Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 13°
9°
Venres 16°
7°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

12Ago 2025

A XII Feira Mariñeira de Malpica trae a Costa da Morte catro días de aventura e festa

Do 14 ao 17 de agosto, Malpica acolle un completo programa de música, contacontos, espectáculos de lume, pasarrúas e actividades pensadas para todas as idades, no corazón da Costa da Morte.

A rúa Eduardo Vila Fano e o seu mercado mariñeiro serán o epicentro desta viaxe no tempo, onde artesanía, gastronomía e xogos tradicionais acompañarán aos visitantes nun percorrido cheo de cor, música e historias de mares afastados. Entre as propostas máis destacadas, figuran obradoiros de esgrima para pequenos corsarios, pasarrúas con personaxes cheos de vida, actuacións musicais que farán bailar ata ás gaivotas e impactantes espectáculos de lume para pechar cada noite.

O programa arranca o xoves 14 co pregón musical de Piratas de Turdión e o Pescador de Soños, ademais de contos corsarios e melodías piratas ao caer a tarde. O venres 15 e o sábado 16 estarán marcados pola animación de rúa, obradoiros e as esperadas exhibicións de lume, mentres que o domingo 17 despedirá a feira con actividades familiares como pintacaras, tattoos e música en directo.

O mercado manterá o seu horario habitual de 11:00 a 15:00 e de 18:00 a 23:00, cunha ampla oferta para gozar de mañá e tarde.

Xoves 14

11:30 – Apertura do mercado

18:00 – Piratas de Turdión e o Pescador de Soños

19:00 – Contos corsarios

20:00 – Melodías piratas

22:00 – Sons de Turdión

Venres 15

12:00 – Pasarrúas piratas e Capitán sen barco

14:00 – Melodías piratas

18:00 – Piratas de Turdión e o Pescador de Soños

20:00 – Melodías piratas e mariñeiro zancudo

22:00 – Espectáculo de lume

Sábado 16

12:00 – Pasarrúas piratas

19:00 – Obradoiro de esgrima (6-11 anos)

20:00 – Melodías piratas e mariñeiro zancudo

22:00 – Espectáculo de lume

Domingo 17

14:00 – A bordo cos piratas

18:00 – Sons de Turdión

18:30 – Pintacaras e tattoos

20:00 – Melodías corsarias

21:30 – Piratas de Turdión

.

12Ago 2025

O Concello de Malpica convoca o XXIV Concurso de Barcanas e Castelos de Area

O Concello de Malpica de Bergantiños anunciou a celebración da vixésimo cuarta edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area, que terá lugar o venres 22 de agosto de 2025 na Praia de Area Maior. A actividade, que combina creatividade e lecer familiar, contará con premios por valor de ata 130 euros en vales e trofeos.

A xornada comezará ás 10:30 horas, momento no que as persoas inscritas iniciarán os seus traballos. O tempo límite para rematar as obras será ás 13:00 horas. A continuación, abrirase o proceso de votación popular ás 13:05 horas, e ás 13:30 horas darase a coñecer o fallo do xurado, o resultado da votación do público e realizarase a entrega dos galardóns.

As inscricións poderán formalizarse nas oficinas xerais do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, entre o 11 e o 20 de agosto, ou o mesmo día do concurso na propia praia, entre as 10:00 e as 10:30 horas. Cada participante ou grupo, cun máximo de 10 persoas, poderá presentar unha única obra.

O certame desenvolverase en varias modalidades: amateur (maiores de 10 anos), premio especial do público, barcanas tradicionais e infantil (ata 10 anos). Os premios previstos son:

  • 1º premio amateur: trofeo e vale de 130 euros
  • 2º premio amateur: trofeo e vale de 70 euros
  • 3º premio amateur: trofeo e vale de 50 euros
  • Premio especial do público: trofeo
  • Premio á mellor barcana: trofeo
  • Premio infantil: trofeo

Os vales poderán trocarse por produtos ou servizos en establecementos de Malpica de Bergantiños.

As normas establecen que as esculturas deberán realizarse unicamente con area e materiais naturais presentes na Praia de Area Maior. Permítese o uso de ferramentas como palas, cubos ou difusores de auga para a construción, pero sen incorporalos á obra. A auga poderá utilizarse unicamente para compactar a area. A zona de traballo estará delimitada polo Concello.

Podes descargar as bases na seguinte ligazón:

5Ago 2025

Malpica acollerá o Primeiro Trofeo Infantil Costa da Morte de Hapkido

CARTEL-TROFEO-INFANTIL-1-1


O 30 de agosto, Malpica converterase no epicentro do Hapkido infantil coa celebración do Primeiro Trofeo Infantil Costa da Morte de Hapkido, unha competición dirixida a nenos e nenas de 9 a 14 anos que reunirá novos talentos desta disciplina de defensa persoal coreana.

O evento desenvolverase no Pavillón Municipal de Deportes de Malpica, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e contará coa participación de diferentes escolas e clubs da comarca e doutros puntos de Galicia.

O trofeo está organizado pola Asociación Os Faros da Vida, coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a Xunta de Galicia e Deporte Galego.

28Xul 2025

Carmela, a tradición oral galega con voz propia, chega a Malpica

O venres 8 de agosto, ás 20:30 horas, o Paseo da Praia de Malpica acollerá a actuación de Carmela, un proxecto musical que basea o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e da percusión de man como elementos definitorios.

A proposta parte do traballo con informantes e arquivos musicais, co obxectivo de trasladar aos escenarios a esencia das melodías populares, cunha visión actual que incorpora criterios estéticos e unha análise musical e contextual.

Carmela une investigación etnomusicolóxica con interpretación e arranxo, entendendo a tradición como un material vivo, flexible e adaptábel ao presente.

A actividade está incluída no programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños e a Xunta de Galicia.

28Xul 2025

O Concello de Malpica convida a vivir a XII Feira Mariñeira do 14 ao 17 de agosto

O Concello de Malpica de Bergantiños convida a veciñanza e visitantes a participar na XII edición da Feira Mariñeira, que se celebrará entre os días 14 e 17 de agosto e que, un ano máis, converterá as rúas da vila nun espazo de encontro coa tradición, a cultura mariñeira e a diversión para todos os públicos.

Durante catro días, Malpica acollerá postos de artesanía e alimentación, unha pulpeira tradicional, pasarrúas, xogos populares e música en vivo, nun ambiente que mestura identidade, sabor e entretemento.

A Feira Mariñeira é xa unha cita consolidada do verán malpicán, que serve para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro da vila, recoñecendo o papel fundamental do mar na historia e na vida cotiá da comunidade.

Desde o Concello animamos a toda a cidadanía a achegarse, participar nas actividades e compartir xuntos uns días de celebración, encontro e cultura.

18Xul 2025

Malpica prepárase para vivir a XVI Festa Galega

O Concello de Malpica de Bergantiños ten o pracer de anunciar a celebración da XVI Festa Galega, un encontro emblemático coa música e a tradición que terá lugar os días 15 e 16 de agosto de 2025, no porto (zona do Travelift).Durante dúas xornadas intensas, Malpica converterase nun escenario privilexiado para gozar da cultura galega a través das voces e sons das mellores agrupacións tradicionais, combinando concertos, cantareiras e espectáculos de referencia no panorama musical galego.Toma boa nota da programación:

Venres 15 de agosto:

• 21:30 h – Cantareiras ACD Carcaxía

• 22:00 h – Cantareiras AC Malante

• 22:30 h – Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre

• 00:15 h – Alana

Sábado 16 de agosto:

• 22:00 h – Cantareiras AC Raigañas

• 22:30 h – Do Rivés • 23:00 h – Mercedes Peón co seu espectáculo Ingrávida

• 00:15 h – Tanto Nos Ten

A Festa Galega é unha homenaxe ás nosas raíces e un punto de encontro interxeracional onde tradición e innovación musical conviven para poñer en valor o noso patrimonio cultural inmaterial.Organiza: Concello de Malpica de BergantiñosColaboran: Xunta de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación da Coruña e Cofradía de Pescadores de Malpica.

Vive a tradición. Vive Malpica

9Xul 2025

Rematadas as obras de mellora no núcleo de Santiso

O Concello de Malpica informa de que veñen de rematarse as obras de mellora das infraestruturas, rede de pluviais e pavimentación no núcleo de Santiso, unha actuación incluída no Plan Único (POS+)  correspondente ao ano 2023.

As obras foron executadas pola empresa SYR-AMG, SL, cun orzamento total de 172.634,68 euros. O proxecto tiña como obxectivo principal a mellora da rede de recollida de augas pluviais, así como a renovación dos pavimentos, co fin de optimizar as condicións de accesibilidade, seguridade e confort da veciñanza.

Desde o Concello agradecen a colaboración da veciñanza durante o tempo de execución dos traballos e destacan a importancia deste tipo de actuacións para seguir mellorando os servizos e a calidade de vida no rural.

“Seguimos apostando por mellorar os espazos públicos e as infraestruturas das nosas parroquias, atendendo ás demandas da veciñanza e facendo un uso eficiente dos recursos públicos”, sinalan desde o goberno local.

30Xuñ 2025

Malpica suma o pickleball ás actividades deportivas municipais

O deporte de moda no Estados Unidos e que se espalla a gran velocidade por Europa xa ten o seu espazo na Costa da Morte. O pickleball chegou oficialmente a Malpica e fíxoo para quedar.

O pavillón municipal convértese desde esta semana no novo epicentro galego desta disciplina híbrida que combina elementos do tenis, do pádel, do bádminton e do tenis de mesa. Xógase cunha pala sólida e cunha pelota perforada, e a súa sinxeleza á hora de aprendelo fai que sexa ideal para todas as idades.

Dinámico, áxil e cun compoñente aditivo que engancha desde o primeiro punto. Así o definen os primeiros xogadores, nun deporte chamado a converterse nunha das sensacións do verán en Galicia.

O Concello de Malpica habilitou horarios de alugueiro da pista de luns a venres, tanto en horario de mañá (de 10:30 a 13:30) coma de tarde (de 19:30 a 21:30). O prezo é de 4,49 euros por hora, cun máximo de catro persoas por reserva. As inscricións deben facerse nas Oficinas Xerais do Concello, cun mínimo de un día de antelación.

Con esta aposta, o municipio amplía a súa oferta deportiva e súmase ao auxe dunha modalidade que xa conta con milleiros de seguidores en todo o mundo.

30Xuñ 2025

O Concello de Malpica lanza unha nova edición do Día da Bicicleta

O Concello de Malpica celebrará o vindeiro domingo 20 de xullo unha nova edición do Día da Bicicleta, unha actividade dirixida a todas as idades que combina deporte, lecer e participación veciñal. O percorrido cubrirá unha distancia de 14 quilómetros, cunha ruta que se iniciará no Centro Sociocultural de Seaia e finalizará na Praza Anselmo Villar Amigo.

A saída está programada para as 10.45 horas. As persoas interesadas poden realizar a preinscrición nas oficinas xerais do Concello ata o venres 11 de xullo ás 14.00 horas. Así mesmo, o mesmo día do evento permitirase a inscrición ata quince minutos antes do comezo da actividade. O uso do casco será obrigatorio para todas as persoas participantes. Unha vez rematado o percorrido, realizarase o sorteo dunha bicicleta entre todas as persoas inscritas.

Desde o Concello convidamos a todo o mundo a participar nun día para pedalear en boa compañía e vivir Malpica sobre rodas.

30Xuñ 2025

O Concello de Malpica organiza visitas guiadas durante o verán con Suso Martínez

O Concello de Malpica impulsa unha nova programación de visitas guiadas pola vila para os meses de xullo e agosto. A actividade, destinada ao público en xeral, estará conducida por Suso Martínez, historiador e actor.

As rutas realizaranse baixo o título “Historias lugrisianas, morfoloxías mariñeiras e lendas célticas” e propoñen un percorrido urbano con referencias á configuración da vila, ao seu pasado mariñeiro e á presenza da figura de Urbano Lugrís.

As datas previstas son:

  • 5 de xullo ás 19.00 h
  • 19 de xullo ás 19.00 h
  • 27 de xullo ás 19.00 h
  • 15 de agosto ás 12.00 h
  • 17 de agosto ás 19.00 h

O punto de encontro será a Fonte Anselmo Villar Amigo. A participación é gratuíta. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 981 720 001 ou a través do correo electrónico turismo@malpicadebergantinos.es.

A iniciativa enmárcase na programación estival do Concello e busca ofrecer un recurso máis dentro da oferta turística e cultural do municipo.