Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 13°
Luns 15°
Martes 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Malpica

Malpica

20Dec 2023

III FOLIADA DE CANTOS DE NADAL EN MALPICA: UNHA CELEBRACIÓN CHEA DE MÚSICA E TRADICIÓN

O Concello de Malpica continúa dinamizando a localidade e prepárase para celebrar a III Foliada de Cantos de Nadal, como parte da programación do Nadal. O evento terá lugar o 30 de decembro no Centro Cívico de Malpica. No marco desta celebración, presentarase a reedición de “Guadar ou cabalo de ouro para as patas de Xelucio Abella Chouciño,” na Biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no Centro Cívico de Malpica, ás 18:30 horas. Posteriormente, dará comezo a III Foliada de Cantos de Nadal ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cívico de Malpica, coa colaboración das asociacións locais ACDCarcaixía, AC Raigañas, e AC Malante. Estas asociacións encargaranse de amenizar a tarde do Nadal. Ás 21:30 horas, o grupo Camaño&Ameixeiras presentará o seu novo traballo “QUITAR O AIRE.” Este dúo, composto por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), ofrecerá unha actuación onde resignifican e actualizan os códigos da música de raíz, dando un volantazo ao seu son, elevando a mística e a profundidade e levando a sonoridade da tradición galega e ibérica á virulencia de planos más frontais e de músicas que saen das marxes dos xéneros. O evento é organizado pola Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do Concello de Malpica.

O Concello de Malpica convida á veciñanza a gozar dun Nadal máxico con numerosas actividades programadas para celebrar estas datas na nosa localidade.

21Ago 2021

A lonxa de Malpica acolle a presentación do conto ‘Xela, a redeira’ para poñer en valor este oficio do mar

Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo e o resto de concelleiros e
concelleiras do grupo de goberno, así como a Conselleira do Mar, Rosa
Quintana.

A lonxa de Malpica acolleu esta mañá, ás 11:00 horas, a presentación do conto ‘Xela, a redeira’, que pon en valor este oficio mariñeiro.

Ao acto acudiron o alclade, Walter Pardo; o concelleiro de Servizos Sociais,
Sergio García; o concelleiro de Obras, Ángel Garrido; a concelleira de Medio
Ambiente, María Álvarez; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela e a concelleira de Igualdade, Leticia Varela. Tamén estivo presente a Conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén acudiu o Patrón Maior da Confraría.

Este é un relato dentro dunha iniciativa que trata de poñer en valor o traballo manufactureiro de tantas mulleres da costa galega, e que comezou a elaborarse en 2004 cando estas mulleres, en forma de Federación, se uniron para esixir equidade no sector.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, recalcou que “as redeiras forman parte da nosa identidade, así como de toda a comunidade galega, e desde as
administracións temos que conxuntarnos para poñelas no mapa como se
merecen, coas condicións de traballo axeitadas e recoñecéndolle, en maior
medida, unha labor que é centenaria”.

Na presentación, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás,
Verónica Veres, quixo destacar o apoio “tanto do Concello de Malpica como da Xunta de Galicia para poder seguir adiante co noso propósito”, xesto ao que tamén se sumou a autora do conto, Alexandra Touzo.

Pola súa banda, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou que “este conto é un canto de amor polo mar, porque Galicia sabe a mar. É bravura, orgullo e está repleto de leccións que nos deixaron as nosas maiores e que recollerán mulleres valentes, fortes e perseverantes”.

22Out 2019

A Mostra de Teatro de Malpica celebra o seu 15º aniversario cun ciclo paralelo de espectáculos en locais comerciais e hostaleiros

A Mostra de Teatro de Malpica cumpre 15 anos, e para celebralo, ademais das funcións de sala no auditorio do Centro Cívico, a Concellaría de Cultura organiza un ciclo paralelo de espectáculos en comercios e establecementos hostaleiros da vila. Esta semana arranca o noso particular outono teatral, no que realizaremos un percorrido pola escena galega máis actual e divertida a través de 11 propostas escénicas moi variadas. Son todas estas:

Ciclo de sala

  • 25 de outubro (20.30 horas). Producións Teatrais Excéntricas S.L.
    Mofa & BefaCranios privilexiados … ou crítica da razón perralleira.

Elenco: Josito Porto e Víctor Mosqueira
Duración: 85 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente: maiores de 13 anos

  • 1 de novembro (20.30 h). Ainé Producións Acusmaser Opus
    O montacargas (The Dumb Waiter)

Elenco: Santi Romai e Federico Pérez
Dirección: Evaristo Calvo
Duración: 50 minutos
Xénero: Teatro do absurdo
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)

  • 8 de novembro (20.30 horas). Redrum Teatro
    Idiota

Elenco: Machi Salgado e Susana Sampedro
Dirección: Álex Sampayo
Duración: 70 minutos
Xénero: Comedia negra
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)

  • 15 de novembro (20.30 h). Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega
    Papar sen cancelas

Elenco: Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei
Dirección: Diego Rey
Duración: 85 minutos
Xénero: Comedia, clown e improvisación
Público preferente: Adulto (en todo caso maiores de 13 anos)

  • 22 de novembro (20.30 h). Malasombra Producións
    Os fabulosos cleaners

Elenco: Josue García e Xoque Carbajal
Dirección: Marcos Orsi
Duración: 55 minutos
Xénero: Espectáculo de pompas de xabón
Público preferente: Todos os públicos, a partir de 4 anos

  • 29 de novembro (20.30 h). Baobab Teatro
    Puño puñete

Elenco: Andrea Bayer e Davide González
Duración: 45 minutos
Xénero: Espectáculo musical
Público preferente: Familiar / infantil, especialmente nenas/os de 1 a 7 anos

  • 6 de decembro (20.30 h). Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos
    A nena e o grilo máis aló

Músicos: Magín Blanco (guitarra e voz), Cristian Legiero (teclado)
Actrices/actores: Teatro Ghazafelhos (Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas)
Duración: 60 minutos
Xénero: teatro musical infantil
Público preferente: Familiar e infantil, especialmente maiores de 3 anos.

Como é habitual, ao remate dos espectáculos de sala recolleranse as valoracións do público, que poderá puntuar cada actuación do 1 ao 5, axudando deste xeito a mellorar cada ano a programación segundo os gustos dos/as espectadores/as.

Paralelamente, este ano teremos a oportunidade de asistir a outros espectáculos fóra do auditorio do Centro Cívico grazas á colaboración de comercios e locais de hostalaría da vila. O programa do Ciclo Ruada é o seguinte:

  • 11 de novembro (22.30 horas). Pub Leño
    Monólogo de
    Pepo Suevos
    Público preferente: Adulto
  • 23 de novembro (23.00 horas). Submarino Bar
    Monólogo de
    Oswaldo Digón
    Público preferente: Adulto
  • 24 de novembro (12.30 horas). Librería Míguens
    Paula Carballeira presenta O río da bruxa
    Público preferente: Infantil / familiar
  • 1 de decembro (12.30 horas). Escola Surf A Mar
    O
    Mago Álex presenta De ilusións tamén se vive
    Público preferente: Infantil / familiar

Todos os espectáculos son de balde. O Concello de Malpica conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña na organización da XV Mostra de Teatro.

Cartel_A2(1)

17Out 2019

Malpica celebra o 86º aniversario das Misións Pedagóxicas con monicreques, magosto e concurso de disfraces de época

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 86 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Cultura quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, este domingo, día 20, volverá a haber monicreques no mesmo lugar (se o tempo o permite) que 86 anos atrás. En caso de choiva os actos trasladaranse ao Mercado Municipal (rúa Patria Galega).

Pero o programa de actividades deseñado pola Concellaría de Cultura, que conta un ano máis coa colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, será máis amplo. De feito, xa está aberta na aula circular do Fondo Lugrís, no Centro Cívico, a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, que pode visitarse ata o día 31, e que inclúe novas achegas. Para seguir ampliándoa, durante estes días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.

O día 20, como hai 86 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola representará Dona Barriga Verde, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 6 anos.

A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo, as Cantareiras da A.C. Malante e a formación Os do fondo da barra cos seus cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.

A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e un vale de 50 euros para a compra de libros, e na absoluta, en trofeo e vale de 100 euros canxeable no comercio e na hostalaría locais.

86MPed-Cartel-cambios

14Out 2019

O Concello de Malpica organiza o I Encontro Interxeracional de Mulleres Rurais en colaboración coa Asociación Visibles

cartel_muller_rural

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Rural, que se conmemora hoxe, 15 de outubro, o Concello de Malpica de Bergantiños xunto coa Asociación Visibles, organiza o I Encontro Interxeracional de Mulleres Rurais, que se celebrará o 19 de outubro ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Seaia.

Nesta xornada xuntarémonos mulleres de diferentes idades, parroquias e perfís laborais co obxectivo de compartir as nosas experiencias de vida.

Aproveitaremos ditas vivencias para avaliar como ten cambiado a situación da muller e do medio rural nos últimos 50 anos. Destacaremos os logros e melloras obtidas e denunciaremos as inxustizas e desigualdades, nun intento de retratar á muller rural actual que entre todas representamos; así como o papel clave que debemos desenvolver nesta sociedade cambiante e ameazada polo envellecemento e o despoboamento.

Lembra, vémonos o vindeiro 19 de outubro ás 17:00 horas na Casa da Cultura en Seaia.

12Out 2019

O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica será condecorado pola súa dedicación durante 25 anos

12102019 ivan_muinho (1)

O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, José Iván Muíño Facal, será condecorado coa Medalla de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia, na súa categoría de ouro, tras 25 anos de dedicación ao servizo voluntario. A distinción vén de ser concedida, por unanimidade, pola xunta directiva da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV Protección Civil España).

O acto oficial celebrarase o vindeiro 26 de outubro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, a partir das 12 horas.

José Iván Muíño Facal é voluntario de Protección Civil dende o 3 de marzo de 1994. Durante 15 anos desenvolveu a súa actividade na agrupación de Carballo, onde participou en operacións de rescate de persoas atrapadas en vehículos, extinción de incendios forestais e urbanos, busca da persoas desaparecidas por terra e auga, operativos preventivos, e vixilancia e salvamento de persoas na praia. Ademais, durante ese período foi xefe de sección, vogal da xunta directiva da agrupación, encargouse da formación básica de voluntariado en escalada e mergullo, e, entre outras moitas tarefas, colaborou en distintas accións durante a catástrofe do “Prestige”.

Dende o ano 2009 dirixe e preside a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, que nestes momentos, e grazas ao traballo desenvolvido ao longo destes dez anos, é unha das mellor equipadas da Costa da Morte. O equipo que dirixe José Iván Muíño Facal, integrado por máis de 20 voluntarios e voluntarias, xestiona a base e o novo almacén situados en Cerqueda e un equipamento formado por 2 vehículos todoterreo, 1 carro preparado para incendios cunha bomba de alta presión de 400 litros, 1 carro de emerxencias con bombas de achique e xeradores, 1 carro de salvamento, 2 lanchas de salvamento, entre outro moito material que permite á agrupación actuar en todo tipo de emerxencias.

21Set 2019

As Tardes na Biblioteca enchen o outono con propostas culturais para nenas e nenos de 3 a 12 anos

tardes_na_biblioteca

A vindeira semana comezan as Tardes na Biblioteca, unha iniciativa da Concellería de Cultura para encher de actividades lúdicas, creativas e educativas as tardes de outono dos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Durante catro semanas consecutivas, a biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no segundo andar do Centro Cívico, converterase no escenario de diferentes espectáculos. A cita será fixa: os venres ás 18.00 horas.

Estas son as propostas:

Venres 27 de setembro
Bibliodiscoteca de María Faltri. Unha festa para divertirnos en galego. Cantar, bailar e rir escoitando os mellores temas feitos en Galicia para os máis pequenos da casa. Unha bibliodiscoteca itinerante onde os protagonistas son as/os convidadas/os que veñen a pasalo moi ben.
Público preferente: nenas e nenos de 3 a 11 anos. Duración 60 minutos.

Venres 4 de outubro
“A tortoise, un can, two monsters e un picnic” de Pérez&Fernández. Unha sesión de contos en inglés-galego ambientada nun picnic perfecto onde os obxectos cobrarán vida para axudar ao entendemento das narracións; sinxelas pero cargadas de intención e valores como a empatía, a solidariedade, a fidelidade e o amor.
Público preferente: nenas/os de 3 a 8 anos. Duración: 55 minutos.

Venres 11 de outubro
Concerto sobre Antón Fraguas de Xoán Curiel. Concerto no que Xoán Curiel interpreta cantigas recollidas por Antón Fraguas e cancións de composición propia relativas á vida e obra de Antón Fraguas.
Público preferente: nenas/os de 8 a 12 anos. Duración 45 minutos.

Venres 18 de outubro
“Príncipas e princesos” de Os contos de Pablísimo. ¡Faise saber que se buscan príncipes rosas…e princesas azuis! ¡Faise saber que ides escoitar contos de valentes princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro!… Son contos de Príncipas e Princesos. Unha sutil e divertida reflexión sobre a igualdade.
Público preferente: nenas/os de 4 a 10 anos. Duración 40 minutos.

Colabora: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, programa Ler Conta Moito

11Set 2019

Clausurado en Malpica o curso homologado de atención sociosanitaria a persoas dependentes

10092019 diplomas_cursos

O alcalde, Walter Pardo; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Benestar, Tamara Torrado, e a concelleira de Igualdade, Leticia Naya, clausuraron o Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha iniciativa promovida polo Concello de Malpica para formar a persoas, maioritariamente mulleres, que se atopan nun proceso de busca ou mellora de emprego, xerando novas oportunidades sociolaborais, xa que a atención sociosanitaria é un sector cunha demanda permanente de persoal titulado.

O curso constou de 450 horas de formación teórica e práctica dividida en tres módulos: atención sociosanitaria, manipulación de alimentos e primeiros auxilios, todos eles homologados pola Xunta de Galicia previo exame. O alumnado, de feito, recibiu un diploma acreditativo en cada unha desas áreas.

10Set 2019

Concello e Deputación exploran novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño

visita deputacion

A concelleira de Olería, Leticia Naya Varela, acompañou ao deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas Corral, nunha visita ao Ecomuseo do Forno do Forte como primeiro paso de cara á apertura de novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño como un dos eixos da promoción económica, cultural e turística do Concello de Malpica de Bergantiños, ademais de marca de identidade.

Ámbolos dous representantes das administracións local e provincial coinciden no enorme potencial da olería. Neste sentido, Penas Corral subliñou que “a artesanía é tradición, cultura e identidade, mais tamén futuro e, nese sentido, cómpre desenvolver recursos que supoñan un potencial económico para o concello”.

Nesa liña enmárcanse as accións desenvolvidas ata o momento, entre as que destacan o convenio anual entre a Deputación e o Concello de Malpica para a xestión municipal do Ecomuseo do Forno do Forte, que é de titularidade provincial, ou a subvención para a Mostra da Olería de Buño, que acada os 80.000 euros. “Desde o goberno da Deputación cremos que o patrimonio ten que estar xestionado polos propios concellos e, neste sentido, somos conscientes de que é preciso continuar na liña de colaboración desenvolvida nos últimos anos”, apuntou Xosé Lois Penas.

10Set 2019

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará ao Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética

10092019 valentin_eficiencia_enerxetica

O presidente da Deputación e o alcalde de Malpica, tras a sinatura do convenio

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará o Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde, Walter Pardo Añón.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Malpica de Bergantiños en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado o concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar os concellos a aforrar na súa factura eléctrica”, un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón unha das maiores partidas do seu gasto corrente.

 

Página 1 de 1812345...10...Última »