Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

4Xuñ 2016

Clausuradados os obradoiros de teatro e manualidades para nen@s organizados polo Concello de Malpica

TEATRO-3-web

A entrega de diplomas puxo fin a un curso repleto de actividade para os máis pequenos da casa.  Os nenos e nenas do Obradoiro de Animación Teatral abriron a tarde do venres no auditorio do Centro Cívico cun maratón de teatro que incluíu a representación das obras “Esta historia non a vistes”, “A moa”, “Farruquiña e o Emilio” e “Que sería de nós sen a pensión”. Despois do exitoso espectáculo, o alcalde, Eduardo Parga, destacou o bo traballo realizado pola monitora, Silvia Losada, e fixo entrega dos diplomas aos seus alumnos e alumnas.

Este ano o Concello de Malpica fixo coincidir os actos de clausura do obradoiro de teatro e das clases de manualidades para nenos e nenas que impartiu Lucía Villanueva. Ademais de recoller os seus diplomas de mans do alcalde e do tenente de alcalde Miguel Fernández, os rapaces inauguraron unha exposición no propio Centro Cívico na que poden verse os traballos realizados ao longo do curso.

As clausuras de manualidades continuarán os días 15 e 17 para as asistentes aos cursos para adultos e maiores, respectivamente. En total nesta actividade participan 84 persoas.

P6034131-web

3Xuñ 2016

O alumnado de ximnasia terapéutica visitaron Las Médulas e Balboa na súa excursión de fin de curso

IMG-20160603-WA0002web

Os alumnos e alumnas das actividades de ximnasia terapéutica organizado pola Concellería de Deportes despediron o curso cunha excursión a Las Médulas e Balboa (León), a onde viaxaron acompañados pola súa monitora, María Varela Bardanca.

Máis de cincuenta persoas participaron este curso nas actividades deportivas para adultos organizadas polo Concello de Malpica: ximnasia terapéutica, que se levou a cabo na Casa do Oleiro de Buño e no pavillón de Malpica, e zumba, no Centro Cívico de Malpica.

2Xuñ 2016

Seleccionados os seis socorristas que empezarán a traballar o día 18 na praia de Area Maior

O Concello de Malpica seleccionou aos seis socorristas que empezarán a traballar o vindeiro día 18, véspera da romaría do Santo Hadrián, na praia de Area Maior. En total presentáronse 12 aspirantes, que tiveron que realizar probas físicas, un exame tipo test e outro de galego. Tamén se realizou un proceso específico para o coordinador do grupo, que traballará en colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

O contrato dos socorristas entrará en vigor o día 18 e a súa finalización establecerase en función das necesidades do servizo. Os traballadores percibirán 1.239,91 euros, agás o coordinador, que cobrará 1.389,91 euros ao mes.

31Mai 2016

Entidades e Concello de Malpica organizan a limpeza da praia de Area Maior para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente

Limpeza praiaEste ano Malpica únese á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente cunha limpeza comunitaria da praia de Area Maior. A iniciativa partiu dos clubs Travesía Sisargas, Silfo Surfcamp e Náutico, que contan coa colaboración do Concello de Malpica e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. A limpeza coincidirá coa xornada de adestramento previa á Travesía Sisargas e aberta a todos os nadadores interesados, o que transformará a praia da vila no centro de actividade do domingo 5 de xuño.

O adestramento está programado para as 10.30 horas. O punto de encontro será a praia de Area Maior. Os participantes realizarán o percorrido Malpica-Seaia-Malpica, cunha distancia de 3.000 metros, aínda que tamén se ofrece a posibilidade de realizar só o treito Malpica-Seaia (1.500 metros) e regresar a pé. Os organizadores lembran que é obrigatorio o uso de neopreno e gorro, e recomendan utilizar tamén boia de natación.

Ao remate da sesión preparatoria da Travesía Sisargas, sobre as 12.00 horas, levarase a cabo a limpeza da praia, na que tamén colabora Coca-Cola.

30Mai 2016

A corporación municipal aproba un orzamento de 4.897.559,63 € para este ano

O Concello de Malpica disporá este ano dun orzamento de 4.897.559,63 euros tras a súa aprobación por parte do pleno da corporación. As previsións de ingresos aumentan un 7,51% debido, fundamentalmente, ao incremento do IBI por novas altas e regularizacións catastrais. No seguinte cadro reflíctese o estado de ingresos.

CAPÍTULO DENOMINACIÓN IMPORTE
1 Impostos directos 1.511.793,47
2 Impostos indirectos 24.410,02
3 Taxas e outros ingresos 727.763,21
4 Transferencias correntes 1.855.855,61
5 Ingresos patrimoniais 2.788,65
6 Enaxenación de investimentos reais 0
7 Transferencias de capital 554.798,49
8 Activos financeiros 50.000
9 Pasivos financeiros 170.150,18
TOTAL   4.897.559,63

 

A contía dos pasivos financeiros corresponde exclusivamente ao PAI 2016 (Plan de Aforro e Investimento). Unha parte do mesmo destinarase a amortizar a totalidade da débeda do Concello de Malpica (46.409,77 €), e o resto, á realización de investimentos (123.740,41 €).

Polo que se refire aos gastos, o orzamento increméntase un 20,86 % con respecto ao ano pasado. O principal aumento está nos investimentos reais a o principal descenso, nos pasivos financeiros debido á amortización da totalidade da débeda existente con entidades financeiras. O estado de gastos previsto é o seguinte.

CAPÍTULO DENOMINACIÓN IMPORTE
1 Gastos de persoal 1.618.448,60
2 Gastos en bens correntes e servizos 1.903.925,96
3 Gastos financeiros 2.030
4 Transferencias correntes 218.108,13
6 Investimentos reais 1.058.637,17
7 Transferencias de capital 0
8 Activos financeiros 50.000
9 Pasivos financeiros 46.409,77
TOTAL   4.897.559,63

 

Os gastos de persoal mantéñense e aumentan os de bens correntes e servizos debido en boa parte aos servizos de recollida e tratamento de residuos, asistencia social primaria, alumeado público, abastecemento de auga potable e administración xeral. Tamén suben as transferencias correntes nun 43,86 % debido á achega que ten que facer o Concello de Malpica á Xunta de Galicia para os gastos de mantemento da escola infantil de Cerqueda.

27Mai 2016

A auga da praia de Area Maior axústase aos parámetros de calidade e mellorará tras a recente entrada en servizo da EDAR

IMG_2241-web

Os últimos controis realizados polo departamento de Sanidade Ambiental da Xunta de Galicia revelan que a auga da praia de Area Maior de Malpica axústase aos parámetros de calidade, xa que os niveis de escherichia coli e enterococo intestinal están moi lonxe das porcentaxes mínimas para que se considere que existe contaminación. Deste xeito, a clasificación das augas é de SUFICIENTE, o que significa que son absolutamente aptas para o baño. Na praia de Seiruga, na que tamén se fixeron controis, a cualificación é de BOA.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, engadiu que a entrada en servizo da EDAR permita mellorar aínda máis a calidade das augas da nosa praia urbana. As análises da Consellería de Medio Ambiente realizáronse o pasado 19 de maio, e só uns días despois empezou a funcionar a Estación Depuradora de Augas Residuais, o que remata definitivamente cos problemas de vertidos ao mar.

Nas últimas semanas, a Concellería de Seguridade, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, está a traballar na posta a punto dos areais do municipio de cara ao inminente inicio da tempada estival. Así mesmo, o 1 de xuño realizaranse as probas de selección dos 6 socorristas que velarán este ano pola seguridade dos usuarios da praia de Area Maior.

Documentación oficial da Consellería de Sanidade:

26Mai 2016

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica participou en 168 operativos ao longo do ano 2015

MEMORIA-PC15---1-web

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, unha das poucas que funciona exclusivamente con persoal voluntario, participou en 168 operativos ao longo do ano 2015, segundo a memoria presentada hoxe polo coordinador, Iván Muiño, que estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández.

Máis da metade das mobilizacións realizáronse entre xuño e setembro, o que pon en evidencia o notable incremento da carga de traballo á que fai fronte o voluntariado durante o verán. Nese sentido, Iván Muiño destacou que “á parte dos operativos, moitas veces imprevistos, do 112 Galicia, acudimos a moitos operativos organizados non só por entidades e asociacións locais, senón tamén supramunicipais”. Neste sentido citou as festas de Nadal, a cabalgata de Reis, Semana Santa, Xogar no Porto, ruta cicloturística, Mostra da Olería, Festas do Mar… entre outros moitos eventos. Este tipo de operativos, de feito, supoñen unha parte moi importante do traballo. Así mesmo, Protección Civil actúa cando se detectan casos de animais soltos (33 en total o ano pasado) e en todo tipo de incidencias. No 2015 acudiron a 22 accidentes de tráfico, 8 deles con vítimas.

Así mesmo, a agrupación colabora no control das entradas e saídas dos colexios e coordina o plan Sapraga de vixilancia de praias durante o verán. Precisamente o vindeiro 1 de xuño realizaranse as probas de selección dos 6 socorristas que velarán este ano pola seguridade dos usuarios da praia de Malpica. Iván Muiño expresou ademais a predisposición do seu equipo a “colaborar co resto das forzas do Estado e locais cando estas así o requiran”.

Tanto o concelleiro de Seguridade como o alcalde eloxiaron o labor que realiza a Agrupación de Voluntarios e destacaron o importante esforzo realizado nos últimos anos para conseguir que o servizo de Protección Civil de Malpica sexa dos mellor dotados da Costa da Morte.

26Mai 2016

Máis de 160 nenas e nenos participaron este curso nas actividades da Escola Municipal de Educación Física de Malpica

emef-web

Un total de 162 nenas e nenos participaron este curso nas actividades organizadas pola Concellería de Deportes a través da Escola Municipal de Educación Física (EMEF) de Malpica de Bergantiños. O polideportivo municipal acollerá durante dúas xornadas as exhibicións do alumnado, polo que mañá venres e o sábado serán días de portas abertas.

Mañá, a partir das 16.30 horas, terán lugar as exhibicións de ximnasia rítmica, psicomotricidade, aerobic e patinaxe, tanto do grupo de Malpica como do de Buño, que ademais ofrecerán unha actuación conxunta. O sábado a xornada comezará ás 10.30 horas coa clausura das escolas de fútbol infantil, alevín, benxamín e prebenxamín e partidos de nen@s contra pais e nais. Ao remate de cada xornada procederase á entrega de recordos e haberá un pequeno ágape.

 

26Mai 2016

O Concello de Malpica pon en marcha cursos para mulleres con disCapacidade dentro do PIMD Rural de Íntegro

CURSOS-MALPICA-PIMD-RURAL-webO Concello de Malpica de Bergantiños, a través da Concellería de Servizos Sociais, está a apostar nos últimos anos por todo tipo de accións formativas encamiñadas a fomentar a empregabilidade dos sectores máis desfavorecidos. Agora, en colaboración coa Asociación Íntegro e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, e dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional (PIMD Rural), o departamento que dirixe Marisol Blanco pon en marcha dous cursos dirixidos preferentemente a mulleres con disCapacidade.

As accións formativas desenvolveranse ao longo dos meses de xuño e xullo. No Centro Cívico de Malpica terá lugar a partir do 9 de xuño un curso de Tapas e Aperitivos, que se celebrará os xoves de 10.00 a 12.00 horas. Na Casa do Oleiro de Buño haberá clases de Informática os mércores, de 10.00 a 12.00 horas, a partir do 8 de xuño.

As prazas son limitadas, e terán preferencia as mulleres con algún tipo de diversidade funcional.  As interesadas poden informarse no centro de recursos de Íntegro no 981 734 985, ou no Departamento de Servizos Sociais de Malpica, no 981 720 280.

Con este tipo de iniciativas preténdese contribuír ao desenvolvemento das mulleres con disCapacidade na sociedade, dotándoas de coñecementos necesarios e útiles tanto para a súa vida diaria como para  a mellora do emprego e a plena inclusión.

 

24Mai 2016

O Concello de Malpica convida á hostalería local a participar nun concurso de tapas de temática pesqueira

Os empresarios do sector interesados poden inscribirse ao longo desta semana no Centro Cívico ou no correo electrónico concellodemalpica@gmail.com

IMG_2196-web

As concellerías de Promoción Económica e Turismo de Malpica unen as súas forzas para poñer en marcha unha nova iniciativa que unirá tres sectores fundamentais na economía local: a pesca, a hostalería e a olería. O 1º Concurso de Tapas Malpica sabe a Mar nace, de feito, coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico coincidindo co inicio da temporada de verán, e, por outro lado, de poñer en valor a tradición pesqueira da vila malpicá.

Segundo a proposta presentada pola concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, nun primeiro encontro coa hostalería local, o concurso celebraríase nos primeiros días de xullo, coincidindo con fin de semana, sempre e cando se reúna un número mínimo e suficiente de participantes como para poder deseñar unha ruta. Malpica sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo o peixe como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraríanse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.

O Concello de Malpica, tal como explicou a concelleira de Promoción Económica, encargaríase da organización, a promoción e o subministro de material promocional aos locais.

Os interesados en participar poden inscribirse ou solicitar máis información a través do correo electrónico concellodemalpica@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 610 553 362. O prazo estará aberto durante toda esta semana.

Página 89 de 148« Primera...102030...8788899091...100110120...Última »