Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Xuño

Xuño 2017

29Xuñ 2017

A organización do Camiño Costa da Morte Sen Límites agradeceu a colaboración de Protección Civil e do Concello de Malpica

CAMIÑO FAROS INCLUSIVO

Representantes das entidades que organizaron e participaron na segunda edición do Camiño Costa da Morte Sen Límites están a visitar os concellos que colaboraron no desenvolvemento destas rutas inclusivas. Un deles foi o de Malpica. Ata o noso concello achegáronse membros da organización e un grupo de nenas e nenos que participaron na iniciativa para agradecer a colaboración tanto do Concello como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. O alcalde, Eduardo Parga, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, recibiron á comitiva no salón de sesións.

diploma

Estes días os organizadores do Camiño Costa da Morte Sen Límites están a facer chegar o seu agradecemento aos 8 concellos e agrupacións de Protección Civil que os apoiaron na experiencia. Desde o Concello de Malpica queremos felicitalos pola iniciativa e agradecer a entrega do diploma que acredita a nosa colaboración.

27Xuñ 2017

O Concello de Malpica reforza a aposta por unha iluminación pública máis eficiente cun novo investimento de 22.000 euros

O Concello de Malpica de Bergantiños está a realizar nos últimos anos un importante esforzo de cara á consecución dunha iluminación pública máis eficiente. O ano pasado realizouse un investimento de preto de 400.000 euros que permitiu substituír as vellas lámpadas de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que ofrecen unha cor moi próxima ao branco, teñen unha eficiencia luminosa moi elevada, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Este sistema utilízase, por exemplo, no paseo marítimo de Malpica e na práctica totalidade dos espazos públicos, axardinados e peonís de Buño. Así mesmo, o goberno local de Malpica está a estendelo polo resto do territorio. O ano pasado, por exemplo, foron substituídas 140 luminarias nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón, e tamén se procedeu á mellora da iluminación pública en Barizo, Malpica, Mens e Vilanova.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar agora un novo contrato para a mellora da iluminación pública nos lugares de Piñeiro, Feira Nova, Brión e As Pozacas, cun orzamento de contrata próximo aos 22.000 euros que se financiará cos fondos do POS Adicional 2016. A actuación será executada pola empresa S3 Systems&Solutions, SL, que dispón dun prazo de 1 mes para levala a cabo.

27Xuñ 2017

Clausurados os cursos de manualidades da Concellería de Servizos Sociais, nos que participaron máis de 30 persoas

MANUALIDADES MAIORES MALPICA (1)

O alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, clausuraron os cursos de manualidades para persoas maiores e/ou con diversidade funcional, unha das concorridas actividades que organiza cada curso o departamento que dirixe Marisol Blanco. Nesta ocasión houbo máis de 30 participantes entre Malpica e Buño, e o resultado do traballo de todo o curso pode verse nas exposicións abertas no Centro Cívico e na Casa do Oleiro, respectivamente.

Desde a Concellería de Servizos Sociais apostan cada ano por actividades que contribúen a manter entre as persoas maiores e/ou con diversidade funcional unha vida activa, a exercitar as súas destrezas e a fomentar a socialización. O taller de envellecemento activo, o obradoiro de memoria que rematou hai uns días, a viaxe cultural a distintos puntos de España ou o baile social, que tamén pechou a temporada este mes, son algunhas desas iniciativas, que contan con moi boa acollida entre a xente maior.

MANUALIDADES MAIORES BUÑO (1)

Os cursos de manualidades desenvolvéronse tanto en Malpica coma en Buño, impartidos, respectivamente, por Lucía Villanueva e Chelo García.

20Xuñ 2017

Nenos e nenas de Malpica poderán practicar deportes de aventura en Asturias

Dentro da programación da Concellería de Deportes de Malpica para este verán figura unha saída de aventura a Asturias para nenos e nenas nacidos entre os anos 2000 e 2006. A iniciativa está organizada pola Asociación Deportiva Costa Bergantiñá e os concellos que a integran, entre eles o de Malpica, coa colaboración da Deputación da Coruña.

VERAN SAIDA ASTURIAS

O prazo de inscrición está aberto desde o 21 ata o 28 de xuño. Os/as interesados/as poden dirixirse ao departamento de Deportes. A saída levarase a cabo do 5 ao 7 de xullo, e inclúe a Senda do Oso en bicicleta, o descenso do Sella en piragua e todo tipo de actividades nun parque multiaventura. Á parte de ter nacido entre os anos citados, os participantes deben saber nadar e andar en bicicleta.

Ao Concello de Malpica correspóndenlle 10 prazas, aínda que a saída só se fará se entre os cinco concellos participantes se consigue un mínimo de 35 inscricións. O custe é de 120 euros para os nenos e nenas empadroados/as en Malpica e de 130 para os de fóra.

16Xuñ 2017

O Concello de Malpica acondiciona os accesos ás praias e pon a punto os servizos para a temporada de verán

PRAIA SEAIA 4

O Concello de Malpica realizou un importante esforzo nas últimas xornadas para acondicionar os accesos ás praias e poñer a punto os servizos para a temporada de verán, que este ano, dende o punto de vista meteorolóxico, anticípase ao comezo da estación estival.

SANTO HADRIAN 5

Entre os traballos realizados destacan a limpeza e a mellora da área de ocio da praia de Beo e dos seus accesos, así como das praias de Seaia e Riás ou dos accesos ao campo de San Miro. Outra zona que está perfectamente acondicionada é a de Santo Hadrián, que mañá acollerá unha romaría multitudinaria. O Concello de Malpica procedeu á limpeza de toda a contorna da capela e á posta a punto da senda que une ese punto coa vila.

Con estas actuacións, que proseguirán nos vindeiros días noutros puntos, o Concello de Malpica continúa cos traballos de adecentamento e mellora de todo o territorio municipal, tanto no que se refire a limpeza de cunetas, espazos turísticos, áreas recreativas ou campos da festa.

16Xuñ 2017

Romaría de Santo Hadrián, Regata Illas Sisargas e patinaxe na fin de semana que marca o comezo da temporada de verán en Malpica

En Malpica a temporada de verán arranca oficialmente esta fin de semana. E ademais faino por todo o alto, cunha oferta de actividades festivas, deportivas e de ocio que garanten un ambiente extraordinario. Incluso o tempo acompañará, xa que, segundo Meteogalicia, teremos os ceos despexados e temperaturas máximas próximas aos 30 graos.

cartel regata

Malpica volve a ser escenario da Regata Illas Sisargas, que dedica a súa 30ª edición a Pucho Bermúdez de Castro e Juan Manuel Vázquez “O Botero”. A proba organizada polo Real Club Náutico da Coruña, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, contará con 25 participantes entre as dúas categorías en competición: ORC 0-2 e ORC 3-4. A saída realizarase mañá sábado, ás 14 horas, dende A Coruña, e a chegada a Malpica está prevista para as 19 horas. Ás 21 terá lugar a entrega de trofeos. E o domingo ás 12 os veleiros partirán do porto de Malpica de regreso á Coruña.

O deporte estará moi presente nesta primeira fin de semana de verán en Malpica, porque o sábado e o domingo tamén se celebra no noso pavillón municipal a II Fase de Niveis Coruña Norte para patinadores e patinadoras de varios clubs da provincia.

E ademais empeza a festa!
O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas de Santo Hadrián, que ten preparada unha fin de semana de actividades. Comezarán o día 17 con pasarrúas a cargo da Banda de Música Eduardo Pondal, misa solemne ás 13 horas cantada pola Coral de Malpica, procesión coa banda, sesión vermú co Dúo Libertad e verbena cos dúos D’Festa e Libertad. O domingo ás 8 horas sairá a procesión coa imaxe do santo dende a igrexa parroquial de San Xulián ata a capela, onde haberá misas durante boa parte da xornada ata o regreso á vila a partir das 17.30 horas. A partir das 21 horas será a verbena con O Tren da Unha.

Cartel-Sto-Hadrian-2017

Estes días estanse a repartir con moita demanda os panos de romeiro realizados polo Concello de Malpica dentro da campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico de Galicia. As persoas interesadas aínda poden pasar polo Centro Cívico.

Fin de semana de praia
Como é habitual, a fin de semana de Santo Hadrián tamén empeza a funcionar en Malpica o servizo de salvamento e socorrismo, que contará con 6 profesionais na praia de Area Maior durante tres meses.

15Xuñ 2017

O Real Club Deportivo da Coruña, campión da I Malpica Vidú Cup

RC Deportivo (2) (Copiar)

Máis de 1000 persoas achegáronse ata os campos de Xaviña (Buño) e da Pedra Queimada (Malpica de Bergantiños) para gozar deste evento inédito que terminou coa vitoria final do RC Deportivo logo de vencer no partido decisivo a un digno subcampión como o foi a Selección Coruñesa.

Na fase de grupos, o Deportivo e o Vitória Sport Clube de Guimarães imprimiron a súa lei, gañando todos os seus partidos e postulándose como claros favoritos ao título.

No grupo A, o Deportivo mostrou o seu potencial desde o primeiro momento e derrotou a todos os seus rivais. O seu gran bloque, sumado á profundidade por banda dun incisivo Daniel Añón, o gran labor de Mario Domínguez e Fito no centro do campo, e a calidade de Yago Portas, levou ao equipo deportivista a conseguir tres vitorias noutros tantos partidos.

Mentres tanto, no grupo B, o Vitória Sport Clube de Guimarães fixo as delicias dos espectadores co seu fútbol vistoso e atractivo con varios xogadores que sorprenderon moito pola súa gran calidade como Mario Mendes, Guilherme Guedes e João Sampaio, entre outros. Ademais de facer gozar ao público co seu fútbol, conseguiron gañar todos os seus partidos con esa forma de xogo que é innegociable para os seus adestradores.

Collage equipos I Malpica Vidu Cup

Na fase final, a emoción e os resultados axustados fixeron que os partidos fosen aínda máis atractivos e vistosos para o público presente no campo municipal de Xaviña (Buño). Na rolda previa á final, tres dos catro equipos serían coruñeses e na primeira das semifinais enfrontaríanse o RC Deportivo e un Atlético Coruña Montañeiros que deu moi boas sensacións durante todo o torneo e competindo con todos os seus rivais. Pero neste partido acabaría a aventura do equipo de Darío Cotelo nesta I Malpica Vidú Cup, logo de que os goles de Fito e Álex désenlle a vitoria ao cadro deportivista. No que respecta á outra semifinal, a Selección Coruñesa e o Vitória Sport Clube ofreceron un gran partido a todos os presentes nas bancadas de Xaviña xa que disputaron un encontro de poder a poder no que puido pasar calquera cousa pero finalmente, o pase á gran final decidiríase desde os once metros, onde o combinado de Nacho Lourido e Fran García estivo máis acertado e conseguiu a clasificación para loitar polo título desta I Malpica Vidú Cup.

E na gran final deste torneo inédito veríanse as caras dous equipos que xa se enfrontasen na fase de grupos, o Real Club Deportivo da Coruña e a Selección Coruñesa. No partido da liguiña, a vitoria sería para os branquiazuis e neste decisivo partido, os homes de Manuel Felípez farían o propio e superarían por 2-1 ao combinado coruñés para levar o título de campión desta I Malpica Vidú Cup.

Premios individuais
No que respecta aos premios individuais, o trofeo ao Mellor Xogador foi para Asier Martínez da Selección Coruñesa, un central moi seguro, cunha tranquilidade abraiante e unha calidade fóra do común para un xogador da súa posición.

Collage I Malpica Vidú Cup
Mentres tanto, Pedro Rodrigues, gardameta do GD Chaves, foi nomeado como o mellor porteiro desta I Malpica Vidú Cup.
O mellor adestrador foi para Nacho Lourido, da Selección Coruñesa, e Mario Domínguez (RC Deportivo) foi o MVP da final.

Maximos goleadores I Malpica Vidu CupOs porteiros menos batidos do torneo foron Manu Jiménez e Lois Gayoso, gardametas do RC Deportivo, tras encaixar tan só dous goles durante todo o torneo, mentres que os máximos goleadores foron Rui Teixeira (Vitória Sport Clube) e Darío Fariña (Atl. Coruña Montañeiros CF), con tres goles cada un.
Desde a organización, formada polo Concello de Malpica e a Asociación Deportiva Vidú, móstranse moi satisfeitos polo desenvolvemento desta I Malpica Vidú Cup e esperan que en próximas edicións mantéñase o gran nivel mostrado por todos os equipos e que o torneo vaia crecendo co paso dos anos en todos os aspectos.

Ademais, agradecen a colaboración prestada pola Federación Galega de Fútbol, pola Escola de Porteiros Nordés, o Buño SCD, o SCD Malpica, o Sporting Seaia e a UD Cerqueda, así como, a inestimable colaboración de dúas persoas que xa son indispensables para a AD Vidú como son Cristina Becerra, fotógrafa oficial da asociación malpicá, e Eva Luz.

15Xuñ 2017

O Fisober revalida o seu título de campión da Copa da Costa

fsf 2

O Fisober volveu a facerse coa Copa da Costa de fútbol sala feminino por segundo ano consecutivo, aínda que sufriu para conseguilo sobre todo ante un Villa de Cee que dou o mellor de si e que tivo ocasións para que o trofeo se fose para a vila da Xunqueira.

Nos dous primeiros partidos da mañá, Villa de Cee e Fisober cumprirían os prognósticos e superarían con certa contundencia a un Atletes que dou moi boa imaxe e que incluso tivo ocasións en ambos encontros para meterse de cheo na loita polos tres puntos pero o final, os seus rivais fixeron notar a diferenza de categorías e acabarían goleando ás esteiranas.

A iso das 14.00h. do pasado sábado, daría comezo o derradeiro e definitivo partido no que o Fisober e Villa de Cee xogaríanse o todo polo todo. Nos momentos iniciais do encontro, os nervios pola importancia do partido facíanse notar e, Lía e Adriana terían que empregarse a fondo para evitar que Goretti e Noe, respectivamente, adiantasen aos seus equipos. Pero aos oito minutos de partido, un erro na saída de balón do Villa de Cee propiciou un roubo de Noe en área contraria e a vimiancesa non perdoaba ante Adriana e facía o primeiro para o Fisober.

fsf 1

A pesar do gol, as ceenses non se virían abaixo e buscarían o empate en todo momento pero verían como, ata en seis ocasións, unha inconmensurable Lía evitaba que Andrea, en catro delas, María Lijó e Goretti puxesen as táboas no marcador. E tras isto, acabaría cumpríndose aquilo de quen perdoa, acaba pagando, logo de que Ana materializase una boa xogada combinativa entre Paula e a propia Ana. Pero como xa sucedera co anterior gol do Fisober, as rapazas de Mario de José non se virían abaixo e antes do tempo de lecer, Lía volvería a aparecer para evitar que Goretti recortase distancias no luminoso.

A sabendas de que o empate non lle chegaba para ser campioas, o Villa de Cee saíu a por todas e aos poucos segundos do comezo desta segunda metade, Tatiana estivo a piques de bater á gardameta esteirana do Fisober pero seu lanzamento marcharíase lambendo o pau. Mario de José non se gardou nada e dende o minuto dous da reanudación arriscaría co xogo de cinco e esta táctica dou os seus froitos co gol de Goretti que metía ás ceenses de cheo na loita polo partido e pola Copa da Costa.

E tres minutos despois disto, o Villa de Cee tivo unha gran ocasión para poñer as táboas no marcador pero o pau longo evitaría o gol de Adriana e na continuación da xogada, o lanzamento de Goretti marcharíase lambendo o traveseiro da porta defendida por Lía. Tras esta oportunidade, o partido sería moito máis aberto e as ocasións sucederíanse para ambos bandos, polo que puido suceder de todo pero finalmente o marcador non se movería e o Fisober proclamaríase campión da Copa da Costa na gran festa do fútbol sala feminino costeiro que organizaron dende a Federación Galega de Fútbol Sala, o Concello de Malpica e Asociación Deportiva Vidú.

10Xuñ 2017

O Concello de Malpica pon en marcha por segundo ano unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

SANTO HADRIAN (3)

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián grazas ás axudas establecidas por Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Abanca para as Festas de Interese Turístico de Galicia. Entre estas atópase a nosa popular romaría, que este ano celebrarase o vindeiro domingo 18 de xuño.

Cartel-Sto-Hadrian-2017

A campaña foi presentada hoxe polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández Mirás, ao pé da ermida do Santo Hadrián, na que ademais puideron comprobar que xa nesta época do ano é un lugar de visita obrigada para turistas chegados dende diferentes puntos da península e mesmo do estranxeiro.
Entre as accións programadas dende as concellarías de Turismo e Promoción Económica figura a presenza da Romaría de Santo Hadrián en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Silleda. Ademais comezou xa o reparto de cartelería tanto en Malpica como nos concellos limítrofes, e despois do éxito do ano pasado, o Concello volverá a repartir panos de romeiro. Serán 2.000 en total e poderán recollerse no Centro Cívico, de balde ata esgotar existencias, a partir do mércores 14 (máximo 2 por persoa). Este ano tamén se gravará un vídeo coa finalidade de seguir ampliando o fondo documental sobre a Romaría de Santo Hadrián.

Os obxectivos son a promoción da Romaría do Santo Hadrián máis alá do ámbito local, a identificación dos veciños e veciñas do noso concello cun dos símbolos da nosa herdanza cultural, contribuíndo deste xeito á preservación do noso patrimonio inmaterial e á súa posta en valor tanto dentro coma fóra do municipio de Malpica de Bergantiños, e a consolidación do noso concello como un dos principais destinos turísticos da comarca de Bergantiños e mesmo da Costa da Morte.

IMG_3207

O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas, que ten preparada unha fin de semana de actividades. Comezarán o día 17 con pasarrúas a cargo da Banda de Música Eduardo Pondal, misa solemne ás 13 horas cantada pola Coral de Malpica, procesión coa banda, sesión vermú co Dúo Libertad e verbena cos dúos D’Festa e Libertad. O domingo ás 8 horas sairá a procesión coa imaxe do santo dende a igrexa parroquial de San Xulián ata a capela, onde haberá misas durante boa parte da xornada ata o regreso á vila a partir das 17.30 horas. A partir das 21 horas será a verbena con O Tren da Unha.

9Xuñ 2017

A elite do salvamento galego dáse cita este sábado na praia de Seiruga, que acolle a 4ª xornada da liga galega de verán

SALVAMENTO PRENSA

A Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) reunirá este sábado na praia de Seiruga á elite do salvamento galego. Centos de nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior e sénior participarán na 4ª xornada da Liga galega de salvamento deportivo en augas abertas, presentada hoxe nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño; o director deportivo da FESSGA, Sergio Quintela, e o director das escolas e adestrador das categorías base do Sysca, Juan Andrade.

cartel malpica

Sysca e Concello de Malpica colaboran na organización da proba, que se dividirá en dúas sesións. A primeira comezará a partir das 9 horas, e a segunda, xa pola tarde, ás 15 horas. Nesta cuarta xornada estarán representados os clubs Sysca, Umia, SAPO, SAL, Cerceda, SASA, Arteixo, A Estrada, Vilagarcía e Ourense. Os carballeses, que en certo modo exercen como anfitrións, contarán cunha participación moi elevada, cuns 75 deportistas entre as distintas categorías.

A praia de Seiruga convértese deste xeito nun novo escenario da liga galega de salvamento deportivo de verán e súmase ademais á amplísima oferta deportiva que temos esta fin de semana no municipio malpicán, como destacou o concelleiro de Deportes.

Página 1 de 212