Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 16°
11°
Venres 17°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica aclara as incidencias detectadas no censo electoral e lembra que a súa elaboración e xestión corresponden á Oficina do Censo Electoral.

25Nov 2026

O Concello de Malpica aclara as incidencias detectadas no censo electoral e lembra que a súa elaboración e xestión corresponden á Oficina do Censo Electoral.

Malpica, 25 de novembro de 2026. O Concello de Malpica aclara
as incidencias detectadas no censo electoral e lembra que a súa
elaboración e xestión corresponden á Oficina do Censo Electoral
O Concello de Malpica quere aclarar a situación xerada tras detectarse
que varios mozos e mozas empadroados no municipio non figuran no
censo electoral correspondente ás próximas eleccións xerais do 29 de
novembro.
Unha vez coñecidos estes casos, realizáronse as comprobacións oportunas
co traballador municipal responsable do Padrón, confirmándose que as altas por nacemento están enviadas ao Instituto Nacional de Estadística
(INE). Para acreditar esta actuación, o concello dispón dos
correspondentes xustificantes individuais de envío, que tamén foron
amosados ás persoas interesadas que acudiron ás dependencias
municipais.
O responsable municipal explicoulles igualmente que o censo electoral
conta cun período de exposición pública no que a cidadanía pode
consultar os seus datos e presentar as reclamacións oportunas.
No caso destas eleccións, o prazo extraordinario de exposición e
reclamación do censo rematou o pasado 19 de outubro.
Neste sentido, as citas que se están facilitando para o día 30 de novembro
teñen como finalidade atender ás persoas afectadas, informarlas da súa
situación e orientalas sobre os trámites que poidan realizar de cara a
próximas eleccións, xa que o prazo correspondente a este proceso
electoral está pechado. Polo tanto, estas citas non permiten modificar o
censo das eleccións do 29 de novembro nin incorporar as persoas
afectadas a ese proceso.


A XESTIÓN DO CENSO ELECTORAL É COMPETENCIA DA OFICINA DO
CENSO ELECTORAL
O Concello lembra que o Padrón municipal e o censo electoral son dous
instrumentos administrativos diferentes, aínda que están relacionados.
O Padrón municipal é competencia do Concello e recolle os datos das
persoas que residen no municipio. Entre as súas obrigas está a de
comunicar ao INE as variacións padroais mediante remisións mensuais.
Pola súa banda, a Oficina do Censo Electoral (OCE) está integrada no
Instituto Nacional de Estadística (INE), organismo adscrito ao Ministerio de
Economía, Comercio e Empresa, e exerce as súas competencias baixo a
dirección e supervisión da Xunta Electoral Central, tal e como establece o
artigo 29 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).

A OCE é o organismo responsable da formación e actualización do censo
electoral, da elaboración das listas electorais e da tramitación das
reclamacións relativas á inclusión ou exclusión das persoas no censo. Os
concellos colaboran neste procedemento remitindo a información das
variacións padroais.
O Concello de Malpica cumpre coa súa obriga de remitir ao INE as
variacións padroais de maneira mensual. Segundo informa o traballador
municipal responsable, as altas das persoas afectadas foron tramitadas e
remitidas, e existen xustificantes individuais que acreditan estes envíos.
Ante a aparición destes casos, o concello púxose en contacto coa Oficina
do Censo Electoral aos efectos de aclarar os motivos e/ou as causas que
provocaron esta situación para que sexan emendadas á maior brevidade
posible.
O Concello de Malpica reitera o seu compromiso coa transparencia, coa
correcta prestación dos servizos municipais e co dereito da veciñanza a
recibir información clara e veraz sobre os trámites administrativos que lle
afectan.