballadora nas tarefas tan duras do mar. É unha escultura marabillosa que representa o que foi no seu día un traballo tan duro” dixo Santiago. Miguel Ánxo Fernández, pola súa parte, agradeceu a presenza dos asistentes e sobre todo a Eliseo Villar Loureiro a doazón da preciosa estatua. Tamén desculpou a ausencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que por razóns de axenda non puido estar presente.

O escultor Ánxel Cao explicou que é unha figura realizada unicamente para Malpica en representación da muller traballadora. Esta escultura homenaxea ás mulleres non só polo traballo que desempeñaban senón polo coidado e a educación da familia. “É unha figura realizada en bronce cun peso de 230 quilos de tamaño natural cuxa altura é un pouco maior á natural por razóns estéticas” explicou.

Pola súa banda, Eliseo Villar Loureiro, deu as grazas ao concello de Malpica por permitir doar esta obra e deixar que se situase nunha zona tan fermosa como é o paseo marítimo da vila. A súa intención de doar este monumento Nai Carrexeira é honrar a todas as mulleres que se encargaban de carrexar o peixe dende as lanchas ata os camións e á fábrica de consevas. “Elas fixeron que este pobo fora pr´ospero”.

8Xuñ 2022

A Regata Illas Sisargas celebra a súa XXXIV edición esta fin de semana

O prazo de inscripción remata hoxe mércores ás 19:00 horas

A praia de Malpica acolle esta fin de semana a XXXIV Regata Illas Sisargas – XVII Memorial Pucho Bermúdez de Castro (e tamén en memoria dos precursores deste evento deportivo, José Luis Arcay e Juan Manuel Vázquez). 

Sábado está previsto que se celebre a Regata Inversa. Ás 11 da mañá abrirase a oficina de Regatas. A saída está prevista entre as 13:45 e as 14 horas e farase entre a baliza da Guisanda e o barco do Comité de Regata. A chegada á meta estará sinalizada por unha baliza de cor vermella situada entre a praia de Malpica e o Barco do Comité de Regatas con bandeira azul.

Xa o domingo, ás 12 da mañá farase a saída entre o barco do Comité (levará unha bandeira amarela) e unha baliza hinchable vermella. A meta estará sinalizada tamén pola baliza Guisanda.

Ás 20 horas terá lugar a recepción e entrega de premios ós gañadores da etapa Coruña – Malpica. Na competición pode participar calquera cruceiro a vela dun solo casco, cun mínimo de eslora de 6,49 metros, pero non se admiten embarcacións cun GPH superior a 780 seg/milla.

A inscripción estará aberta ata este mércores (8 de xuño) ás 19 horas. Poderanse inscribir neste enderezo web: https://www.rfgvela.es/escora/regatta/regata-illas-sisargas2022. 

8Xuñ 2022

Antonio Ulloa Reinoso dará unha conferencia sobre sendeirismo o 11 de xuño en Malpica.

Os asistentes poderán participar nun coloquio que terá lugar despois da charla.

O día 11 de xuño, as 10:30horas, levarase a cabo unha conferencia “Camiñando pola Natureza”, onde o licenciado en medicina e cirurxía e tamén instrutor de procura e sálvamento en Montaña, Antonio Ulloa Reinoso analizará os riscos que pode traer consigo camiñar. Abordará ademais as dificultades tanto técnicas como físicas que
conlevan o sendeirismo e o alpinismo e falará do equipamento e material necesario para poder practicar este deporte. Reinoso contará algunha das súas aventuras por diferentes partes do mundo e amosará arredor de 500 fotografías tomadas en Europa, Sudamérica, África ou Islandia, entre outros.
Trala conferencia haberá un debate de 50 minutos de duración na que poderán participar os asistentes.
Esta charla sobre sendeirismo e alpinismo na alta montaña, organizada pola concellaría de educación de Malpica será o vindeiro sábado 11 de xuño ás 10:30 no Centro Cívico de Malpica. A entrada é de balde ata completar aforo.

8Xuñ 2022

A auga das praias de Area Maior e Seiruga, un ano máis con calidade “excelente” para o baño

Praia Area Maior

A Consellería de Sanidade, encargada da análise das augas, notificou ao Concello a máxima cualificación para as dúas zonas de baño

As zonas de baño das praias de Area Maior e Seiruga reciben, un máis, a máxima cualificación sanitaria a partir das análises que realiza a Consellería de Sanidade. A calidade das augas dos dous areais vixente para a tempada de verán de 2022 será de novo “excelente” de acordo aos criterios microbiolóxicos destes estudos.
Co obxectivo de detectar de forma anticipada a presenza de vertidos ou microorganismos que poden ser nocivos para a saúde humana, como as bacterias E. coli ou enterococo intestinal, persoal da Administración autonómica toma mostraxes nestas áreas. Os niveis mínimos
destes microorganismos mantéñense nos últimos anos, o que sitúa a Area Maior e Seiruga coa mellor cualificación segundo estes criterios, que clasifican a auga en “excelente”, “boa”, “suficiente” ou “insuficiente” (neste último caso desaconséllase o baño)”.
As zonas de baño incluídas no censo autonómico defínense como calquera elemento de augas superficiais onde está previsto que poidan bañarse un número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño.

31Mai 2022

Manifesto de condena contra a violencia de xénero. Malpica, 31 de maio de 2022

En primeiro lugar, quero agradecer a vosa presenza nesta concentración en repulsa da violencia de xénero. Unha lacra contra a que levamos anos loitando para erradicala. Pero, moi ao noso pesar, cada día está máis presente na nosa sociedade.

Ao falar de violencia de xénero, o primeiro que vén á mente son os empurróns, os golpes ou as agresións físicas. Pero estamos equivocados, o agresor comeza sometendo a vítima aos poucos, apartándoa das súas amizades, da súa familia, controlando os seus  movementos, a súa roupa, o seu peiteado, a súa maquillaxe, as súas chamadas… Todo.

Nos primeiros seis meses do ano 2022, 17 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou ex-parella; 1144 dende o 2003, ano no que se comezaron a recompilar estes datos. Aínda que tamén deberiamos de contabilizar as vítimas de agresións, como a acontecida na madrugada do luns en Carballo, a cal lle desexamos que se recupere pronto das graves lesións que sofre. E oxalá que pronto poida abrazar aos seus pequenos, a súa familia e amizades e comece con fortaleza unha nova vida coas súas crianzas.  Porque, cantas mulleres son vítimas de violencia de xénero realmente? Cantas mulleres permanecen caladas no anonimato por medo?   

Por iso, desde aquí pedímoslles que venzan os seus medos e se atrevan a pedir axuda  para saír do pesadelo ao que están sometidas. Lembrámoslle que poden atopar apoio profesional gratuíto no teléfono 016, enviando unha mensaxe de Whatsapp no 600 000 016 ou a través da dirección de correo 016-online@igualdad.gob.es. Aí atoparan axuda para elas e as súas crianzas, protección, e o asesoramento xurídico e psicolóxico que precisen.

Xa para rematar, queremos dicir que todos e todas os que estamos aquí presentes damos un paso adiante para condenar calquera tipo de violencia física ou psíquica e brindarlle a axuda que necesiten ás vítimas.

Moitas grazas

María Soledad Blanco Gorín

Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade

31Mai 2022

A veciñanza de Malpica manifesta a súa repulsa á violencia machista

A praza Anselmo Villar Amigo acolleu unha concentración en repulsa á agresión que se produciu este luns en Carballo

Representantes da corporación local e a veciñanza de Malpica concentráronse na mañá do martes na praza Anselmo Villar Amigo para expresar o seu rexeitamento e condena á agresión machista acontecida na madrugada do luns na veciña localidade de Carballo.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María Soledad Blanco Gorín, fixo lectura dun manifesto contra a violencia machista, lembrando ás 17 mulleres asasinadas no que vai de 2022 e ás máis de 1.100 desde o ano 2003. O acto concluíu cun minuto de silencio na memoria de todas estas vítimas.

Do mesmo xeito, o Concello de Malpica reitera o seu apoio e solidariedade á muller agredida en Carballo, e á súa familia e amigos, desexando a súa pronta recuperación.

As vítimas de violencia de xénero poden acceder a atención inmediata de persoal especializado no teléfono 016 (600 000 016 a través de Whatsapp) e o enderezo de correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es.

30Mai 2022

A Carreira Pedestre de Malpica regresa o 10 de setembro despois de dous anos de pandemia

A proba, á que xa é posible inscribirse desde este luns, está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo 

Despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia de coronavirus, regresan a Malpica as probas populares de atletismo coa celebración da V Carreira Pedestre. A cita percorrerá o sábado 10 de setembro as rúas da localidade, co obxectivo de fomentar a práctica da actividade física para acadar unha vida máis saudable.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro, presentaron esta mañá a proba na Casa do Concello. Entre as novidades deste ano, Noelia Freijeiro destacou que o percorrido terá menos dureza ca outros anos, ao evitar o paso polos chanzos da praia de Seaia. Ademais, inclúense dúas actividades paralelas: a celebración dun concurso de fotografía sobre a carreira pedestre e unha actuación musical na rúa principal, co obxectivo de animar aos e as atletas a desfrutar da localidade unha vez finalizada a proba.

Pola súa banda, o alcalde celebrou a volta á normalidade nas actividades deportivas do concello despois de dous anos complicados. “Queremos que esta proba siga medrando e sexa un reclamo para que se practique deporte, que é o obxectivo fundamental que queremos fomentar”, destacou Eduardo Parga.

A carreira celebrarase en catro distancias distintas: a proba absoluta, de 10.000 metros de percorrido; as sub-12, sub-14 e sub-16, de 2.100 metros; a sub-10, de 740 metros; e a categoría biberón, de 100 metros.

As inscricións poden realizarse desde este mesmo luns nesta ligazón, a través da web championchipnorte.com. Por cada persoa inscrita, a organización doará 1 euro á Asociación Española Contra o Cancro. Os trofeos que se entregarán aos e as deportistas serán pezas de Olería de Buño.

27Mai 2022

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lanza a convocatoria para a recepción de obras na súa 17ª edición

O Concello de Malpica acolleu a presentación dunha cita que xa é unha referencia do xénero nas letras galegas

O XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas púxose en marcha coa presentación da cita nun acto que tivo lugar na mañá deste venres na Casa do Concello de Malpica. O concurso literario, nacido no ano 2005, converteuse neste tempo nunha referencia deste xénero literario nas letras galegas, atraendo cada ano a un maior número de participantes.

No acto desta mañá participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, a concelleira de Cultura , Noelia Freijeiro, e o presidente da asociación cultural Caldeirón (entidade que convoca o certame), Paco de Tano.

Eduardo Parga destacou que é “unha honra” presentar un ano máis a cita, que comezou en 2005 cando, segundo lembrou, el era concelleiro de Cultura. “Despois de 17 anos vense claramente os logros acadados, cunha participación cada vez maior, obras moi interesantes e de gran calidade”.

Pola súa banda, Paco de Tano lembrou, do mesmo xeito que o alcalde, a figura de Paco Souto, falecido en 2017, como un dos impulsores deste premio. “Paco e mais eu cumprimos un soño cando o premio se fixo realidade. Agora sabemos que isto non terá fin, e mesmo seguirá despois de nós. Queremos dicirlle a Paco Souto que, alá onde estea, isto segue adiante”.

Bases

Ao premio poderán optar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro inédito de temática erótica non premiado con anterioridade e escrito en lingua galega, en calquera das súas normativas recoñecidas. O prazo de admisión finaliza o 18 de setembro. As obras deberán enviarse ao enderezo premio@caldeiron.org.


Establécese un premio único de 1.500 € (suxeitos ás retencións correspondentes) e a publicación da 1ª edición da obra, con 400 exemplares, na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón.


O resto das bases pode consultarse nesta ligazón:

Página 21 de 148« Primera...10...1920212223...304050...Última »