Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Membros do goberno local de Malpica e varios veciños concentráronse está mañá para apoiar ao colectivo LGTBIQ+ neste día do Orgullo.

28Xuñ 2022

Membros do goberno local de Malpica e varios veciños concentráronse está mañá para apoiar ao colectivo LGTBIQ+ neste día do Orgullo.

O acto rematou coa lectura dun manifesto na praza Anselmo Villar Amigo

Arredor das 12.00h da mañá os edís do Concello de Malpica, a Policía Local e varios veciños xuntáronse na praza Anselmo Villar Amigo para conmemorar hoxe, 28 de xuño, o Día do Orgullo LGTBIQ+. Despois, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín procedeu a ler un manifesto no que deixaba claro que en Malpica rexeitan calquera tipo de discriminación motivada pola orientación sexual das persoas.

No acto estaban presentes tamén o alcalde, Eduardo Parga, Miguel Ángel Fernández, Noelia Freijeiro, Alfredo Cañizo e outros membros da corporación municipal.

Manifesto.

A noción básica do Orgullo LGBTTIQ+ consiste en que ningunha persoa debe avergoñarse do que é, sexa cal sexa o seu sexo, orientación ou identidade sexual. Os primeiros indicios da homosexualidade veñen da Antiga Grecia e o Imperio Romano. Nesas épocas a bisexualidade era a norma. Aínda que nos pareza mentira tiñan a mente máis aberta que agora.

O Movemento pola Diversidade Sexual remonta os seus inicios coa fundación do Movemento de Liberación Homosexual, MOVILH histórico, en 1991. A orixe da data do Día do Orgullo LGBTTIQ+ remóntase ao 28 de xuño de 1969 cando nun bar de Nova York chamado Stonewall, gais, lesbianas, bisexuais e transexuais, intersexuais, queers (LGBTTIQ+) cansados das continuas fustigacións da policía, decidiron enfrontala, rebelándose contra un sistema político que avalaba a discriminación, a persecución, a fustigacións e a violencia sistemática contra a comunidade. Foi neste mesmo momento cando se inicia o movemento homosexual en Estados Unidos e a loita polos seus dereitos. En poucas semanas, despois de varios incidentes violentos o colectivo logrou ter lugares para poder estar libremente sen medo a ser arrestados ou violentados.

Pouco a pouco a este movemento fóronselle sumando outros países do mundo. Disto pasaron 53 anos, duns acontecementos que foron a catapulta o impulso para loitar pola procura da igualdade de dereitos para este colectivo, reclamar pola non violencia, o respecto pola diversidade sexual, a liberdade para decidir sobre o seu corpo, o dereito á identidade, a protección, o recoñecemento de todas as familias e polo pleno acceso a todos os dereitos que aseguren a inclusión cidadá. Hoxe a loita continúa, pois aínda quedan países nos que a homosexualidade é considerada delito e son castigados mesmo con penas de cárcere e ata de morte.

Hai 7 países con pena de morte ( Arabia Saudita, Iemen, Irán, Emiratos Árabes, Mauritania, Nixeria e Brunei), 58 que condenan aos homes con penas de prisión (Cabo Verde, Maldivas, Tanzania. Nepal, Nixeria, Arxelia, Somalia… ) e 6 con pena física (Brunei, Malasia, Irán, Paquistán, Fixi, Sudán). Pero non fai falla ir tan lonxe. Neste momento no noso país, na nosa propia comunidade autónoma, na nosa provincia e quen sabe se no noso Concello, hai alguén que sofre discriminación pola súa condición sexual. Hai alguén ao que lle da medo recoñecer ser quen é polo que dirán ou polas posibles consecuencias que lle poida traer na súa vida persoal ou laboral.

Hai a quen o están agredindo física ou verbalmente por ser diferente. Hai alguén que está sufrindo por algo que non debería traer consigo dor. Cada día vívense situacións de homofobia no noso país e isto non se debe permitir. Por este motivo, desde o Concello de Malpica condenamos calquera tipo de acción discriminatoria ou conduta violenta contra calquera persoa pola súa orientación e cremos que este día é necesario para darlle visibilidade ao movemento e apoialo. Queda moito camiño por andar e moito que loitar, pero non imos deixalos de lado nunca.

Seguiremos camiñando xuntos para conseguir a igualdade de condicións e oportunidades nunha sociedade na que non faga falta ocultar ou avergoñarnos de quen somos e do que somos. Seguiremos loitando contra a LGTBI Fobia, aportando o noso gran de area para crear un futuro mellor para os nosos fillos, fillas e filles. #seresentir #DeputacióndaCoruña #MalpicaIgualdade #ConcellodeMalpica