Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 14°
11°
Luns 14°
10°
Martes 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Uncategorized

Uncategorized

3Mai 2022

O Concello de Malpica realiza obras de mellora no firme de Leiloio

A intervención será sobre a vía que une Raxeira ata preto da Pedrosa

O Concello de Malpica comeza hoxe as obras de mellora no firma da Raxeira, en Leiloio.

Os traballos, que afectarán á vía que transcorre entre a Raxeira ata preto da Pedrosa, dan resposta ás demandas da veciñanza. Unha obra, solicitada ó mesmo tempo que as melloras do firme da AC-419 que une Malpica e Ponteceso, que mellorará a circulación e a seguridade dos usuarios da vía. Con esta intervención o ancho, pasará a ser de 6 metros fronte aos 4 actuais.

Eduardo Parga, alcalde de Malpica, manifestou que xa se veñen arranxando as vías dende as lexislaturas anteriores e que se continuará con este tipo de actuacións na vila. Pola súa parte, Miguel Ángel Fernández Mirás, concelleiro de obras, mostrouse satisfeito co feito de que se execute a obra.

ACTUALIZACIÓN❗️| Por un erro na redacción desta nova, aclaramos que a actuación na vía da Raxeira, en Leiloio, está financiada pola Deputación. Desculpen as molestias.

20Abr 2022

O alumnado do CEIP Joaquín Rodríguez Otero xa conta coa nova zona de xogos desenvolvida polo Concello

A obra foi entregada hoxe ao director do centro educativo

O alcalde do Concello de Malpica, Eduardo Parga, entregou hoxe a obra do novo espazo de xogos infantís do centro CEIP Joaquín Rodríguez Otero ao director do mesmo.

Estiveron presentes o concelleiro Miguel Fernández e a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, así como o representante da empresa encargada da execución da obra: Damaso Ferreiro.

O renovado espazo infantil conta cunha zona de céspede natural así como outra de xogos asentados sobre un piso adecuado os máis pequenos. Os cativos e cativas teñen un novo tobogán, bambán e zona de escada así como outros elementos cos que gozar ao tempo que melloran a súa psicomotricidade.

19Abr 2022

O Concello de Malpica participa na organización da andaina “En marcha contra o cancro” este domingo, 24 de abril

Os interesados aínda poden inscribirse e colaborar con esta actividade organizada conxuntamente coa Asociación Española contra o Cancro

O Concello de Malpica, xunto coa Asociación Española contra o Cancro, organizan a andaina solidaria “En marcha contra o cancro”, que se desenvolverá este domingo 24 de abril.

Unha acción conxunta e solidaria para a que está aberto o prazo de inscrición e que partirá ás 10.30 horas da Fonte de Villar Amigo para logo realizar o percorrido entre San Antonio, Castelo Seixas, Ardeleiro, Lapachan, e rematar onde comeza, na Fonte De Villar Amigo.

Unha convocatoria aberta para todas as idades, na que os nenos e nenas de ata 12 anos pagarán 3 euros e os maiores 5 euros. Ademais, unha vez formalizada a inscrición, os participantes recibirán unha pañoleta.

Inscricións

As persoas interesadas en participar e colaborar con esta causa poderán apuntarse a través da seguinte ligazón RockTheSport (contraelcancer.es) ou nos seguintes puntos presenciais:

  • Leiloio: Mª Carmen do Vilar
  • Buño: Casa de Lexi do Correo.
  • Cambre: Rosa María.
  • Cerqueda: U.D. Cerqueda.
  • Malpica: Jofra- Peluquería Ana Ures e Peluquería Cristal.

Ademais poden contactar telefonicamente co Concello no 981.720.001; con Carmen Teresa no 625.117.730; con Mª José Veiga no 628.094.299, e con Mª José Prieto no 686983670.

11Abr 2022

O Concello celebrará a VI edición de “Malpica sabe a mar” no mes de maio

O encontro volverá, tras dous anos parada por mor da pandemia, cun récord de participación

O Concello de Malpica xa está traballando na sexta edición de “Malpica sabe a mar”, que os últimos anos non puido celebrarse por mor da pandemia.

A concellaría de Promoción Económica xa mantivo unha reunión cos hostaleiros do concello para poñer en funcionamento esta nova convocatoria, que será a de maior participación de locais.

Está previsto que se desenvolva no mes de maio, e dada a boa resposta de todos os participantes estase a traballar na sétima edición para o mes de outubro.

“Malpica sabe a mar” e unha ruta de tapas elaboradas con produtos do mar que se celebra desde 2016, con excepción dos anos da pandemia. A Concellería de Promoción Económica e o sector hostaleiro de Malpica unen esforzos para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalaría e a olaría. Unha acción na que os locais participantes trataran de sorprender á clientela a través exquisitas elaboracións.

Por outra banda, a concellaría de Promoción Económica tamén traballa nunha nova campaña co sector da alimentación, para o impulso do comercio en todas as súas vertentes.

11Abr 2022

O Concello de Malpica acolle o 24 de abril a estrea do proxecto de danza contemporánea “Escora”

A representación, que busca visibilizar o traballo artístico das compañías gallegas, acollerá no paseo marítimo “Miña Xoia” de Clara Ferrao e “Alleo” de Colectivo Glovo

O Concello de Malpica acollerá o vindeiro domingo, 24 de abril, a estrea do proxecto de danza contemporánea “Escora”, será no paseo da Praia ás 18.30 horas.
Un encontro único onde se interpretarán Miña Xoia por parte da compañía de Clara Ferrao, e de Alleo de Colectivo Glovo. A representación estará guiada por Marcia Vázquez, coa que unha vez rematada a intervención haberá un encontro para que participen público e artistas.

En caso de choiva o espectáculo será no Centro Cívico de Malpica. Esta convocatoria está englobada dentro do Proxecto Escora e realizase uns días antes da celebración do Día Internacional da Danza, o 29 de abril.

Proxecto Escora
Escora preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade. Esta iniciativa tamén se levará a cabo en Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe e Caión.

Os espazos saen dos escenarios convencionais, dando a oportunidade de achegar a otros espazos e aproximando a danza aos máis diversos públicos. O proxecto da Deputación busca visibilizar o traballo artístico das compañías galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta
disciplina artística.

11Abr 2022

O Concello de Malpica forma no uso de desfibriladores ós traballadores de entidades deportivas municipais

Estes aparellos están no pavillón municipal e os campos de fútbol de Pedra Queimada, Xaviña, e desde o venres no da Feira Nova

O Concello de Malpica, a través do departamento de Deportes, realizou cursos de formación en primeiros auxilios para os traballadores do pavillón municipal e das instalacións municipais.

Así, os asistentes ás instrucións desenvolvidas recibiron os coñecementos para enfrontarse a situación de emerxencia nas que, ademáis, é preciso facer uso dos aparellos desfibriladores que teñen a súa disposición.

Actualmente os centros deportivos de Malpica que contan con estes aparellos son o pavillón Municipal, e os campos de fútbol de Pedra Queimada, e de Xaviña. E, desde venres tamén no da Feira Nova.

É preciso lembrar que aínda que o uso dos desfibriladores é sinxelo, é importante ter os coñecementos para que os resultados sexan óptimos. Estes dispositivos subministran descargas ao corazón a través da parede torácica, e os sensores que conten analizan o ritmo cardíaco que indican cando é preciso proceder á descarga e o nivel de intensidade.

Coa instalación dos aparatos, así como as formacións que o Concello facilita, os traballadores poderán afrontar mellor posibles situacións de emerxencia sanitaria cun resultado satisfactorio.

8Abr 2022

O Concello de Malpica colabora na presentación do libro “As árbores do incesto”, de Paco Souto

O encontró será no “Cornecho de Tano”

O Concello de Malpica, colabora na presentación de “As árvores do incesto”, o libro de poesía asinado por Paco Souto.

O acto literario, organizado pola AC Caldeirón será esta tarde ás 20.30 horas no Cornecho de Tano (rúa Eduardo Pondal, 1).

Paco Souto, poeta, dinamizador cultural, exedil, perdeu a vida mentres traballaba como percebeiro, no 2017. Souto desenvolveu un intenso labor cultural e social. Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón, desde a que promoveu o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Tamén, foi o principal responsable da Editorial Caldeirón que publicaba as obras gañadoras no certame.

8Abr 2022

O Concello de Malpica comunica que queda adiada a representación de “Muiñada” no río de Vaa

A actividade será reprogramada para cando as condicións meteorolóxicas o permitan

O Concello de Malpica comunica que a representación prevista para mañá, 9 de abril de “Muiñada”, no río de Vaa, queda adiada por mor das condicións climatolóxicas.

A obra representada pola compañía Galeatro será reprogramada para vindeiras datas, cando o tempo o permita. Trátase dunha recreación destinada a todos os públicos na que o xogo, lendas, tradición e música son o fío condutor para mostrar as raíces.

7Abr 2022

O Concello de Malpica recibe o Autobús do teatro o 22 de abril coa obra “Ás oito da tarde, cando morren as nais”

A actividade organizada polo departamento de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes achega esta arte escénica a toda a poboación

O Concello de Malpica, a través da organización do departamento de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, recibirá o vindeiro 22 de abril o “Autobús do teatro”.

O público poderá asistir á representación da obra “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, baseada no texto de AveLina Pérez, baixo a dirección e dramaturxia de Marta Pazos.

Esta iniciativa, de achegar a arte escénica a toda Galicia, é froito do programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, que xa visitou Malpica recentemente coa representación da obra de Albert Camus “A peste”.

As entradas

En total saíran á venda 50 entradas, por 6 euros cada unha. Os interesados en asistir deberán enviar un mail ao enderezo auditoriodemalpica@gmail.com.

O percorrido do Autobús do Teatro será de 18.00 horas a 21.45 horas e terá a saída xunto o Ybarra e na recta do Empalme, en Leiloio.

A obra

Os interesados asistirán a representación dun canto coral sustentado no absoluto baleiro, explotando as posibilidades do xogo escénico desde unha concepción aberta do espazo e cunha ollada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción. Aquí, a procura da identidade individual amparada na masa, superficial e ignorante, que presume de coñecementos inútiles, amósase indecente.

5Abr 2022

O Concello de Malpica inicia os cursos de inglés para o persoal relativo á hostalaría

Durante abril, maio e xuño as persoas interesadas recibirán clases de formación os luns e mércores

O Concello de Malpica informa que desde este luns, 4 de abril, xa se están a impartir os cursos de formación de inglés para as persoas que traballan en hostalaría.

Unha nova aposta pola formación xestionada a través da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes co que se responde a unha solicitude da Asociación de Hostaleiros de Malpica de Bergantiños.

Os cursos

Os luns e mércores, de 8.30 horas a 20.00 horas, as persoas interesadas reciben as clases de inglés co obxectivo de mellorar as competencias nesta lingua e ao mesmo tempo dotar de máis recursos e calidade os servizos. A formación é tanto para persoas traballadoras como propietarias de establecementos de hostalaría.

O Concello continúa a traballar en iniciativas a través das que dar unha mellor resposta a veciñanza e visitantes, como aqueles que pasan por Malpica con motivo da Ruta dos Faros, entre outras actividades e atraccións da zona.