Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. “Ti tamén contas” conciencia mañá sobre a solidariedade internacional en Malpica

19Out 2015

“Ti tamén contas” conciencia mañá sobre a solidariedade internacional en Malpica

A actividade chega ao concello por ser socio do Fondo Galego de Cooperación e encádrase no 82º aniversario das Misións Pedagóxicas

540-f-foto

A Tropa de Trapo retoma mañá martes en Malpica a xira “Ti tamén contas”, que ao longo deste ano percorre máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A proposta músico-teatral, no seu formato para público infantil, recalará ás 10.30 horas no auditorio do Centro Cívico, no marco das actividades do 82º aniversario das Misións Pedagóxicas.

 

Sensibilizar sobre a solidariedade internacional é o obxectivo das historias que se escoitarán sobre o escenario. Os contos “O home feliz”, “A pelota” ou “Tumbé” introducen cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado sobre a relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas e participativas.

 

“Ti tamén contas” é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e o Fondo Galego, despois do éxito colleitado desde o ano 2010 por “Contos coas mans abertas” e por “Antía, Wamba e o regato pequeno” nos municipios que integran esta rede. Marta Ortiz e Brais das Hortas son dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súas inquedanzas pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenas e nenos, mocidade e maiores coas súas diferentes iniciativas.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.