Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

22Out 2015

Remata o prazo de inscrición nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF)

Mañá é o último día para anotarse no Departamento de Deportes ou nos colexios

540-f-foto

Mañá, día 23, remata o prazo de inscrición nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF). Os interesados poden dirixirse ao Departamento de Deportes (de 09.00 a 14.00 horas) ou facer os trámites nos colexios e a través do número de teléfono 981 720 001 ou do correo electrónico pablo.lista @ malpica.dicoruna.es.

A EMEF inclúe este curso escola de porteiros (nenos nacidos entre os anos 2002 e 2009), baloncesto (2004 a 2007), ximnasia rítmica (2002 a 2008), psicomotricidade e ritmo (2008 a 2011), aerobic (2002 a 2007), patinaxe (2004 a 2011) e escola de fútbol (2002 a 2009). As dúas últimas actividades impártense tanto en Malpica coma en Buño.

Os nenos e nenas que participan nas actividades de aerobic recibiron a visita do alcalde, Eduardo Parga, e dos concelleiro Iago Espasandín e Miguel Fernández (na imaxe).

20Out 2015

Período medio de pago a provedores no 3º trimestre do 2015

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao período medio de pago desta entidade  correspondente ao 3º trimestre do exercicio 2015, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do período medio de pago a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGO:

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

 

Exercicio : 2015

 

Período: terceiro  trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS                                    

 

17,86 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONS PAGADAS

 

   682.988,55 euros

 

RATIO DE OPERACIONS PENDENTES DE PAGO                     

 

92,05 días

 

IMPORTE DAS OPERACIONS PENDENTES DE PAGO      

 

315.119,42 euros

 

PERIODO MEDIO DE PAGO DA ENTIDADE                         

 

37,07 días

 

Malpica de Bergantiños, 15 de outubro de 2015

O ALCALDE

 

Eduardo José Parga Veiga

 

19Out 2015

“Ti tamén contas” conciencia mañá sobre a solidariedade internacional en Malpica

A actividade chega ao concello por ser socio do Fondo Galego de Cooperación e encádrase no 82º aniversario das Misións Pedagóxicas

540-f-foto

A Tropa de Trapo retoma mañá martes en Malpica a xira “Ti tamén contas”, que ao longo deste ano percorre máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A proposta músico-teatral, no seu formato para público infantil, recalará ás 10.30 horas no auditorio do Centro Cívico, no marco das actividades do 82º aniversario das Misións Pedagóxicas.

 

Sensibilizar sobre a solidariedade internacional é o obxectivo das historias que se escoitarán sobre o escenario. Os contos “O home feliz”, “A pelota” ou “Tumbé” introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado sobre a relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas e participativas.

 

“Ti tamén contas” é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e o Fondo Galego, despois do éxito colleitado desde o ano 2010 por “Contos coas mans abertas” e por “Antía, Wamba e o regato pequeno” nos municipios que integran esta rede. Marta Ortiz e Brais das Hortas son dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súas inquedanzas pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenas e nenos, mocidade e maiores coas súas diferentes iniciativas.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

16Out 2015

O Concello de Malpica lembra a función de fantoches que inaugurou as Misións Pedagóxicas en España en 1933

O Concello de Malpica lembra a función de fantoches que inaugurou as Misións Pedagóxicas en España en 1933

540-f-foto

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 82 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de  7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de “A doncela guerreira”, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, o vindeiro 20 de outubro volverá a haber monicreques no mesmo lugar que 82 anos atrás. Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro, do que xa tivemos un anticipo nos últimos veráns co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

Do 20 ao 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica “As Misións Pedagóxicas en Malpica”, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un cedé con todas as imaxes recompiladas.

O día 20, como hai 82 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica, pero esta vez cun programa más amplo. Comezará ás 10.30 horas no auditorio do Centro Cívico cunha función de contacontos dirixida a escolares de 8 a 10 anos. Coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación, o Concello de Malpica ofreceralles a función “Ti tamén contas”, a cargo da Tropa de Trapo. A celebración trasladarase pola tarde ao centro da vila. Ás 17 horas empezará a animación cos pasarrúas da Asociación Cultural Malante na rúa Eduardo Vila Fano e na praza Anselmo Villar Amigo. Precisamente será na praza, no mesmo punto no que se instalou o teatriño no ano 1933, onde terá lugar o acto central da xornada. A compañía Viravolta Títeres representará ás 17.30 as aventuras e desventuras de “Barriga Verde”, un espectáculo para todos os públicos. Dende o Concello de Malpica convidamos a todos os veciños e veciñas a desfrutar da conmemoración.

15Out 2015

Máis de cincuenta persoas participan nas actividades deportivas para adultos do Concello de Malpica

As sesións de ximnasia terapéutica e zumba comezaron esta semana

540-f-foto

Máis de cincuenta persoas participan nas actividades deportivas para adultos organizadas polo Concello de Malpica para este curso. O concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, acudiu hoxe á presentación das clases de ximnasia terapéutica na Casa do Oleiro de Buño e no pavillón de Malpica. O concelleiro destacou a importancia da actividade física para manter unha vida sa e animou aos asistentes, na súa maioría mulleres, a sacar o máximo proveito dos dous días de práctica semanal que terán dende agora ata o verán.

Esta semana tamén comezou o curso de zumba, que constará de dúas sesións semanais (martes e xoves, a partir das 15.15 horas) no Centro Cívico de Malpica. Nesta actividade hai 24 persoas inscritas, todas elas mulleres. En calquera das dúas actividades, as persoas que aínda estean interesadas en participar poden informarse no Departamento de Deportes ou no teléfono 981 720 001.

Así mesmo, segue aberto o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Tenis, dirixida tanto a nen@s coma a adult@s, aínda que se requirirá un mínimo de participantes para que se poña en marcha. As sesións de adestramento, dirixidas polo Club de Tenis Punta Salera, da Pobra do Caramiñal, desenvolveranse os domingos no polideportivo. Ademais, ata o día 23 está aberto o prazo de inscrición para as actividades que integran a oferta da Escola Municipal de Educación Física (EMEF). Os pais e nais dos nenos e nenas interesados poden informarse no Departamento de Deportes (de 09.00 a 14.00 horas), nos colexios, a través do número de teléfono 981 720 001 ou do correo electrónico pablo.lista@malpica.dicoruna.es

13Out 2015

Portos de Galicia instala en Malpica dous pantaláns para embarcacións menores

As obras comezaron a finais de setembro e o prazo de execución é de dous meses

540-f-foto

Portos de Galicia instala dous pantaláns para embarcacións menores no porto de Malpica grazas a un investimento de máis de 78.000 euros financiado  por fondos europeos Feder. As obras consisten na construción de dous pantaláns engarzados, aos que se accede por unha pasarela articulada de estrutura de aluminio e piso de madeira. Esta pasarela dará acceso a un pantalán adosado ao peirao de 12 metros de longo por 3 de ancho que, á súa vez, conectará con outro pantalán transversal de 29,5 x 2,5 metros. Estas dúas estruturas están realizadas con perfís principais de aluminio e piso de madeira.

 

Os pantaláns estarán dotados de flotadores de polietileno e contan cun sistema que lles impide tocar o solo mariño en baixamar con mareas vivas. Deste xeito manterán a horizontalidade e impídese que teñan que soportar esforzos de carga para os que non están deseñados. En canto ao atraque das embarcacións realizarase por medio de fingers, brazos de amarre, de ata 8 metros de lonxitude.

 

Portos de Galicia dará resposta con esta actuación ás necesidades trasladadas polos usuarios do porto de Malpica, nomeadamente o sector profesional, así como o Concello. En principio o prazo de execución previsto para as obras, que comezaron o 22 de setembro, é de dous meses.


 

8Out 2015

Comezou o curso de alfabetización informática para mulleres, incluído no programa Conectad@s da Área de Igualdade

Nove alumnas participan na actividade, que se prolongará ata o 9 de decembro

540-f-foto

Nove alumnas participan no curso de alfabetización informática para mulleres organizado dende a Área de Igualdade do Concello de Malpica dentro do programa Conectad@s, que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero. As participantes estiveron acompañadas na sesión inaugural polo alcalde, Eduardo Parga.

As sesións formativas desenvolveranse todos os mércores ata o 9 de decembro. O obxectivo é dotar ás participantes das ferramentas básicas en informática e novas tecnoloxías, pero tamén se traballarán de maneira transversal cuestións coma a igualdade de xénero e de oportunidades. Así mesmo, a técnica de Igualdade do Concello de Malpica, Patricia Vaquero, porá en marcha con este grupo de mulleres un proxecto documental de recompilación de fotografías, recortes ou calquera outro documento que sirva para visibilizar a aportación das mulleres de Malpica á sociedade.

Dentro do programa Conectad@s tamén está incluído un curso de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos no que, debido á alta demanda, foi preciso crear dous grupos.

7Out 2015

Presentadas doce obras ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que celebra o seu décimo aniversario

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica entregarán o premio aos gañadores da pasada edición na Cea das Letras, o 7 de novembro

540-f-foto

Un total de doce obras aspiran ao premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que acada a súa décima edición e que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. O xurado reunirase nas vindeiras semanas, e o fallo farase público o vindeiro 7 de novembro, coincidindo coa celebración da Cea das Letras. Neste mesmo acto terá lugar a entrega do premio aos gañadores do ano pasado. Será unha entrega dobre, xa que o poemario “O episodio”, gañador da novena edición, está escrito a catro mans por Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado (na imaxe). A obra, definida polo xurado coma unha proposta literaria “arriscada”, verá a luz o mesmo día 7.

Verónica Martínez xa obtivera un accésit no ano 2013 por “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, e Alberte Momán xa gañou a segunda edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, polo que ámbolos dous son vellos coñecidos de Malpica.

O premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do Concello de Malpica, está aberto a autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo alcalde, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica.

5Out 2015

O Centro Cívico acolle a exposición de fotoxornalismo “Galicia en foco”

A gañadora da edición 2015 é unha fotografía de Xoán A. Soler que retrata a dor no aniversario da traxedia de Angrois

540-f-foto

A exposición itinerante das obras do premio de fotoxornalismo Galicia en foco recala en Malpica.  O proxecto, creado no ano 1989 polo Club de Prensa de Ferrol, foi o primeiro movemento fotográfico tendente a reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalado pola numerosa participación de reporteiros que cada ano acoden a esta convocatoria.

A mostra fotográfica serve así mesmo de recompilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación. Tamén esperta o interese do público pola obra dos realizadores gráficos: que se coñezan os seus nomes, a súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.

A exposición, que pode verse no Centro Cívico en horario de mañá e tarde, está composta polos traballos dos 27 fotoxornalistas que participaron no certame. A imaxe gañadora deste ano, de Xoán A. Soler, retrata a dor no aniversario da traxedia de Angrois.

O Club de Prensa de Ferrol acumula a través de xa 24 edicións un importante fondo documental fotográfico que supera as 1.500 fotografías que veñen ser a historia do recente xornalismo gráfico de Galicia.

3Out 2015

O Concello de Malpica de Bergantiños reitera a súa solidariedade coa Asociación Galega de Ataxias

Os concelleiros Miguel Fernández e Pilar Doldán participaron hoxe na cuestación realizada pola entidade no mercado municipal

540-f-foto

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, participaron hoxe na cuestación realizada no mercado municipal pola Asociación Galega de Ataxias (AGA). Con este xesto, o goberno municipal volveu a manifestar o seu apoio á entidade, que conta con gran implantación no municipio.

Os representantes do goberno malpicán destacaron o importante labor que desenvolve a Asociación Galega de Ataxias tanto na atención directa aos doentes coma na información e asesoramento ás persoas afectadas e aos seus familiares.

Durante a xornada informativa, a presidenta da AGA, Lola Castro, e a vogal Juliana Moscoso Lema repartiron trípticos nos que explican que é unha ataxia, cales son os seus síntomas, o estado das investigacións para atopar unha cura e o labor que desenvolve a propia entidade. As persoas que desexen recompilar máis datos ou colaborar con AGA poden poñerse en contacto vía mail ataxias.galicia@gmail.com ou por teléfono nos números 981 234 651, 636 779 682 ou 629 178 566.

Página 98 de 149« Primera...102030...96979899100...110120130...Última »