Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 15°
12°
Mércores 19°
11°
Xoves 19°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

10Mai 2016

O Concello de Malpica doa 32 pezas de Olería de Buño á Fundación Eduardo Pondal para as Festiletras

IMG_1655

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco, fixeron entrega hoxe ao alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, de 32 pezas de Olería de Buño que se utilizarán como agasallos institucionais durante a celebración das Festiletras. No acto, que tivo lugar no Forno do Forte, participaron tamén Paco Doval, xerente do Ecomuseo, onde foron elaboradas as pezas, e José María Varela, xerente do Padroado da Fundación Eduardo Pondal, organizadora dos actos conmemorativos do 17 de maio.

José María Varela agradeceu “moitísimo” a colaboración do Concello de Malpica, que se vén repetindo dende hai cinco anos, porque “a Olería de Buño é un agasallo que a xente valora moito”. Fontes, tarteiras, chocolateiras… Todas as pezas doadas son tradicionais e “únicas, porque non hai dúas iguais”, destacou Eduardo Parga.

Lois García Carballido agradeceu tamén a colaboración do Concello de Malpica e avogou non só por mantela, senón por ampliala a outro tipo de iniciativas que contribúan a reforzar a comarca de Bergantiños como destino turístico.

IMG_1667

10Mai 2016

Multitudinario acto de entrega dos títulos da parcelaria de Cerqueda coa presenza da conselleira de Medio Rural  

IMG_1605-web

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, entregou hoxe os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Cerqueda, poñendo fin deste xeito a un proceso que durou 24 anos. “Foi moito tempo”, recoñeceu a conselleira, quen animou aos veciños e veciñas a aproveitar as vantaxes que supón esta redistribución do terreo, que suma unha superficie de 793 hectáreas e beneficia a preto dun millar de veciños.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou a importancia destes procesos reorganizativos do territorio posto que redunda nunha mellora da calidade de vida dos veciños. Neste senso, destacou que das 4.585 parcelas iniciais se pasou a ter 1.849 novas fincas, aumentando a superficie media de cada parcela en preto do dobre.

Este incremento territorial beneficia directamente ás explotacións agrogandeiras, salientou Ángeles Vázquez, xa que permite ampliar a base territorial das mesmas e reducir así custos. Por iso, a reestruturación parcelaria é fundamental para que o agro galego siga estando vivo e sexa unha opción de futuro.

IMG_1607-webO alcalde de Malpica, que cualificou a xornada como histórica, destacou a iniciativa dos veciños e veciñas de Cerqueda ao impulsar unha concentración parcelaria “que marca un antes e un despois na distribución das terras e nas súas posibilidades de aproveitamento agrogandeiro”. Eduardo Parga agradeceu á conselleira de Medio Rural o impulso que se lle dou nos últimos anos á concentración parcelaria “a pesar da situación de crise” e expresou a súa esperanza de que o proceso culminado hoxe “axude a revitalizar o sector agrogandeiro na parroquia de Cerqueda e anime a outros veciños doutras parroquias a seguir o voso exemplo”.

Hoxe no Centro Cívico de Malpica estaban convocadas as máis de 400 persoas que acudiron semanas atrás a entregar os seus datos. Para as que non puideron asistir, a partir de mañá os títulos de propiedade estarán dispoñibles, de forma indefinida, na Xefatura do Servizo de Infraestruturas Agrarias (edificio administrativo de Monelos, 6º andar, na rúa Vicente Ferrer, núm. 2 – A Coruña).

9Mai 2016

A conselleira de Medio Rural desprazarase mañá a Malpica para entregar os títulos da concentración parcelaria de Cerqueda

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, desprazarase mañá a Malpica para asistir ao acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria de Cerqueda, que terá lugar no Centro Cívico a partir das 11.00 horas. Xunto á conselleira estarán o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

O acto de mañá porá fin a un proceso iniciado hai 24 anos. A Consellería de Medio Rural investiu preto de 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras nunha superficie a concentrar de 793 hectáreas. O proxecto permitiu aos 969 propietarios reducir o número de parcelas das 4.585 iniciais ás 1.849 resultantes, acadando deste xeito unha superficie media de 3.700 metros cadrados.

Todos eses propietarios poderán recoller mañá os seus títulos, ben en persoa ou ben a través dun terceiro, pero sempre presentando o recibo que lles entregaron as técnicas da Consellería de Medio Rural hai unhas semanas. No caso de non dispoñer do recibo tamén se poderá retirar o título presentando o DNI e, no caso de tratarse dun terceiro, a autorización do titular da parcela. A partir de mañá, e para as persoas que non poidan acudir, os títulos de propiedade estarán dispoñibles na Xefatura do Servizo de Infraestruturas Agrarias (edificio administrativo de Monelos, 6º andar, na rúa Vicente Ferrer, núm. 2 – A Coruña).

4Mai 2016

O Concello de Malpica pon a punto os campos de fútbol de Xaviña e A Pedra Queimada

campo malpica 2

Dentro da súa política de mantemento e mellora dos servizos municipais, a Concellería de Deportes de Malpica aproveitou os últimos días de bo tempo para poñer a punto os campos de fútbol de Xaviña (Buño) e A Pedra Queimada (Malpica), dúas instalacións que rexistran un elevado nivel de uso.

En Xaviña remataron onte os traballos de cepillado mecánico, unha operación que permite que o céspede se manteña en posición vertical. No campo da capital municipal, que é unha instalación máis antiga, antes de proceder ao cepillado foron renovadas varias zonas nas que o céspede se atopaba moi deteriorado. O concelleiro de Deporte, Iago Espasandín, e o alcalde en funcións, Miguel Fernández, supervisaron os traballos.

2Mai 2016

O Día do Ritmo reunirá mañá en Malpica a 120 nenos e nenas de varios concellos

As Escolas Deportivas Municipais contarán con 40 representantes nas modalidades de ximnasia rítmica, aeróbic e psicomotricidade

cartel día do ritmo 2016

Malpica acollerá mañá unha nova edición do Día do Ritmo. A partir das 11.30 horas, o público que queira achegarse ata o pavillón municipal poderá gozar cunha exhibición artística que cumpre xa 13 anos e que vén avalada polo éxito das edicións anteriores.

Nos últimos anos, dende a Concellería de Deportes de Malpica estase a facer un gran esforzo na promoción das modalidades de aeróbic infantil e ximnasia rítmica, así como da psicomotricidade e o ritmo, e nesa liña, á marxe de difundir a práctica involucrando a diferentes entidades incluso de fóra do Concello, estableceuse a organización dun evento co  obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.

Para esta edición está prevista a participación de 120 nenos e nenas, corenta deles alumnos das Escolas Deportivas Municipais de Malpica, e o resto, convidados doutros concellos. Na modalidade de ximnasia rítmica intervirán as escolas de Malpica e Cabana, e nas de aeróbic e psicomotricidade participarán os grupos EDM Malpica, Malpica Psico, Tarrío e Blanco Amor.

O Concello de Malpica conta co apoio do Club Deportivo Costa Bergantiñá nas tarefas de organización do Día do Ritmo, no que tamén colaboran Gadis Hiper Carballo,  Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña.

29Abr 2016

Período medio de pago do primeiro trimestre do ano 2016

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao periodo medio de pagamento desta entidade correspondente ao  1º trimestre do exercicio 2016, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a metodoloxía do cálculo do periodo medio de pagamento a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO:

 

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio: 2016

Periodo: primeiro trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS

11,76 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PAGADAS

       546.568,60 €

RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

3,14 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

359.052,17 €

PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO DA ENTIDADE

8,34 días

 

Malpica de Bergantiños, 22 de abril de 2016

O ALCALDE

Eduardo José Parga Veiga

28Abr 2016

Clausurada unha nova edición de Pequeoleiros coa entrega de diplomas, unha merenda e a exposición das pezas elaboradas

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco acompañaron aos escolares e ás familias no peche da actividade

pequeoleiros

Placas co nome para colocar na porta do dormitorio, taboleiros para xogar ao tres en raia, obxectos decorativos, lapiseiros… A creatividade dos máis escolares de Buño non ten límites, e durante os tres últimos meses tiveron a ocasión de darlle forma con barro no obradoiro Pequeoleiros, deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria.

Os trece escolares de tres a doce anos que participaron no taller recibiron hoxe os seus diplomas. O alcalde, Eduardo Parga; os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco; o director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, e o presidente da ANPA Xaviña, José Luis Villar, foron as persoas encargadas de entregarllos. Os nenos e nenas foron agasallados tamén con cadanseu lilo e cunha merenda na que non faltou de nada. Eles, pola súa banda, quixeron agradecer a paciencia do monitor, o oleiro José Antonio Corral, entregándolle unha caixa de bombóns.

A animada xornada rematou cunha visita dos convidados, entre os que se atopaban varias nais, á exposición que recolle os traballos realizados polos participantes no obradoiro.

25Abr 2016

Pequeoleiros, o obradoiro para escolares organizado polo Concello de Malpica e a ANPA Xaviña de Buño, chega á súa fin

Once nenas e nenos de cinco a doce anos participaron en talleres de olería dous días á semana durante máis de tres meses

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Este mércores, día 27, chegará á súa fin Pequeoleiros, o programa deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería entre os escolares de Buño e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria que é, ademais, un dos sinais de identidade e un importante recurso económico e turístico de Buño e de todo o concello. Ao acto de clausura, programado para as 17 horas, está prevista a asistencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

Pequeoleiros desenvolveuse durante máis de tres meses nas instalacións da Casa do Oleiro, todos os mércores e xoves en horario de 16.50 a 17.50. O oleiro José Antonio Corral foi o encargado de transmitir os segredos da olería aos once nenos e nenas de cinco a doce anos de idade que participaron nesta edición da iniciativa, que rematará cunha exposición das pezas creadas polos escolares.

23Abr 2016

A Croa do Castro de Cerqueda acollerá a 11 Xornada de Billarda da Conferencia Noroeste

A Croa do Castro de Cerqueda será un dos lugares máis especiais onde a Liga Nacional de Billarda desenvolva unha das súas xornadas de promoción deste xogo tradicional. Desta maneira, promóvese o patrimonio arqueolóxico á vez que se intenta recuperar en Malpica de Bergantiños este xogo tradicional que contou con moitos participantes hai décadas.

presentación billarda croa do castro

Esta 11 Xornada da Conferencia Noroeste terá lugar o domingo 8 de maio a partir das 11 na parte superior (acrópole) deste xacemento castrexo. No caso de mal tempo, a actividade levarase ao pavillón polideportivo municipal de Malpica.

A organización corresponde á Liga Nacional de Billarda e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a través do seu departamento de Deporte, e das entidades UD Cerqueda, Asociación de Veciños Monte d’Arxa, Asociación Cabalar Os Veteranos e do Club Ciclista Castro da Croa.

Á parte da propia competición desenvolveranse actividades complementarias como unha parada ciclista e outra cabalar. Todas aquelas persoas da parroquia que queiran participar farano coa camiseta branca da UD Cerqueda, coa que, durante esta liga, promociona A Croa do Castro de Cerqueda. Ademais, no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños abrirase na próxima semana a exposición “10 Anos da Liga Nacional de Billarda”, mostra que quedará aberta ata mediados do mes de maio.

Na mañá de hoxe sábado, realizouse a presentación do cartel desta 11 Xornada na propia Croa do Castro. Ao acto acudiron, como representantes municipais, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, o tenente alcalde, Miguel Fernández Miras e o concelleiro de Deporte, Iago Espasandín Varela. Do representante da Liga Nacional de Billarda, o larachés Xosé Collazo Regueiro. E, por parte da parroquia de Cerqueda, realizaron acto de presenza Manuel Chouciño Garrido, presidente da A.VV. Monte d’Arxa e representante do Club Ciclista Castro da Croa, José María Auñón Expósito, presidente da Asociación Cabalar Os Veteranos, Daniel García Reigía, representante da UD Cerqueda.

A inscrición é gratuíta e poderá realizarse no departamento de Deporte do Concello de Malpica no teléfono 981 720 001. Ou a través do representante da Liga Nacional de Billarda, Xosé Collazo Regueiro, 650 289 318. Haberá tres categorías: infantil para participante menores de 15 anos; adultos para maiores de 15 anos; e mulleres sen franxa de idade. Ademais, haberá un premio especial para o primeiro clasificado do concello de Malpica. O prazo límite de inscrición será o venres 6 de maio.

21Abr 2016

O Concello de Malpica substitúe 140 luminarias e os cadros eléctricos para mellorar a eficiencia enerxética

RENOVACION INSTALACIONS

O Concello de Malpica de Bergantiños segue a dar pasos para mellorar a eficiencia enerxética. Dentro do PAI 2015 acometeu o proxecto de renovación das instalacións de iluminación pública nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón. En total foron substituídas 140 luminarias de vapor de sodio por un modelo de haloxenuros metálicos de 50 W e ademais reducíronse os cadros de mando de cinco a dous. Cada unha das novas luminarias incorpora unha resistencia electrónica que permite reducir o fluxo á metade a partir dunha hora determinada, neste caso as 02.00 horas, contribuíndo así ao aforro enerxético. O proxecto foi executado pola empresa Insmontel Cutrin SL cun orzamento de 54.309,40 euros (ive incluído).

O mesmo sistema de haloxenuros metálicos foi utilizado na renovación das luminarias do paseo marítimo de Malpica, dentro dunha actuación financiada con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental con 62.600 euros. A vantaxe dos haloxenuros metálicos é que ofrecen unha cor moi próxima ao branco, teñen unha eficiencia luminosa moi elevada, un rendemento cromático óptico e unha duración meda moi elevada.

Página 91 de 149« Primera...102030...8990919293...100110120...Última »