O Concello de Malpica acondiciona os accesos ás praias e pon a punto os servizos para a temporada de verán
O Concello de Malpica realizou un importante esforzo nas últimas xornadas para acondicionar os accesos ás praias e poñer a punto os servizos para a temporada de verán, que este ano, dende o punto de vista meteorolóxico, anticípase ao comezo da estación estival.
Entre os traballos realizados destacan a limpeza e a mellora da área de ocio da praia de Beo e dos seus accesos, así como das praias de Seaia e Riás ou dos accesos ao campo de San Miro. Outra zona que está perfectamente acondicionada é a de Santo Hadrián, que mañá acollerá unha romaría multitudinaria. O Concello de Malpica procedeu á limpeza de toda a contorna da capela e á posta a punto da senda que une ese punto coa vila.
Con estas actuacións, que proseguirán nos vindeiros días noutros puntos, o Concello de Malpica continúa cos traballos de adecentamento e mellora de todo o territorio municipal, tanto no que se refire a limpeza de cunetas, espazos turísticos, áreas recreativas ou campos da festa.