Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica convida á hostalería local a participar nun concurso de tapas de temática pesqueira

24Mai 2016

O Concello de Malpica convida á hostalería local a participar nun concurso de tapas de temática pesqueira

Os empresarios do sector interesados poden inscribirse ao longo desta semana no Centro Cívico ou no correo electrónico concellodemalpica@gmail.com

IMG_2196-web

As concellerías de Promoción Económica e Turismo de Malpica unen as súas forzas para poñer en marcha unha nova iniciativa que unirá tres sectores fundamentais na economía local: a pesca, a hostalería e a olería. O 1º Concurso de Tapas Malpica sabe a Mar nace, de feito, coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico coincidindo co inicio da temporada de verán, e, por outro lado, de poñer en valor a tradición pesqueira da vila malpicá.

Segundo a proposta presentada pola concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, nun primeiro encontro coa hostalería local, o concurso celebraríase nos primeiros días de xullo, coincidindo con fin de semana, sempre e cando se reúna un número mínimo e suficiente de participantes como para poder deseñar unha ruta. Malpica sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo o peixe como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraríanse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.

O Concello de Malpica, tal como explicou a concelleira de Promoción Económica, encargaríase da organización, a promoción e o subministro de material promocional aos locais.

Os interesados en participar poden inscribirse ou solicitar máis información a través do correo electrónico concellodemalpica@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 610 553 362. O prazo estará aberto durante toda esta semana.