Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
10°
Domingo 17°
11°
Luns 16°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

16Set 2021

A rapazada malpicá poderá gozar dunha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’ dende o 24 de setembro ata o 15 de outubro

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18:00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral.

O 24 de setembro dará comezo o programa con ‘O arquivo do Chibo’, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será ‘A caixa sen Pandora’, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade.

O 8 de outubro está programada a actuación ‘Aldara na montaña’, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as ‘Tardes na biblioteca’ deste outono con ‘Entre bechos anda o conto’ da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

Lembramos que esta programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por covid-19. O aforo máximo será de 15 persoas por actuación, un número suxeito a variacións en función da evolución da pandemia. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

7Set 2021

Orballo Cultural chega a Canido o 11 de setembro

Ao longo do sábado, o festival Orballo Cultural organiza dúas sesións con música en directo: Ao mediodía con Pau que vira e Lóstregho e pola tarde con The Lowcos e Maikel DJ Set. As entradas están dispoñibles en https://www.woutick.es/evento/1705/entradas-orballo-cultural-en-malpica-de-bergantinos.

3Set 2021

O pleno municipal de Malpica inviste como novo alcalde a Eduardo Parga

Esta mañá tivo lugar un pleno extraordinario da corporación municipal de Malpica no Centro Cívico no que se investiu como novo alcalde do Concello a Eduardo Parga.

Este cambio de goberno prodúcese tras unha moción de censura presentada no mes de agosto polo Partido Popular, con seis edís, e o concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo.

A corporación quedará composta do seguinte xeito: Eduardo Parga como alcalde; Miguel Ángel Fernández; Fernando Rodríguez; María Soledad Blanco; Noelia Freijeiro; María del Pilar Doldán; e Alfredo Cañizo como edís do goberno. A oposición estará conformada por Walter Pardo, Sergio García, Ángel Garrido, María Manuela Álvarez, por parte do PSOE; e Leticia Varela e Miguel Varela por parte do BNG.

O novo rexedor malpicán, Eduardo Parga, logo da celebración do pleno, indicou que traballará “para darlle dinamismo ao municipio, poñernos a xestionar a partir de xa e darlle saída a todo o que quedou feito polo anterior goberno, así como preparar os novos proxectos que presentaremos nas vindeiras semanas”.

Pola súa banda, Walter Pardo afirmou “levar Malpica e a súa veciñanza dentro do meu corazón” e amosouse “satisfeito por todo o traballo realizado nos dous anos de lexislatura ó fronte deste goberno”.

Miguel Varela, voceiro do BNG, sinalou que “toda a base da acción política parte do diálogo e así continuaremos a exemplarizalo dende a bancada da oposición”.

31Ago 2021

Concello e Deputación despiden unha edición máis dun Campamento Urbano Malpica 2021 no que participaron 27 nenas e nenos

O Concello e a Deputación da Coruña despediron esta mañá unha edición máis do Campamento Urbano Malpica 2021, organizado para promover a conciliación da vida familiar e laboral e destinado ás crianzas de 4 a 12 anos. Tivo lugar do 2 ao 31 de agosto e participaron 27 nenas e nenos. A actividade contou co financiamento do Fondo Social do Plan Único da entidade provincial

Esta mañá o alcalde, Walter Pardo; o tenente de alcalde, Sergio García e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, acompañaron á rapazada no acto celebrado no patio escolar do CEIP Milladoiro, onde lle entregaron aos rapaces e rapazas uns obsequios tras a súa participación e bo comportamento. 

Os obxectivos prioritarios do mesmo, ademais de promover a conciliación, foi promover a rúa como espazo de uso público, poñer en valor o coñecemento da contorna e promover hábitos saudables para empregar con conciencia o tempo de lecer. 

Dentro da programación do Campamento Urbano Malpica 2021 desenvolvéronse actividades como xogos de presentación e cooperativos, papiroflexia, xogos na praia (participando no XX Concurso de Barcanas e Castelos) ou accións de sensibilización musical e igualdade de xénero.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, puxo de relevancia “este tipo de actividades, que non só promoven a conciliación da vida familiar e laboral, variable fundamental no verán”, senón tamén “no eido formativo, reforzando ideas educativas nos ámbitos de coñecemento do medio ou da igualdade”, enfatizou.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, quixo “destacar a implicación dos cativos e cativas nunha situación tremendamente atípica tamén para eles e elas, e segundo nos transmiten os monitores e monitoras, o seu comportamento foi exemplar”, admitiu. 

26Ago 2021

Malpica avoga por un modelo híbrido para coidar o medio ambiente impulsando tamén as axudas a causas sociais

O Concello de Malpica, a través das concellarías de Medio Ambiente e Servizos Sociais, continúa coa súa firme aposta polo coidado do medio á par que impulsa axudas a causas sociais. 

Corazóns solidarios
Corazóns solidarios

Recentemente instaláronse catro novos colectores baixo a denominación de Corazóns Solidarios, que funcionarán como recollida de tapóns de plástico e lle darán tamén outro aspecto ás rúas malpicás. 

Lembramos que ao longo do termo municipal xa se instalaran diante do Centro Cívico, a carón da parada de taxis, na entrada do CEIP Xoaquín Rodríguez Otero e no parque García Alén, de Buño. 

25Ago 2021

O Concello de Malpica programa un percorrido paisaxístico e cultural por Nariga para o venres 27 de agosto

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Educación e Medio Ambiente, organizou unha ruta paisaxística por Nariga para o vindeiro venres 27 de agosto.

A saída realizarase desde a fonte de Anselmo Villar Amigo, en Malpica, ás 19:00 horas. Será un percorrido en autobús con paradas na Costa, no miradoiro dos Picos de Navás, no miradoiro de Pardavela, na fortificación das Barreiras e con remate no faro de Punta Nariga.

As persoas que desexen participar poderán desfrutar dunha visita ós numerosos gravados medievais que se atopan nestas localizacións. Ademais, Icía Varela interpretará con voz e pandeireta diversas pezas nos miradoiros dos Picos de Navás e no de Pardavela.

A cita rematara cun concerto de violonchelo a cargo de Cecilia Burillo en Punta Nariga coincidindo co solpor. Ofreceráselle ás persoas asistentes, ademais, unha degustación de chocolate e roscón para finalizar a visita.

As inscricións poderán realizarse no Centro Cívico en horario de 9:00 a 13:00 horas, a través do 981 707 104 ou no correo anton.noceda@malpicadebergantinos.es ata o venres 27 de agosto ás 14:00 horas. Deberase indicar o nome, DNI e teléfono de cada solicitante. As prazas estarán limitadas a 15 persoas.

24Ago 2021

O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada de Campelo cun orzamento de 46.500 euros

O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada no núcleo de Campelo, en Barizo, cun orzamento de 46.459,47 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña.

Así, as tarefas realizaranse desde a DP-4306 en dirección oeste ata a igrexa parroquial de San Pedro de Barizo, nun treito de 640 metros.

Os traballos comezarán co perfilado e escavación das cunetas da vía. Renovarase o firme e ampliarase o seu ancho, que na actualidade alcanza os 4 metros, co obxectivo de facilitar a circulación de vehículos e peóns pola vía. Finalizarase a intervención co pintado da sinalización horizontal.

O alcalde, Walter Pardo, destacou “o gran número de proxectos de mellora que contempla o goberno local de cara a renovación da rede de infraestruturas públicas”.

Intervencións do POS+ Complementario 2021

Ademais do proxecto de mellora da estrada de Campelo, o Concello de Malpica inclúe no POS+ Complementario 2021 da Deputación outras tres intervencións: o proxecto de mellora e mantemento no camiño da Besugueira (Barizo), por 97.559,78 euros; mellora na capa de rodadura no camiño de Cambre á Pedrosa e no camiño na Raxeira, por 99.122,62 euros; e, finalmente, a renovación do parque infantil na rúa Xaviña (Buño), por 39.996,03 euros.

23Ago 2021

Malpica celebrará o XX Concurso de Barcanas e Castelos de Area na praia de Area Maior

O Concello de Malpica celebrará este ano a XX edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area na Praia de Area Maior. O xa tradicional evento terá lugar durante a mañá do venres 27 de agosto.

As inscricións poden realizarse no departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico de Malpica en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o 26 de agosto. A maiores, as persoas interesadas en participar poderán sumarse desde as 10:00 ás 10:30 horas do 27 de agosto na propia Praia de Area Maior.

Na competición deste ano existen tres modalidades: infantil, ata os 10 anos; amateur, de 10 anos en diante; e barcanas, cuxo requisito é que a escultura sexa unha barcana tradicional.

Outorgaranse un total de cinco premios. A modalidade amateur inclúe un primeiro posto, cun trofeo e un vale para compra e consumo en establecementos do municipio de 130 euros. Haberá tamén un segundo, con trofeo e un vale de 70 euros, e un terceiro, con trofeo e un vale de 50 euros. Ademais, entregarase un galardón á mellor barcana e á mellor escultura infantil.

O evento está organizado polo Concello de Malpica, a Asociación de Amas de Casa de Malpica e a Deputación da Coruña.

Adhesión ós vales de comercio

Os establecementos interesados en formar parte da campaña de premios do concurso poderán formalizar a súa adhesión ata o xoves 26 de agosto. Para anotarse deberán chamar ao 981 707 104 en horario de 9:30 a 13:00 horas ou enviar un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es.

As persoas gañadoras poderán dirixirse a calquera dos establecementos adscritos e trocar o seu vale polos produtos ou servizos que desexen. Cada vale só se poderá consumir nun único establecemento.

21Ago 2021

A lonxa de Malpica acolle a presentación do conto ‘Xela, a redeira’ para poñer en valor este oficio do mar

Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo e o resto de concelleiros e
concelleiras do grupo de goberno, así como a Conselleira do Mar, Rosa
Quintana.

A lonxa de Malpica acolleu esta mañá, ás 11:00 horas, a presentación do conto ‘Xela, a redeira’, que pon en valor este oficio mariñeiro.

Ao acto acudiron o alclade, Walter Pardo; o concelleiro de Servizos Sociais,
Sergio García; o concelleiro de Obras, Ángel Garrido; a concelleira de Medio
Ambiente, María Álvarez; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela e a concelleira de Igualdade, Leticia Varela. Tamén estivo presente a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén acudiu o Patrón Maior da Confraría.

Este é un relato dentro dunha iniciativa que trata de poñer en valor o traballo manufactureiro de tantas mulleres da costa galega, e que comezou a elaborarse en 2004 cando estas mulleres, en forma de Federación, se uniron para esixir equidade no sector.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, recalcou que “as redeiras forman parte da nosa identidade, así como de toda a comunidade galega, e desde as
administracións temos que conxuntarnos para poñelas no mapa como se
merecen, coas condicións de traballo axeitadas e recoñecéndolle, en maior
medida, unha labor que é centenaria”.

Na presentación, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás,
Verónica Veres, quixo destacar o apoio “tanto do Concello de Malpica como da Xunta de Galicia para poder seguir adiante co noso propósito”, xesto ao que tamén se sumou a autora do conto, Alexandra Touzo.

Pola súa banda, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou que “este conto é un canto de amor polo mar, porque Galicia sabe a mar. É bravura, orgullo e está repleto de leccións que nos deixaron as nosas maiores e que recollerán mulleres valentes, fortes e perseverantes”.

19Ago 2021

O Concello destinará 40.000 euros á renovación do parque infantil da rúa Xaviña en Buño

O Concello de Malpica seguirá a renovar a súa rede de infraestruturas municipais co proxecto de mellora do parque infantil da rúa Xaviña, en Buño. Esta actuación conta cun orzamento de 39.996,03 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña, cunha achega municipal de 10.000 euros.

Deste xeito, reformaranse totalmente as instalacións situadas ao carón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e do campo de fútbol de Buño, que na actualidade presentan un avanzado estado de deterioro polo uso e o paso do tempo.

Así, retiraranse e substituiranse os antigos elementos de xogo e renovarase totalmente o pavimento, con disposición de novo céspede e areeiro co nivelado previo do terreo. Entre os novos elementos estará un bambán dobre mixto, un espazo multixogos con tobogán e rede de escalada, dous resortes simples e un máis dobre.

Tamén se instalará un novo sistema de valado perimetral con dúas portas de acceso independentes, unha cara a rúa Xaviña e outra cara o centro educativo. A actuación tamén inclúe a creación dun novo sistema de canalización de augas pluviais e a dotación do espazo de iluminación pública e unha fonte de auga potable. Segundo explicou o alcalde de Malpica, Walter Pardo, “esta actuación permitirá unha notable mellora no servizo para a rapazada que estuda tanto no Joaquín Rodríguez Otero como para o resto de nenas e nenos que se achegan ao parque polas tardes”. Neste sentido, resaltou “o importante esforzo que o Concello está a realizar para manter a nosa rede de infraestruturas nas mellores condicións posibles”.

Página 37 de 148« Primera...102030...3536373839...506070...Última »