Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 18°
12°
Xoves 19°
12°
Venres 17°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

28Mai 2015

A asociación Caldeirón e o Concello impulsan o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas na súa 10ª edición

O alcalde, Eduardo Parga, e o secretario da entidade organizadora, Paco Souto, presentaron hoxe a convocatoria
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, presentaron hoxe a décima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que ten o apoio total do Concello “porque cremos nesta iniciativa e seguiremos a apoiala”. Así o asegurou o rexedor, que tamén expresou o seu desexo de que volva a haber unha alta participación e de que a sona do concurso literario siga a espallarse a nivel nacional e mesmo internacional. Neste sentido, Paco Souto lembrou que o gañador da anterior edición reside en Bruxelas.

 

O Concello de Malpica achega para o certame un total de 2.100 euros, 1.000 dos cales destínanse á dotación do premio, e tamén financia a edición das obras gañadoras. Para Paco Souto foi “un acerto” optar por una edición e unha colección propias, grazas ao cal hoxe “temos un formato recoñecible e unha lista de autores que todo o mundo envexa”. O secretario da asociación Caldeirón cualificou o apoio do Concello de Malpica coma “un privilexio”.

 

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas naceu a partir dos recitais de poesía erótica e contos de medo organizados pola Asociación Cultural Caldeirón nos locais de hostalería de Malpica. Hoxe xa é un referente e cada vez vai a máis. Na pasada edición duplicouse o número de orixinais, cun total de 25, e os organizadores agardan manter ou mesmo ampliar a cifra este ano, no que o certame recibirá un impulso para conmemorar o seu 10º aniversario.

 

O prazo para presentar as obras xa está aberto. Os interesados poden envialas ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”.

 

Relación de gañadores das nove edicións anteriores:

 

1.     “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

 

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

 

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

 

4.      “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

 

5.      “Amantes”, María Lado

 

6.      “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

 

7.      “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

 

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

 

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán. O libro presentarase coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, na que tamén se fará publico o fallo da décima edición.

 

18Mai 2015

A proba do gradiómetro ampliarase a toda a superficie interior da Croa do Castro

Os resultados do primeiro estudo de viabilidade foron altamente positivos
540-f-foto

Na mañá de hoxe luns 18 de maio, o alcalde de Malpica de Bergantiños recibiu a directivos de Monte d?Arxa e aos arqueólogos Xosé Gago e Carlos Otero Vilariño. Este, que foi o responsable da proba de viabilidade co gradiómetro, informou ós presentes dos resultados obtidos. Para iso utilizou unha fotografía aérea da Croa e superpuxo os resultados do gradiómetro.

Como xa se ten informado, encontráronse tanto estruturas na zona de entrada como no interior. Estas estruturas son vivendas derrubadas, muros de peche de entrada e muros lonxitudinais no interior do recinto. 
Un aspecto moi relevante foi a acumulación de interferencias debidas á presenza de metal cartuchos na zona suroeste feito que provoca contaminación nos resultados nesa zona do castro.

Carlos Otero concluíu que os resultados da proba foron altamente positivos e propuxo realizar unha nova aplicación do gradiómetro a toda a superficie interior da Croa do Castro. O alcalde aceptou a proposta, así que nestes días se pasará a elaborar o proxecto e a remitilo a Patrimonio da Xunta de Galicia.

En definitiva, os pasos que se van levar a cabo na Croa do Castro son. Primeiro, sacar a concurso público a tala e extracción dos árbores que hai
  no xacemento. Segundo, aplicación do gradiómetro (radar terrestre) a toda a acrópole do xacemento para obter, desta maneira, unha imaxe completa do conxunto de estruturas que pode haber soterradas.



 

8Mai 2015

Malpica foi o escenario do Día da Inclusión

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Marisol Blanco, Miguel Fernández e Alfredo Cañizo sumáronse á marcha reivindicativa
540-f-foto

Malia a ameaza constante da choiva, a marcha reivindicativa pola inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade) puido discorrer polas rúas de Malpica sen contratempos. Seis asociacións da provincia (Ambas, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, ademais da anfitrioa, Íntegro) participaron nun percorrido que arrincou pouco antes do mediodía do Centro Cívico e rematou pasada a unha da tarde xunto á Casa do Pescador. Á fronte da manifestación estiveron un grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Milladoiro, que non pararon de berrar durante todo o traxecto consignas coma “Non á discriminación”, “Que no mundo non haxa inclusión, que desilusión” ou “Somos capaces”. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, participou en todo o percorrido, ao que tamén se sumaron xa no centro da vila o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo.

 

Os participantes na marcha saíron do Centro Cívico pola rúa principal ata a Casa do Pescador, onde realizaron unha pequena parada antes de continuar cara o centro cívico e a zona do Caldeirón para regresar ao mesmo lugar. “O mundo é máis bonito se non hai prexuízos”, leron os alumnos do CEIP Milladoiro no seu escrito de adhesión, no qu pediron “por un mundo máis unido, por un mundo onde vivamos todos xuntos, por un mundo onde non haxa discriminacións”.

A continuación foi a quenda das asociacións participantes, cada unha das cales leu tamén o seu manifesto. Catarina, de Íntegro, quen avogou por “un cambio de mentalidade” a favor da inclusión dende a escola, “por iso é prioritario desenvolver un sistema educativo en inclusión, onde todos os nenos e nenas con diversidade funcional poidan educarse en colexios ordinarios contando cos apoios necesarios para cada situación”. Íntegro considera imprescindible fomentar valores coma “a socialización, a convivencia, a tolerancia e o coñecemento da realidade de todos os nenos e nenas”.

Despois dunha colorida solta de globos, os participantes neste Día da Inclusión celebraron un xantar de confraternidade en Canido e pasaron a tarde entre xogos e actuacións.

6Mai 2015

A Consellería de Presidencia subvenciona un turismo e unha motocicleta para a Policía Local de Malpica

O alcalde destaca que os novos vehículos permitirán “seguir mellorando a calidade dos servizos que estamos a prestar aos veciños e veciñas”
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños poderá renovar o parque móbil da Policía Local grazas a unha subvención que vén de conceder a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. Dende este departamento comunicaron hoxe ao alcalde, Eduardo Parga Veiga, a concesión dunha motocicleta tipo trail e un turismo que permitirá substituír un dos vehículos actuais, xa moi antigos.

 

A entrega levarase a cabo a partir da publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG). As subvencións, destinadas a concellos de menos de 50.000 habitantes, están incluídas no programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, e permitirán, segundo destacou o alcalde de Malpica, “seguir mellorando a calidade dos servizos que estamos a prestar aos veciños e veciñas do noso concello”.

 

[FOTO: LA VOZ DE GALICIA]

30Abr 2015

Malpica será a sede da xornada reivindicativa do Día da Inclusión

Representantes do Concello e da Asociación Íntegro presentaron o programa para o vindeiro 8 de maio
540-f-foto

A Asociación Íntegro celebrará en Malpica o Día da Inclusión, que este ano leva por lema “A inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade)”. A xornada do 8 de maio reunirá a cinco entidades da provincia (Ambar, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, así como os alumnos e alumnas de 5º e 6º cursos do CEIP Milladoiro, que realizarán unha marcha reivindicativa pola vila que rematará coa lectura dun manifesto diante da Casa do Pescador e un xantar de convivencia.

 

“Reivindicaremos os dereitos das persoas con diversidade funcional, sobre todo o dereito á inclusión, a participar en actividades de todo tipo e en igualdade de condicións que os demais”, explicou Noelia Barreira, terapeuta ocupacional de Íntegro na presentación da iniciativa, que tivo lugar hoxe pola mañá no Centro Cívico de Malpica. Para o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, o 8 de maio é ?un día importante? porque son moitos os cidadáns ?que non saben o que é a inclusión. Aínda temos que conseguir a integración en moitos ámbitos, pero queremos loitar tamén pola inclusión porque é a porta de entrada na sociedade das persoas con diversidade funcional?.

 

O Concello de Malpica estivo representado no acto polos concelleiros Marisol Blanco e Miguel Fernández e polo alcalde, Eduardo Parga, que agradeceu á Asociación Íntegro a elección de Malpica como sede do Día da Inclusión e asegurou que “para nós todas as persoas somos iguais”.

 

Os actos conmemorativos do Día da Inclusión comezarán ás 11.00 horas coa recepción dos participantes, que iniciarán a marcha reivindicativa unha hora máis tarde. O percorrido, dun quilómetro de lonxitude, rematará coa lectura do manifesto elaborado conxuntamente polas entidades participantes. A xornada reivindicativa, pero tamén festiva, continuará cun xantar e música pola tarde.

 

27Abr 2015

O Concello de Malpica pagou aos provedores en 36,83 días no primeiro trimestre

O importe total das operacións aboadas foi de 258.806 euros
540-f-foto

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao período medio de pago desta entidade  correspondente ao  1º trimestre do exercicio 2015, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014, de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do período medio de pago a provedores.

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

 

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

 

Exercicio : 2015

 

Período: Primeiro trimestre

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS:                                           9,75 días

 

IMPORTE DAS OPERACIÓNS PAGADAS:                                   258.806,26

 

RATIO DE OPERACIONS PENDENTES DE PAGO:                     57,17 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONES PENDENTES DE PAGO:           344.428,51

 

PERIODO MEDIO DE PAGO DA ENTIDADE:                               36,83 DIAS

 

 

25Abr 2015

Representantes dun Grupo de Acción Costeira de Rumanía visitan Malpica para aprender das experiencias locais

A expedición, integrada por 32 membros de confrarías e agrupacións de pescadores, está a estudar distintas iniciativas en Cataluña e Galicia
540-f-foto

Representantes do Grupo de Acción Costeira (GAC) do Delta do Danubio, en Rumanía, incluíron Malpica no programa de visitas que están a facer a distintas vilas pesqueiras de Cataluña e Galicia coa finalidade de aprender das experiencias locais. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, recibiron e acompañaron ao grupo, integrado por 32 persoas que forman parte de confrarías ou agrupacións de pescadores do GAC do Delta do Danubio.

 

En Rumanía están arrincando agora este tipo de programas, e o proxecto que se leva a cabo nesa zona en concreto inclúe un apartado formativo dentro do cal se enmarcan as visitas a Cataluña e Galicia, segundo explicou o xerente do GAC-3 Costa da Morte, Guillermo González, que exerce como guía dos visitantes. Na xornada malpicá (onte estiveron en Camariñas) puideron comprobar como se organizan e traballan nas redeiras, as aplicacións artesanais que realizan e tamén outros proxectos desenvolvidos con fondos do GAC, como Malpica, o mar de Sisargas, unha tenda de efectos navais ou unha taberna. ?Para eles é moi interesante ver que tipo de proxectos se poden facer, como se pode diversificar?, sinalou Guillermo González. O traballo coas redes interesoulles especialmente polas posibles aplicacións que poidan ter no Delta do Danubio, onde teñen pesca fluvial. A expedición rumana tomou, ademais, boa nota da experiencia de traballo complementario que realizan o GAC e o GDR, que comparten sede no Centro Comarcal de Buño.

 

O xerente do GAC-3 destacou que para a Costa da Morte tamén resultan moi proveitosas este tipo de visitas, tanto pola promoción que supoñen para os proxectos desenvolvidos como pola posibilidade de establecer contactos con outras rexións e países para intercambios futuros ou experiencias conxuntas.

 

23Abr 2015

Clausurado un novo curso de xardinería para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión

Os alumnos e alumnas realizaron as prácticas nos xardíns de Cambre
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, clausuraron hoxe o curso de xardinería impartido na parroquia de Cambre para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión. No acto de entrega de diplomas tamén estivo representada a asociación Íntegro, que se encargou da formación. Os 10 alumnos, 7 homes e 3 mulleres, recibiron coñecementos teóricos e realizaron as prácticas en dúas zonas axardinadas de Cambre, a que está situada xunto á escola e ao parque infantil e a da praza da igrexa, que ofrecen un aspecto totalmente renovado con plantas axeitadas ao entorno e á época e unha base de grava de ladrillo de Buño, un material que se está estendendo ás distintos espazos verdes do municipio.

 

O curso, organizado polo Concello de Malpica en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, permitirá mellorar as posibilidades de inserción laboral dos e das participantes, como lembrou o alcalde, Eduardo Parga. Os asistentes amosáronse moi satisfeitos coa formación recibida, ao tempo que foron moi críticos cos autores do roubo de 12 plantas do xardín, que xa foron repostas e que os obrigou a facer un esforzo extra para ter os xardíns a punto para o último día do curso.

 

A concelleira Marisol Blanco, pola súa banda, animou aos alumnos e alumnas a seguir preparándose. Neste sentido, o Concello de Malpica leva impartidos entre o ano pasado e este un total de tres cursos de xardinería, que, ademais de formar a persoas con moitas dificultades de inserción laboral, permitiron acondicionar áreas verdes en Buño, Malpica e agora en Cambre.

 

Página 108 de 149« Primera...102030...106107108109110...120130140...Última »