Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 13°
Domingo 13°
Luns 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

25Ago 2021

O Concello de Malpica programa un percorrido paisaxístico e cultural por Nariga para o venres 27 de agosto

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Educación e Medio Ambiente, organizou unha ruta paisaxística por Nariga para o vindeiro venres 27 de agosto.

A saída realizarase desde a fonte de Anselmo Villar Amigo, en Malpica, ás 19:00 horas. Será un percorrido en autobús con paradas na Costa, no miradoiro dos Picos de Navás, no miradoiro de Pardavela, na fortificación das Barreiras e con remate no faro de Punta Nariga.

As persoas que desexen participar poderán desfrutar dunha visita ós numerosos gravados medievais que se atopan nestas localizacións. Ademais, Icía Varela interpretará con voz e pandeireta diversas pezas nos miradoiros dos Picos de Navás e no de Pardavela.

A cita rematara cun concerto de violonchelo a cargo de Cecilia Burillo en Punta Nariga coincidindo co solpor. Ofreceráselle ás persoas asistentes, ademais, unha degustación de chocolate e roscón para finalizar a visita.

As inscricións poderán realizarse no Centro Cívico en horario de 9:00 a 13:00 horas, a través do 981 707 104 ou no correo anton.noceda@malpicadebergantinos.es ata o venres 27 de agosto ás 14:00 horas. Deberase indicar o nome, DNI e teléfono de cada solicitante. As prazas estarán limitadas a 15 persoas.

24Ago 2021

O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada de Campelo cun orzamento de 46.500 euros

O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada no núcleo de Campelo, en Barizo, cun orzamento de 46.459,47 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña.

Así, as tarefas realizaranse desde a DP-4306 en dirección oeste ata a igrexa parroquial de San Pedro de Barizo, nun treito de 640 metros.

Os traballos comezarán co perfilado e escavación das cunetas da vía. Renovarase o firme e ampliarase o seu ancho, que na actualidade alcanza os 4 metros, co obxectivo de facilitar a circulación de vehículos e peóns pola vía. Finalizarase a intervención co pintado da sinalización horizontal.

O alcalde, Walter Pardo, destacou “o gran número de proxectos de mellora que contempla o goberno local de cara a renovación da rede de infraestruturas públicas”.

Intervencións do POS+ Complementario 2021

Ademais do proxecto de mellora da estrada de Campelo, o Concello de Malpica inclúe no POS+ Complementario 2021 da Deputación outras tres intervencións: o proxecto de mellora e mantemento no camiño da Besugueira (Barizo), por 97.559,78 euros; mellora na capa de rodadura no camiño de Cambre á Pedrosa e no camiño na Raxeira, por 99.122,62 euros; e, finalmente, a renovación do parque infantil na rúa Xaviña (Buño), por 39.996,03 euros.

23Ago 2021

Malpica celebrará o XX Concurso de Barcanas e Castelos de Area na praia de Area Maior

O Concello de Malpica celebrará este ano a XX edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area na Praia de Area Maior. O xa tradicional evento terá lugar durante a mañá do venres 27 de agosto.

As inscricións poden realizarse no departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico de Malpica en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o 26 de agosto. A maiores, as persoas interesadas en participar poderán sumarse desde as 10:00 ás 10:30 horas do 27 de agosto na propia Praia de Area Maior.

Na competición deste ano existen tres modalidades: infantil, ata os 10 anos; amateur, de 10 anos en diante; e barcanas, cuxo requisito é que a escultura sexa unha barcana tradicional.

Outorgaranse un total de cinco premios. A modalidade amateur inclúe un primeiro posto, cun trofeo e un vale para compra e consumo en establecementos do municipio de 130 euros. Haberá tamén un segundo, con trofeo e un vale de 70 euros, e un terceiro, con trofeo e un vale de 50 euros. Ademais, entregarase un galardón á mellor barcana e á mellor escultura infantil.

O evento está organizado polo Concello de Malpica, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a Deputación da Coruña.

Adhesión ós vales de comercio

Os establecementos interesados en formar parte da campaña de premios do concurso poderán formalizar a súa adhesión ata o xoves 26 de agosto. Para anotarse deberán chamar ao 981 707 104 en horario de 9:30 a 13:00 horas ou enviar un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es.

As persoas gañadoras poderán dirixirse a calquera dos establecementos adscritos e trocar o seu vale polos produtos ou servizos que desexen. Cada vale só se poderá consumir nun único establecemento.

21Ago 2021

A lonxa de Malpica acolle a presentación do conto ‘Xela, a redeira’ para poñer en valor este oficio do mar

Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo e o resto de concelleiros e
concelleiras do grupo de goberno, así como a Conselleira do Mar, Rosa
Quintana.

A lonxa de Malpica acolleu esta mañá, ás 11:00 horas, a presentación do conto ‘Xela, a redeira’, que pon en valor este oficio mariñeiro.

Ao acto acudiron o alclade, Walter Pardo; o concelleiro de Servizos Sociais,
Sergio García; o concelleiro de Obras, Ángel Garrido; a concelleira de Medio
Ambiente, María Álvarez; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela e a concelleira de Igualdade, Leticia Varela. Tamén estivo presente a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén acudiu o Patrón Maior da Confraría.

Este é un relato dentro dunha iniciativa que trata de poñer en valor o traballo manufactureiro de tantas mulleres da costa galega, e que comezou a elaborarse en 2004 cando estas mulleres, en forma de Federación, se uniron para esixir equidade no sector.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, recalcou que “as redeiras forman parte da nosa identidade, así como de toda a comunidade galega, e desde as
administracións temos que conxuntarnos para poñelas no mapa como se
merecen, coas condicións de traballo axeitadas e recoñecéndolle, en maior
medida, unha labor que é centenaria”.

Na presentación, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás,
Verónica Veres, quixo destacar o apoio “tanto do Concello de Malpica como da Xunta de Galicia para poder seguir adiante co noso propósito”, xesto ao que tamén se sumou a autora do conto, Alexandra Touzo.

Pola súa banda, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou que “este conto é un canto de amor polo mar, porque Galicia sabe a mar. É bravura, orgullo e está repleto de leccións que nos deixaron as nosas maiores e que recollerán mulleres valentes, fortes e perseverantes”.

19Ago 2021

O Concello destinará 40.000 euros á renovación do parque infantil da rúa Xaviña en Buño

O Concello de Malpica seguirá a renovar a súa rede de infraestruturas municipais co proxecto de mellora do parque infantil da rúa Xaviña, en Buño. Esta actuación conta cun orzamento de 39.996,03 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña, cunha achega municipal de 10.000 euros.

Deste xeito, reformaranse totalmente as instalacións situadas ao carón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e do campo de fútbol de Buño, que na actualidade presentan un avanzado estado de deterioro polo uso e o paso do tempo.

Así, retiraranse e substituiranse os antigos elementos de xogo e renovarase totalmente o pavimento, con disposición de novo céspede e areeiro co nivelado previo do terreo. Entre os novos elementos estará un bambán dobre mixto, un espazo multixogos con tobogán e rede de escalada, dous resortes simples e un máis dobre.

Tamén se instalará un novo sistema de valado perimetral con dúas portas de acceso independentes, unha cara a rúa Xaviña e outra cara o centro educativo. A actuación tamén inclúe a creación dun novo sistema de canalización de augas pluviais e a dotación do espazo de iluminación pública e unha fonte de auga potable. Segundo explicou o alcalde de Malpica, Walter Pardo, “esta actuación permitirá unha notable mellora no servizo para a rapazada que estuda tanto no Joaquín Rodríguez Otero como para o resto de nenas e nenos que se achegan ao parque polas tardes”. Neste sentido, resaltou “o importante esforzo que o Concello está a realizar para manter a nosa rede de infraestruturas nas mellores condicións posibles”.

18Ago 2021

O Concello proxecta a reforma do Centro Social das Pozacas de Cerqueda a través do Plan Único da Deputación da Coruña

O Concello de Malpica proxecta a reforma do Centro Social das Pozacas, en Cerqueda, cuns traballos que contarán cun orzamento base de 36.379,90 euros. Esta intervención incluirase no compendio de obras dentro do Plan Único da Deputación e que conta con financiamento provincial.

Así, contémplase a reforma da planta do edificio eliminando o escenario existente no salón de actos, a eliminación de tres aseos existentes para incorporar ao almacén adosado e o derrube de dous tabiques entre almacéns para a formación de aula.

Acondicionaranse, tamén, as dependencias que teñen humidades coa incorporación de adosado de material de pladur illante nas paredes. Cóntase que a intervención estea rematada a finalizar o ano 2021. O alcalde de Malpica, Walter Pardo, sinala que “serán uns traballos que uniformarán este espazo e que as persoas usuarias poderán contar cun servizo de primeiro nivel cando poidamos reverter toda esta situación”.

14Ago 2021

O Concello dá os primeiros pasos para reactivar a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica

O Concello de Malpica está a dar os primeiros pasos para reactivar a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio. O alcalde, Walter Pardo, mantivo esta semana unha xuntanza con integrantes do colectivo.

A través desta reunión, o goberno local pretende revitalizar a súa actividade e darlle un novo pulo ás súas funcións no termo municipal.

Segundo explicou o rexedor malpicá, “a agrupación ofrécelle un servizo á veciñanza de enorme importancia que non vai quedar sen o apoio institucional do Concello”. Neste sentido, adiantou que se está a traballar de xeito “conxunto para reactivar a formación e seguir actuando en Malpica cando o pobo así o requira”. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil malpicá fundouse no ano 1996 e desde aquel momento prestou servizo á veciñanza en emerxencias como desaparicións, incendios ou desastres naturais coma o do ‘Prestige’.

12Ago 2021

Malpica transformará a Casa do Oleiro de Buño nun centro de día antes de que remate o ano

A Casa do Oleiro de Buño quedará convertida nun centro de día antes de que remate o 2021. O alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, asinou esta semana a acta de reformulación para a reforma da infraestrutura.

Así, está cada vez máis cerca de converterse en realidade unha das demandas históricas da veciñanza do municipio. O proxecto conta cun orzamento total de 272.170 euros que serán cofinanciados pola Xunta de Galicia.

Esta actuación permitirá reconducir a finalidade da infraestrutura para dotar dun servizo de atención cidadá a unha vintena de persoas usuarias. Neste sentido, o rexedor malpicá destacou “o importante incremento no nivel de benestar da veciñanza que se conseguirá unha vez remate o proceso de transformación das instalacións”.

Walter Pardo subliñou que se trata dunha iniciativa “coa que se dá resposta a unha necesidade que manifestou de xeito directo o noso pobo durante moitos anos” e coa que se segue “unha liña de traballo do goberno local que se mantén man a man coa veciñanza de Malpica.

12Ago 2021

Buño comeza a súa XXXVII edición da Mostra de Olería en clave feminina e coa tradición como bandeira

Xa está oficialmente en marcha a XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño, que este ano se celebra os días 12, 13, 14 e 15 de agosto. Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración do evento, que este ano se dedica á figura da muller dentro do oficio oleiro.

No acto de presentación participou o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; a concelleira de Olería, Leticia Naya Varela; o presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín; a secretaria da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez Franco; e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López.

Fran Gorín foi o encargado de introducir a todas as personalidades presentes no acto inaugural. O presidente de Olería de Buño, que rexenta o Obradoiro Gorín, agradeceu “todo o esforzo das entidades e persoas implicadas por sacar adiante esta edición da Mostra a pesar de todas as dificultades sanitarias”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra fixo extensible este recoñecemento “a todo o tecido asociativo do municipio por facilitar e colaborar á hora de confeccionar a programación deste ano”. Cómpre destacar que durante os vindeiros días haberá, ademais das clásicas demostracións do oficio, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.

Neste sentido, Patricia Rodríguez Franco explicou que se trataba “dun ano moi emotivo para retomar a celebración da Mostra logo das complicacións xurdidas a raíz da situación sanitaria”. Así, agardou que nesta edición “Buño siga a demostrarlle ao resto do mundo as súas potencialidades como referente artesán galego e peninsular”.

A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña dedicou a súa intervención a poñer en valor “o corazón e o cerebro co que traballan as decenas de oleiros e oleiras que seguen a manter vivo o oficio en Buño”. “Esta é unha oportunidade excepcional para amosar a universalidade de Galicia e o excepcional do noso patrimonio cultural”, engadiu.

O alcalde, Walter Pardo, pechou o ciclo de agradecementos destacando “a memoria viva coa tradición oleira que mantén Buño 37 anos despois da primeira edición da Mostra”. “O Concello segue e seguirá traballando man a man coa Olería de Buño para avivar a chama desta celebración de todas e todos os malpicáns”, concluíu.

Programación deste xoves

Logo das intervencións, o grupo realizou unha visita polos postos instalados no percorrido da Mostra logo da actuación gaiteira da Asociación Cultural Malante. Pouco despois comezaría a primeira demostración de olería ao torno da xornada na Praza de Santa Xusta, que se habería repetir pola tarde.

Ás 18:00 horas, a Asociación Visibles inaugurou a exposición ‘Sen elas non hai olería’. A partir das 19:00 horas, Malante puxo de novo banda sonora ás últimas horas do día cunha actuación polas rúas de Buño. O mago Álex Louzao pechou este primeiro día da Mostra cun espectáculo para todos os públicos ás 20:00 horas. Lembramos que todos os eventos están condicionados á normativa sanitaria vixente, que é de cumprimento obrigatorio. A organización do evento, na que se inclúe o Concello de Malpica, a Asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, traballa conxuntamente co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio por covid-19.

10Ago 2021

Malpica trasládalle ao Goberno as demandas do sector pesqueiro e solicita colaboración para mellorar as súas infraestruturas

O Concello de Malpica puido trasladarlle esta mañá ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, as demandas do municipio en materia de infraestruturas e axudas ao sector pesqueiro nunha reunión na que tamén participou a Confraría de Pescadores malpicá.

A corporación municipal, en compañía da xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, mantivo unha xuntanza institucional co obxectivo de axilizar os trámites e que o Goberno central poida traballar en Malpica coñecendo de primeira man todas as súas problemáticas.

Neste sentido, o goberno local trasladoulle ao Delegado unha serie de solicitudes entre as que se inclúe o apoio institucional para conseguir un aumento nas cotas de pesca e asegurar o futuro do gremio. Desde a Confraría de Pescadores transmitiuse esta mesma inquedanza, “unha cuestión que pedimos que se reconsidere e que se flexibilice para velar por un traballo no mar digno”.

Ademais, Concello e Confraría lembraron a problemática existente na dársena de Malpica coas correntes de auga e o perigo que supón para os traballadores. Nunha visita que o levou por diversos recunchos da vila, José Miñones comprobou en primeira persoa a necesidade de buscarlle unha solución para a boca de entrada do porto.

Unha das posibles vías que se estiman é a ampliación do actual dique, se ben se trata dun recurso “custoso, pero que traería moitísimo beneficio económico a Malpica, un sitio estratéxico a nivel mariñeiro”, segundo expuxo o alcalde, Walter Pardo.

Logo de pasear pola zona do porto, desprazáronse á zona da atalaia, dende onde o alcalde lle trasladou ao Delegado a necesidade de crear unha senda na contorna coa que “aproveitar as marabillosas vistas que nos ofrece este espazo de cara o Atlántico”. 

José Miñones mostrou a súa vontade de funcionar como “ligazón entre a Administración central e o Concello para que este poida dar solución a estas problemáticas do xeito máis rápido posible”. Do mesmo xeito que o rexedor malpicá, agradeceu “a disposición de colaboración” entre ambas institucións e avogou por chegar a acordos “cos que beneficiar a toda a súa poboación”.

Situación do polígono industrial

De xeito previo á chegada do Delegado do Goberno en Galicia, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, mantivo xunto a membros do goberno local unha xuntanza con representantes dos empresarios do municipio.

Nesta reunión tendéronse pontes para mellorar a situación do polígono industrial de Buño e asegurar o seu correcto funcionamento tanto no curto como no medio e longo prazo.

Página 38 de 149« Primera...102030...3637383940...506070...Última »