Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
Martes 14°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica proxecta unha serie de actuacións no porto para garantir unha actividade máis eficiente

12Abr 2024

Malpica proxecta unha serie de actuacións no porto para garantir unha actividade máis eficiente

  • O alcalde, Eduardo Parga, reuniuse na xornada de onte co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, a quen lle trasladou os problemas que afectan á rede viaria e de iluminación desta zona
  • O rexedor fixo especial fincapé na súa preocupación por incrementar a seguridade na dársena
  • O primeiro edil tamén propuxo a creación dun convenio para facer uso da zona do travelift como aparcadoiro e pequenos eventos

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reuniuse na xornada de onte co Presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, para abordar diferentes cuestións sobre a situación actual do porto do municipio. O obxectivo do encontro foi, fundamentalmente, proxectar diferentes actuacións que permitan mellorar a súa actividade.

En concreto, o rexedor trasladoulle a necesidade de mellorar a rede viaria, xa que presenta deficiencias importantes, o que aumenta os riscos e a perigosidade na zona. O presidente anunciou o proxecto atópase en estado de licitación de mantemento, estando xa contempladas as melloras e a reparación destas deficiencias, así como o aglomerado da zona sur, que contará cun orzamento de 67.000 euros.

Do mesmo xeito, Álvarez asegurou que están traballando tamén na licitación do alumeado dos portos, entre as que se atopa a mellora da liña enerxética do porto de Malpica, que foi outra das peticións realizadas por Parga durante o encontro. Por outra banda, está tamén para licitar, por valor de 200.000 euros, a modificación de todas as lámpadas deste espazo, que pasarán a ser led, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do lugar.

Solicitudes pendentes

O rexedor aproveitou o encontro para preguntar sobre o estado no que se atopa actualmente a proxecto de mellora da seguridade do porto, que, segundo asegurou Álvarez, está en proceso de estudo, avaliándose a posibilidade de levar a cabo a proposta que xurdiu na última reunión coa Confraría de Pescadores de Malpica.

Por último, Parga propúxolle ao Presidente de Portos a realización dun convenio entre o Concello e a entidade para poder facer uso da zona do travelift como aparcadoiro e para a realización de pequenos eventos.

Tras a xuntanza, o alcalde sinalou que “seguimos buscando investimento e traballando para mellorar as condicións do noso porto, tan importante para o avance económico de Malpica e para a súa xente, polo que tamén teño solicitada unha entrevista co Conselleiro de Pesca”.