Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 16°
12°
Martes 15°
11°
Mércores 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Uncategorized

Uncategorized

19Ago 2020

Oferta de emprego nun barco de Malpica

Un barco de Malpica busca a unha persoa para a actividade pesqueira (nasas, miños, cerco, etc.). O salarío será a convir no momento da contratación.

Ofrécese contrato de obra con posibilidade de conversión a indefinido.

A persoa deberá contar con tarxeta de mariñeiro pescador, certificado médico e libreta de embarque. Así mesmo, deberá ter dispoñibilidade inmediata.

As persoas interesadas poderán chamar ao 665 97 35 41 (David).

19Ago 2020

O centro médico de Malpica volverá contar con 2 médicos a xornada completa tras as peticións do alcalde

As solicitudes do alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, para mellorar os servizos e prestacións do centro de saúde do municipio chegaron a bo termo. Así, grazas ás peticións do rexedor, o ambulatorio de Malpica volverá dispor con dous médicos a xornada completa.

Trátase, tal e como indica o rexedor, “dunha importante mellora no servizo que responderá as necesidades dos veciños e veciñas do municipio”. Na época de verán, a baixa dun dos profesionais habituais do ambulatorio sumouse ao período vacacional doutros, xerando múltiples problemas no centro de saúde. Un dos máis acuciantes, segundo indica o primeiro edil, era “o tempo que os usuarios e usuarias tiñan que agardar para que lles deran cita”.

Co fin de pórlle solución a este problema, Pardo contactou coa directora de Atención Primaria na Área Sanitaria da Coruña e Cee, Susana Santos, para trasladarlle a necesidade de suplir estas prazas. Tras as conversas mantidas, o rexedor acadou o compromiso do Sergas de que o centro de saúde contará, de novo, con dous médicos a xornada completa. Pardo agradécelle á directora “a súa colaboración desde o primeiro momento para solucionar esta carencia no noso ambulatorio”. 

6Ago 2020

O Boletín Oficial do Estado publica as bases reguladoras das axudas ao sector da pesca

O Boletín Oficial do Estado recolle o real decreto 703/2020, do 28 de xullo, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas á paralización temporal da actividade pesqueira para poder facer fronte ao impacto económico e social derivado da pandemia da COVID-19. Estas axudas convócanse para o primeiro tramo do exercicio 2020 e modifícanse distintos reais decretos relativos ás regulacións das organizacións profesioais no sector da pesca e a acuicultura e para o exercicio da pesca recreativa.

23Xul 2020

O alcalde alcanza o compromiso de Augas de Galicia de realizar un inventariado da rede de saneamento

O goberno municipal de Malpica ten, como unha das súas prioridades,  levar a rede de saneamento de todo o concello e, por suposto, a mellora e correcta explotación das infraestruturas actuais. Para conseguilo, o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, acompañado polo concelleiro de Servizos, Alfredo Cañizo, reuniuse coa Directora Xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

O encontro serviu para abordar a necesidade de coñecer a situación actual da rede existente do municipio. Neste sentido, o elevado número de tramos con rede unitaria presentes na vila fai que o funcionamento da depuradora sufra debido as puntas de caudal nos episodios de chuvia. Co fin de solucionar esta situación, arrancouse o compromiso por parte de Augas de Galicia de levar a cabo o inventario total da rede. Estes traballos de inspección, revisión e inventariado da rede comezarán este mesmo outono.

Así mesmo, conseguiuse que os especialistas revisen a depuradora de Buño e de Seaia para optimizar o seu funcionamento e evitar vertidos.

15Xul 2020

Malpica comeza a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura, comezou a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’ e logo da proxección do filme ‘María Solinha’ a comezos deste mesmo mes.

Así, desde a administración malpicá ofértase un amplo abano de posibilidades culturais, que comezarán o vindeiro sábado, 18 de xullo con ‘A gran viaxe’ de Iventi Teatro na rúa Eduardo Vila Fano.

O 25 de xullo, o Día de Galicia, haberá un pasarrúas con ‘A danza dos paxaros’ a cargo de Urdime, e agosto comezará no seu primeiro día coa obra de Ghazafelhos ‘A illa sen tesouro’, na rúa Eduardo Vila Fano.

O 8 de agosto, darase cita na praza do Campo O Cardume, de Xarope Tulú e o 15 de agosto, Mamá Cabra executará o ‘Eu cociño, ti cociñas?’ na rúa Eduardo Vila Fano. O penúltimo espectáculo correrá a cargo de Magín Blanco o 22 de agosto con ‘Magín Blanco e a banda das apertas’ e pechará este ‘Seráns na Rúa’ o 29 de agosto co pasarrúas de Fantoches Baj, ‘O folión do Zampón’.

As actuacións serán todas ás 20:30 horas e en caso de choiva serán trasladadas ao Mercado Municipal ou ao Centro Cívico, segundo o formato de actuación. Manteranse en todo momento os protocolos hixiénico-sanitarios e os aforos completaranse por estrita orde de chegada.

O alcalde, Walter Pardo, sinala o enorme ‘esforzo de toda a área de Cultura por achegar actividades á veciñanza. Hai que ter precaución pero isto non é incompatible con gozar dun novo formato de divertimento’, apuntou.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Leticia Varela, anota que ‘seguimos apostando pola cultura en formatos máis reducidos, e seguiremos gozando de contidos de calidade con responsabilidade’, finalizou.

3Xul 2020

O Concello de Malpica estreará o domingo as actividades culturais de verán cunha proxección ao aire libre

O Concello de Malpica estreará este domingo na rúa principal as actividades culturais de verán cunha proxección ao aire libre. Trátase do filme ‘María Solinha’, de Ignacio Vilar.

A proxección comezará ás 22:00 horas do domingo, 5 de xullo. Inicialmente estaba previsto ubicar esta actividade no parque de Malpica, pero finalmente decidiuse optar pola rúa Principal.

Cartel da película ‘María Solinha’


Durante a proxección, así como previa e posteriormente, garantiranse todas as medidas de seguridade, aforo e hixienización derivadas do contexto sanitario provocado pola COVID-19. Á mesma acudirá o director, Ignacio Vilar.


Trátase dun proxecto inédito, no que supón de exhibición con carácter de estrea e primicia mundial dun filme, galego e en galego, en localidades medianas e pequenas que non contan con sala de cine comercial. Na peza, realidade e ficción mestúranse para construír unha película que ‘non é unha historia de mulleres, senón unha historia de amor que trascende o xénero’.


Priorizarase a orde de chegada para completar o aforo, e estímase que arredor dunhas cen persoas poderán ocupar as cadeiras e ser protagonistas desta estrea a nivel galego.

30Xuñ 2020

O Concello de Malpica impulsa as tarefas para a execución da mellora da avenida Canido e da rúa Boa Vista

O Concello de Malpica impulsa a mellora da avenida Canido e da rúa Boa Vista, executando así unha serie de traballos cun valor aproximado de 39.735,92 euros. 

Imaxe da avenida Canido

Estes consistirán na aplicación dunha capa de rodadura e instalación de sinalización horizontal, que servirá para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores. Observáronse numerosos baches, así como o cuarteamento na pavimentación. Estas anomalías deben ser subsanadas para o correcto mantemento da mesma. 

Nas tarefas previas, limparanse as cunetas nos espazos de tránsito, realizarase o bacheo pertinente e incrementaranse a profundidade das arquetas, tapas, sumidoiros e outros elementos das redes no pavimento. O prazo de execución das mesmas serán de dous meses desde o seu comezo.

O alcalde, Walter Pardo, sinala que ‘executamos gradualmente proxectos que non puidemos arrincar debido ao estado de alarma, pero que son moi necesarios. Nas vindeiras semanas tamén poñeremos en marcha varias limpezas e desbroces moi importantes para moitos núcleos rurais’, anunciou o rexedor. 

10Xuñ 2020

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica varias melloras ás instalacións durante o estado de alarma

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, no Concello de Malpica, aplicou varias melloras nas instalacións durante o estado de alarma.

Durante o confinamento, a actividade non estivo parada nunha das xoias culturais do Concello e os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, consistiron no arranxo de varios muros exteriores e adecentamento da estrutura do edificio de administración, unha vivenda rehabilitada para tal fin.

Os traballos levaronse a cabo para reparar danos estruturais de base. Así, conséguese un doble obxectivo: consolidar a estrutura de varias das paredes tanto do interior como do exterior, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘non estivemos parados durante o estado de alarma. Seguimos traballando en melloras e para impulsar novamente as visitas á nosa exposición dunha manera segura’, rematou.

Reactivación das visitas

O Ecomuseo do Forno do Forte retomou a actividade ‘habitual’ de visitas priorizando o sistema de cita previa, e adaptando as instalacións ao contexto sanitario que se está a vivir.

Así, a sinalética amosa en todo momento o aforo máximo permitido en cada sala, e os carteis colocados estratéxicamente ao longo de todo o recinto lembran da obrigatoriedade do emprego da máscara sanitaria, así de como, na medida do posible, se deberá gardar unha distancia mínima de seguridade.

10Xuñ 2020

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica varias melloras ás instalacións durante o estado de alarma

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, no Concello de Malpica, aplicou varias melloras nas instalacións durante o estado de alarma.

Durante o confinamento, a actividade non estivo parada nunha das xoias culturais do Concello e os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, consistiron no arranxo de varios muros exteriores e a renovación da estrutura da estrutura do edificio de administración, unha vivenda rehabilitada para tal fin.

Os traballos leváronse a cabo para reparar danos estruturais de base. Así, conséguese un doble obxectivo: consolidar a estrutura de varias das paredes tanto do interior como do exterior, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘non estivemos parados durante o estado de alarma. Seguimos traballando en melloras e para impulsar novamente as visitas á nosa exposición dunha manera segura’, rematou.

Reactivación das visitas

O Ecomuseo do Forno do Forte retomou a actividade ‘habitual’ de visitas priorizando o sistema de cita previa, e adaptando as instalacións ao contexto sanitario que se está a vivir.

Así, a sinalética amosa en todo momento o aforo máximo permitido en cada sala, e os carteis colocados estratéxicamente ao longo de todo o recinto lembran da obrigatoriedade do emprego da máscara sanitaria, así de como, na medida do posible, se deberá gardar unha distancia mínima de seguridade.