Malpica renova o seu compromiso contra a violencia de xénero
O Concello renova o seu compromiso coa igualdade, coa prevención da violencia machista e coa atención ás mulleres que a sofren.

Malpica de Bergantiños, 25 de novembro de 2026. O Concello de Malpica de Bergantiños celebrou hoxe, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a lectura do manifesto institucional baixo o lema “Malpica non mira para outro lado”.
O manifesto lembra as mulleres que calaron por medo, as que loitaron por recuperar a súa liberdade e as que xa non están. Insiste en que ningunha muller é culpable da violencia que sofre e en que a vergoña recae en quen a exerce.
O manifesto recorda tamén que, segundo os últimos datos oficiais, 47 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España en 2026, e 1.388 desde 2003. Ademais, 38 menores quedaron orfos este ano como consecuencia da violencia de xénero e tres foron asasinados neste contexto. Fronte a esas cifras, o Concello pide non convertelas en simples datos, porque detrás de cada unha hai unha vida, unha familia e un futuro interrompidos.
O Concello lembra que a violencia machista non comeza necesariamente cunha agresión física, senón con insultos, humillacións e control, e destaca a importancia de educar na igualdade desde a infancia e de prestar atención á mocidade e ás súas primeiras relacións. Fai un chamamento á sociedade para non xustificar actitudes machistas, non restar importancia ás ameazas e non permanecer en silencio.
Desde o Concello reafirman o seu compromiso coa prevención e coa atención ás vítimas, e a súa vontade de que os recursos de información, orientación e apoio estean ao alcance de quen os necesite, para que ningunha muller sinta que debe afrontar soa unha situación de violencia.
«Nin hoxe, nin mañá, nin nunca», conclúe o texto.


