Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Malpica

Malpica

24Mai 2018

O Concello de Malpica participa na campaña “Quere o teu mercado” co sorteo dun lote de pezas de Olería de Buño

O de Malpica é un dos numerosos mercados galegos que participan na campaña internacional “Quere o teu mercado”, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, fomentando así a compra do produto local e a profesionalidade dos praceiros e praceiras. En Galicia a campaña está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta, e desenvólvese arredor do 27 de maio, Día do Mercado.

CAMPAÑA mercado

O Concello de Malpica e as praceiras e praceiros súmanse á iniciativa cunha campaña que se levará a cabo dende ata o 26 de maio, e que rematará co sorteo de cinco pezas tradicionais da nosa Olería de Buño. Con cada compra, os clientes dos postos do mercado recibirán un boleto, que deberán cubrir cos seus datos persoais e depositar nunha urna situada na entrada do edificio. O sorteo celebrarase o día 26, ás 12 horas, no propio mercado.

O Concello de Malpica anima aos veciños e veciñas a facer as súas compras no mercado municipal, onde atoparán produtos frescos, de calidade e da nosa contorna, favorecendo así a produción de proximidade e a economía local. E ademais, ata o 26 de maio, a túa compra pode ter premio. Participa e sorte!

16Mai 2018

O programa de envellecemento activo do Concello de Malpica aposta este ano polas actividades ao aire libre

15052018 envellecemento_malpica (2)

Inauguración en Malpica

Xa está en marcha un novo programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais e impartido pola empresa Máis Porvir. Un total de 50 persoas, repartidas entre Malpica e Buño, participan nunha iniciativa que goza de gran aceptación e que, a medida que van desenvolvéndose edicións, vai incorporando novas propostas a petición dos/as participantes. Este ano, de feito, amplíase a oferta de actividades ao aire libre, incluíndo, por exemplo, xogos populares ou unha ruta de sendeirismo ata a ermida do Santo Hadrián.

Os detalles do programa que se desenvolverá durante máis dun mes déronos a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño. Tamén asistiron aos actos de apertura o concelleiro Miguel Fernández e o alcalde, Eduardo Parga, que convidou aos participantes a desfrutar das actividades programadas e aproveitar para aprender cousas novas, xa que tamén están previstos talleres como o de decoración de vidro.

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica aposta un ano máis por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social.

15052018 envellecemento_buño (2)

Asisitentes ao acto de apertura en Buño

As actividades desenvolveranse ata o 21 de xuño todos os martes e xoves, na Casa do Oleiro de Buño de 16.00 a 18.00 horas e no Centro Cívico de Malpica de 18.15 a 20.15. As persoas participantes traballarán a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación. O programa rematará cunha festa de clausura e a entrega de diplomas.

8Mai 2018

O Concello de Malpica pon en marcha un novo programa de envellecemento activo para maiores de 60 anos

envellecemento activo

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica aposta un ano máis por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social. Trátase do programa de envellecemento activo, unha alternativa lúdica, dinámica e formativa dirixida ás persoas maiores de 60 anos.

O prazo de inscrición estará aberto desde o 9 ata o 14 de maio ou ata cubrir prazas. Dada a boa acollida da iniciativa en anos anteriores e dado que as prazas son limitadas, a asignación realizarase por rigorosa orde de solicitude. Os/as interesados/as poden pasar polo Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico) ou chamar ao número de teléfono 981 720 280.

As actividades desenvolveranse desde o 15 de maio ata o 21 de xuño todos os martes e xoves, na Casa do Oleiro de Buño de 16.00 a 18.00 horas e no Centro Cívico de Malpica de 18.15 a 20.15. As persoas participantes traballarán a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación. O programa rematará cunha festa de clausura e a entrega de diplomas. O programa completo pode consultarse no documento adxunto.

Desde a área que dirixe Marisol Blanco preténdese previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal; ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno; aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s, previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar, realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina, fomentar o consumo saudable ou dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa.

PROGRAMA_ENVELLECEMENTO_ACTIVO_2018

28Abr 2018

Voluntariado de protección civil de toda a provincia participou en Buño nun curso sobre manexo de desfibriladores

curso DESA 2018 protección civil

O antigo centro comarcal de Buño acolle nesta xornada de sábado un curso para agrupacións de voluntarios de protección civil organizado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), a Dirección Xeral de Protección Civil e o Concello de Malpica a través da agrupación que dirixe Iván Muíño. O obxectivo da acción formativa é que os/as participantes, un total de 24, adquiran a formación necesaria para a utilización e o manexo dos desfibriladores externos, de xeito que sexa posible, por unha banda, aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbida conseguindo un aceso precoz a un sistema de emerxencias médicas e, por outra, acurtar os tempos para realizar reanimación cadiopulmonar e a desfibrilación precoz.

curso DESA 2018 protección civil

Na presentación do curso, que é gratuíto, participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e a xefa da área técnica de emerxencias, Chus Leiras, que convidaron ás/aos participantes, procedentes de agrupacións de toda a provincia, a sacar o máximo rendemento da actividade. Con esa finalidade, o programa formativo inclúe unha parte teórica e outra práctica.

Tanto os representantes do goberno local como o xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, Iván Muíño, expresaron o seu agradecemento á Academia Galega de Seguridade Pública por incluír o noso concello no programa de actividades descentralizadas, que permite achegar a formación ás comarcas galegas e facilitar a participación do voluntariado.

27Mar 2018

Asinado o contrato das obras de reforma integral das rúas Garda Pardines, Doutor Fleming e Travesía González López

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe coa empresa Construcciones Vázquez y Reino os contratos correspondentes á execución das obras de reforma integral da Travesía Emilio González López e das rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dous proxectos nos que investirá 21.840,50 e 67.881 euros, respectivamente, con cargo ao POS+ 2017. Na sinatura dos contratos tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

contrato vyr

O obxectivo das dúas actuacións é dobre: por unha banda, a mellora dos servizos urbanísticos, que son antigos e están deteriorados, e, por outra, a mellora da accesibilidade e do aspecto xeral das rúas, todas elas moi céntricas, mediante a renovación integral de firmes e pavimentos.

Na Travesía Emilio González López o principal problema radica na inexistencia de rede separativa de augas pluviais e residuais, polo que se producen rebordamentos nalgúns baixos, e ademais a rede de abastecemento de auga é obsoleta. Para solucionar esas deficiencias e acometer o novo tratamento en superficie establécese un prazo de execución de dous meses.

Os mesmos problemas cos servizos urbanísticos repítense nas rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dúas vías curtas, de 46 metros de lonxitude, e estreitas (4,50 e 3,25 metros de ancho, respectivamente), que están situadas no centro urbano e son moi transitadas, sobre todo no verán, xa que conectan a rúa principal co paseo marítimo e a praia. O tránsito é fundamentalmente peonil, e só circulan os vehículos de residentes, reparto de mercadorías, limpeza e recollida de residuos sólidos urbanos. Neste caso o prazo de execución é de catro meses.

14Mar 2018

O Concello de Malpica ratificou en Íntegro a súa adhesión ao PIMD Rural

INTEGRO 1

O Concello de Malpica vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Íntegro para a posta en marcha de novas acción formativas dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD). Ata as instalacións que a entidade ten en Nantón (Cabana) desprazáronse o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín.

Por terceiro ano consecutivo, o goberno municipal malpicán quixo ratificar a súa adhesión ao PIMD Rural para continuar ofrecendo un servizo de asesoramento e intervención integral ás mulleres, preferentemente, con diversidade funcional que residen no municipio e, especialmente, no ámbito rural. Ademais, dende a concellería que dirixe Marisol Blanco tamén está previsto levar a cabo novas actividades de formación para contribuír a mellorar tanto a capacitación profesional como a empregabilidade dun colectivo en situación de especial vulnerabilidade.

INTEGRO 2

Así mesmo, as persoas que o desexen poderán solicitar no punto de intervención, situado no departamento de Servizos Sociais, todo tipo de información sobre recursos en materia de diversidade, talleres pre-laborais e actuacións encamiñadas á búsqueda de emprego. Pola contra, este ano, a atención psicoloxica e mediación familiar quedará centralizada no Centro de Información á Muller de Carballo.
Por outra banda, os responsables municipais aproveitaron a súa estancia no centro de recursos para realizar un percorrido polas instalacións e coñecer algunhas das melloras levadas a cabo pola entidade. Tamén tiveron tempo para visitar os obradoiros ocupacionais e conversar cos usuarios e usuarias sobre o seu funcionamento. E, por suposto, non marcharon coas mans baleiras, xa que recibiron como agasallo unha mostra de xabóns de Bicos de Amora.

10Mar 2018

O alcalde de Malpica negocia con Portos o uso da captación do porto para complementar a traída municipal no caso de seca

REUNION PORTOS

A seca do ano pasado provocou importantes problemas de abastecemento en toda Galicia e fixo saltar as alertas sobre a necesidade tanto de racionalizar o consumo coma de garantir os recursos hídricos precisos para abastecer á poboación. Consciente de que a situación pode repetirse, o goberno municipal de Malpica está a buscar alternativas.

Nesa liña, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, vén de manter unha xuntanza de traballo co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, co obxectivo de estudar se sería viable utilizar a captación de auga do porto como complemento da traída municipal no caso de seca e garantir así o abastecemento á poboación mesmo nas condicións máis adversas.

En función do que determinen os estudos técnicos, ámbalas Administracións porán sobre a mesa unha proposta de actuación e de posible colaboración.

2Mar 2018

Persoas con diversidade funcional da Costa da Morte fórmanse en Buño nun curso de Acondicionamento de mobiliario urbano e xardíns

CURSO INTEGRO 1A Casa do Oleiro de Buño acolle un curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns no que participan veciños e veciñas do municipio de Malpica xunto a outros alumnos/as de diversas localidades da Costa da Morte. Esta nova acción formativa, impartida pola asociación Íntegro e a empresa de economía social MáisPorvir, está dirixida a persoas con diversidade funcional para mellorar a súa capacitación profesional e favorecer así a súa inserción laboral. No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández; a xerente de MáisPorvir, Sandra Caamaño, e a traballadora social do Centro de Recursos de Nantón, Sandra Reimúndez.

Unha vez máis o Concello de Malpica reafirma o seu compromiso con colectivos en situación de vulnerabilidade apostando pola súa formación. Nesta ocasión, a concellería de Servizos Sociais mostrou a súa colaboración a través da cesión dun aula destinada á formación teórica de doce persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ao longo do obradoiro, que se prolongará ata o 15 de xuño, os alumnos/as tamén poderán desenvolver as sesións prácticas en diferentes áreas verdes e zonas axardinadas do municipio.

O clases levaranse a cabo de luns a venres, de 9:30 a 14:30h. A formación teórica consistirá na realización dun módulo específico de xardinería, carpintería e competencias transversais á que seguirá a correspondente posta en práctica en diferentes localizacións do municipio.

Esta acción formativa está subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada por Íntegro e o Fondo Social Europeo (FSE).

10Feb 2018

Presentación do equipo do novo servizo de limpeza viaria, adxudicado ao centro especial de emprego Aspaber por 2 anos

aspaber

O centro especial de emprego Aspaber resultou adxudicatario do servizo de limpeza viaria para os próximos dous anos por un importe de 82.031,49 euros. Francisco Costa, Dolores Fernández e José Luis Villar, en representación de Aspaber, desprazáronse ata Malpica para presentar, xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, o equipo humano e técnico da concesión.

IMG_0388

O servizo de limpeza está integrado por un mínimo de 4 persoas e dispón, entre outros medios materiais, de hidrolimpadora, equipo soprador, carriño porta-caldeiros de limpeza e desbrozadora. As súas funcións xerais consisten na limpeza de rúas, prazas e paseos da vila, incluíndo o varrido, baldeo e desatasque de tragantes, así como na eliminación de maleza en pavimentos. Tamén lle corresponde o baleirado de sumidoiros ou rexiñas, a limpeza de papeleiras, a eliminación de herbas nos alcorques, a limpeza e retirada de excrementos da vía pública, o baldeo de rúas ou a limpeza de vías e espazos onde se celebren festas nas distintas parroquias.

Nos labores de varrido manual os operarios deberán prestar unha atención especial aos espazos nos que se sitúen os contedores, os accesos aos colexios, as zonas nas que haxa bancos ou mobiliario público e aquelas nas que se acumulen residuos de calquera tipo.

IMG_0369Ademais desas tarefas xerais, o contrato inclúe outros traballos puntuais, entre os cales figuran a limpeza de solares municipais, a retirada de chicles da vía pública, a eliminación de pintadas ou as limpezas extraordinarias en caso de accidentes ou de fortes choivas ou desprendementos de terra. Tamén figura un apartado específico para o mercado dos sábados, no que o servizo de limpeza realizará o varrido, baldeo, soprado e baleirado de papeleiras. Os ríos de lavar, por exemplo, limparanse 3 días ao ano; a Fonte Vella de Malpica, 8 veces no ano; os parques infantís, unha vez ao mes, e as áreas de ocio, tres veces ao ano.

O centro especial de emprego Aspaber renova a súa vinculación co Concello, xa que dende mediados do ano 2013 levaba desenvolvendo tarefas de limpeza viaria en Malpica. O alcalde expresou a súa satisfacción por poder seguir contando con Aspaber, non só polo bo facer que ten demostrado, senón tamén porque este novo contrato permite ao Concello de Malpica seguir materializando o seu compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade.

Página 13 de 18« Primera...1112131415...Última »