Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 13°
Domingo 13°
Luns 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

12Xul 2022

Luz verde para o comezo da actuación da pavimentación do camiño da Camposa, en Buño

Hoxe tivo lugar o acto de firma da acta de comprobación para o inicio dos traballos de pavimentación da vía, canalización das augas superficiais e dotación de nova iluminación.

O Concello de Malpica avanza cara a materialización das obras de mellora no camiño da Camposa, na parroquia de Buño, coa sinatura da acta de comprobación para o comezo das obras na vía.

A actuación, que disporá dun orzamento de 48.280,20 euros financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña, suporá labores de mellora nunha vía cunha lonxitude de 114 metros e un ancho superior aos 2 metros que conecta a zona norte de Buño, desde a Casa de Laxe, ata unha fonte e lavadoiro situados ao pé da rúa Forno Novo.

O camiño, moi transitado pola veciñanza da zona para acudir ao centro sanitario ou para recoller auga da fonte, será sometido a unha completa pavimentación de pedra natural, canalizaranse as augas superficiais e dotarase de iluminación adecuada con balizas que se situarán cada 20 metros.

Ademais, a actuación incluirá a recuperación e posta en valor da fonte e do lavadoiro. Dotarase de saneamento á parte superior do camiño a través dun sistema de canalizacións e pozos estancos para evitar filtracións de auga.
Desde o goberno local sinalan a súa confianza en poder ofrecer coa maior celeridade posible ‘as mellores condicións de tránsito e seguridade para a nosa veciñanza’.

12Xul 2022

Visitas teatralizadas de balde para coñecer a historia da vida no Forno Do Forte.

El Concello de Malpica en colaboración coa Diputación da Coruña ofrecerá visitas teatralizadas gratuitas nas instalacións do Ecomuseo Forno do Forte durante os sábados 16 e 23 de xullo e os ´sabados 13 e 20 de agosto, en horario  de 12.00 a 13.00 horas.

Yago Espasandín e Raquel Crespo, compoñentes de Alalá Teatro, actuarán representando unha obra baseada na vida tradicional oleira. Nárrase a reflexión de dous irmáns oleiros alá polos anos 40 do século pasado. Os irmáns, 5ª xeración de oleiros, o día antes da que creen será a súa última fornada reflexionan sobre o seu oficio como modo de vida.

Esta peza é un relato sobre as orixes, o pasado máis recente e o presente e futuro da relación dunha terra alimentada polo barro que, a través das personaxes nos fala da felicidade, as intimidades do ser humano e o camiño cara as nosas propias verdades. Isto vaise levar a cabo no Ecomuseo, nas vivendas dos oleiros, o que permitirá mergullarse na narración.

Onde nace o fume é un xeito de coñecer mellor a historia local permitindo aos visitantes introducirse na historia que conta a exposición e as vivendas do Forno do Forte por medio da teatralización.

8Xul 2022

A XIV Concentración de Motos Antigas chega a Malpica o vindeiro domingo.

Malpica acolle o domingo 10, un dos tradicionais eventos anuais, a XIV Concentración de Motos Antigas organizada por Amig@s das motos clásicas de Bergantiños e na que colabora a concellería de Turismo e Festexos do Concello de Malpica. Na cita participarán motoristas que farán rodar as súas prezadas motos clásicas de máis de 35 anos por varios concellos da comarca de Bergantiños. Os amantes das dúas rodas visitarán varios enclaves turísticos da nosa vila como a praia de As Torradas e os muíños de Ardelerio, entre outros.

Posteriormente, sobre as 12.00h, desfilarán polo centro de Malpica ata o porto onde permanecerán ata as 13.00h.

Sen dúbida será todo un acontecemento para os apaixonados das motos clásicas.

7Xul 2022

O Ecomuseo Forno do Forte convertirase nun enclave teatral durante os meses de xulio e agosto.

As representacións levaranse a cabo os sábados a partir do día 9 de xulio e ata o 20 de agosto incluído. Un ciclo de teatro organizado pola concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes na que non é preciso inscribirse e a entrada é de vale.

O vindeiro sábado estréase este ciclo coa obra Saabor! O espectaculo comezará ás 12.00h e dura 75 minutos.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos vos gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer o viño e a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

4Xul 2022

O Concello de Malpica lanza novas datas e rutas para a recollida de residuos urbanos especiais


O Concello de Malpica anuncia novas datas de recollida de residuos especias a prol do medio ambiente, e como parte da campaña de fomento de boas prácticas de reciclaxe.
Ata o vindeiro de 8 de xullo a empresa Collecting Oil será a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes da 9:00 horas.

Os refugallos que se recollerán divídense en oito tipoloxías:

  • Aceite de cociña usado: de fritura, de conservas…
  • Graxas e manteigas: animal, de roxóns…
  • Pilas e baterías: de botón, AAA, alcalinas, electrónicas e de vehículos a
    motor…
  • Lámpadas: de baixo consumo, LED e fluorescentes…
  • Electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar: microondas, torradora, secadores, radios, teléfonos, ordenadores, ferramentas eléctricas…
  • Consumibles de impresoras: tóner, cartuchos e tambores…
  • Residuos téxtiles e roupa: non importa o seu estado (roto, destinguido…), só se solicita que estea limpo.
  • Restos metálicos pequenos do fogar: tixolas, moldes, potas, enxoval do fogar, bandexas…

    A continuación, relátanse as rutas que do mes de marzo:

    MÉRCORES 6 XULLO: Aviño, Cambre, Pedrosa- A Tremoa, Rabuceiras, A Raxeira, Brión, O Castro.
    XOVES 7 XULLO: Feira Nova, Vilar, O Empalme, A Camposa, O Piñeiro, Rúa Santa
    Catalina vivendas con números pares ata A Plaza.
    VENRES 8 DE XULLO: Rúa Forno Novo, Rúa Mouróns, Rúa Santa Filomena, Rúa Xaviña, Canelas, Rúa Nova, Rúa Gaio, Praza Cruceiro, Rúa Costa, Rúa Boavista, Rúa Santa Catalina vivendas números impares.

A empresa encargada da recollida é Collecting Oil, e as persoas residentes do noso concello poden poñerse en contacto chamando ó 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com.
O Concello de Malpica agradece a todos os veciños e veciñas por contribuír a preservar o medio ambiente reciclando.

28Xuñ 2022

Membros do goberno local de Malpica e varios veciños concentráronse está mañá para apoiar ao colectivo LGTBIQ+ neste día do Orgullo.

O acto rematou coa lectura dun manifesto na praza Anselmo Villar Amigo

Arredor das 12.00h da mañá os edís do Concello de Malpica, a Policía Local e varios veciños xuntáronse na praza Anselmo Villar Amigo para conmemorar hoxe, 28 de xuño, o Día do Orgullo LGTBIQ+. Despois, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín procedeu a ler un manifesto no que deixaba claro que en Malpica rexeitan calquera tipo de discriminación motivada pola orientación sexual das persoas.

No acto estaban presentes tamén o alcalde, Eduardo Parga, Miguel Ángel Fernández, Noelia Freijeiro, Alfredo Cañizo e outros membros da corporación municipal.

Manifesto.

A noción básica do Orgullo LGBTTIQ+ consiste en que ningunha persoa debe avergoñarse do que é, sexa cal sexa o seu sexo, orientación ou identidade sexual. Os primeiros indicios da homosexualidade veñen da Antiga Grecia e o Imperio Romano. Nesas épocas a bisexualidade era a norma. Aínda que nos pareza mentira tiñan a mente máis aberta que agora.

O Movemento pola Diversidade Sexual remonta os seus inicios coa fundación do Movemento de Liberación Homosexual, MOVILH histórico, en 1991. A orixe da data do Día do Orgullo LGBTTIQ+ remóntase ao 28 de xuño de 1969 cando nun bar de Nova York chamado Stonewall, gais, lesbianas, bisexuais e transexuais, intersexuais, queers (LGBTTIQ+) cansados das continuas fustigacións da policía, decidiron enfrontala, rebelándose contra un sistema político que avalaba a discriminación, a persecución, a fustigacións e a violencia sistemática contra a comunidade. Foi neste mesmo momento cando se inicia o movemento homosexual en Estados Unidos e a loita polos seus dereitos. En poucas semanas, despois de varios incidentes violentos o colectivo logrou ter lugares para poder estar libremente sen medo a ser arrestados ou violentados.

Pouco a pouco a este movemento fóronselle sumando outros países do mundo. Disto pasaron 53 anos, duns acontecementos que foron a catapulta o impulso para loitar pola procura da igualdade de dereitos para este colectivo, reclamar pola non violencia, o respecto pola diversidade sexual, a liberdade para decidir sobre o seu corpo, o dereito á identidade, a protección, o recoñecemento de todas as familias e polo pleno acceso a todos os dereitos que aseguren a inclusión cidadá. Hoxe a loita continúa, pois aínda quedan países nos que a homosexualidade é considerada delito e son castigados mesmo con penas de cárcere e ata de morte.

Hai 7 países con pena de morte ( Arabia Saudita, Iemen, Irán, Emiratos Árabes, Mauritania, Nixeria e Brunei), 58 que condenan aos homes con penas de prisión (Cabo Verde, Maldivas, Tanzania. Nepal, Nixeria, Arxelia, Somalia… ) e 6 con pena física (Brunei, Malasia, Irán, Paquistán, Fixi, Sudán). Pero non fai falla ir tan lonxe. Neste momento no noso país, na nosa propia comunidade autónoma, na nosa provincia e quen sabe se no noso Concello, hai alguén que sofre discriminación pola súa condición sexual. Hai alguén ao que lle da medo recoñecer ser quen é polo que dirán ou polas posibles consecuencias que lle poida traer na súa vida persoal ou laboral.

Hai a quen o están agredindo física ou verbalmente por ser diferente. Hai alguén que está sufrindo por algo que non debería traer consigo dor. Cada día vívense situacións de homofobia no noso país e isto non se debe permitir. Por este motivo, desde o Concello de Malpica condenamos calquera tipo de acción discriminatoria ou conduta violenta contra calquera persoa pola súa orientación e cremos que este día é necesario para darlle visibilidade ao movemento e apoialo. Queda moito camiño por andar e moito que loitar, pero non imos deixalos de lado nunca.

Seguiremos camiñando xuntos para conseguir a igualdade de condicións e oportunidades nunha sociedade na que non faga falta ocultar ou avergoñarnos de quen somos e do que somos. Seguiremos loitando contra a LGTBI Fobia, aportando o noso gran de area para crear un futuro mellor para os nosos fillos, fillas e filles. #seresentir #DeputacióndaCoruña #MalpicaIgualdade #ConcellodeMalpica

21Xuñ 2022

O Concello de Malpica recibe o verán cun feixe de actividades para gozar do deporte e da cultura

Este verán, o Concello de Malpica ofrece un amplo programa de actividades para pasalo en grande. As actividades están organizadas polas concellerías de Deportes e Cultura e Servizos Sociais en colaboración coa Deputación da Coruña e entidades e empresas e levaranse a cabo ao longo dos meses de xullo e agosto.

O prazo de inscrición abre o 23 de xuño ata esgotar prazas. De non encher todos os ocos, o peche do prazo para apuntarse depende da actividade: para as actividades da primeira quincena de xullo, o prazo remata o 30 de xuño; para as da segunda quincena de xullo, pechará o 14 de xullo; poderanse apuntar nas actividades de agosto ata o 22 de xullo e no XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area ata o 26 de agosto ás 10.00h.

Os interesados poden anotarse no departamento de Deportes na Casa do Concello ou nos departamentos de Educación e Cultura e no de Servizos Sociais no Centro Cívico en horario de 09.00h a 14.00h. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

1ª Quincena de Xullo
Do 1 ao 15 de xullo ofértanse estas actividades:

  • Semana de Xogos Xigantes: Esta actividade está recomendada para a rapazada de 6 a 14 anos. No Paseo da Praia os días 4 e 6 de xullo (luns e mércores) de 11.00h a 13.00h faranse diferentes xogos: twister, parchís, dominó, 3 en raia, memory, xogo dos patiños, mikado e quen é quen. O venres 8, no mesmo lugar e de 10.00h a 14.00h faranse torneos de futbolín e de xadrez.
  • Campamento de Patinaxe: Está dirixido a rapaces dende 3 anos. Terá lugar no Pavillón Polideportivo de Malpica do 4 ao 15 de xullo (de luns a venres) en horario de 09.30h a 13.30h. Poden inscribirse do 23 ao 29 de xuño no teléfono 630 367 783. As prazas son limitadas.
  • Campamento de Verán Carcaxía: Está pensado para nenos e nenas de 4 a 10 anos. Será na Casa da Cultura de Seaia do 4 ao 29 de xullo en horario de 09.00h a 14.00h. Para anotarse poden facelo no teléfono 657 919 272.
  • III Campus de Verán UD Cerqueda: Dirixido a rapaces de 4 a 17 anos. Celebrarase do 4 ao 29 do xuño no Campo de Xaviña (Buño) de 09.30h a 13.30h con posibilidade de entrar xa ás 08.30h. Para máis información ou para inscribirse deben poñerse en contacto con Dani no teléfono 663 904 461 ou no enderezo electrónico campusudcerqueda@gmail.com.
  • Vive o verán: Unha actividade dirixida a rapaces nados do 2004 ao 2015 na que durante oito días farán sendeirismo, surf, paddle surf, snorkel e unha visita ás Sisargas. Aqueles empadroados no Concello de Malpica terán un desconto do 10%.
  • Talleres de actividades Multideportivas: Faranse o 5, 7, 11 e 13 de xullo na praia de Area Maior de 11.00h a 13.00h. Poden apuntarse nenos e nenas de 6 a 12 anos a un prezo de 21,71€. As prazas son limitadas.
  • Área Infantil: Actividade pensada para a rapazada de 3 a 6 anos. Terá lugar no paseo da Praia do 11 ao 15 de xullo. Haberá dúas quendas dispoñibles; unha de 11.00h a 12.00h e outra de 12.00h a 13.00h. Para cada unha, hai 10 prazas.
  • Obradoiro de Danzas Urbanas con Dj: É de balde e está dirixido a maiores de 12 anos e levarase a cabo o día 15 de xullo no paseo da Praia de 10.30h a 13.30h.
  • Geocaching iniciación: unha actividade gratuíta que se fará o 12 e o 14 de xullo na praia de Area Maior de 10.00h a 13.30h. Poden inscribirse os nenos e nenas de 7 a 12 anos. Hai 20 prazas dispoñibles.

2ª Quincena de Xullo

  • Zumba na praia: Unha actividade pensada para todos os públicos que se vai facer de maneira gratuíta o luns 18 de xullo no paseo da Praia en horario de 11.30h a 13.30h.
  • 1º Campamento deportivo: para rapaces e rapazas de 7 a 12 anos. Celebrarase do 19 ao 22 de xullo no Pavillón Polideportivo de Malpica de 10.00h a 13.00h. As prazas son limitadas e ten un custo de 21,71€.
  • Torneo de fút-tenis e basquet 3×3: 19 e 21 de xullo no Parque infantil do Mercado en horario de 10.00h a 13.30h. É de balde e esta dirixido a nenos e nenas de 10 ou máis anos.
  • 2º Campamento deportivo: Actividade dirixida a rapaces de 7 a 12 anos. Desenvolverase do 26 ao 29 de xullo, no Pavillón Polideportivo de Malpica de 10.00h a 13.00h. Ten un custo de 21,71€ e as prazas son limitadas.
  • Torneo de Fútbol Praia Sub 15-18: o xoves 28 e o venres 29 haberá un torneo na praia de Area Maior no que poden participar rapaces de 15 a 18 anos. É gratis e non hai límite de prazas.

Agosto

  • Fútbol praia: durante os días laborais do 1 ao 31 de agosto organizaranse actividades de fútbol praia no areal de Area Maior dirixidas a nenos de 6 a 14 anos. O calendario e o horario van depender das mareas e ten un custo de 21,71€.
  • Pintar na rúa: Os días laborais do 1 ao 12 de agosto na Praza Anselmo Villar Amigo. Para os nenos de 11 a 14 anos será de 10.00h a 12.00h. Para os pequenos de 6 a 10 anos, de 12.00h a 14.00h. Ten un prezo de 11€ e haberá 15 prazas por quenda.
  • Obradoiro de Danzas con Dj: Será o 16 de agosto no paseo da Praia de 10.30h a 13.30h. Será de balde e está dirixido a maiores de 12 anos.
  • XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area: O 26 de agosto, na praia de Area Maior faranse esculturas de 10.30h a 13.00h. O público votará a partir das 13.00h e ás 13.30h darase a coñecer o fallo do xurado e farase a entrega de premios. Hai dúas categorías: a infantil (ata 10 anos) e a amateur (a partir de 11 anos). Participar é gratis e non hai límite de prazas.
  • Campamento Conciliación Malpica 2022: Do 16 de agosto ao 6 de setembro no Centro Cívico de Malpica, de 09.00h a 14.00h e para nenos de 3 a 12 anos. As prazas son limitadas.

En caso de mal tempo, os Xogos Xigantes, Área Infantil, Geocaching e Pintar na Rúa levaranse a cabo no Auditorio do Centro Cívico e faranse actividades alternativas de interior.

OBRADOIRO DE BARRO
Ademais desta gran oferta de actividades, no Ecomuseo Forno do Forte de Buño farase un obradoiro de barro gratuíto durante os meses de xullo e agosto. Será de martes a venres en horario de 16.30h a 18.30h e está dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. Os nenos e nenas deben acudir acompañados. As prazas son limitadas e non fai falta inscrición previa.

21Xuñ 2022

NORMAS PARA A REALIZACIÓN DA CACHARELA “ SAN XOÁN”:

NORMAS REALIZACIÓN CACHARELA “ SAN XOÁN”:

Na zona urbana, o volume de combustible do lume no sobre pasará os 3 mts de perímetros nin o metro ( 1 metro) de altura. No rural non poderá exceder os 6 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.

A separación entre as cacharelas e os edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbán serán como mínimo 12 metros, agás no casco urbano.

Pórase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacén de produtos inflamables

Queda prohibida a queima de rodas, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, de xeito

xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

 O material de combustión serán: leña, polas, toro de árbores e madeiras vellas etc.

En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión ( areosois) aínda que estean baleiros.

As persoas interesadas na celebración da cacharela de San Xoán, deberán presentar a correspondentecomunicación no Concello por rexistro de entrada ou Sede Electrónica comunicando a celebración damesma e lugar. Debendo en todo momento vixiar o lume ata que estea totalmente apagado. Para asegurarse de que quede totalmente apagado deberán empapar a cinza con auga.

As persoas interesadas en montar unha cacharela deberán coidar os arredores e coñecer o número de Emerxencias (112) e o de incendios (085). Ademais terán preto do lume unha mangueira ou auga suficiente en recipientes para apagar o mesmo en caso de que se extenda co fin de evitar un incendio ou a súa propagación .

 A presentación da solicitude de comunicación de celebración da caharela non exime das responsabilidade por danos ou perdas que procedan no caso de incendio cando concorra neglixencia, imprudencia ou incumprimentos das normas ditadas.

18Xuñ 2022

Malpica inaugura a escultura “Nai Carrexeira” como homenaxe ás mulleres traballadoras do mar.

O tenente alcalde de Malpica, Alfredo Cañizo, asistiu este venres xunto coa concelleira Noelia Freijeiro e o concelleiro Miguel Ángel Fernández á inauguración de “ Nai Carrexeira”, monumento realizado por Ánxel Cao. “Estou moi orgulloso e agradecido de que Eliseo Villar Loureiro e a súa familia doasen esta bonita escultura que homenaxea moi ben o traballo das mulleres de Malpica que carrexaban o peixe para a súa venda e á súa vez coidaban aos seus fillos. A escultura está instalada nun lugar fantástico e vai ser un referente turístico por estar situada no paseo marítimo de Malpica coas Illas Sisargas e a capela de San Adrián como fondo” explicou Cañizo.

Ao acto tamén asistiu parte da corporación, o exalcalde José Ramón Varela Rey, o patrón maior Pedro Pérez Martelo e o alcalde de Malpica do Tajo, Santiago Hortas Bautista. “É un pracer a vosa invitación a asistir aos actos deste concello ó que estamos “hermanados” e máis neste acto que homenaxea á muller traballadora nas tarefas tan duras do mar. É unha escultura marabillosa que representa o que foi no seu día un traballo tan duro” dixo Santiago. Miguel Ánxo Fernández, pola súa parte, agradeceu a presenza dos asistentes e sobre todo a Eliseo Villar Loureiro a doazón da preciosa estatua. Tamén desculpou a ausencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que por razóns de axenda non puido estar presente.

O escultor Ánxel Cao explicou que é unha figura realizada unicamente para Malpica en representación da muller traballadora. Esta escultura homenaxea ás mulleres non só polo traballo que desempeñaban senón polo coidado e a educación da familia. “É unha figura realizada en bronce cun peso de 230 quilos de tamaño natural cuxa altura é un pouco maior á natural por razóns estéticas” explicou.

Pola súa banda, Eliseo Villar Loureiro, deu as grazas ao concello de Malpica por permitir doar esta obra e deixar que se situase nunha zona tan fermosa como é o paseo marítimo da vila. A súa intención de doar este monumento Nai Carrexeira é honrar a todas as mulleres que se encargaban de carrexar o peixe dende as lanchas ata os camións e á fábrica de consevas. “Elas fixeron que este pobo fora pr´ospero”.

8Xuñ 2022

A Regata Illas Sisargas celebra a súa XXXIV edición esta fin de semana

O prazo de inscripción remata hoxe mércores ás 19:00 horas

A praia de Malpica acolle esta fin de semana a XXXIV Regata Illas Sisargas – XVII Memorial Pucho Bermúdez de Castro (e tamén en memoria dos precursores deste evento deportivo, José Luis Arcay e Juan Manuel Vázquez). 

Sábado está previsto que se celebre a Regata Inversa. Ás 11 da mañá abrirase a oficina de Regatas. A saída está prevista entre as 13:45 e as 14 horas e farase entre a baliza da Guisanda e o barco do Comité de Regata. A chegada á meta estará sinalizada por unha baliza de cor vermella situada entre a praia de Malpica e o Barco do Comité de Regatas con bandeira azul.

Xa o domingo, ás 12 da mañá farase a saída entre o barco do Comité (levará unha bandeira amarela) e unha baliza hinchable vermella. A meta estará sinalizada tamén pola baliza Guisanda.

Ás 20 horas terá lugar a recepción e entrega de premios ós gañadores da etapa Coruña – Malpica. Na competición pode participar calquera cruceiro a vela dun solo casco, cun mínimo de eslora de 6,49 metros, pero non se admiten embarcacións cun GPH superior a 780 seg/milla.

A inscripción estará aberta ata este mércores (8 de xuño) ás 19 horas. Poderanse inscribir neste enderezo web: https://www.rfgvela.es/escora/regatta/regata-illas-sisargas2022. 

Página 21 de 149« Primera...10...1920212223...304050...Última »