Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 18°
14°
Martes 21°
14°
Mércores 20°
17°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

15Mar 2023

I XUNTANZA DE MAIORES

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Malpica organiza a “I Xuntanza de Maiores”O evento levarase a cabo o 1 de abril no CEIP Milladoiro e constará dunha comida con música en directo amenizada polo Dúo Marineda. As persoas interesadas poden inscribirse no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao 981720280 dende o 20 ao 29 de marzo ou ata completar aforo

14Mar 2023

Chegan a Malpica os xogos do Paporrubio

O vindeiro sábado 8 de abril a área recreativa do Río Vaa acolle unha actividade de diversión en familia coma son os xogos do Paporrubio.

Unha xornada de música, xogos e moita diversión dende as 16.30 ata as 19.00 horas.

Os xogos do Paporrubio son un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. O noso paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos. Os participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A pretensión é facerlle accesible, a través da diversión en familia, unha cultura agraria que de por si adoita fascinar e marabillar.

14Mar 2023

O Concello de Malpica organiza unha viaxe a Portugal

Dende o departamento de Servizos Sociais organizase unha viaxe a PORTUGAL  co seguinte itinerario:

         Domingo, 16 de abril:MALPICA-LEIRIA

                      Saída pola mañá, pequenas paradas en ruta. Chegada ao hotel, reparto de habitacións, comida. Tarde libre.

                  Luns, 17 de abril: NAZARÉ- FÁTIMA

Almorzo e saída para visitar Nazaré, poboación pesqueira por excelencia e outrora centro de peregrinación de Portugal, o seu Santuario, composto pola Igrexa de Nosa Señora de Nazaré a pequena Ermida, desde onde se poden apreciar excelentes vistas panorámicas, recibiu unha gran afluencia de peregrinación ata que foi desbancada por Fátima no 1917 cando se levantou alí a Capela das Aparicións. Nazaré tamén é famosa por ser berce de surfistas. Tempo libre e retorno ao hotel para a comida.

                  Despois de comer achegarémonos ao Santuario de Fátima, un dos máis importantes santuarios marianos do mundo. Retorno ao hotel, cea e aloxamento.

                  Martes, 18 de abril: LISBOA

                  Despois de almorzar no hotel sairemos cara a capital de Portugal, alí pasaremos o día completo. Primeiro faremos unha visita panorámica en autobús, despois percorreremos os sitios e barrios máis emblemáticos e de interese: Alfama, Mouraria, Barrio Alto, Belem ou o Parque das Nación. A última hora da tarde, retorno ao hotel para a cea e aloxamento.

                  Mércores,19 de abril: COIMBRA

                  Almorzo e saída cara Coimbra, cidade de orixe romana, foi un lugar estratéxico entre o norte cristián e o sur árabe. Cidade universitaria famosa polas súas rúas sinuosas e casas colgantes. Gozaremos da súa Universidade (entrada incluída) e das rúas comerciais. Regreso ao hotel para o xantar e tarde libre. Cea e aloxamento.

                  Xoves, 20 de abril: AVEIRO- MALPICA

                  Almorzo e emprenderemos camiño de regreso a Malpica. Parada en Aveiro, cidade coñecida como “A Venecia do Norte” polas súas canles e coloridos barcos chamados moliceiros. Comida en ruta, continuaremos a viaxe de retorno e fin da viaxe.

O prazo de inscrición é dende o día 20 ata o 31 de marzo (ou ata cubrir as prazas)Para obter máis información ou realizar a inscrición os interesados poden dirixirse ao Departamento de Servizos sociais ou chamando ao teléfono seguinte: 981 720 280Nota: Prazas Limitadas (por rigorosa orde de inscrición)

14Mar 2023

Volven os obradoiros de Barro a Malpica en Semana Santa


O Ecomueso do Forno do Forte acollerá obradoiros de barro os día 3, 4, 5,
e 7 de abril de 16.30 a 18.30 para todos os públicos a parir dos tres anos.
A persoas que desexen acudir non deberán inscribirse, poderán participar
en cada quenda, por orde de chegada ata completar un máximo de 15
persoas. A actividade é de balde.
O evento está organizado pola Concellería de Educación, Cultura,
Patrimonio e Deportes. Colabora nesta actividade a Deputación da Coruña

13Mar 2023

Malpica concilia en Semana Santa

A concellería de Servizos Sociais e a concellería de Cultura, Patrimonio e Deportes do Concello de Malpica lanza o campamento gratuíto de Semana Santa para fomentar a conciliación.
Nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán gozar de múltiples actividades os días 3, 4 e 5 de abril de 10.00 a 13.00 horas, no pavillón de Malpica.
As persoas interesadas xa se poden anotar ata o 29 de marzo. Para máis información poden chamar ao departamento de deportes no 981720001

Nesta ligazón pódese descargar o impreso.

9Mar 2023

Mulles emprendedoras de Malpica

🔹 Nome, apelidos e idade?Lili Arcay Carbajales, 41 anos.

🔹 Porque abriches o teu negocio aquí, en Malpica?Porque era o negocio familiar, eu nacín dentro da barra ao igual que meus irmáns, somos 4 mulleres e 3 homes. Todos traballamos na hostalería, na miña casa traballaba hasta o canario, daquela, queiras ou non, eu que son a pequena fun quedando, meus irmáns foron casando e formando familias e a que quedou co negocio son eu. Despois coas outras irmás fomos emprendendo. 🔹 Fai moito que abriches o teu negocio ?Meus pais tiñan 2 negocios, un bar de comidas, o Ybarra e outro de copas, o Jofra. Con 19 anos, ao casarse meu irmán collín o Jofra, estiven sola 7 anos, aos 26 anos asocieime cunha irmá máis vella, reformamos o local para darlle un aspecto máis moderno. Estivemos xuntas 14 anos e hai 7 asociámonos con outra irmá e collemos o bar de comidas de meus pais, eles xa estaban retirados e seguimos co negocio familiar.

🔹 Canta xente traballa na vosa cafetería e no voso pub? Supoño que as 3 irmás sodes autónomas?Si, as tres somos autónomas, no Ybarra temos 2 cociñeiras a xornada completa e os fin de semana varias camareiras para o apoio das comidas e ceas.

🔹 Equipazo de mulleres no teu negocio, casualidade ou apostaches polo emprego feminino?A ver, hai traballo para homes e mulleres, tampouco é discriminar a nadie, ti pides alguén para un posto de traballo e o que mellor corresponde e responde é o que queda.

🔹 Crees que os homes, polo simple feito de ser home a día de hoxe o teñen máis fácil (refírome á igualdade salarial, aos postos de relevancia ou os ascensos dentro dunha empresa) ou logramos a igualdade neste sector?Bueno, neste sector a verdade hoxe en día están mais igualadas as cousas, incluso hai moitos homes cociñeiros. Ao mellor noutros sectores é máis complicado e tiran máis polo home, pero na hostalería creo que estamos ao 50% que da igual home que muller.

🔹 Conciliación familiar e laboral, como levas este tema?Como se pode (sorrí), dáslle a todo, estás aquí e de repente vas para a casa e segues….tes os fillos….

🔹 Tarefas compartidas no fogar, ou, a maior parte do peso recae sobre ti?No, no, gracias a Dios compártoas co meu home.

🔹 E xa para rematar, como anécdota, recordas o primeiro cliente que tiveches? Continúa séndoo? Buff! Non, non o recordo, hai 22 anos xa; pero sigo tendo clientes dos de sempre.

🔹 Sopesando pos e os contras, volverías a arriscarte a emprender pola túa conta ou irías ao “seguro” e traballarías por conta allea? No, eu emprendería, aparte que aquí en Malpica as mulleres ían a ribeira, coser ou senón tiñas que marchar fóra para traballar, despois xa comezou o da hostalería. En Malpica emprendéronse moitos negocios con mulleres e eu non me arrepinto de nada.

8Mar 2023

O Concello de Malpica visibiliza as mulleres emprendedoras con motivo o 8M

Nesta semana conmemórase o día da muller e, desde o noso concello, queremos render un pequeno e humilde homenaxe ás mulleres emprendedoras, mulleres que tiveron a coraxe de montar o seu propio negocio e con moito tesón e esforzo conseguiron non só crear o seu posto de traballo, ao tempo dan emprego a outras mulleres.Ao longo desta semana iremos publicando testemuños de diferentes mulleres emprendedoras da nosa vila con motivo do 8M. O que non debemos esquecer é que xa as nosas avoas, cando se descoñecía o significado do termino emprender, foron mulleres emprendedoras. Quen non lembra ás pescantinas coa caixa na cabeza que viña polas parroquias vendendo peixe?, ás labradoras coas patacas, a verdura de tempada ou os ovos?, á leiteira co seu cántaro de leite e a medida de latón colgada?, ou ás mulleres dos oleiros cos cestos cheos de potas de barro vender a súa obra nas feiras?Aínda que nos pareza mentira, elas, dunha forma calada sen facer ruído foron abrindo un pouco o camiño ás novas xeracións. As nosas avoas tiveron que aprender a conciliar, cando nin sequera se falaba diso, a vida familiar e laboral, eran súper mulleres na sombra, invisibles aos ollos do mundo porque todo o que elas facían non tiña ou polo menos non se lle dada o valor que realmente tiña.Quen non lembra algo do que estou a falar?Pois por elas, polo seu esforzo, pola súa valentía, por dar pequenos pasos cara á súa independencia económica temos conseguido ser máis fortes, facernos visibles e darlle valor ao noso traballo.É certo que percorremos un longo camiño cara a igualdade e aínda nos queda un bo treito por andar…pero, xuntas, apoiándonos unhas ás outras, o conseguiremos.

Isabel Ceán García, emprendedora


🔹 Nome, apelidos e idade?Isabel Ceán García, 49 anos.

O salón de peiteado montáchelo en Buño por continuar no pobo? Foi porque lle cadrou, coincidencia. Estudei en Carballo e despois fun para Coruña facer unha ampliación do estudio e en Buño naquel momento había moita xente e púxena, xa che digo cadroulle.

🔹 Fai moito que abriches o teu negocio?No mes de agosto fará 32 anos.

🔹 Cantas persoas traballades?Neste momento somos dúas persoas, Ángela, que xa leva comigo 12 anos e máis eu.

🔹 Equipo de mulleres no teu negocio, casualidade ou apostaches polo emprego feminino? Pois nunca se me ocorreu pedir un home, tiven varias empregadas e todas mulleres ao longo deste anos pero todas foron mulleres nunca un home, pero dicindo a verdade sempre que necesitei xente as que viñan eran mozas e se te pos a pensalo cando empecei as que iamos aprender esta profesión eramos as mulleres. Agora que tamén che digo que encantada con calquera das rapazas que pasou por aquí.

🔹 Crees que os homes, polo simple feito de ser homes a día de hoxe o teñen máis fácil (refírome á igualdade salarial, aos postos de relevancia ou os ascensos dentro dunha empresa) ou logramos a igualdade neste sector?Quero crer e pensar que desempeñando o mesmo posto de traballo, que os soldos sexan iguais, da igual que sexas perruqueir@, mecánic@…. Si tes o mesmo traballo e a mesma responsabilidade o soldo que se pague debe de ser o mesmo independentemente de que sexas home ou muller.

🔹 Conciliación familiar e laboral, como levas este tema? Pois como se pode e con moito esforzo, porque cando traballas tes que ser traballadora, nai, muller tes que ser perfecta en todo; para facer de comer…..hai que ser unha “súper muller”. Levar os fillos ao pediatra, que si aprobaron esta ou aquela asignatura, se mañá teñen un exame, se hai que levalos a inglés, á piscina, ao fútbol… hai que estar en todo. Agora que son maiores, e menos mal (dálle a risa), é máis fácil pero mentres son pequenos….é moi difícil.

🔹 Tarefas compartidas no fogar, ou, a maior parte do peso recae sobre ti?Compartidas, aínda que claro cando o teu home traballa dende as 7 da mañá ata as 8 da tarde como non o faga o sábado e o domingo.Que eu tamén traballo todo o día, pero penso que o maior peso o levamos nós porque logo lle dicimos “deixa xa o fago eu” (sorrí); e sendo autónoma teño máis liberdade, como por exemplo acudir a unha reunión da escola, levalo ao médico, etc. e daquela xa vas ti.Teño 2 fillos, unha muller e un home e eduquei aos 2 por igual nin a rapaza lle ten que recoller nada ao rapaz, nin o rapaz á rapaza a non ser que un estea fregando e o outro recollendo.

🔹 E xa para rematar, como anécdota, recordas o primeiro cliente que tiveches? Continúa séndoo?Sinto dicir que non recordo o primeiro cliente, pero si que teño xente que continúa vindo despois de 32 anos. Algunhas persoas finaron, en 30 anos a poboación foi moito a menos, pero si clientes que levan vindo estes 32 anos.

🔹 Sopesando pos e os contras, volverías a arriscarte a emprender pola túa conta ou irías ao “seguro” e traballarías por conta allea? Volvería a emprender, iso seguro, pero non con 18 anos. Primeiro traballaría 4/5 anos por conta allea para coller máis técnica, ter outra visión das cousas e aprender doutras profesionais e ao mesmo tempo no asumiría tantas responsabilidades tan nova, ser autónomo conleva moitas dores de cabeza, facturación, impostos, tratar con provedores, moita responsabilidade.Primeiro “rodar” un pouco e despois poñerme de autónoma, que ten as súas cousas boas e malas como todo, pero si que volvería a emprender.

Carmen Villar Barca, emprendedora coas súas empregadas


🔹 Nome, apelidos e idade?- Carmen Villar Barca, 46 anos (Aclara que nuns días cumprirá os 47). A pesar de non ser nada no noso concello ten raíces malpicás, o pai é de Seixas, nai de Leiloio e o seu home tamén é de Leiloio.🔹 Porque te decidiches abrir o negocio en Buño? Foi un pouco de casualidade, hai vinte anos cando me casei tomando un café con Don Francisco, mestre moi coñecido xa finado, comentarame que estaba en venda a farmacia, como me interesaba contactei co dono e naquel intre díxome que a farmacia non estaba en venda que era para o seu fillo.Hai uns oito anos aproximadamente Raquel, referíndose a unha das chicas que forma parte do seu equipo, me comenta que a farmacia de Buño está en venda a través dunha axencia e aí fomos a por todas, é un sitio que me gusta e que me aportaba moita tranquilidade.

🔹 Cando abriches as portas do teu negocio por primeira vez? – O día un de xullo farán sete anos xa.

🔹 Cantas persoas traballan na túa farmacia?- Agora mesmo somos cinco en plantilla e temos unha chica en prácticas de FP dual.

🔹 Equipazo de mulleres no teu negocio, casualidade ou apostaches polo emprego feminino?- No, nese caso foi casualidade, realmente tampouco hai moita xente que se oferte.

🔹 Crees que os homes, polo simple feito de ser home a día de hoxe o teñen máis fácil (refírome á igualdade salarial, aos postos de relevancia ou os ascensos dentro dunha empresa) ou logramos a igualdade neste sector?- Si, eu penso quedo si, aínda quedan as trabas dos embarazos; da maternidade de que pensan que se tes fill@s non vas aportar á empresa todo o que debes, penso que si que aínda sigue existindo.

🔹 Conciliación familiar e laboral, como levas este tema?- A ver, agora mesmo levo mellor, debemos de ter en conta que os meus fill@s son maiores, 19 e 15 anos. Tamén as condicións laborais son moi boas porque estamos a quendas de mañá ou tarde, daquela sempre dispós de un pouco máis de tempo.

🔹 Tarefas compartidas no fogar, ou, a maior parte do peso recae sobre ti?- No meu caso teño moita sorte e son compartidas, por exemplo podo poñerme ao fronte da limpeza ou da compra pero a cociña e recoller a Mateo, refírese ao seu fillo, iso xa é cousa do meu home.

🔹 Como anécdota, recordas o primeiro cliente que tiveches? Continúa séndoo? – Si, recórdoa como se fose hoxe; unha señora de Cambre que segue sendo clienta, pero por motivos de saúde non acude ao establecemento persoalmente. (Carmen sorrí e medio se emociona ao lembrar este detalle).🔹 Xa para rematar, volvendo a vista atrás e sopesando pos e contras, volverías a arriscarte a emprender pola túa conta ou irías ao “seguro” e traballarías por conta allea?- A día de hoxe, si se me volta a presentar esta oportunidade a cegas, sen pensalo. Terceira entrevista
Xa está aquí a 3ª entrevista con motivo da Conmemoración do 8 de Marzo día Internacional da Muller.

Noelia Álvarez, emprendedora

🔹 Nome, apelidos e idade?- Mª. Noelia Álvarez Suárez

🔹 Porque te decidiches abrir o teu negocio en Malpica? Hai moito que colliches a libraría?- Tíñamos idea de ter un fillo na parella e queríamos crialo no pobo, no sitio onde nacemos e xusto de desfacían da libraría cando decidimos mudarnos e era un sector que me gustaba moito. Isto foi hai uns 11 ou 12 anos.

🔹 Cantas persoas traballades na libraría?- Traballamos dúas persoas, María que agora está a media xornada por conciliación e máis eu.

🔹 Equipo de mulleres, casualidade ou apostaches polo emprego feminino?- Neste caso coñecía á persoa e sabía que era moi traballadora, xa traballaramos xuntas e levabámonos ben e fun sobre seguro. Pero, cando tiven que cubrir a baixa de María tamén busquei unha muller, entendémonos ben.

🔹 Crees que os homes, polo simple feito de ser home a día de hoxe o teñen máis fácil (refírome á igualdade salarial, aos postos de relevancia ou os ascensos dentro dunha empresa) ou logramos a igualdade neste sector? – A todo si, definitivamente si, menos para a conciliación familiar que o teñen igual de difícil, pero para o demais téñeno máis fácil.

🔹 Conciliación familiar e laboral, como levas este tema? – Pois pagándolle a unha empregada (sorrí)

🔹 Tarefas compartidas no fogar, ou, a maior parte do peso recae sobre ti?- Agora vivo sola co pequeno e daquela tócame todo a min, el nalgunha cousiña vai axudando, pero … (a modo de broma comentamos que son tarefas compartidas “eu fago e el desfai”).Cando vivía en parella recaia todo sobre min tamén.

🔹 E xa para rematar, como anécdota, recordas o primeiro cliente que tiveches? Continúa séndoo? – O primer cliente non o lembro, pero si dos primeiros abonados ao periódico e algúns continúan vindo a diario.

🔹 Sopesando pos e os contras, volverías a arriscarte a emprender pola túa conta ou irías ao “seguro” e traballarías por conta allea?- Iría traballar por conta allea ou opositaría, non volvería a emprender nunca. Isto ten cousas moi bonitas pero, se volvera atrás non me complicaría tanto a vida.

8Mar 2023

O Cat acollerá a presentación do proxecto dos novos traballos arqueolóxicos

O vindeiro 18 de marzo, ás 18.00 hora, o salón de actos do CAT (antigo Centro Comarcal) acollerá a presentación do proxecto dos novos traballos arqueolóxicos na Croa do Castro. No evento intervirá Antón Fernandez Malde, director científico da colección do Castro das Travesas e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. Unha actividade organizada pola concellería de Patrimonio do Concello de Malpica.

1Mar 2023

Gran asistencia á conferencia sobre a importancia da actividade físca nos nosos maiores e nos enfermos de cancro, no Salón de Actos da Confradía de Malpica

A fisioterapeuta Inés López Simón e María Bardanca profundizaron na importancia do deporte nas persoas que padecen cancro e persoas maiores

Unhas 70 persoas acudiron á conferencia sobre a importancia da actividade física nos nos maiores e nos enfermos de cancro celebrado hoxe na Confradía de Malpica.
A concelleira de deportes, Noelia Freijerio, abriu o acto explicando, “a actividade de hoxe está directamente relacionada co programa anual “Malpica Actívate”. Sempre crin que o Concello ten que ir da man das asociacións locais para que as cousas saian ben.
Por iso quero darlle as grazas á Confraría, ao Fogar dos Pensionistas, ás Amas de Casa de Malpica e sobre todo á Asociación Española Contra o Cancro, por acoller esta iniciativa que lle fixemos desde o Concello con moita ilusión. Tamén quero agradecer á Inés López, por prestase a axudarnos a levar a cabo a actividade, e por suposto, a nosa María Bardanca, técnica de deportes, por ser unha gran
profesional.”
Inés López, fisioterapeuta especializada en exercicio terapéutico oncolóxico, explicou os tipos e cancro, e cales son os deportes ou actividades físicas máis recomendadas en
cada caso. A importancia que ten manterse activo e evitar o sedentarismo. María Bardanca, pola súa banda, licenciada en ciencias e actividade física e o deporte, explicou as actividades que se poden realizar en instalacións do Concello e tamén recalcou a importancia de facer sempre exercicio en medida das posibilidades de cada un.
O alcalde, Eduardo Parga, agradeceu a asistencia a todas as persoas e entregoulle un agasallo da olería de buño ás poñentes.

21Feb 2023

“Un paseo pola olería de Buño”

É unha experiencia que poderás gozar de forma individual ou en familia, permitirá os/as asistentes coñecer e gozar da nosa cerámica de primeira man.A actividade será levada a cabo os días: 31 de Marzo, 1 de Abril e 2 de AbrilOs horarios serán: Mañás de: 11:00 a 13:30 Tardes de: 16:30 a 19:00Constará de dúas partes:1. Visita guiada polo museo da olaría de Buño, onde poderán coñecer como foron os inicios, desde as pezas feitas polos antigos mestres artesáns, ata as súas utilidades, tipo de decoración e materiais e ferramentas utilizadas para a súa elaboración. Nesta visita tamén poderán ver pezas actuais e as diferentes decoracións e materiais utilizados na actualidade.2. A actividade continuará cunha xornada de portas abertas no taller que alberga a Casa do Oleiro de Buño, onde poderán gozar dunha experiencia ao torno, elaboración dunha pezas mediante moldes ou ferros e a decoración da mesma, esta actividade será guiada en todo momento por monitores/as da Asociación Oleira de Buño. – Os/as participantes poderán escoller unha das pezas elaboradas por eles/as mesmos/as durante a devandita xornada para ser cocida no forno do taller, transcorrido o tempo necesario, ditas pezas poderán ser recollidas en Buño nos diferentes puntos a elixir polo seu dono, ou na súa falta se a distancia entre o/a participante e Buño é superior a de 60km, dita peza sería enviada á dirección proporcionada polo/a participante a condición de que sexa dentro do ámbito nacional.* Para poder formar parte de “Un paseo pola olería de Buño” hai que mandar un correo oleriadebunoasociacion@gmail.com cos seguintes datos:

– Nome e Apelidos

– D.N.I.

– Dirección

– Teléfono de contacto

https://www.diasdelaartesania.es/actividad/un-paseo-por-la-oleria-de-buno?fbclid=IwAR2LU-Y4GET_ts-d8wufpbQXS-FCc0FoPX2b5V43R0PPZLNJezrDikoMl8s
Página 2 de 13912345...102030...Última »