Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 13°
Domingo 13°
Luns 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Decembro

Decembro 2016

16Dec 2016

Proceso de selección de técnico/a de Turismo e creación de bolsa de emprego. Lista de admitidos e excluídos

O Concello de Malpica de Bergantiños fai pública a lista de admitidos e excluídos no proceso de selección dun/ha técnico/a de Turismo e creación de bolsa de emprego, convocado polo Concello de Malpica de Bergantiños.

LISTA PROVISIONAL ADMITIDOS EXCLUIDOS TÉCNICO TURISMO

Os/as aspirantes excluídos/as dispoñen dun prazo de dous días hábiles, contado dende o seguinte ao da publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos, nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

10Dec 2016

A praia de Area Pequena de Seiruga xa é máis accesible

AREA PEQUENA 2

Ata agora os usuarios da praia de Area Pequena tiñan que chegar ao areal a través dun pequeno carreiro que non facía doado o acceso. Pero os amantes desta pequena e preciosa praia, que ofrece unha panorámica impresionante das Illas Sisargas, están de noraboa, porque o Concello de Malpica vén de rematar as obras de construción dunha escaleira que facilita a accesibilidade, como puideron comprobar o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, na visita realizada hoxe ao lugar.

IMG_0399

Esta actuación complétase coa sinalización de todas as praias do municipio, nas que se colocaron en total máis de cincuenta indicadores. O investimento acadou os 33.598,57 euros, e a execución correspondeu á empresa Dámaso Ferreiro.

O Concello de Malpica acadou para este proxecto unha subvención de 18.156 euros con cargo á convocatoria de apoio aos investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, financiados con fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) nun 75%, do Estado e da Xunta.

7Dec 2016

O delegado territorial da Xunta supervisou as melloras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, estivo hoxe en Malpica para analizar, nunha xuntanza co alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, o resultado dos traballos realizados coa subvención destinada á mellora de servizos de protección do medio ambiente no municipio. Unha vez comprobada a execución destes proxectos, procedeuse á sinatura da acta de conformidade para o cobro da axuda.

SINATURA 4

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou estas actuacións cunha achega de 80.660,23 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. O Fondo procede do canon eólico e xa leva sete anos beneficiando aos concellos galegos con explotacións eólicas a través de pequenas obras, pero moi necesarias.

Por unha banda, estes fondos serviron para a instalación por parte do concello de 40 módulos led en luminarias existentes e 12 novas luminarias led na praza de Luciano García Alén e zonas axardinadas e peonís de Buño, 57 luminarias led e un novo cadro de mando e de protección nas rúas Santa Catalina e Santa Filomena, e 64 luminarias led nas rúas Mouróns, Boa Vista, A Costa, Forno Novo e O Galo.

As novas luminarias ofrecen un alumeado público máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así, con cargo ao plan impulsado desde a Xunta de Galicia, substituíronse as antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que se caracterizan por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada.

Por outro lado, parte desta axuda destinouse tamén á adquisición de colectores de vidro e lixo. En concreto, incorporáronse 36 colectores verdes de 800 litros, 15 colectores verdes de 360 litros e 10 colectores de vidro.

5Dec 2016

A iniciativa “Da cociña á mesa”, do CEIP Milladoiro, premiada pola Consellería de Educación no III Concurso de Traballo por Proxectos

A iniciativa Da cociña á mesa, do CEIP Milladoiro, vén de ser premiada no III Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxectos de investigación de ciclo/departamento, convocado pola Consellería de Educación. Dende o centro lembran que a aula de cociña naceu da man das profesoras Marta Couto e Sandra Cao, aínda que foi asumido de inmediato por toda a comunidade educativa: o Concello de Malpica, que facilitou as infraestruturas; a ANPA, electrodomésticos e menaxe, e o profesorado, “que tiña clara a utilidade pedagóxica dese laboratorio tan cercano que supón unha cociña”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O CEIP Milladoiro converteuse nun colexio pioneiro con este proxecto, que botou a andar o 1 de marzo e que foi “apadriñado” por Fernando Agrasar e Carmen Verdes. Hoxe conta co seu propio blog “e xa é para nós unha dependencia máis do cole, co seu horario asignado por aulas coma os outros espazos comúns. Canto alí sucede –explican dende o centro- é curricular”. O proxecto Da cociña á mesa permite que os nenos e nenas experimenten coa medición de masas, o cálculo de densidades e volumes, a motricidade fina, a hixiene, a organización, as texturas, os etiquetados… un sinfín de coñecementos que adquiren de maneira natural, positiva e festiva.

O alcalde, Eduardo Parga, transmite os seus parabéns á comunidade educativa do CEIP Milladoiro polo premio e reitera a disposición do Concello de Malpica a seguir apoiando iniciativas que contribúen a mellorar a aprendizaxe dos nosos nenos e nenas, a traballar en proxectos de gran utilidade para a súa vida adulta e a promover políticas de igualdade.

1Dec 2016

A archipremiada “Perplexo” clausura a XII Mostra de Teatro

Perplexo CARTEL

Este venres 2 de decembro remata a XII Mostra de Teatro de Malpica, e non podía facelo cunha proposta mellor. A guinda a cinco semanas do mellor teatro galego será a representación de “Perplexo”, a montaxe de Il Maquinario Teatro que foi a gran triunfadora dos Premios María Casares 2015, nos que acadou os cinco premios principais (mellor espectáculo, dirección, iluminación, vestiario e tradución/versión), e que esta mesma semana vén de colleitar un novo éxito coa nominación de Tito Asorey como finalista do Premio ADE de Dirección.

“Perplexo” foi estreada a finais do 2014, no mes de febreiro deste ano iniciou a xira por toda España coa súa versión en castelán e de forma recente traspasou fronteiras para chegar tamén ao público portugués. Mañá teremos a sorte de tela en Malpica, nunha función para público mozo e adulto (a partir de 15 anos) que comezará ás 20.30 horas no Centro Cívico.

Nesta comedia, interpretada por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, todos eles nominados aos Premios María Casares polas súas interpretacións, nárrase a historia dunha parella que ao volver á casa despois das vacacións percibe estraños cambios, e atópase coa sorpresa de que a parella que quedou ao cargo semella ser a auténtica propietaria da vivenda. Esta situación de partida dará pé a unha sucesión de intercambio de roles, onde os personaxes deberán transformarse para adecuarse a unha realidade en constante cambio.

1Dec 2016

Asinado o contrato das obras de acondicionamento dos parques infantís do CEIP Milladoiro e de Beo

CONTRATO PARQUES

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato para a execución das obras de acondicionamento dos parques infantís do CEIP Milladoiro e de Beo. Os traballos serán executados pola empresa Obras Ramón Cotelo por un importe de 39.800 euros.

Con esta actuación, financiada cos fondos do Plan de Acción Social (PAS) 2015, o goberno municipal de Malpica sigue apostando por mellorar os servizos públicos a disposición das familias. Despois das importantes obras de construción e mellora dos parques infantís de Malpica, Buño e Cambre, realizadas nos últimos tempos, o Concello continúa agora poñendo a punto as infraestruturas infantís en lugares con tanta intensidade de uso coma o colexio.